20201202

Doutora Sara Mandiá Rubal. Por Pablo Mosquera


Doutora Sara Mandiá Rubal

    Para un Mariñán. Para un galego. Para un Mindoñense do Concello de Cervo-Sargadelos. Ás veces pasan cousas que nos insuflan orgullo identitario. A noticia do Premio da Real Academia de Doutores de España, Premio Fundación Ignacio Larramendi, súmase ao crecente e imparable historial profesional desta moza nada en Sargadelos. E todo iso, constitúe unha razón máis para presumir e compartir o seu amor por Galicia, o seu compromiso con esta terra e as súas xentes, ao norte do norte, coa alma impregnada na maxia do Sargadelos ilustrado por aquel Marqués que un día tivo un soño entre auga, caolín, fragas e fornos de fundición. Para daquela ser herdanza que inspira a Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo e desde logo a Sara.
    E foi no ano centenario do gran mestre Isaac, cando esta Doutora, tivo un novo recoñecemento. Non é de estrañar. O seu traballo de investigación universitaria: "Presenza e nivel de actividade en redes científicas dos investigadores españois que publican en revistas de comunicación indexadas en scopus", é toda unha lección obxectiva sobre a situación actual dos traballos científicos nas redes sociais, facéndonos ver ese espazo infinito ao que acoden os humanos para comunicarse, atoparse e ilustrarse, tanto do pasado, como do presente cara ao futuro.
    A ex alumna do Instituto Marques de Sargadelos, leva unha singradura sen límites. Atrévome a prognosticar, como o fixen no seu día ante un responsable do Concello de Cervo, que estamos compartindo tempo e lugar cunha dama cuxa pegada será histórica no devir para as xeracións de mozas que toman a substitución ante o goberno do buque no que navega a sociedade civil, e como di a autora "para a sociedade, queda demostrado que a vontade maioritaria fai que as cousas cambien". Apliquemos as Tecnoloxías de Información e Comunicación con acento galaico, desde aquí e para aquí; sempre con orgullo de vello pobo, sempre coa nostalxia de pertencer ao Reino de Galicia, ¡Aí é nada!.
    Hoxe presta servizo nun gran Hospital público. O Hospital Universitario de Getafe, conta con esta Doutora experta en Documentación e Información Contemporánea tralo seu paso pola Universidade da Cidade Santa de Occidente onde a súa tese doctoral obtivo a máxima cualificación, e así realiza as memorias científicas dunha gran empresa hospitalaria que conxuga asistencia, docencia e investigación.
    Sara Mandiá pertence a unha xeración que sente Galicia nese proceso de coñecemento doutros pobos cos seus costumes e historia, pero dese xeito faise máis forte e convincente o seu núcleo esencial galaico, goza comparando o bullicio dunha capital no Estado, cos silencios só rotos pola música do vento e do auga, na súa Sargadelos de Cervo, botando de menos o son da gaita nas paredes do máxico Muiño onde San Pascual Bailón a agarda ou a escultura que Quique Guerra fixo, en óso de balea, un gaiteiro que saudará o regreso a casa dunha Doutora á que todos desexamos que algún día ou vento mareiro do nordés, nola devolva á nai terra -Ítaca- para ensinar ás súas xentes o moito que aprendeu noutros recunchos e con outros acentos. Mentres tanto, Os Aventados non só a felicitan, tamén lle desexamos mil primaveras de éxitos e felicidade.

Ningún comentario: