Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta plan especial das catedrais. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta plan especial das catedrais. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

20200608

Bótalle unha ollada ó plan especial de protección das Catedrais

Anos. Anos leva de recorrido ata hoxe o Plan especial de protección das Catedrais. Máis de media década. Aquí, no blog, hai diversas entradas, comentarios, alegacións, etc, deixados ó longo do tempo. Mañá, martes, ás 19:30, será a aprobación definitiva (coa maioría do BNG no concello, unha vez presentada a pleno, está asegurada a súa aprobación). O plan podes velo aquí: é a túa última oportunidade antes de que sexa aprobado. A última oportunidade de exercer un mínimo dereito como cidadán, o de estar enterado da normativa que se pretende para un espazo hoxe por hoxe fundamental para Ribadeo. É dicir, en parte, trátase do teu futuro, e de deixalo correr ou tentar coller as rendas.
Na mesma nota de prensa de notificación aparece que mañá haberá non un, senón dous plenos extraordinarios, tratando a demais do plan das catedrais as consecuencias económicas da COVID-19 ou o novo convenio con ACISA (2020-2023). O acceso ó Salón de Plenos requerirá as medidas de protección oportunas ás xuntanzas en recintos cerrados. Máis aló das mesmas, será público, segundo remato de confirmar por teléfono.
Documentos (tamén presentados ó final da entrada):
A nota de prensa da alcaldía.
O Decreto do pleno de aprobación do plan das Catedrais.
O Decreto do segundo pleno especial a celebrar



-A nota de prensa:
"Plan Especial das Catedrais
05/06/2020

O Concello de Ribadeo acollerá a celebración de dous plenos extraordinarios o vindeiro martes, 9 de xuño. Na primeira das sesións, prevista para as 19:30 horas, someterase a aprobación definitiva o Plan Especial de Protección das Catedrais. O alcalde, Fernando Suárez, subliña que "se trata dun instrumento imprescindible para mellorar os usos públicos do entorno, para favorecer os transportes públicos e para que os centos de miles de visitantes que están vindo, sigan vindo e vaian valorando, se cabe, moito máis a marabilla que temos en Ribadeo". A pleno irá tamén o convenio de colaboración con Acisa para o período 2020/2022 por importe de 55.000 euros, así como unha modificación do regulamento de acceso ao Hospital Asilo para igualar os procesos e os baremos aos da nova residencia de maiores.

O rexedor ribadense dixo que "agora que estamos indo paseniñamente cara a unha normalización, para a semana que ven imos facer dous plenos, un deles a petición do PP para falar das consecuencias económicas do Covid e outro pleno, tamén extraordinario, onde se van tratar numerosos aspectos de transcendencia para Ribadeo, tanto no presente máis inmediato como no futuro próximo. Estamos poñendo bases sólidas para seguir traballando para ben dos nosos veciños e veciñas. Levaremos puntos sobre asuntos da economía municipal, de axustes que temos que facer para cumprir coas leis do Estado, que resultan paradóxicas para os Concellos. Neste caso por gastar o ano pasado máis recursos nosos do que a lei nos permitía, agora teremos que neste 2020 gastar menos. Esperemos que tanto a Federación de Concellos do Estado como a Federación de Concellos de Galicia convenzan ao goberno do Estado para que elimine estes corsés, absurdos neste momento, que están creados no ano 2012 pero que a día de hoxe resultan totalmente inadmisibles para os Concellos porque a responsabilidade dun Concello é que poida destinar os seus recursos a onde o Concello estime e logo sexa a cidadanía quen valide se as inversións estiveron ben ou estiveron mal".

O alcalde explicou que "neste pleno tamén daremos conta de todos os decretos que fomos creando nesta crise do Covid e onde se estableceron todas as medidas de suspensión no pagamento de determinadas taxas e tributos como poden ser a da auga, do lixo ou do saneamento para todas aquelas iniciativas económicas que por decreto tiveron que cesar a súa actividade, así como outras taxas como a do mercado, a zona ORA, as ocupacións de vía pública, etc…, e os cambios nas normativas para facilitar medidas para a hostalería e para os servizos".

Suárez Barcia contou que "a maiores disto levaremos unha modificación do regulamento de acceso ao Hospital Asilo de Ribadeo no sentido de igualar os procesos e os baremos aos da nova residencia. Con isto o que pretendemos é ir pouco a pouco igualando os dous sistemas e queremos tamén que quede aberta a posibilidade de que poida acceder xente que non sexa de Ribadeo, aínda que os de Ribadeo evidentemente han seguir tendo prioridade. Como sempre dixemos e diremos, queremos manter estes dous centros para que o número de prazas dispoñibles sexa acorde coa nosa poboación. Tamén traeremos ao pleno unha nova proposta de convenio con ACISA, por tres anos de duración, por importe total de 55.000 euros de fondos municipais significando ademais que para este ano 2020 será a maior anualidade cun total de 24.000 euros destinada á mellora do comercio e adaptación ás necesidades desta nova situación que todos empezamos a vivir, e na que a dixitalización terá un papel moi importante".

O rexedor ribadense indicou que "virá ao pleno tamén a aprobación definitiva dun instrumento moi importante para o futuro e para o turismo, para a sustentabilidade ambiental e para o futuro do equilibrio entre estes dous vectores. Despois de varios anos de traballo puidemos superar con éxito multitude de informes sectoriais de moitísimas administracións, da provincial, da galega, da estatal, en definitiva un total de 19 informes que todos eles acabaron sendo favorables, algúns desde o principio e algúns outros coas lóxicas correccións que tivemos que facerlle ao documento. Polo tanto aprobaremos o Plan Especial de Protección das Catedrais de maneira definitiva. Este é un instrumento crucial que o puidemos realizar por ser dos poucos Concellos que temos un Plan Xeral de Ordenación Municipal moderno e vixente. Este Plan Especial das Catedrais é un instrumento imprescindible para mellorar os usos públicos do entorno, para favorecer os transportes públicos, para darlle sentido a unha liña ferroviaria que pasa por alí desde hai setenta anos pero que non para, e para que os centos de milleiros de visitantes que estaban vindo, pero que despois desta pandemia que nos trae de cabeza han volver seguro, sigan vindo e vaian valorando se cabe moito máis a marabilla que temos aquí en Ribadeo".

Fernando Suárez engadiu que "logo desta aprobación, para a semana que ven, tocará ir visitar os despachos de moitas administracións, da Deputación, da Xunta, do Estado e se cabe, como non, tamén da Unión Europea para que nos axuden a converter o plan en realidade. É dicir, a construción dun novo aparcadoiro público, a construción dun novo centro de interpretación e de recepción de visitantes, a construción dun novo apeadeiro de Feve, a creación de rutas seguras a modo de miradoiro desde os cantís, etc... Todo isto con sumo respecto para o medio ambiente, para o mantemento de usos tradicionais e agrarios de toda esa zona e para a integración do turismo en Ribadeo, e tamén por extensión na Mariña e no país. Queremos en definitiva que a xente non chegue, mire e marche como fai ata agora, senón que se lle poida sacar moito máis partido para o noso territorio e para a nosa economía, e sempre coa sustentabilidade medioambiental garantida"."

20171116

Aprobación inicial do plan especial das Catedrais: plan, aprobación e nota de prensa do concello

O plan. (só 308 páx. pero botarlle unha ollada é menos!)

Plan Especial das Catedrais

16/11/2017
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio de aprobación inicial do plan especial das Catedrais. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, lembra que o Concello leva traballando moito tempo neste documento. Agora ábrese un período de exposición pública de 2 meses. Os redactores deste plan estarán o vindeiro martes, 21 de novembro, en Ribadeo para ofrecer explicacións polo miúdo tanto á Corporación Municipal como aos veciños e veciñas.
O rexedor ribadense declarou que "no dia de hoxe sae publicado no Diario Oficial de Galicia o anuncio de aprobación inicial do plan especial das Catedrais. Damos polo tanto un novo paso adiante, tal e como se indicaba no plan xeral de ordenación municipal que temos desde o 2014, que di que toda a zona circundante coas Catedrais, non só os arcos e os cantís, todo el deberá ser obxecto dunha ordenación a través da figura que vimos de aprobar agora inicialmente, para contribuír á preservación do patrimonio natural e cultural desta área protexida de singular valor paisaxístico e natural".
Fernando Suárez lembrou que "despois de moitos meses de traballo por parte da empresa redactora á que lle tíñamos adxudicado este documento, despois de moitos informes solicitados e recibidos doutras administracións, especialmente da Xunta de Galicia, desexamos o maior acordo e consenso na elaboración deste documento. Estamos agora en condicións de dar este paso".
O alcalde explicou que "o que vai seguir é un período de exposición pública para todo o mundo por un prazo de dous meses para que se examine e para facer cantas achegas se queiran facer en forma de alegación, para a continuación seguir tramitando no documento. Ben é certo que as medidas que se foron tomando nestes últimos tempos de ordenación daquela zona moi concretiña, son de carácter transitorio e faise necesario ordenar todo o espazo natural, como se fai nos grandes centros de atracción medioambiental na Europa moderna e avanzada, onde nos queremos mirar. Iso, nin máis nin menos, é o que pretende este documento".
Suárez Barcia subliñou que "pretende mellorar a conservación do patrimonio natural e da biodiversidade, mellorar e regular o tránsito das vías de comunicación, dos elementos de urbanización inadecuados e dos impactos visuais notables. Tamén visto o forte incremento de visitantes que experimentou nos últimos anos, hai que ter en conta que no ano anterior houbo máis de 570.000 visitantes na praia, con expectativa de maior afluencia aínda, require da instauración de medidas para garantir un modelo turístico sostible. Con todos estes elementos que son o respecto polos usos tradicionais que nesa zona se desenvolven, a mellora e a ordenación do transporte privado e do público, tanto de autobuses como do tren que ten un papel moi importante aquí pendente de cumprir, queremos ofrecer ao mundo a nosa mellor cara, a nosa mellor disposición para que siga vindo xente para ben de Galicia, para ben da Mariña e para ben do concello onde se atopa que é o de Ribadeo".
O rexedor ribadense anunciou que "este vindeiro martes, 21 de novembro, os redactores do plan vanse achegar a Ribadeo para ofrecer unha explicación polo miúdo do documento tanto á Corporación Municipal como á cidadanía en xeral. Para a cidadanía vai ser no auditorio municipal Hernán Naval ás oito da tarde. Tamén nas vindeiras horas estará colgado na páxina web municipal onde todo o mundo con comodidade desde a súa casa o poida consultar, descargar ou traballar con el".

20171124

As catedrais e a illa Pancha, entre outras cousas

Foi a presentación do plan especial das catedrais. Cargo algunha foto de Suso Fernández, a intervención de Evaristo Lombardero e un artículo posterior do mesmo (en dous formatos), a intervención de José A. Salvatierra, un comentario de Covadonga Suárez ...
A pregunta de Evaristo:
A pregunta de José A. Salvatierra:
Un comentario: "formulou unha pregunta para coñecer o porqué da diferencia de criterio en canto á protección da illa Pancha, entre os xestos de fastidio do alcalde, que tivo que ouvir o que este grupo pensa en público e en directo. A resposta, evasiva, porque non recoñece a súa competencia nin a súaresponsabilidade nas decisións tomadas ó respecto, propón, como solución ó que non lle guste, recorrer a alegacións ou a contenciosos administrativos."
O artigo:
 PLAN DE PROTECCION DAS CATEDRAIS
Dende o 16.XI.17 está colgado na páxina web do concello o documento “Plan Especial de Protección das Catedrais”. O documento ten 305 páxinas e ábrese un período de exposición pública de dous meses. O día 21 fíxose una presentación no auditorio polo Sr. Alcalde e os técnicos redactores. Imos espoñer moi brevemente as primeiras impresións.
1.- O documento e ás propostas (agás na número 6) teñen nunha relación tanxencial ca protección do medio ambiente. Non se concretan os elementos a protexer nen os indicadores obxectivos do deterioro. Consecuentemente non se fai unha mínima estimación da evolución anterior e futura destes indicadores. Nesto concorda cos documentos da Xunta de Galicia.
2.- O chamado “Plan de Protección” non pasa de ser unha ordenación urbanística, con fins puramente turísticos e publicitarios, cousa que tampouco se disimula. O turismo masivo non se cuestiona, nen tan sequera existe unha compoñente educativa. En realidade implícitamente dase por bo e semella que se estimula.
3.- A participación veciñal é nula, como se pode desprender de varios feitos:
a) Non houbo nengunha presentación ou debate previo dos obxectivos nen dos contidos do plan. Téñase en conta que van tres anos dende a adxudicación do proxecto aos grupos redactores.
b) O tempo transcurrido entre a publicación do documento e a presentación no auditorio foi de cinco días. Folga suliñar que se trata dun documento complexo de 305 páxinas.
c) A participación veciñal no futuro non forma parte do proxecto, nen se insinúa en nengunha intervención do Sr. Alcalde.
d) Anque éste é un tema colateral, na presentación non se puido explicar a coherencia entre o plan e os condicionantes económicos. Por non informar, non se puido nen concretar o custe estimado das expropiacions.
e) Respecto ao periodo de alegacións apelamos a experiencias anteriores. O Sr. Alcalde nunca resposta a nada. Nen no PXOM, nen no PEPRICH, nen infinidade de preguntas por escrito de diferentes grupos, nen mesmo nos plenos municipais. No mellor dos casos pódense atopar evasivas, desculpas ou saídas pola tanxente.
Esto é o que hai.
Evaristo Lombardero Rico


20150311

Alegando as alegacións

As Catedrais está de moda. Non só pola afluencia de visitantes, senón dende un tempo a esta parte, pola realización dun plan que, visto o visto, pódese chamar malamente de conservación. O plan, da Xunta, foi presentado como anteproxecto para facilitar alegacións. con anterioridade, o concello pedía unha nova figura e a limitación de visitas. A foto do alcalde retirando pedras-recordo dun saínte 'adornado' con elas parecía grave xa antes da primeira versión. Pero dende aquela, sucedeuse o plan da Xunta, o rexeitamento e alegacións, o replan, rexeitamento e alegacións e dotación de cartos do concello para un plan propio...
Dende fóra, sentimos as novas e comezamos a marearnos. Tentábase nun principio de comezar a limitación de visitas, por iso de que facía dano. E de darlle a maior protección, por iso da mellor conservación. Ambas eran cousas pedidas dende o concello. Logo a cousa foi variando, non de nome no sentido de pedir un parque natural, senón de contido, no sentido de pedir unha ampliación do número de visitas, e agora, liberdade restrinxida: que entren cantos queiran, pero con vixiancia, e así poderase limitar a gusto, de xeito inmediato e imperativo, sen consideración para cos visitantes que se atrae, o número de visitantes a determinadas zonas. A petición vai no sentido da de ACISA, que pedía días atrás segundo a prensa que as entradas ás Catedrais se deran en Ribadeo, algo 'irrenunciable' gtamén dende o concello. Ó fin, todo hai que aproveitalo, e mellor que Mahoma veña ós negocios que que os negocios vaian a Mahoma...
A nota do concello de onte, en cursiva, con algún comentario polo medio, sen cursiva:
O REXEDOR DI QUE É PRECISO FACER AS COUSAS "CON SENTIDIÑO"
A palabra sentidiño soa ben, pero tamén parece unha adaptación do sentido a unha minoría de idade tutelada por que apela a un sentido diminuído.
Alegacións ao plan para As Catedrais 
10/03/2015
O Concello envioulle á Xunta as alegacións que presenta ao plan de conservación do monumento natural da praia das Catedrais. Nas mesmas pídese que se suspenda a proposta do establecemento dunha cota de acceso ao areal, e que como alternativa se habilite a presenza dun posto de control, que impida a entrada a determinadas zonas se a capacidade de carga se atopa ao máximo permitido, tal e como acontece no Teide. O Concello, segundo deu a coñecer o alcalde, Fernando Suárez, esta mañá solicita que se inicie o estudo de viabilidade para declarar ese espazo coma parque natural e que se fomente a participación e implicación dos axentes económicos e sociais no deseño das medidas que complementen o plan de conservación, e facelos protagonistas na súa transmisión e execución.
O do Parque Natural non é novo, e podería non ser mala idea. Pero aumentar a protección e facilitar o acceso parecen contraditorios. Haxa ou non sistemas semellantes noutros lugares. Apuntar a que a participación dos 'axentes económicos e sociais' parece non abranguer ó pobo, á xente, alomenos tanto polas facilidades da Xunta como polas do concello. Outra cousa son os empresarios., considerados como axentes, como sector económico e de xeito evidente como forza social, a tenor do parágrafo seguinte.

O rexedor dixo que "finalmente, dentro do prazo legal establecido e despois de que desde o Concello con técnicos municipais e con outros sectores sociais importantes e relevantes de Ribadeo analizásemos as valoracións que facer a este documento, presentamos as nosas alegacións, que van na liña do que vimos mantendo dende hai varios meses, cando iniciamos o procedemento de suxestións, no que non se nos tivo practicamente en conta. Foi algo que lles reprochamos aos responsables autonómicos e esperamos que agora se valoren as nosas propostas. Nós ofrecemos desde logo coma sempre a absoluta e leal colaboración para a conservación deste espazo natural. Pero queremos apuntar que, segundo o que indican eles neste plan de conservación do monumento natural, entendemos que se deben revisar e valorar mellor as consecuencias na economía local e no turismo de facer estas medidas tan restritivas, que non poden ser establecidas de inmediato".
Que prima pois? A conservación ou a exprimición? Conservar si mentres implique aproveitar a curto prazo? Ou é que, visto que algúns arcos non parece que vaian aguantar nin ata mediados de século, hai que sacarlles o máximo proveito conservando as apariencias para non espantar mentres os 'ovos de ouro' da galiña, os visitantes do cantil?

Para Fernando Suárez "cando un quere impoñer medidas drásticas, de súpeto, sen experiencia previa, entendemos que deben ser a posteriori. Primeiro débense implementar progresivamente e deben ser acompañadas doutras medidas: promover máis transporte público, reducir a circulación de vehículos particulares, promover transporte alternativo e, en todo caso, estudar que se vai facer con eses inxentes fluxos de visitantes, que o plan da Xunta non di que facer con eles. Polo tanto pedimos suspender a proposta de restrición de accesos ata desenvolver unha proposta que permita saber que facer con todo ese fluxo turístico".
Verbas sabias, que contrastan coa petición de 'medidas xa' que se facía hai menos dun ano. E coa realidade dalgunhas medidas tomadas polo concello, como o aumento das prazas de aparcamento nun prado dende hai un par de anos, cun camiño á beira da estrada para chegar ata a baixada. En canto ó de que facer con ese fluxo turístico, coido que é algo subliminal: traelo a Ribadeo e que gaste aquí. Porque diso parece que se trate, levar da man o fluxo ata depositalo en Ribadeo. E si, pero como 'tamén', non como condicionante previo, que parece ser a intención.

O alcalde ribadense segue a manifestar que "no canto de facer estas limitacións telemáticas o que propoñemos é que provisionalmente, mentres todo isto non se leve adiante, no lugar de impoñer un sistema de restricións de acceso telemático sexa substituído por un sistema de control e regulación na propia praia, como acontece a día de hoxe en espazos protexidos do Parque Nacional do Teide, por exemplo, onde en determinados momentos impídese o acceso a algunhas zonas se a capacidade de carga das mesmas se atopa ao máximo permitido, obrigando a agardar aos visitantes ata que non abandonen outros".
O Concello segue avogando "porque se teña en conta a nosa proposta, que non é política senón absolutamente técnica, de considerar a figura do parque natural en todo o litoral de Ribadeo para diversificar a oferta turística.
(Aquí non había un punto e aparte. Pero coido importante sinalar que o motivo da petición do Parque Natural para toda a costa de Ribadeo non é a conservación, senón a diversificación da oferta turística.)
 E ademais o que queremos é, como non, implicar aos axentes económicos. Non debe esquecer ninguén que As Catedrais sempre estiveron en Ribadeo. Levamos anos sós ante o perigo, por dicilo dunha maneira gráfica, e todos estes inxentes fluxos de turistas, que veñen e que queremos que sigan vindo, queremos que se xestionen dende aquí, porque para iso temos hoteis, restaurantes e unha chea de cousas que ofrecerlles. Queremos que todo o turismo das Catedrais pivote desde Ribadeo". Suárez Barcia engade que "non lle queremos negar nada a ninguén, pero todo o mundo debe entender que os hostaleiros, a xente que paga os seus impostos de Ribadeo, que con todo iso estamos mantendo toda esta xestión impoñente que significa As Catedrais ao longo do ano, é lexítimo pensar que eses posibles beneficios de toda esa xente deban pivotar tamén desde Ribadeo. Estamos traballando man a man cos comerciantes, cos industriais, cos autónomos e todos debemos facer que As Catedrais sexa unha riqueza medioambiental e paisaxística que temos que conservar, pero non debemos espantar a toda esta xente que vén".
Todo para a economía. O resto, en función. Para a economía de hoteis, restaurantes... o que lembra aquelo de 'o que é bo para a General Motors e bo para América', substituíble General Motors por United Fruit Company ou calquera outra, pois 'América' sería a xente que posee esas empresas. Traballando man a man con ACISA, comerciantes, industriais e autónomos. Non con máis xente. Non é algo curto?
O alcalde pensa que "é necesario ir traballando e facendo as cousas con sentidiño e con xeito; e confiamos en que a Xunta e o Concello, ademais das outras administracións, poidamos buscar un acordo. Penso que será unha ledicia para todo o país, para toda a comarca e, como non, desde logo para Ribadeo".
Vale, xa o temos claro. Se é bo para algunha xente encadrada en ACISA, será bo para todos en desparramamento sucesivo desa bondade de bens. Ó fin, non é o que din os ultraliberais, que se os de arriba ganan, algunha miguiña caerá?
Fernando Suárez lembra que "paralelamente o O Concello licitou hai uns días a redacción do plan especial de protección da praia das Catedrais, previsto no PXOM. A este fin destinamos 40.000 euros de fondos propios. As bases do concurso seguen en exposición pública para que todos aqueles profesionais da materia poidan participar no mesmo e despois un tribunal composto por xente cualificada, do Concello e de fóra do Concello, pois tamén indicamos que queremos técnicos da Deputación e da Xunta de Galicia nos comités de valoración das ofertas, escolla a mellor de todo o Estado ou de ámbito internacional, se cabe".
Xa está claro que non nos vale o plan. Hai que gastar cartos noutro. 

20171218

Perigos nas Catedrais


Despois de da Mancomunidade ás Catedrais, aínda quedan preto de 300 páxinas máis a comentar do Plan Especial de As catedrais.
O ultimo que ocmentei foi que recoñecía o risco da elevación do mar polo cambio climático, pero máis aínda o risco para a conservación derivado da aglomeración de xente (p.14, punto 4.6). Na mesma páxina prodúcese unha especie de esquizofrenia de concellos. Un par de lexislaturas despois e recoñecer que é necesario reducir o número de concellos en España, parece que séguese a loitar sen cuartel entre concellos veciños como indica que falando de transportes, se enumere para o tren non só o apeadoiro de Esteiro, senón tamén o dos Castros, pero non o de Reinante, no concello veciño. Faise nun marco no que se indica o baixo uso do transporte público (incluído autobús subvencionado que ademáis facilita a entrada polo seu mero uso, aínda que iso non se cite no documento), e no que se di que hai un aumento de transportes alternativos, referíndose ó uso testemuñal da bicicleta ou mesmo o bipedismo da xente do Camiño de Santiago. Enumera tamén na mesma páxina que na actualidade son 330 prazas de aparcamento de turismo e 14 de autobús as que hai en aparcamentos decentes, e esta vez si, incluído Reinante.
Na páxina seguinte, outra pequena sorpresa, pois entendo que non contempla na actualidade máis que un acceso, quedando o acceso oeste (o principal) como único, a máis de 'en marea baixa', o acceso directo dende Esteiro. E, como calquera sabe, moita area ten que haber e boa marea para poder facer ese paso sen mollarse.
Nesa mesma páxina, a 15, no punto 4.8, cartelería, fala doutra cousa que debera estar subsanada: a disposición de carteis informativos sobre o propio cantil.
E, un pouco máis abaixo, (4.10.2), descobre que a licenza de hostalería foi dada polo concello de xeito posterior ó establecemento da Rede Natura 2000 (aínda que tiña un permiso previo da Xunta) e que nos terreos de uso do local faise emprego de varias especies de plantas invasoras. Recoñecemento que parece que non implica en absoluto ningunha actuación de oficio.
Por último para esa mesma páxina, tamén fala das leis 42/2007 e a súa reforma pola 33/2015, que, referíndose ós monumentos naturais (como o caso das Catedrais) fala das actividades incompatibles, sempre e cando non quede recollida a actividade correspondente nas normas de declaración ou xestión, o que non é o caso. O mesmo que no parágrafo anterior, parece non ter consecuencias de oficio.
O Plan Especial (de agora en diante, PEC) da unha sorpresa de novo na p.16, punto 5.1.1. cando di claramente que os visitantes, en determinadas épocas do ano 'superan ampliamente a capacidade ecolóxica', que cada vez hai menos terreo para hábitas naturais e máis plantas invasivas, cunha zona de intensa acción humana... o que redunda na calidade da oferta turística do propio concello.
É evidente que as suaves indicacións á acción que deixa caer o plan pola mera constatación de datos necesitan resposta, pero de non ter un poder 'absoluto' (refírome a casos somo o cambio exprés da constitución), as cousas do pazo van despazo...
Na páxina 17, punto 5.1.3 fala de transformar visitantes en turistas. Que quede claro que o documento non é precisamente ambientalista, senón pragmático. No mesmo sentido cabe interpretar que non se contemple un novo apeadoiro, senón o traslado do de esteiro, coido que en contradición con novas de prensa nas que se lle pide a Adif  (RENFE-FEVe infraestruturas) precisamente iso, unha estación nas catedrais. Ou cando fala da captación de financiamento, insinuando a 'colaboración' público-privada, moi en consoancia cos tempos actuais. Outra cousa diferente no mesmo punto é que xa se esqueza da poboación cando fala dun 'marco de colaboración' administración-axentes implicados uníndoo á sostibilidade do éxito turístico das catedrais (lembremos o xa comentado da p.9).
Páxina inicial do punto 5.1.3
O dito, continuará.
--
Contiuou aquí.

20171211

Da Mancomunidade ás Catedrais

Na resaca da ponte da Inmaculada Constitución pasada por auga, despois dun mercado de Nadal que supoño que este ano non se cualificará de exitos pola temperie, aínda coas luces de Nadal xa avisando que está aí a nova festa consumista, a vida segue. E así, a Mancomunidade de Concellos da Mariña terá outra xuntanza, esta vez en Ribadeo, hoxe, ás oito e media, hora dos plenos, na que é previsible que se traten diversos problemas comúns, como os relacionados co tren ou co enfrontamento coa velutina, nos que imos perdendo, e Ribadeo é dos principais afectados. E así, segue o transcurso do tempo co Plan Especial das Catedrais xa perdido no limbo, unha vez presentado no auditorio e correndo os dous meses -ata o 16 de xaneiro- o prazo para a presentación de alegación (por certo, o mínimo período legal).
O certo é que as máis de 300 páxinas do plan asustan, e hai que lelas pouco a pouco. Os pasados días foron para min unha oportunidade para comezar e ver que na páxina 11 trata a ondada cun sentido neto de transporte litoral cara ó leste (cando hai variacións  que o mandan tamén temporalmente cara ó oeste), que recoñece como riscos a elevación do nivel do mar e tamén, no parágrafo seguinte, o risco de agomeración de xente, como se ambos foran equiparables e equitratables (punto 4.6, p. 14). Ou que na p. 9 fala de deseñar unha estratexia de participación pública na procura da complicidade da cidadanía... para sacar adiante o plan especial que xa se ten nas mans. ou, na mesma páxina, fala de 'Resolver a equidistribución de cargas e beneficios' e de 'recuperación das plusvalías xeradas para o municipio', que no conxunto parece pódense traducir a linguaxe común como concentración dos beneficios e desfacerse das cargas: aí está o sacar os vendedores ambulantes do lugar e o unilo coa vila, onde si hai comercio fixo e con influencia na espera de clientes. Seguirá.
--
Seguiu aquí.

20180111

Alguén se lembra das Catedrais?

Das Catedrais? Refírome non para empregalas como arma arroxadiza nin como galiña dos ovos de ouro, senón para reflexionar sobre o seu futuro, por exemplo estimando o plan especial, vendo os seus entresixos... En principio, o tempo de alegacións remata a próxima semana, e polo que parece, o coñecemento do plan é máis ben escaso ou nulo, preferindo na práctica o seu uso sen máis (e polo tanto, potencial abuso), sen pulsar as consecuencias, que o estudo do uso adecuado.
Non de outro xeito se pode interpretar que mentras que non xurdiron novas sobre alegacións ou simples comentarios, aínda onte na prensa un grupo político inclúa as catedrais no resume anual só como sona para Ribadeo, 'coma sempre'.
E é que, se Ribadeo e o mundo cambia, as Catedrais tamén. E boa parte do seu cambio, para ben ou para mal, responde á nosa actuación.
Certo que o plan é farragoso para ler, con múltiples leis e normas de referencia, ás que ás veces alude con citas e outras de xeito xenérico, incluíndo partes onde a xente non iniciada está, sinxelamente, perdida (ver ilustración abaixo sobre as cores de uso)
Táboa na p.49 do documento, sen compañía visual das cores ás que se refire
Aínda así, só a modo de curiosidade nunha ollada rápida, o plan redactado presenta sorpresas que incitan á súa letura. Por exemplo, un resume do orzamento do concello do ano 2015 como non pareceu ata o momento en ningún documento que eu vira (p.57-58) e que copio abaixo:

Ou os prazos previstos dentro das propostas do propio plan, xunto cos seus custes anuais:

Que o desfrutes!
--
O anterior.
E o anterior máis.

20180402

Revisitando As Catedrais na documentación xa aprobada

    Un artigo en Facendo Camiño (o blog de Iván Rodríguez Lombardero) lévame a lembrar algo semellante, moito menos elaborado e moito menos extenso, sobre As Catedrais, que fixera no blog hai xa tempo.
    Non me refiro ó parágrafo "O Plan Especial (de agora en diante, PEC) da unha sorpresa de novo na p.16, punto 5.1.1. cando di claramente que os visitantes, en determinadas épocas do ano 'superan ampliamente a capacidade ecolóxica', que cada vez hai menos terreo para hábitats naturais e máis plantas invasivas, cunha zona de intensa acción humana... o que redunda na calidade da oferta turística do propio concello" publicado en decembro en 'Perigos nas Catedrais', nin á testemuña de 'Unha volta polas catedrais', nin tampouco á evidencia de que os números previstos pola Xunto son papel mollado ('Tódolos días, agás un') ou que o descontrol é algo evidente ('Habitudes', 'Domingo nas Catedrais'), senón máis ben ás cousas sobre o deterioro  debido ás cantidades de xente (Tres fotos das Catedrais), Mirando os números das Catedrais ou 'Os turistas poden, os de Ribadeo non', precedidos de advertencias sobre os tres niveis de impacto contemplados para o cálculo de visitantes.
    Agora, Facendo camiño fai unha lectura detida sobre os cálculos que levaron ó número máxico e incumprido de visitantes, e recomendo a súa lectura. Non, non explica que se caigan pedras, proceso natural incrementado despois dunha época de chuvia nunha zona agredida de diversos xeitos, pero si da unha boa idea da liviandade do tratamento xeral que se ten dado ás Catedrais.
    Por certo, hai outro artigo do blog, 'Cando as as barbas do teu viciño...' que tampouco viría mal repasar, despois de constatar que trans un primeiro momento vanse superpoñendo capas de discusión que sepultan a morte debaixo dunha 'causa inicial'.
    Noutra orde de cousas, despois dun primeiro momento de mangaconombro, hoxe a conselleira xa dixo pola radio que non era responsabilidade súa... e que era un proceso natural en todo o Cantábrico. coido que en ambas cousas se equivocaba: nunha, por incumbencia contractual, se non legal directamente, e noutra, porque se As Catedrais fora igual que todo o Cantábrico, non habería unha soa praia das Catedrais, senón múltiples...
--
    O artigo de Facendo Camiño:

Revisión crítica do estudo da capacidade de acollida do MN As Catedrais.

O estudo da capacidade de acollida do Monumento Natural de As Catedrais, contido no Anexo III do Decreto polo que se amproba o seu Plan de Conservación, é a base que sustenta a limitación do acceso á praia en 4.812 persoas/día. O estudo, criticado xa polo xeógrafo Vidal Romaní en datas precedentes, contén un bo número de incongruencias que deben levar a desbotar a súa validez a eses efectos. Preténdese neste artigo analizalo co detemento preciso.
O estudo baséase na proposta de Cifuentes (1992) para espazos protexidos de Latinoamérica, modificada por Gómez-Limón García, J. y García Ventura, D. (2014) para adaptala ás singularidades de diferentes parques nacionais do territorio español. Trata de establecer un límite ó número de persoas que pode visitar un espazo sen prexudicar de xeito significativo o mesmo e mantendo unha experiencia turística de calidade.
O método diferencia a capacidade de acollida física (CAF) que ven a indicar a xente que colle no espazo da capacidade de acollida ecolóxica (CAE) que serve para limitar esa cantidade en función do impacto no ecosistema.
Capacidade de Acollida Física
A CAF calcúlase multiplicando as personas que collen na superficie do Monumento polas quendas que poden entrar nel nun día. Calcúlase a xente que colle medindo a superficie media do areal (estímase unha superficie media en marea baixa de 50.000 m2) e nas zonas visitables da zona superior (sendeiros internos do Monumento Natural (2.000 m2), restaurante (2.200 m2), aparcadoiro (1.750 m2) e merendeiro (1.700 m2). A superficie total visitable suma 57.600 m2.
Obsérvase que o estudo suma a superficie fóra da praia á do areal, cando a limitación de acceso está a aplicarse só para o areal.
Para definir o espazo que precisa cada persoa téñense en conta 3 posibilidades: un criterio de uso intensivo (5 m2/visitante), medio (10 m2/visitante) ou baixo (25 m2/visitante). Un espazo protexido de pequena dimensión e un enorme atractivo natural debera optarse polo estándar máis baixo (aínda que ter unha persoa a 5 metros de distancia todo o tempo tampouco semella ser un uso baixo).
O estudo opta, sen máis xustificación, por un criterio de uso medio. Obtemos dese xeito un dato de partida de 5.000 persoas na praia e 700 fóra dela, un total de 5.700 persoas simultáneamente no Monumento Natural.
A continuación o estudo calcula cantas quendas de visita collen no monumento, para o que divide as horas nas que a praia é visitable (estima 4 horas diarias) polo tempo necesario para visitala (estima 1,5 horas). Para a zona superior establécese unha dispoñibilidade de 12 horas e tamén 1,5 horas por visita a esta zona). O resultado son 2,66 quendas de visita á praia e 8 quendas de visita á zona superior.
Multiplicando a xente que colle simultáneamente polo número de quendas o autor obtén unha CAF de 19.420 visitantes diarios (13.300 na praia e 6.120 fóra dela).
De terse empregado o criterio de ocupación baixa, o resultado sería de 7.768 persoas, delas 5.320 na praia.
Capacidade de acollida ecolóxica (CAE)
A CAE tenta de determinar o número máximo de persoas por encima do cal comezan a aparecer impactos críticos e/o irreversibles ca dinámica natural dos ecosistemas non pode restaurar, tendo en conta aspectos como a resiliencia dos sistemas afectados ou limiar de cambio aceptable (LCA).
A calquera persoa mínimamente formada no eido ambiental non se lle escapará a complexidade da valoración apriorística da resposta dun ecosistema á acción humana: calquera modelo que pretenda facelo suporá unha enorme simplificación. Neste caso a capacidade de acollida ecolóxica estímase multiplicando a capacidade física antes calculada por coeficientes redutores en forma de porcentaxes -os factores de correción- que consideran, din as autoras, variables físicas, ambientais, biolóxicas e de manexo.
Os factores empregados para identificar aqueles impactos críticos que poidan supoñer restriccións totais ou parciais do uso público, así como plantexar medidas correctoras naqueles casos nos que os impactos sexan moderados e/ou reversibles, son os seguintes:
  • a) Factor de erosividade (FCero)
Estima a proporción da superficie do monumento natural que presenta riscos de erosión en función da pendente e do comportamento das visitantes. Considera que pendentes por baixo do 10% presentan risco 0, entre 10 e 20 risco 1 e superior a 20 risco 1,5, polo que multiplica eses valores pola proporción de superficie neses intervalos de pendente obtendo un coeficiente de 0,66. Este valor mutiplícase pola CAF reducindo o seu valor a un 66% do orixinal.
O cálculo do factor non está descrito nin xustificado axeitadamente no documento. Fálase de diferentes tipos de substrato que non son tidos en conta. Desbótase a erosión nas zonas de baixa pendente cando é precisamente nestas zonas sobre os cantís onde máis erosión aparece. Dáse o máximo valor ás fortes pendentes cando son rochosas e nelas non hai circulación de visitantes. En definitiva, substitúen a erosividade pola pendente do terreo.
  • b) Factor de marea (Fcmar) (só de aplicación na zona do areal)
A influencia da marea considérase como limitante do espazo na praia, considerándose no cálculo só as épocas de elevada demanda (Semana Santa e verán). Enténdese que hai 8 horas non aproveitables cada día das -segundo Meteogalicia- 14,03 horas de luz medias, obténdose unha proporción de tempo aproveitable do 0,43.
Lonxe de ser un factor ecolóxico, trátase dun axuste da superficie antes calculada para a marea baixa, reducindo a extensión media durante o horario de visitas a unha cifra inferior á metade do máximo.
  • c) Factor de precipitación (FCpre)
A precipitación considérase un factor nos casos en que a choiva é superior a 4mm diarios. A proporción de días sen eses niveis de precipitación na estación da escola Pedro Murias nos días de Semana Santa e verán, é de 0,87.
Non é tampouco un criterio ecolóxico senón un condicionante turístico.
  • d) Factor de superficie disponible (Fcsup) (só para a parte superior do Monumento)
Estímase para axustar a superficie efectiva á visitable, mediante un cociente entre a extensión das zonas de acceso público e a superficie total do Monumento fóra do areal. Ten un valor de 0,79.
Coeficiente redundante, dado que a superficie empregada nos cálculos excluía xa a zona non visitable.
  • e) Factor de vegetación (FCvex)
As autoras recoñecen a degradación actual da vexetación, pero entenden que unha vez implementado o Plan de Conservación os efectos non serán significativos sobre a vexetación protexida, e consideran que tampouco o serán sobre a que non o está. Non se calcula coeficiente reductor debido á vulnerabilidade da vexetación ó pisoteo, o que supón na práctica un coeficiente de 1 (ausencia de vulnerabilidade).
Sorprende que no mesmo apartado se comece admitindo un impacto actual importante e se remate coa insignificacia do mesmo. Enténdese polas autoras que grazas a unhas pasarelas que non existen non haberá pisoteo e tampouco impacto.
  • f) Factor de fauna (FCfau)
Análogamente ó caso da vexetación, enténdese que non é significativo o impacto sobre a fauna, polo que se aplica un coeficiente de 1.
Sorprende o desprezo das responsables do estudo pola análise da degradación da vexetación e da fauna nun espazo protexido tamén polos seus valores ecolóxicos e non só xeolóxicos, e sometido á maior presencia de visitantes de toda Galicia.
  • g) Factor de impactos derivados del comportamiento de las personas visitantes (FCvis)
Remata a lista de coeficientes empregados cun factor que valora a proporción de "días de non aplicación de limitacións pola escasa afluencia" (todo ano excepto Semana Santa máis 3 meses no verán) fronte ó total de días, obténdose unha proporción de 0,72.
Trátase dun coeficiente que propón unha redución da cantidade diaria de visitantes proporcional ós días sen limitación no ano. É dicir, que se a limitación de acceso fóse aplicada todos os días o coeficiente sería 0 e non podería pasar ninguén ó Monumento Natural.
Finalmente, a CAE estímase multiplicando ós valores iniciais de Capacidade de Acollida Física por estes coeficientes, excluíndo -de acordo co texto- para a zona do areal os de "erosión" e "superficie" e para a zona superior o "coeficiente de marea".
Dese xeito, para a zona do areal obtéñense, para o criterio de ocupación medio finalmente adoptado:
CAE areal = 13.300 visitantes/día x (0,43 x 0,87 x 0,72) = 13.300 x 0,21 = 2.792 visitantes/día
CAE zona superior = 6.120 visitantes/día x (0,66 x 0,43 x 0,87 x 0,72) = 6.120 x 0,33 = 2.020 visitantes/día
A suma desas cantidades é a que da o total de 4.812 persoas diarias que está a aplicarse na actualidade.
Conclusións
  • Sorprende saber que o modelo empregado pola Consellería establece un máximo de 2.792 visitantes diarias para a praia, admitíndose as restantes 2.020 visitantes no resto do espazo protexido. Porén, na actualidade a suma total está a empregarse como límite para o acceso ó areal, non estando implementada 3 anos despois limitación alguna ó respecto da zona superior.
  • Sorprende tamén que eses valores sexan produto dun erro, xa que a multiplicación dos tres coeficientes de aplicación á praia dá 0,27 e non 0,21. O 0,21 xorde de multiplicar ese 0,27 polo coeficiente de superficie 0,79, é dicir, débese a ter aplicado ó areal un coeficiente que o propio texto di que é de aplicación só na zona superior. De aplicarse o valor correcto de 0,27, a capacidade de carga resultante para a praia sería de 3.591 persoas diarias.
  • Finalmente, de aplicarse un criterio que priorice a conservación como é "de lei" nun espazo protexido habería que optar polo criterio de ocupación baixo, é dicir, polo CAF de 5.320 para a praia e 2.448 para o resto do Monumento Natural. Nese caso os valores obtidos para a Capacidade de Acollida Ecolóxica serían: CAE praia = 5.320 x 0,27 = 1436 visitantes/día, e CAE zona superior = 2448 x 0,33 = 800 visitantes/día*
  • En todo caso, a realidade é que os coeficientes de erosión, de superficie e de comportamento dos visitantes empregados, como pode deducirse deste somero análise, carecen de calquera rigor, servindo únicamente para reducir o valor físico inicialmente calculado a unha cifra que se considerou aceptable. Deben ser substituídos por unha análise rigorosa da capacidade de acollida e resiliencia dos ecosistemas presentes no Monumento Natural.
* De aquí xorde probablemente a cifra que propón Vidal Romaní para o acceso ós cantís.
NOTA FINAL: En definitiva, estes números non teñen en conta consideración ecolóxica algunha e non se poden considerar máis ca un axuste arbitrario dunha CAF arbitraria, e en nengún caso unha avaliación da Capacidade de Acollida Ecolóxica, xa que a ese respecto nin se analiza a degradación dos ecosistemas, nin a resiliencia das formacións, nin se aplicaron estudos sobre impactos do recreo na vexetación ou na fauna realizados noutras contornas similares a este espazo.

20190411

A praia das Catedrais, atacada por quen tiña que protexela

Case mellor que un  novo escrito, unifico forzas e reproduzo a nota de prensa da Sociedade Galega de Historia Natural que se pode ver na súa web:

Segundo as novas e fotografías publicadas nos medios de comunicación, a Xunta de Galicia está a colocar sinais de perigo de desprendimentos directamente sobre as rochas nos cantís e covas da Praia das Catedrais, espazo declarado Monumento Natural e Zona de Especial Conservación.
A colocación de calquera tipo de cartel ou sinal directamente sobre o elemento que se trata de protexer – sexa éste unha rocha nunha zona de valor xeolóxico ou paisaxístico, un petróglifo, unha mámoa ou unha árbore senlleira – constitúe unha degradación e atentado do elemento do patrimonio natural ou cultural, así como un pésimo exemplo para a cidadanía por parte, precisamente, dun organismo oficial encargado da súa protección.
A acción de taladrar as rochas dos cantís para colocar os carteis constitúe “un deterioro das formacións xeolóxicas”. Polo tanto é unha actividade prohibida polo Artigo 8.2.a. do Plan de conservación do M.N. Praia das Catedrais (Decreto 80/2015):
“A destrución e deterioro das formacións xeolóxicas presentes no espazo, incluíndo a realización de pintadas ou gravados sobre as paredes dos acantilados e a substracción de materiais”.
Polo devandito, SGHN ven de solicitar á DX do Patrimonio Natural que se proceda de inmediato á retirada dos carteis instalados directamente sobre as rochas e cantís e á súa substitución por outros que respecten a normativa vixente no espazo natural

20160929

A catedral da contradición

Onte e hoxe as Catedrais son nova. Onte, polo anuncio no DOG de que a aprobación do plan especial de protección das Catedrais non vai sufrir retrasos por cuestións medioambientais tras facer reformas menores. Hoxe, pola rodaxe de 'A lenda do mar azul' nas Catedrais. A foto corresponde ó acompañamento da nova de hoxe na web do concello. A mesma web na que, se se vai mirar sobre o desbloqueo do plan non se atopan nada nestes momentos, a pesares de ser un plan de protección promovido plo concello, inserta unha foto na que varias persoas están ó tempo sobre un arco debilitado mentras está clara unha cinta provisional -das que se usan en accidentes e accións policiais- para evitar que a xente se achegue ó cantil, onde se ve unha morea de persoas, mentras ó pé das rochas os curiosos toman fotos, máis ben parece que da movida sobre o arco que do propio arco. A mesma web que ten publicado fotos criticando abonda menos xente sobre os cantís.
Resulta que por un lado din que se protexen as Catedrais e por outro se celebra que se rode unha serie que estenderá máis aínda a base de visitas á praia mentres este verán se chegou ó tope oficial abondos días e se sobrepasou a conta de taxis, bus, hoteis... e a vixiancia relativa. Celebrándoo cunha foto que coido vai en contra dos numerosos carteis  que promoven a seguridade da xente que se achega e a protección da mesma beira fronte á súa destrución.
Veremos 'The legend of the blue sea' na tele ou en internet, vai que si, e admiraremos en diferido a marabillosa paisaxe que temos ó pé da casa para que o admiren os turistas. Aproveitaremos o tirón económico, claro. E ó tempor rizaremos o rizo falando de protección. Así, cando por exemplo se caia o último arco, choraremos a perda, tentaremos sacar zume da columna que quedará e esqueceremos que a protección antural dos arcos levaría a unha duración maior, mais a indefensión da cuberta vexetal deixa sen terra protectora as rochas do cume do arco e acelera a súa destrución.
Cando van botar o capítulo da serie? Aficionarémonos a ver 'The legendo of the blue sea' ou 'A lenda do mar azul' a causa dese capítulo? Pasará a ser a protagonista megaestrela tamén aquí? Cantas preguntas por responder!

20190416

As Catedrais, de xeito periódico: esquizofrenia catedralicia

   Co valor ambiental e económico, e o movemento ligado ó ciclo anual, xa temos de novo nos medios a ración asegurada de Catedrais. A máis, nesta primavera, hai novidades. Despois da morte dunha visitante por impacto ó desprenderse unha rocha do teito dunha cova, a prohibición de recorrer o alto do cantil, o alucinante dos carteis cravados nas rochas que teñen que protexer, o horario limitado dos vixiantes que permite facer visitas fóra do mesmo, os anuncios nas redes lembrando que hai xeito de evitar a limitación de número de visitantes, a marea que non coincide cando quixera a xente que ven (ou sinxelamente, que non lles cadra que exista), a pretensión de C's de lembrar a España que Lugo ten mar (debe ser que aínda non visitaron as catedrais...) etc, hai que cobrar alento para procurar algún sentido a todo o conxunto.
   Resulta que o plan de especial protección das catedrais está en marcha, despois de liortas varias que aínda saen a relocer coleando de tanto en tanto. E que especifica diversas cousas, esteñamos ou non de acordo, e estase máis ou menos a aplicar (por fases, iso si...) Pero, no medio, a vida continúa, o que ocorre e o que se fai ten consecuencias, e pode crear monstruíños, como aquel clásico goyesco do soño da razón.
   Sobre a morte da visitante, o xulgado zanxou o tema a nivel legal polo momento, pero esas cousas poden volver xurdir en calquera momento, sexa pola apelación do fallo ou pola procura dunha oportunidade política lembrado cousas pasadas. Ou acaso non saía onte mesmo un partido político, a conta da pesca, para lembrarlle 'a toda España' que Lugo ten mar? Apunto o de 'a conto da pesca' porque podería parecer unha base válida, sobre outro tema, pero se mal non lembro, as cotas de pesca seguen un principio de reparto basado en autonomías, e a estrada, citada a raíz da pesca, soporta toda a actividade económica, sendo a pesca, con toda a súa importancia, unha máis das actividades soportadas pola estrada...
   En canto á limitación de prazas de acceso diario, se a xente se informa un mínimo sobre a praia a visitar, chega á limitación. E a pouco máis que indague, chega a como saltarse dita limitación. Sexa de xeito legalizado, por estancia en hotel ou transporte de aluguer ou billete, sexa por horario, de xeito alegal (que non ilegal). Por exemplo, hoxe mesmo 16/04/2019, antes de que o persoal estivera por alí, debeuse poder entrar na praia en marea baixa. De xeito máis oportuno que con pase e a media tarde, sen ese pequeno detalle da marea adversa, e sen a compensación de camiñar polo cantil, a esas horas tamén vixiado. Claro que hai unha semana, nin vixiantes por baixo nin por arriba, para saltar entre as rochas ou por riba dos arcos...
   Polo que parece, o principal inconvinte para visitar as Catedrais estes días non vai ser outro que unha causa natural: a marea. Na España interior iso da marea pode non comprenderse moi ben, a pesar de estudarse na ESO, porque a xente maior non ten por que ter feito a ESO, e quen a fixo puido non ter o rendemento adecuado. E á xente do Mediterráneo, afeita a mareas duns poucos centímetros, tampouco deixa de sorprendelles. Vamos, como case todo nas Catedrais, comezando polos carteis de benvida en plan provisional coa ristra de normas e consellos. Ía poñer cutre en troques de provisional, mais sempre queda a esperanza de que rematarán facéndoo mellor, con máis tempo que supoño que non terían dende a aprobación do plan hai xa anos, en plural. E ós estranxeiros? Pode darse tamén o caso, claro, pero diría que os estranxeiros que se achegan ó monumento natural teñen as cousas máis claras porque prepararon máis a visita.
   Volvendo ó comezo, as Catedrais volverán ser noticia co comezo do verán, por calquera incidente ou trifulca política en calquera momento, pola realización dalgunha película ou serie alí (sen carteis visibles, claro... ou non) máis ben en tempo de poucos turistas, pola reportaxe dalgunha revista ou televisión ou clasificación nalgún lugar competitivo... ou polo impacto económico que está a mover normativa e noticias. Ás veces, será cun comentario acaído, informado, lóxico, e outras, podendo ser tamén informado, serao ó tempo por algo non tan lóxico, nun tempo en que conectar lóxica e noticia non ten por que ser moeda de cambio.

20160601

Exercicio de comparación sobre os plenos

Vin onte martes a prensa e despois a nota do concello sobre os plenos de luns. E entón, ocorréuseme facer hoxe esta proposta no blog: poñer a nota de prensa do concello e propoñer a súa comparación co que hoxe mércores saia nos xornais. E así o estou a facer, engadindo só unha imaxe allea ó tema en troques do embotellamento nas catedrais que ilustra a nota do concello.
'O Concello solicitará á Deputación a cesión de varios viarios de titularidade provincial do entorno da praia das Catedrais. Este foi un dos acordos adoptados no pleno ordinario celebrado onte luns, no que tamén se acordou tratar durante este ano 2016 unha baixada do IBI para as vivendas vinculadas a explotacións agrícolas. Na sesión extraordinaria, que houbo antes, aprobouse por unanimidade o expediente para a concesión do título de Cronista Oficial de Ribadeo a Eduardo Gutiérrez.
O alcalde, Fernando Suárez,  destacou "a unanimidade que houbo en ambos os dous plenos no extraordinario no que se designou a Eduardo Gutiérrez como Cronista Oficial de Ribadeo, a falta agora doutro pleno onde de maneira formal e solemne se lle faga entrega da acreditación para tal mérito. Destacar como digo o compromiso de toda a Corporación, de todos os grupos, como sempre digo aínda sendo diferentes en aspectos importantes como penso que tamén foi este, todos demos unha idea de unanimidade ao Concello".
O rexedor explicou que "no que ten que ver co pleno ordinario moitos dos puntos eran referidos a dacións de contas sobre os períodos medios de pago e as liquidacións do orzamento xeral do exercicio 2015. Dentro do período medio de pago aos provedores previsto no real decreto 635/2014 cumprimos, estamos dentro dos parámetros que se esixen aos concellos. E este recoñecemento extraxudicial de creto ten que ver con facturas que os provedores presentaron en ano natural diferente ao que deberían. Non é culpa do Concello senón deses provedores que, estando advertidos de que deben presentar as súas facturas antes do 31 de decembro de cada ano, fano no ano seguinte e iso xera un trastorno na contabilidade que é necesario resolver como fixemos neste pleno".
O alcalde ribadense relatou que "outro punto de interese foi aprobado, non por unanimidade pero practicamente con dúas abstencións, o que ten que ver coa petición á Deputación Provincial da cesión de viarios de titularidade provincial na zona das Catedrais. Hai que ter en conta que o Concello está na redacción dun plan especial de todo ese entorno, e o equipo redactor técnico suxire que debe ser o Concello quen de maneira determinante xestione todo ese ámbito no que hai moitísimas administracións, que moitas veces no ámbito das súas competencias chegan a contradicirse entre si".
Fernando Suárez contou que "foi tamén adiante a estimación parcial dunha alegación contra aquela modificación da ordenanza medioambiental para que os cans puidesen frecuentar espazos públicos habilitados para tal fin. Mantemos a esencia do que aprobamos no pleno anterior, pero limitándoo á época estival que é cando realmente pode haber máis problemas porque no resto do ano non detectamos ningún problema porque alguén vaia co seu can pasear por calquera praia".
O rexedor manifestou que "no que ten que ver coas mocións, houbo unha moción inicial do PSOE que expuña unha serie de revisións do IBI para o futuro. Ao noso xuízo criamos un pouco vago e un pouco indefinido ese plantexamento e que non se adaptaba á lexislación vixente. Por parte do goberno propuxémoslle ao concelleiro do PSOE unha proposta de emenda que foi secundada por ese concelleiro e tamén polos demais grupos da Corporación. Acordamos todos por unanimidade tratar neste mesmo ano a modificación da ordenanza do IBI para a redución da carga impositiva dos edificios vinculados ás explotacións agrogandeiras, dentro da capacidade estrita que a lei permite, singularmente e unicamente aqueles que estean de alta. Tamén aprobamos tratar o compromiso de inclusión ou de revisión da ordenanza fiscal doutras bonificacións potestativas que tamén están recollidas na lei de facendas locais como as relativas ao aforro enerxético ou tamén a familias numerosas".
Suárez Barcia engadiu que "tamén aprobamos unha declaración institucional sobre o apoio unánime do Concello de Ribadeo aos traballadores e traballadoras da planta de aluminio en San Cibrao, pola súa incerteza nestes últimos tempos sobre unha posible venda desa multinacional americana a non se sabe moi ben quen e as consecuencias que iso pode ter".
Finalmente o rexedor concluíu sinalando que "houbo unha serie de rogos e preguntas feitos pola oposición que intentamos sempre cumprir na medida do que podemos, como máis papeleiras ou algunha fonte que se pediu nova e intentaremos ir cumprindo nas seguintes semanas".'
Imaxe dun dos moitos 'xardíns colgantes' que aparecen nos lugares máis insospeitados Ribadeo adiante.

20180312

Revisando a fin de semana en Ribadeo: Catedrais e Rueiro

   Vexo que este fin de semana en Ribadeo deu lugar a dúa novas pequenas pero que me chamaron a atención e diversos motivos e por iso paso a comentar.
    A primeira, un artigo  (1/3 de páxina) na Comarca, 'comentarios al plan de protección de As Catedrais', do 'Grupo Municipal del PP de Ribadeo'. En castelán. Di que no plan 'se observan cosas muy raras', xa no primeiro parágrafo. Entendo que se refire ó 'Plan especial de As catedrais' que teño comentado varias veces de xeito parcial, por partes, e sen rematar, de forma abondo máis extensa que a que aparece na Comarca e... en tempo. E é que, publicada a aprobación inicial no DOG de 16 de novembro de 2017, daba un prazo de dous meses para formular alegacións. Prazo que rematou hai case dous meses, polo tanto. E que aparece no segundo parágrafo como unha contradición en contra do plan...
    A segunda, que por fin está a dispoisición o libro ('folletos turísticos') 'Roteiro pola historia de Ribadeo', que ven a ser o prometido hai meses coas novas placas de Sargadelos das que levo exposto fotografías e falado tamén varias veces nestes últimos tempos no blog (Máis placas de Sargadelos informativas, Letreiros para coñecer Ribadeo, Placas de Sargadelos ilustrando o rueiro de Ribadeo, Nota do concello: Arte e historia. Rúas e Sargadelos). Pois iso, por fin saíu á rúa e pódese adquirir por 1,5 € na oficina de turismo, segundo a nota do concello. A nota chamou a miña atención por varias cousas. Unha, que segue sen ser público o custe das placas, ó que xa me teño referido. Outra, que non se fala nada do retraso sobre o tempo de publicación falado. Outra, o aproveitamento da petición / anuncio tras ser recollida, de museo de Ribadeo como pobo, obviando/esquecendo as rutas xa establecidas de indianos, de comerciantes... Indicación non obstante que estimo moi válida nun pobo como Ribadeo. Aparece ademáis, en nota de prensa, a figura de Carlos Longarela, arquitecto do ARI e autor da parte gráfica, dato para min descoñecido ata o de agora, aínda tras ser coñecido que o autor dos textos é Eduardo Gutiérrez, cronista oficial e exalcalde (entrada na Galipedia).
    Deixo a foto, tamaño orixinal na web do concello, e a continuación a longa nota de prensa:

A PRIMEIRA TIRADA É DE 1.200 EXEMPLARES
Roteiro pola historia de Ribadeo
10/03/2018
No salón de plenos do Concello presentáronse esta mañá os folletos turísticos denominados Roteiro pola historia de Ribadeo, e nos que se recollen os debuxos e textos das máis de 30 placas de Sargadelos colocadas en rúas, prazas e lugares de Ribadeo. Están editados en catro idiomas: inglés, francés, español e galego e estarán á venda na Oficina de Turismo ao prezo de 1,50 euros. No acto participaron o cronista oficial de Ribadeo, Eduardo Gutiérrez, o arquitecto municipal Carlos Longarela, o concelleiro de Cultura, Farruco Graña, e o alcalde, Fernando Suárez.
O rexedor dixo que "isto é algo moi importante para reafirmarnos como un pobo que leva aquí moitos séculos, que ten moita historia e que moitas veces o tempo vai pasando e as xeracións que van vindo non saben nada do que outras deixaron atrás. Para iso quixemos abusar da experiencia, da historiografía e da sabedoría do cronista oficial, Eduardo Gutiérrez, para pedirlle que o seu coñecemento fose botando luz enriba de pasaxes históricos en diferentes rúas e espazos da vila. Para iso tamén nos apoiamos en Carlos Longarela, arquitecto que nos ratos libres, porque no ámbito do día a día tempo pouco tempo, pero fóra de horas foi facendo os debuxos, moitas veces con orientación do propio cronista oficial. E todo iso metémolo nunha máquina moi potente e moi bonita, que é Sargadelos, onde lle deron o deseño final, e o resultado das placas está aí para ver desde hai un par de meses, penso que con moi boa acollida".
Suárez Barcia sinalou que "aparte diso, que é o que máis perpetuamente vai quedar nos espazos públicos, quixemos tamén difundir esta mensaxe en varias linguas, porque sabemos que Ribadeo cada día é máis turístico, cada vez ven máis xente de fóra que se interesa e gústalle isto que está vendo polas rúas e queremos que teña a oportunidade indo á oficina de turismo e mercando un libriño no que figuran todas estas placas cos debuxos, cos textos e nalgúns casos cunha explicación máis grande. Quixémolo facer en francés, en inglés, en castelán e en galego".
O alcalde explicou que "fixemos unha primeira edición de 300 folletos en cada idioma e estamos convencidos de que dentro de pouco teremos que facer novas edicións. Desde mañá mesmo están a disposición de calquera que se achegue á oficina de turismo de Ribadeo ao prezo de 1,50 euros, polo que realmente non lle gañamos nada, pero o que pretendemos é difundir a historia local".
O cronista oficial, Eduardo Gutiérrez indicou que "na publicación que se presenta hoxe, cun pequeno engadido sobre a que recollen as placas, destácanse trinta e tres lugares vencellados á historia de Ribadeo en diferentes épocas: a medieval, onde se pode seguir o itinerario da muralla reparando na indicación das portas e dos restos que quedan; tamén se sinala a ubicación da Colexiata, onde antes estivo a igrexa parroquial. Sublíñanse igualmente edificios vencellados á aboenza liberal da vila, á súa tradición comercial, cunha clase acomodada e culta, que ergueu a Escola de Náutica, o Teatro e o Círculo de Recreo, as casas armadoras e de banca, que naceron do porto entendido como lugar estratexicamente situado, como fondeadeiro e abeiro, porque non acadou unhas instalacións portuarias que merecesen tal nome. Con todo, da súa importancia dá proba o Forte de San Damián, do século XVIII. E xa no XIX o cargadoiro de mineral de ferro, ao tempo que abrollaban obras e dotacións da man dos indianos enriquecidos en América: a Praza de Abastos, o Cemiterio, a torre dos irmáns Moreno, etc. Tamén se lembran singularidades como os lavadoiros, tal o sonado Pipelo, que durou perto de catrocentos anos".
Na súa intervención Gutiérrez manifestou que "mais dese pouso ilustrado e liberal do século XIX destacan a Sociedade Filantrópico-Dramática de 1835, que ergueu o Teatro, a Sociedade de Fomento que promoveu a Escola de Nautica e o sucesivo Colexio de San Luis. Aparte disto cómpre destacar o escintilante Círculo de Recreo, fundado en 1851. Xa noutra ocasión sinalamos como clarificadora a anécdota que recolle un cronista local, segundo a cal cando en 1858 a raíña Isabel II visitou Lugo, as autoridades provinciais solicitaron en depósito do Círculo os mobles para decorar as estancias onde se aloxaría a raíña, que era nada menos que o Pazo Episcopal".
O cronista oficial rematou salientando: "a boa acollida que tivo a instalación das placas que conforman o roteiro pola historia de Ribadeo, son unha incitación e un estímulo a prol dun Museo, que trasladamos á Alcaldía para o seu estudo e consideración, coa petición de que acolla a idea co mesmo interese e dedicación que puxo na confección das placas. O concepto de Museo ao uso cambiou efectivamente e hai cidades que inclúen nel rutas deste tipo, aparte de varias sedes. Certo que aquí comezamos co último, que xulgamos unha boa medida para avaliar a opinión pública, cuxa colaboración se requeriría tanto no acopio de materiais, como noutros aspectos, co obxecto de facer o proxecto viable. Estimado señor Alcalde: isto é unha celada, que rogamos disimule acolléndonos á existencia delas na muralla, con outros fins, pero igualmente solapados. Aínda que, ben mirado, isto ten pouco de trapela, no sentido literal de encerro. É apenas unha suxestión. E, desde logo, cordial".
E o concelleiro de Cultura, Farruco Graña, dixo que "ter a ocasión de ter nas nosas mans estas breves reseñas históricas é sempre unha boa nova porque dan pulo á nosa actividade cotián. Non se trata de mirar para atrás con ton fachendoso, senón de facelo para sentírmonos orgullosos do que fomos e do que podemos seguir sendo, pero para trazar ben o camiño é indispensable coñecer de onde vimos. Trátase de poñer en valor, pero non só pensando na xente que vén de fóra, que está moi ben que veña, senón en nós mesmos; todos os cidadáns e as cidadás de Ribadeo é bo que saiban da súa historia, os que acabamos recalando nestas terras é bo que establezamos ese vínculo co que foi Ribadeo para facelo noso e proxectar cara o futuro todas as nosas ideas e os nosos proxectos. E nese sentido é fundamental que de cando en vez nos paremos e poñamos negro sobre branco, neste caso habería que dicir ton azul, que é o propio de Sargadelos, sobre branco, eses fitos históricos dunha vila centenaria como é Ribadeo".

20180518

Sentidiño nas catedrais


Co funcionamento actual da protección social cando non ataca ós intereses do poder nin necesita inversión, entraba dentro da lóxica que chegara o que está a pasar: as Catedrais, cerradas.  Si, non están cerradas de todos, senón o cantil e algunha cova. Pero non o están por protección da natureza nin dos humanos (aínda que poda parecelo), senón para evitar problemas á administración. Por outra banda, a asociación de comerciantes aínda pedía esta mesma semana máis pases, esta vez para restaurantes, e agora advirte sobre os efectos para o verán. Tampouco neste caso a protección da natureza nin dos humanos parece ser o obxectivo, senón a economía dos establecementos ribadenses. O concello amosa preocupación nun tema, o das Catedrais, no que pedía protagonismo hai non moito tempo. No pobo, cada quen, dun xeito máis calado un máis vocingleiro, da a súa receita. E, mentres, os papeis dos estudos feitos tarde, coa interpretación político-económica que conviu e aínda sen aplicar en parte, parecen ser ignorados ante a premura dun feito que é tratado implícitamente neles, pero só dese xeito, implícito.
Houbo algún debate serio sobre as catedrais? Si, presentouse o estudo do plan especial, pero o mero feito de non terse presentado alegacións coido que xa indica algo. E, mentres, xa temos o problema aquí.
Nun aparte, dicir que persoalmente coido que o permitir o paso de miles de persoas é unha desprotección, e o cerrar as covas unha sobreprotección. No primeiro caso, desprotección da natureza. No segundo, sobreprotección da administración. As Catedrais non son a Gran Vía madrileña, coido que está claro. E permitir o paso dunha morea de xente non protexe o cantil, así como o peche dalgunha cova do cantil non protexe á xente que se mete noutra cova. Pero, a medida xa está tomada (de xeito provisorio, aínda antes de que sexa permitido) e o debate segue sen darse.

20180116

Dous casos


Quédome a pensar sobre dous casos diferentes de convocatorias feitas en Ribadeo: a de subvencións do ARI (convocatoria de Ribadeo e Rinlo) e a de alegacións ó Plan Especial das catedrais.
O motivo é sinxelo: A do ARI remata a fin de mes e mereceu unha lembranza, a dúas semanas do final, para que se aproveitara. O prazo total durará algo máis de 30 días (comezou a finais de decembro), abondo curto para presentar documentos elaborados que hai que encargar, para beneficio, principalmente, propio.
A do PEC, se non fixen mal as contas, remata hoxe, e non foi avisada no seu remate. Os documentos a presentar teñen que basarse nun documento previo de máis de 300 páxinas, o propio Plan, e o prazo foi de dous meses. Neste caso, o documento pódese encargar, pero a base está no que poda facer a propia persoa alegante, para beneficio prinicipalmente, xeral.
No caso ARI, a nota do concello di claramente que non se presentou polo momento ningunha proposta. No caso Catedrais non se ten idea de como vai a cousa.

20190624

Toma de posesión do alcalde de Ribadeo: lembranza de programa e discurso

Mediados de xuño de 2019. Recentes as eleccións municipais, o sábado 15, toma de posesión de Fernando Suárez Barcia como Alcalde de Ribadeo.
Para quen non estivo no acto, que sempre tenta ser emotivo, algunha lembranza no blog, xa pasados días para reflexión. En primeiro lugar, lembrar que o programa do partido que conseguiu maioría absoluta, o BNG, e ó que polo tanto pertence ó alcalde, está colgado en internet, xunto cos do resto, e polo tanto, pode facerse un seguemento ou -xa- unha comparativa co discurso de investidura En segundo lugar, o discurso do alcalde na investidura. En terceiro lugar... iremos desenvolvendo o tema ó longo de 4 anos de mandato: ha haber lugar.
Foto de gl.wikipedia.org, Lic.Recoñecemento-CompartirIgual 2.5 España
O discurso:
"Veciñas e veciños:
Outra volta elixístesme para alcalde de Ribadeo, e van catro. Unha inmensa responsabilidade á que non podo responder con simple continuidade. Queredes seguir connosco como responsables politicos desta Porta Norte de Galiza e iso é un grande agasallo. Unha chea de confianza. Son consciente desa confianza, pero tamén desa responsabilidade e pregúntome por que. (E penso que esta é unha pregunta obrigada).
A democracia expresa a vontade colectiva da xente nas eleccións. O que queredes. A vontade popular. Esa é a vontade xeral á que debemos responder nos vindeiros catro anos como intentamos atender até agora. Sen favoritismos nin arbitrariedades pero tamén sen “repunancias". Para iso vos pido a colaboración a todos e todas vós. Para que sigamos a facer un Ribadeo mellor.
Pregúntome por que nos votastes, por que me votastes tamén a min como cabeza de lista da nosa candidatura e véxome na obriga de buscar algunhas respostas:
- quizais pola nosa xestión política, pola honestidade, porque gobernamos para todos e todas, quen nos votastes e quen non. Sen favoritismos.
- quizais tamén pola nosa entrega, porque sabedes que estamos e estaremos volcados en Ribadeo.
- seguramente porque falamos con todas as persoas e atendemos a todas as persoas e valémoslles no que podemos e iso seguiremos facendo.
- porque o mellor para a maioría é o mellor para Ribadeo.
- e seguramente tamén porque non nos calamos diante de nada nin de ninguén se vemos que se cometen tropelías con Ribadeo e que a nosa xente se poida ver privada de lexítimas obras ou servizos soamente porque aquí decida votar un gobemo que, quizais ás veces, non concorda co que haxa no País ou no Estado.
E indo do máis pragmático e cotiá ao máis politico:
-Porque somos e seguiremos sendo -porque vos o queredes así- un facho do galeguismo en Galicia. O faro da Porta Norte.
-Porque nos identificamos con todo o Mundo, sabendo que este país é tan grande que chega a todas as partes e non ten fronteiras.
-Porque asumimos o legado dos homes e mulleres que hai máis de 100 anos quixeron construir unha Galicia moderna no Mundo e nos seguimolo facendo dia a día en Ribadeo... e iso ben que o aprezades... e ben que vos gusta a vos e a nós.
-Porque o orgullo de ser non rifa co de facer.
-Porque aquí, en Ribadeo, todos temos os pés na terra e a cabeza no mundo. E iso queremos tamén para a Galicia do futuro.
Hoxe toca agradecer aos que axudaron a deixar o listón tan alto como está. A aqueles que estiveron neste pasado goberno, e nos anteriores. Xente que deu o mellor de si durante uns anos da súa vida, seguramente da parte vital máis significativa, polo esforzo que lles puido supoñer conciliar a súa vida, as súas profesións (os que non estiveron liberados) para entregarse á xestión da res pública unha chea de tempo. Falo de Ana, de Farruco, de David, de Sonia ou de Vanesa, ou de Paz. E tamén falo daqueloutras persoas, coma Vicente, que estando liberado neste caso, fixo do Concello a súa casa polas mañás, polas tardes e por moitas, moitas noites.
Pero hoxe toca tamén propoñer futuro: de entrada para os vindeiros catro anos. Toca pensar en Ribadeo, na bisbarra, na provincia e tamén en Galiza enteira.
Somos modélicos en moitas cousas e mesmo somos quen de exportalas: aguantamos a especulación nos peores anos da burbulla e hoxe podemos presumir de vila e de paisaxes, e somos unha referencia.
Espantamos as malas artes da política e tamén a dereitización extremista que tanto asusta ultimamente. Ese extremismo que quere reducir as nosas conquistas democráticas e sociais en todo o Estado, mesmo en toda Europa, pero non aquí.
Non somos unha aldea gala de Asterix, xa superamos iso... somos unha Vila e un Concello forte como sempre fomos, estendida en parroquias e lugares que nos identifican e nos dan afouteza.
Agora debemos pensar en que facer no futuro:
-1) Somos dende sempre capital comercial, de ocio e agora tamén turística. Logramos manter esa posición con moita competencia; axúdanos estar onde estamos: no centro dunha ampla bisbarra que vai de Viveiro a Luarca e baixa até A Fonsagrada, pero axudou máis ainda o que fixemos e seguiremos facendo: cooperando e traballando con guen sexa necesario a prol de Ribadeo. Esa capital comercial, de ocio e turística é unha fonte de riqueza ben aproveitada e foi mellorada por nós con intelixencia, fose mellorando e coidando a ribeira da Ría de Ribadeo, as Augasantas e Carricelas (As Catedrais) ou creando a exitosa, participativa e modélica festa do Ribadeo Indiano.
Esa capitalidade é unha fonte de riqueza que debemos coidar, evitar destruir e exemplos temos dabondo ben pertiño de aqui ou moi lonxe (Venezia contaminada, afundida e "atacada" polos cruceiros ou o Everest -atascos e Iixo-...) do que non debemos facer.
Ocuparémonos de planificar os coidados da nosa galiña dos ovos de ouro para que os siga poñendo... e para que siga sendo un luxo popular ser e vivir en Ribadeo.
Seguiremos impulsando un crecemento sostible, produtivo e non especulativo. Aprobado e vixente o moderno Plan Xeral de Ordenación Municipal, aprobaremos deseguido tanto o Plan Especial do Casco Vello como o de Ordenación do entorno das Catedrais porque en Ribadeo quixemos apostar por un modelo urbanístico que promova un crecemento sostible e sobre todo que aporte seguridade xurídica. Porque queremos que Ribadeo medre, pero que o faga con sentidiño. Igual que coas politicas de rehabilitación: Varios anos de política activa para lograr a rehabilitación de inmobles, calquera pode pasear hoxe polo noso casco vello e ver o cambiado que está, e o traballo que xerou para pequenas e medianas empresas especializadas na rehabilitación. Pero fai falta máis. Queda aínda moito por facer e impulsar desde o Concello. E farémolo!
-2) Seguiremos traballando duramente polas partes máis febles dunha sociedade. Os vellos e os novos.
Onte mesmo demos un paso de xigante ao inaugurar o funcionamento do novo Centro de Atención de Persoas Maiores de Ribadeo. Unha marabilla que naceu co reclamo do pobo ao que se lle achegou a atención da mellor política e da mellor técnica. A política que fixemos desde diferentes trincheiras, pero buscando o fin común de chegar a ver isto funcionando para honra dos nosos paisanos e paisanas.
Lográmolo. Agora tocará modernizar e actualizar o Hospital-Asilo. Ben xestionado como está, pero con carencias estruturais no edificio municipal polo que a día de hoxe, dista moito de ser un lugar cómodo para a xente maior. Deberemos tamén seguir achegando servizos sociais de proximidade aos fogares da xente maior que, seguramente, é onde prefiren estar.
E pola outra banda, polos novos. debemos e queremos empezar a sacarlle os seus froitos ao Planeamento Urbanístico aprobado hai ben pouco para poder empezar a dispoñer solo público para facer un novo espazo verde útil para todo o mundo, especialmente para a mocidade, e xunto a isto, un novo campo de herba sintética multifuncional.
Queremos comprometernos igualmente coa xente nova e coa práctica do deporte, porque xa fomos quen de facer de Ribadeo un punto de encontro deportivo, do fútbol ao surf e da vela ao atletismo, pasando por tantísimos outros. Pero queremos que Ribadeo siga a ser o Concello con maior oferta de escolas deportivas municipais de toda a Mariña. Seguiremos por tanto apoiando o deporte base para todos e para todas.
-3) Ribadeo como lugar de redistribución dos recursos entre a vila e o campo.
A atención por igual tanto á vila como ás distintas parroquias é un dos nosos sinais de identidade. Ben sexa polos plans de mellora de accesos a núcleos rurais, (falado e consensuado nas súas prioridades coas asociacións de veciños), como na organización de actividades (culturais, formativas ou doutra índole dentro das competencias dun Concello), levarannos a seguir impulsando politicas de reequilibro entre a Vila e o Campo, como se merecen.
-4) Economía e ecoloxia/medioambiente van xuntas no futuro e o futuro empeza agora xa en Ribadeo:
Non hai futuro sen unha economía produtiva e non hai economía de futuro sen respecto ao medio ambiente. Non é unha opción nin unha elección. É unha necesidade para a que nos temos que preparar xa.
Se queremos que os nosos fillos e fillas teñan futuro nesta parte de Europa xa podemos ir pensando en como lograr unha economía produtiva moderna e sustentable.
Fomos pioneiros en evitar incendios ao pé das casas e aplicar as normas para evitalos; normas que non cumpre nin quen as ditou.
Tamen seremos pioneiros e modélicos en conservar o territorio como un espazo produtivo e manexado... como sabe facer a nosa xente dende sempre:
prados para leite
terras para horta, froitas e flores..
montes para madeira...
Todas as novas actividades industriais non contaminantes e de futuro vinculadas a novas tecnoloxías, terán un camiño de instalación en Ribadeo e o seu polígono. Dialogaremos e convenceremos ao Ministerio de Fomento da necesidade dun plan para abaratar as parcelas del.
-5) Queremos facer de Ribadeo a Capital galega da produción orgánica e da alimentación sá. Hoxe esa capital -no Mundo- ven sendo Nova lorke que é para onde ollamos, sempre “mar por medio" e ao Oeste (agora que xa non imos lindar con Inglaterra por mor do Brexit); pero nós mellor ainda que Nova Iorke porque alén de vender e mercar para comer san, tamén podemos producir. Somos superiores. Sabemos producir para consumir... facer os alimentos que comemos... nas hortas de Vilaselán, Piñeira e nas de Vilela, en Ove e mais en Cedofeita, etc... Traballaremos para convencer á Xunta de Galicia de reactivar dunha vez as potencialidades que ofrece o complexo formativo da Escola Pedro Murias.
Temos que apoiar os proxectos de economía de base, desde o agro á industria, desde a horta ao leite, desde a artesanía á informática. O máis noso, o froito da nosa terra, combinado coas maneiras de traballar que permiten a conservación do entorno, en vez de destruílo.
-6) E claro que si, e todo isto con unha clara perspectiva de xénero, loitando sempre en favor da igualdade, con maiúsculas, entre as persoas. Volcados na revolución das mulleres, seguiremos sendo unha referencia no apoio ás súas iniciativas laborais, educativas e culturais, para que os pasos adiante dados na igualdade entre sexos non teñan volta atrás.
Traballaremos con este goberno que formaremos con Luz, Pablo, Suso, Mónica, Pilar e Jorge. Ainda que tamén nos gustaria traballar en acadar obxectivos comúns co resto da Corporación: con Daniel, Elisa, Begoña, Elena por unha banda e con Marta e con Francisco pola outra.
En definitiva, traballaremos por vós para que vos sintades orgullosos de nós, para ser dignos da vosa confianza. Traballaremos tendo presentes os versos de hai un século de Ramón Cabanillas do seu poema EN PÉ!:
...o corazón aberto
a toda verba amiga,
e nunha man a fouce
e noutra man a oliva,...
Traballaremos meus veciños e miñas veciñas, para dar conta da afouteza de Ribadeo e da súa singularidade en Galiza, e desde Galiza para o mundo.
Tede por seguro que así o habemos facer.
Saúde, Terra e que viva Ribadeo."
 --