20050930

Contraste

Valaí dúas fotos tomadas hoxe mesmo na rúa peoníl, a escasos metros de distancia: unha xardineira 'último modelo' adornando unha entrada na rúa e un montón de papel sen recoller, cunha fin de semana por diante... a administración dunha vila non é doada, pero pódese levar ben. É o caso de Ribadeo?
Nesta semana, a Coral Polifónica é premiada en Lugo como 'lucense do ano', e a Escola Municipal de Música ('Hernán Naval'...) comeza as súas actividades este curso, con elección de horarios e inauguración de curso no auditorio, con parte do profesorado renovado e boas espectativas.
Tamén foi nova a ronda, que parece que se terminará en maio do 2006 (!) sen saber aínda de nova algunha do terceiro vial de acceso (estrada do monte)
Con noticias así en Ribadeo, deixarimos polo momento as de fora... se non fora porque son necesarias para situarnos no mundo no que vivimos. Por exemplo, 110 mortes en Iraq nun só día por atentados, despois de dicir Bush que a misión finalizara xa vai dous anos. Eso pasou onte.

Só unha foto


Con pouco tempo, só unha foto que quixen poñer xa deste verán (a longo tempo do Prestige) pero como consecuencia do Prestige...
En Ribadeo pasou...que o alcalde declarou. Sobre o acoso. Negou todo. Mentras, na radio, o tema de urbanismo da coletazos, en espera de que reviva o PXOM.

20050928

Tempo de construcción


    Se onte comentaba o estado da edificación na zona, hoxe tócalle o turno á obra civil: os periódicos falan de rematar o tramo Barres-Ribadeo, Ponte dos Santos incluído, para 2009. Estame entrando o congojo no estómago porque parece que se van pasar unha boa tempada remozando a ponte, e polo tanto, é posible que intenten que nos quedemos sen paso para peóns, xa que imos a axeitarnos esa tempada...
    Chama a atención como suceden algunhas outras cousas: mañá é a vista en Lugo dun dos casos de acoso no Concello. Que sairá á vista? E hoxe tamén se pode ver a nova de que a Xunta reclama a recuperación natural dunha mina de pizarra... mentras que a de ouro prevista en Tapia está calada nos papeis, sen avanzar, pero non parece que retroceda tampouco. Seguro que cando se peche a piscifactoría de Rinlo/Meirengos tamén pedirán que recuperen a zona, supoñendo boas intencións, que Álvarez Cascos non teña a influencia actual, etc., porque é de supoñer que o pago de 1€ cada m2 non da para facer logo unha recuperación do espazo.
    Falando de follóns políticos, hoxe dimitiu o líder republicano do Congreso por asuntos de financiamento ilegal. O mesmo día que aumenta o follón por asignación a dedo de parte da reconstrucción de Nova Orleáns... como anda o mundo...
    ** Do antigo blog:
    O pasado venres día 15 de xullo tivo lugar a Asamblea xeral da Asocición de veciños O Tesón de Ribadeo.
    Seguindo a orde do día, leeuse e aprobouse a acta anterior e pasouse a dar un repaso ás actividades realizadas, estado de contas e informes da directiva. Así, deuse conta das actividades como a comida social ou a reunión sobre convenios urbanísticos que propiciou a asociación. Asemade, espúxose someramente a situación en outros temas reivindicativos como os ruídos, comparando a situación coa serie de reunións e acordos que está sucendendo agora en Viveiro, as labores de participación na Mesa de asociacións e seu desenvolvemento, que pouco a pouco vai aglutinando a un maior número de asociacións interesadas, o seguemento do tema das antenas, do que aínda estamos á espera de contestacón por aprte do Concello ou o tráfico, bandas rugosas e aparcamento, ó que se referiu a última das preguntas realizadas ó pleno. Asemade, deuse conta do seguemento que se está a realizar pola polisble instalación dunha mina en Salave que deixaría un oco de máis de 200m de profundidade e máis de medioquilómetro de radio, a parte da montaña de residuos correspondente e a contaminación ambiental correspondente que se estima chegaría a afectar a Ribadeo. Rematou esta intervención a relación da participación da Asociación en diversas instancias: na Asociación Ponte dos Santos, coa intervención na última asamblea, así como a recollida do testigo como coordinadores da mesa de asociacións correspondente a esta entidade, outras intervencións co Concello, dende as preguntas realizadas ó final dos plenos ata a participación futura no Consello Municipal da Muller, etc.
    Pasouse despois a facer varios comentarios por parte da directiva, como a aclaración sobre o mantemento da liña nin política nin sindical da asociación ou a non intervención en xeral en denuncia de temas puntuais relacionado co anterior. Despois anunciouse o cobro de cuotas. Ó final do punto, votouse a petición da directiva para realizar convocatorias públicas sobre temas que o requiran e o poder levantar causas xudiciais cando se considere pertinente. A votación, que foi aprobada cunha abstención, permite que a Asociación teña unha mobilidade que non podía ter ata o momento, tanto na convocatoria de accións para socios e alleos como para actuar xurídicamente, en particular sobre temas xa tratados ou que se xulgue necesiten unha resposta inmediata.
    Ó rematar a Asamblea xurdiu algún tema máis, que xa non foi contemplado para a acta pero que paga a pena citar, como o funcionamento do sistema de ambulancias dende a Mariña para tratamento oncolóxico para A Coruña ou a existencia continuada de troncos apilados en Mirasol con risco para os bañistas, con maioría de nenos, que están a nadar nas proximidades (praia dos Bloques)
    A asistencia resultou escasa, acusando o erro que se apreciaba na folla da convocatoria, na que se citaba para o día 15 nomeándoo como mércores.
Ribadeo, 16 de xullo de 2005.

20050927

De urbanismo e consecuencias

Hoxe recibín a nova de que o Concello de Ribadeo saca unha ordenanza na que obrigará ós propietarios de inmuebles no casco antigo a facer una revisión (pagada por eles) e despois a obra correspondente se é convinte (pagada ata un 85% cun máximo de importe duns 500€). Tamén leín que segundo parece as constructoras que fixeron cartos destrozando a costa do sol estanse mudando a esta zona, algo que xa supoñía por como se está a mover o mercado de terras e inmobiliario por aquí. Por último, Le Monde informa da dificultade que entrañou un laborioso proceso para que os vellos propietarios de pequenas vivendas ocupadas tamén de vello polos mesmos na illa de Re foran eximidos de pago de contribución ó ser confundidos por ricachóns con propiedades nunha zona de Francia na que a especulación turístico-inmobiliaria está polas nubes. Xuntemos todo eso e pensemos: Unha obra de restauración nunha casa vella pode facerse por menos de 100000 das antigas pesetas? Quen está a mercar o construído? Onde vai vivir a xente que de servicio a esa nova oleada? Chegaremos á situación que se da agora naailla de Re, onde hai o que se pode considerar 'ricos pobres' (ricos pola revalorización dos seus terreos, pobres porque non poden pagar nin os impostos debidos a esa revalorización)? E, ás veces na viciñanza, ás veces aínda na lonxanía, os convenios urbanísticos (será verdade que hai xa 14?) e o PXOM, que aínda ten sen definir as liñas básicas que foron pedidas por un conxunto de asociacións ó alcalde en xuño, pero que, sen importar o anterior, está esperando á existencia dun consenso para a súa presentación.
*Comezo con este post a introducir retazos que xa tivera colocado na rede nalgún momento, ben en http://agremon.pitas.com como en http://personal.redestb.es/agremon. Para non confundir, sempre especificarei cándo foi posto na rede ou publicado en papel.
Tres pés para a educación.
** O que segue foi publicado pola revista 'Xerfa' do IES Porta da Auga en xuño de 2005, a modo de editorial.**
Históricamente, a escola é algo moderno. A educación comezou sendo unha cousa de pais, que se viron axudados pola sociedade nun xeito de re-distribución do traballo para mellora do rendemento comunitario e logo a sociedade foi cristalizando un tipo de función propiamente educativa ata a extensión 'universal' da educación al como a coñecemos hoxe, con abrumadora maioría de persoas en centros especializados de diversos tipos.
En todo este proceso, débese entender que son os pais os que delegan a súa potestade educativa. Ten habido épocas (como no estalinismo ruso) nas que a sociedade era a que se atribuía a educación e delegaba por cuestións prácticas parte dela nas familias. Nembargantes ser entendido o anterior como un xeito de aberración nos tempos que corren, o certo é que a componente efectiva de cada un dos actores educativos na educación ten cambiado abondo en tan só unha ou dúas xeracións. E tamén a concepción educativa. Así, hoxe en día ténse nos nosos lares a unha familia desestructurada, tipo americano, que entende como natural o desvincularse da educación, aínda que non do seu resultado. É dicir, téndese ó 'consumo' da educación, non ó seu disfrute.
E este cambio de liña directriz é básico para diversos resultados: podemos ter alguén formado para falar inglés, valla por caso, sinxelamente porque o demandan así os poderes que tratan de dirixir a sociedade, pero non ter un individuo educado. Podemos ter unha persoa preparada para producir, pero non para levar adiante a súa propia vida. Podemos ter alguén preparado para competir, pero non para decidir por que merece a pena competir. E podemos ter tamén unha sociedade que, unha vez entendida a educación como consumo, se esqueza da compoñente de servicio e quede só a de beneficio.
As anteriores son só unhas pinceladas sobre temas candentes non só a nivel educativo, senón tamén a nivel social: a educación de hoxe implica a sociedade de mañá. Tamén é algo que debe estar na mente de todos os que formamos parte do sistema educativo, tanto alumnos como profesores. Só preguntándonos e distinguindo opcións como as ditas podemos ter un certo control sobre o que estamos a facer e nos están a facer (en ambos casos, tanto para profesores como para alumnos)
Quedan para outra edición outras cousas relacionadas. Nembargantes, mirade os artigos do interior pensando nas posibilidades e opcións que temos: veredes outra revista que non está no papel, pero que a fai posible.

20050926

Imaxe típica

Hoxe é o día seguinte á vitoria de Fernando Alonso no mundial, que ten revolucionada á xente. Fai moito máis tempo que tivo lugar a decisión que da lugar á imaxe de árbores pelados no Xardín de Sela: a decisión de cortar as árbores porque tiñan demasiado desenvolvemento. O resultado é que houbo case unha vintena que non deu tirado despois para arriba. E que levan xa anos ben pelados, sen cortiza ou ben con hedra... Pero non é só eso: na imaxe aparece o aparcamento ata na mesma esquina (esta vez, respectando o paso roxiblanco), o lixo xusto na cabeceira do xardín, carteis algo anárquicos, sinais de tráfico provisionais impedindo o paso a unha rúa despois de estar cortado ou semicortado un ano (non lembrades que a paralela a ela leva cortada todo ese tempo, e que o fronte do edificio botou abaixo a rúa?), ... é dicir, moi 'tipical Ribadeo' desta tempada, correspondente coa protesta que se levou a cabo onte coa marcha costeira en contra da factoría de Rinlo-Meirengos. Esperemos que a tempada pase.
No mundo, Polonia veu o día de dereitas tras as eleccións de onte e o Katrina, unha vez desfeito, da un respiro a Bush, que se ve cada vez máis respondido pola xente que se opón á guerra de Iraq, como no seu tempo pasou con Vietnam. Pero o día de hoxe pasará como o do anuncio da deposición total de armas por parte do IRA Irlandés. Será desta?

20050925

Mexón


Hoxe ía poñer outra foto e tratar outro tema, se ... non estivera polo parque e vira a un individuo (o que aparece na foto) no acto de subirse os pantalóns. Polas maniobras posteriores (cremalleira, cinturón, ...) coido que só foi un axuste de calzóns porque algo lle debía estar a picar. Un pouco despois, andivo na procura dun sitio tranquilo mentras estaba el un pouco intranquilo. Tras voltar de tras a Casa do Concello, parecía máis relaxado. Estiven a punto de recriminalo pola súa acción, pero non tiña probas...
O mundo funciona así: uns mexan en rincóns apartados e outros por enriba dos demáis. Por suposto, tamén hai mexadores que o fan onde está previsto facelo, pero aínda trae hoxe o xornal "cada concello fai o que lle da a gana" (falando de ruídos nouturnos, movida e demáis nas xornadas que está a celebrar a coordinadora galega de asociacións de veciños en Lugo), axustando que en casos, son os mesmos alcaldes os que o fan.

20050924

Continuando a loita


Fago unha nova intervención hoxe para postear dúas fotografías dunha loita que continúa: a da piscifactoría de Rinlo. Hoxe houbo na rúa peonil unha mesa e un cartel avisando do roteiro de mañá, percorrendo toda a zona lic (lugar de interese comunitario) e comezando dende antes del ata despois de pasar Rinlo cara a Ribadeo (ver mapa feito por Teresa Díaz un pouco máis abaixo). En fin, que aínda que polo momento parece que todo se conxuga para que se constrúa a piscifactoría, aínda non está todo perdido...
Rita xa non é máis que unha tormenta tropical forte... haberá que esperar para que se considere mellor o cambio climático como fonte motora deses ventos de perto de 300 km/h. Bush, que con Katrina debeu estar tentado a recoñecer a influencia dese cambio, agora supoño que xa o descarta: volve Iraq a ocupar máis sitio porque segue a morrer xente, tamén norteamericanos.

En ruinas

A foto marca unha casa boa e bonita en pleno centro de Ribadeo. Estado: ruinoso. Actitude: á espera. De que, eso non se sabe. Os carteis anuncian que alí se vai a facer algo. Xusto en frente restaurouse outra casa fai pouco, que pasou de ser unifamiliar a casa de pisos. Na foto tamén se ve claro o tema do aparcamento... aínda sen solucionar, un mes despois de tomada a foto.
Rita segue a causar medo en Texas mentras en Ribadeo parece que o verán xa desapareceu de vez co cambio a días máis frescos.
Unha noticia da ciencia e curiosa en titular: 'as formigas inventan o insecticida selectivo'

20050923

Fonte

Ameaza con chover. Na realidade, despois dunha tempada como a que levamos, non é ameaza ningunha: É necesario. Esta foto é da fonte que hai na Vila Vella. A auga da en xeral placidez. Entrando en Ribadeo dende Porto, se un se para é unha vista plácida que non se sabe cánto tempo estará así, obras da circunvalación mediante.
Noutros lugares próximos da costa as plantas invasivas 'unlla de gato' foron eliminadas por un método que está a levantar protestas aínda hoxe, meses despois de feito: parece que agora van ser remprazadas por outro tipo de plantas autóctonas, 'herba de namorar'. Chegarán a tempo para que a costa non se desfaiga coas inclemencias do inverno?
Inverno tamén que se aproxima: na punta dos corvos, aí onde se pretende ver próximamente un criadeiro de polbo, ocorreu un accidente cunha percebiera. Alguén o interpretará como un presaxio do que lle espera a esa bisbarra unha vez o criadeiro en funcionamento, cousa que parece que vai adiante, a pesar da marcha que haberá mañá (ver adxunto).
Outras novas de Ribadeo son que Pinto e Chinto estiveron hoxe na Casa do Libro, e que fronte ás peticións de comercio (principalmente hoteleiro) e veciños, os taxistas (que teñen a praza de aparcamento segura) están de acordo co comezo das obras en San Francisco.
En Nova Orleáns, antes da chegada do novo ciclón, só con achegarse, xa causou filtracións nunha das barreiras reparadas. Noutros sitios, algunha xente voltou á súa casa despois de soportar colas dunha centea de quilómetros nunha autopista... e eso que o novo tifón diminuiu a súa potencia...

Limpeza

Estiven a punto de non poñer foto hoxe. A razón? Despois de varios paseos por Ribadeo onte, teño claro que está cocho. E non me apatecía poñer unha foto de algo cocho. Por exemplo, o novo parque sobre a ría (o parque do mineral) está sen inauguración, pero xa está cocho e con malas herbas comezando a desfiguralo. Nun comezo de outono como o de onte, podemos dicir: non é bó comezo... máis aínda se Pesca da o espaldarazo de dicir que os permisos que faltan en Rinlo non son preceptivos para comezar as obras da piscifactoria.
Así anda o mundo, en Vilalba poden quedar sen recollida de basura por folga, os norteamericanos escapando como foguetes dun novo tifón mentras caen máis en Iraq, e en España seguen aparecendo papeis de tráfego de influencias cara á fin da lexislatura anterior a conto dun caso de autorización de productos químicos en levante, mentras que non se da á luz os que hai sobre a piscifactoría de Rinlo (non será tan importante ou estareime equivocando e non será tráfico de influencias?).
Por certo, a foto é de Meira, por detrás da actual Casa consistorial.

20050922

Fin do verán

Esta semana remata o verán. Non é retórica, é o paso astronómico ó outono o que remata de producirse onte, 21 de setembro, día que marca con máis precisión o cambio que o comezo do curso (xa só quedan os universitarios, en xeral o luns) ou mesmo o tempo (segue a haber unha temperatura adecuada para un baño breve).
Segue a polémica en Ribadeo, unha vila que aprece instalada nela. Hoxe foron noticia nos xornais o polémico pleno do luns, xa citado, e a protesta dos hoteleiros da rúa S. Francisco contra as obras que se celebrarán sen asegurarlles aparcamento, segundo parece, en contra do que se lles dixera. Parece que esa polémica pode levar por diante outras de menor importancia que se tiveron esta tempada. Sobre todo porque aprece que as dúas partes implicads queren falar e convencer.
Todo un novo movemento que a pesares de todo non logra apartar a vista nin en Ribadeo sobre o novo tifón que se pode abatir sobre os EEUU, e xa sabemos que as novas que veñen de alí teñen preferencia, que para algo é a capital do mundo.

20050920

Radio Ruido

Hoxe vai o texto sen compañíia de foto: prefiro non poñela. Dede hai unha semana tratan de facer unha especie de caza do pardillo / fabricación da noticia á miña costa por un comunicado que se pode ler un pouco máis abaixo neste mesmo blog. Tan importante que nunha primeira noticia pasóuselle ó estrela radiofónica que potencia a caza, e só cando por casualidade o viu ó fondo da noticia nun periódico tentou de reescribir a nova. Mentres, eu sigo calado sobre o tema. Por certo, despois de dicir outras cousas, eu sigo 'desaparecido' segundo esa emisora: varios días por Ribadeo, o comezo das clases, etc. parecen non ser abondo para declararme 'aparecido'.
Onte houbo pleno en Ribadeo: ver a resposta ás preguntas do Tesón sobre a circulación de bicis na zona peonil ou a apertura da casa da xuventude (que segundo parece se vai a remodelar antes de abrir!) colmou o vaso despois dunha longa intervención popular poñendo ó alcalde de volta e media en rogos e preguntas. De volta e media é un dicir, pois a cada novo rogo ou pregunta era unha nova volta e media.
Tamén onte o xulgado de Mondoñedo deixou vía libre para que Acuinor arrase o toxal en Meirengos... xa veremos por onde continúa esto.
E, en Alemaña, tratan de formar unha coalición sen os número un, Schroeder e Merkel, mentres Blair sofre algo parello ó que poño máis arriba, pero cun magnate (magnate ou mangante?) propietario dunha multinacional multimedia... en todos sitios cocen fabas.

20050912

Un novo porto

Resulta que se está a facer unha ampliación do porto, que de pronto está facendo a función de redución de 80 m de liña de carga e de almacén de area da draga. ben, pois no porto hai locais que non están ocupados. Aquí temos dous exemplos. Por que a ampliación? Tendo a man as explicacións sobre a invasión de Iraq, non é difícil especular.
A estas horas, Koizumi xa ten ganado as eleccións xaponesas de hoxe. Pasarán no Xapón estas cousas? Posiblemente, si.

20050910

Levar un blog


Escribir algo tódolos días para un blog non é doado, e menos con problems de tempo ou técnicos. Por exemplo, a próxima semana tereina abondo ocupada... nembargantes, ver unha imaxe como esta, unha porta reventada na parte superior do auditorio, deixando 'libre' o paso a aparellos que poden ser perigosos, creo que debe de manifestarse.

Hoxe leín no periódico que Mubarak ganou as eleccións exipcias co 85% dos votos... coido que sobran máis comentarios.
Mentras, Alonso sairá cuarto en Bélxica.

20050907

Festas e horarios


Os horarios das festas seguen a ser portada nos peródicos, mentras hoxe espero entrevistarme coa Delegada Provincial de Presidencia para falar do tema. Por certo, que retrasou a entrevista e deu a autorización despois de serlle pedida a audiencia, e non deu noticias directas, senón que nos tivemos que enterar pola prensa. A pesares de que o día anterior pola noite estiven falando de outras cousas co 1º Tenente de Alcalde... Fíate dos políticos.
O caso é que as festas comezan: esta noite, 'espectáculo pirodixital', que saberemos o que é. E mentras en Nova Orleans comeza un brote de cólera debido ás condicións hixiénicas, convócase o congreso para suceder a Fraga: será en xaneiro (pregúntome, non está xa 'sucedido'?).

20050906

Máis ruído

Hoxe aparece na prensa que a Delegada Provincial de Presidencia e Xustiza autorizou a extensión de horario de apertura dos establecementos nouturnos durante as festas. Eso significa literalmente máis ruído. Mañá presentareille, nunha entrevista como representante do Tesón, unha folla con razoamentos e feitos sobre o tema. Polo momento, lembro aquí algo que escribín e me publicaron xa vai para o ano; dende entón a situación non variou, senón que empeorou.

O valor económico do ruído nouturno.

Periódicas declaracións feitas en Ribadeo sobre a importancia na economía local da movida, e por conseguinte do ruído e outros derivados, fan que me poña a estimar dito valor dende diferentes perspectivas para amosar a falacia pseudo-económica de tal argumentación, a parte de que a economía non é a vida, senón que só rixe unha parte dela, e polo tanto, razóns económicas non deben servir para xustificar perxuizos vitais.

Un primeiro conxunto de estimacións refírense ó custe económico das horas de sono perdidas. Contemplando un esceario de mínimos, poderíamos computar perdidas entre as dúas e as catro da mañá dos sábados para un mínimo de cen persoas, que poden valorarse tamén dende un punto de vista de mínimos a razón de 5 euros/hora, o que nos daría 2000 euros cada sábado ou máis de 100.000 de euros ó ano.

Nun esceario máis realista, hai que engadir alomenos outra hora máis ó considerar que a renta per cápita sitúase nuns 20.000 euros ó ano e o número de horas traballadas está netamente por debaixo das 2000 ó ano, o que nos daría máis de dez euros/hora traballada por cinco horas, esto é cincoenta euros cada noite de sábado e persoa afectada, e esto por unha cifra de 400 veciños, aínda baixa pero máis acorde coa realidade. A conta da, ó ano, 1.000.000 de euros, 2500 por veciño (420.000 das antigas pesetas por persoa afectada ó ano)

Con só aumentar unha parte proporcional para os venres e o mes de agosto, sen aumentar máis o número de afectados, plantámonos xa nos 2.000.000 de euros ó ano.

A cifra anterior segue a ser unha estimación baixa. Consúltense os datos e verase que en Ribadeo sobrepásanse de lonxe os 400 veciños afectados. Tamén sabemos que por cada hora de noite perdida debe computarse alomenos outra de día, o que duplicaría a cotización (co que andariamos xa nos 6.000.000 de euros ó ano, mil millóns das antigas pesetas). Seguen sen contarse aspectos tan variables na súa imputación como a comprobada maior incidencia de enfermidades por baixada de defensas no organismo, que son moi difíciles de contabilizar e dun valor económico tamén maior, a perturbación da vida social dos afectados, ... Sen contabilizar tampouco, por suposto, o que poderiamos chamar emolumentos sociais, por non estar tan definidos os afectados, senón máis diluidos: o valor dos mexos en lugares públicos, vidros rotos no medio da rúa ou pelexas, ou, noutra vertente, presións sicolóxicas, sociais ou ameazas ou aínda, noutra terceira perspectiva, o valor dos servicios públicos extra con necesidade causada por esta temática, ou a diminución de valor dos inmuebles causada por estes movementos nouturnos, entre outras posibilidades a valorar e que incrementarían as cifras anteriores. De calquera xeito, os cálculos realizados ata aquí quedaranse en minucia o día que a xente comece a reclamar os seus dereitos, en vez de regalalos como ata agora.

O segundo conxunto de valoracións sería a importancia económica que para Ribadeo teñen a movida e o ruído. Neste aspecto teño menos datos, en particular se estimamos cousas como que as cifras que manexan os empresarios están lonxe das que dispón hacienda. Ó anterior increméntase a dificultade en estimar a porcentaxe que corresponde ó ruído non xa nos aportes de cartos á caixa senón nos cartos que se quedan en Ribadeo a través de mecanismos como soldos ou ganancias e no que podería tomarse como base de calculo a cifra de cen ou 120.000 euros por noite de sábado, o que tendo conta doutros días con influencia, venres, festas, e meses de verán, nos leva a uns 7-9.000.000 de euros ó ano do conxunto da actividade. Nembargantes, se tomamos en conta o modelo de negocio seguido noutros lugares, a porcentaxe sobre a cifra anterior sería próxima ó cero, pero aínda sen tomalo, repartindo entre o que significa a socialización da asistencia a locais nouturnos, a compoñente da hora, etc, o ruído non deixa de ser unha fracción do total. De calquera xeito, se se considera que o monto do que poderiamos chamar ganancias para Ribadeo sae unha cifra comparable ó custe económico, vése claramente que aínda no aspecto máis desalmadamente económico, non é rentable para o conxunto da poboación.

Os dous conxuntos anteriores lévannos a outra consideración: quen 'disfruta' das ventaxas e quen 'soporta' os inconvintes. Parece lóxico que exista, nunha economía equilibrada, un trasvase de recursos entre ambos grupos. Na actualidade está claro que ese trasvase non se da, polo que non me extenderei sobre o tema. E aínda considerando unha terceira entidade, a mesma estructura do Concello, resulta que son os mesmos afectados polos inconvintes quenes teñen que pagar parte dos servicios para tratar de paliar os mesmos inconvintes que sufren, subvencionando así a fonte dos seus propios sufrimentos. A notar que o principio de actuación non só dos concellos, senón tamén dos partidos e máis aínda dos de esquerdas, debera basarse nun suposto de fomento de equilibrio e non dos desequilibrios.

Pasemos agora a unha comparativa. A medio plazo, a actividade desenvolta por un polígono industrial rende tanto e con consecuencias sociais moi diversas, nembargantes xa pode ter netos quen escoitou por primeira vez falar do polígono para Ribadeo e comprendeu de que ía. O caso é que aínda non está comezado.

Con outro aspecto comparativo, e sen ter en conta a moral do mesmo xeito que se emprega para a xustificación económica do ruído, por unidade de venda sería de maior rendemento económico traducir a inxesta de alcohol á de droga (na parte na que non está aínda feita) nunha especie de 'reconversión industrial'. Non creo, visto o valor para enfrontarse ó problema nouturno, que o concello o teña para favorecer dita reconversión.

Non estimo cousas que poden variar abondo os cálculos anteriores: a importancia da seguridade nos locais cunha única porta ou saída de incendios non acorde coa seguridade que pretende dar pola súa estreitez, saír a un sitio pechado ou outras causas, a valoración no mesmo sentido de locais abarrotados, cunha capacidade nominal abondo menor son só dúas mostras de cousas que agora non están sendo valoradas e que se valorarán no caso dun desgraciado accidente, chamando ós responsables a contas.

Non profundizo máis. Non paga a pena para poñer no seu lugar un argumento que xa se descalifica por cousas que no conxunto da vida creo que son máis importantes que os cartos e que estos dificilmente poden pagar.

Finalizo cun comentario de textos extraídos dun documento do Concello de Ribadeo referida a unha reunión o 2/12/03: “Calcúlase que en xuño e de cara ó verán de 2004 poderían estar tódolos establecementos revisados”. “A partir do prazo outorgado procederase conforme á Ordenanza Municipal e demáis normativa de aplicación chegando mesmo se é preciso ó peche cautelar, temporal ou definitivo de quen incumpra a norma”. Para non cansar, baste dicir que esto estáse a escribir na madrugada do 19 de dembro de 2004, pasadas as sete da mañá con xente que sae de locais próximos que polo que parece incumplen sistemáticamente o horario para choteo de quen vixía e no que poderiamos chamar competencia desleal con outros que se ven obrigados a afinar máis o peche, escoitando tirar vallas por enésima vez (40 veces na noite? 50 quizais?) nunha rúa en obras. E sucede tempo despois de que por exemplo un novo local estivera aberto dous meses co visto bó do concello a pesar de incumprir unha ristra de obrigas e estar sen papeis e entre protestas dos viciños. Máis que dicir? Moito máis: ccunha frase feita, iso é a punta do iceberg.



Internacional: outro avión máis caído fai 140 mortos en Indonesia. En menos dun mes, cántos van, 5?
Nacional: Zapatero e Rajoi parece que van ter unha reunión para a galería, afiando os coitelos para metelos ben metidos no primeiro descuido... lémbrame outras políticas a nivel máis achegado.

20050905

De novo, Ribadeo

Unha imaxe dun punto calquera, neste caso, visible dende o paseo do faro. Despois de que o verán este rematando, pódense mirar lugares como este e preguntarse, canto vai a durar así? Eso de 'así' non quere dicir sen rendemento, sen difusión dos seus valores... Que plan hai para eles? Polo momento, aínda non se sabe nada do PXOM..., e si de que o xulgado segue a deter a piscifactoría de Meirengos. O venres houbo unha mesa redonda que pode dar para falar moito, coa sá chea e levantamento de xente en medio da reunión, por poñer dous exemplos.
Hoxe no periódico apareceu a noticia: despois do 'Katrina', Nova Orleáns tardará cerca de tres meses só en baleirarse de auga; pero nestes momentos, está resultado tan destrutor (para a moral das persoas, máis) os saqueos e desordes, que impiden a volta á normalidade nunha cidade do país máis poderoso do mundo, que leva destruído moitas cidades estranxeiras.
Aquí choveu algo despois dun verán de sequía, nun día no que a vila se prepara para as festas.