20170907

Festas patronais, sesión concello en espera dos fogos do sete

Este ano, o concello levantou unha comisión de festas e propiciou que a campa das festas voltara ó campo, ó antigo campo da feira, agora praza de España e Parque de San Francisco, lugar 'tradicional' de hai anos das festas. Que queden en próximos anos no mesmo lugar, iso xa é fariña de outro costal.
E as festas voltaron. Onte, mentres que a rondalla prevista para amenizar todo o pobo debeu entender que o pobo era unha tira de 150 m coa maior concentración de lugares de bebida, decateime de que cousa de media hora antes o alcalde fixo colgar na páxina do concello un bando:

A súa lectura, coa diversión por mandato, non pode menos que levantar un sorriso, misturando dito mandato con cousas abondo serias como a regulación horaria do ruído que, tamén 'tradicionalmente', se asocia ás festas. Mentres, esta mañá, abondo antes das oito, a descarga dos contedores de vidro e o ruído asociado parece non estar regulada neste concello, aínda que entendo que non se adapta ó horario de actividades que supoñen un ruído considerable.
O decreto anterior ven acompañando unha nota de prensa, que reproduzo embaixo:
Novas
PROLONGARANSE ATA O 9 DE SETEMBRO
Festas da patroa 2017
06/09/2017
O alcalde, Fernando Suárez, ven de editar un bando con motivo da celebración das festas patronais no que o rexedor desexa á veciñanza e visitantes uns bos festexos. O rexedor aproveita para felicitar á comisión organizadora polo traballo realizado e lembra que se establecen uns horarios máximos para o remate das verbenas co obxectivo de poder conciliar o dereito ao goce das festas co dereito ao descanso dos que viven nos arredores.
Fernando Suárez manifestou que "agora en Ribadeo nesta prórroga do verán que significan sempre as festas da patroa do noso concello, acabo de emitir un bando onde dalgún xeito, de maneira desenfada quero case que obrigar por decreto a disfrutar e a pasalo ben a todos os veciños, a todos os que aínda están por aquí de visitantes e a todos os amigos e amigas dos concellos próximos que sempre se acordan de nós, de vir a Ribadeo. Neste bando explicamos os días e os horarios".
O alcalde subliñou: "sobre todo quixera valorar e agradecer publicamente o intenso traballo que desenvolveu esta comisión de festas da patroa deste ano 2017, porque é un grupiño moi pequeno, sobran os dedos dunha man para contalos, e porque deron o mellor de si, cónstame, para facer as mellores festas posibles. Hai que destacar tamén o esforzo de intendencia e de apoio, e económico tamén por parte do Concello de Ribadeo que ademais estivo apoiado pola unanimidade de toda a Corporación Municipal, cousa que tamén é de valorar, de agradecer e de destacar".
O rexedor contou que "as festas practicamente empezan esta tarde con actividades para os máis pequenos, despois á noite cun grupo no Cantón, e durante esta longa fin de semana con actuacións".
Fernando Suárez lembrou que "este ano como todo o mundo sabe as festas da patroa recuperan o espazo tradicional, onde sempre foron e onde a demanda popular da xente nos indicou que se debería traballar para que volveran a este sitio".
O alcalde ribadense confía en que "todo funcione ben. Os horarios que temos autorizados son os que marcan as normativas. Hai tempo máis que dabondo para gozar e para conciliar o dereito a descansar dos que teñen que traballar e o dereito á troula e á esmorga dos que queren pasalo ben, que sen dúbida vai ser moita xente".
Fernando Suárez declara que "confiamos que entre todos teñamos unhas das festas da patroa máis importantes e atractivas dos últimos anos, por suposto sen desmerecer ningunha das anteriores".
Coido que se debe salientar a minguada representación que este ano constitúe a comisión de festas, que se sempre necesita que se lle bote unha man, este ano necesítao máis aínda, e entendo que o concello, que fixo que xermolara, está facendo esa labor. Ben ou mal, de xeito apropiado ou inapropiado, sería cousa de discutilo, pero xa que non antes, despois, non agora. Deixo unha cita curta da nota de prensa do concello do 25 de maio:
Ao fronte da comisión está Juan José Otero, como presidente, acompañado por Avelino Martínez como tesoureiro, e Inmaculada Fernández como secretaria. O alcalde, Fernando Suárez, e o concelleiro de Cultura, Farruco Graña, acompañáronos na súa presentación pública. A carón deles haberá máis xente, que xeito anónimo lles botará unha man.
E, coma homenaxe a estes tres valentes/temerarios, inclúo tamén aquí a foto da presentación da mesma nota de prensa:
O de onte (día 6) non é o primeiro bando que o concello adica ás festas. Deixo embaixo outro do día 3, que da nota do pregón (nota do concello, sobre o pregón das festas) e coido que enche espazo co programa das festas, que non leva adxunto.Pregón das festas 2017
03/09/2017
A ribadense Celia Castro Fernández, que é catedrática de Historia da Arte na Escola Superior de Arte e Deseño Ramón Falcón, de Lugo, abriu o sábado as festas patronais de Ribadeo na honra de Santa María do Campo cun emotivo pregón, que acompañou coa proxección de fotos antigas. O acto celebrouse no Cine Teatro de Ribadeo e contou con numeroso público.
Antes da pregoeira interviñeron o presidente da asociación organizadora dos festexos, Juan José Otero, e o alcalde ribadense, Fernando Suárez, que destacaron o traballo que supón a organización desta edición das festas patronais de Ribadeo debido a que cambian de situación respecto aos anos anteriores para volver celebrarse no parque de San Francisco e no Cantón dos Moreno.
No pregón Celia Castro, nacida en Ribadeo, falou das súas orixes familiares no Valadouro e recordou a destacados ribadenses como Gregorio Sanz, Sor Pilar de León, Mari Paz Otero Aenlle, Enrique López Galuá, Amando Suárez Couto, Claudio Pérez Prieto, Leonardo Fernández Reinante, Manuel Fernández Reinante, Carlos Álvarez Fernández Cid, Manolo Cortés, Pancho Maseda, Luisita Coldeira, Juan Suárez Acevedo, Daniel Cortezón, Dionisio Gamallo, Suso Peña, Benito Prieto Coussent ou Leopoldo Calvo-Sotelo.
Despois do acto de lectura do pregón actuou a Coral Polifónica de Ribadeo, dirixida por Mª Carmen Rodríguez Cancelo.
O acto foi presentado pola xornalista e locutora Carmen Cruzado, directora de Faro Norte Comunicación.
O vindeiro mércores, día 6, dará comezo a programación das festas patronais 2017 co día infantil, con actividades para os máis pequenos a partir das 16:30 horas no Cantón. A charanga Os Charangos percorrerá ás rúas da vila desde as 18:30 ás 22:30 horas, hora na que dará comezo a actuación de Claxxon. Antes ás 20:30 horas no Quiosco da Música do parque de San Francisco presentarase o cuarto disco CD de José Pulpeiro Doval O Gallopín.
O 7 de setembro, véspera da patroa, ás 11:30 horas sairán os Cocos e Cabezudos desde a Oficina de Turismo, acompañados polo grupo de gaitas Illa Pancha. A partir das 19:30 horas haberá pasacalles a cargo do grupo de música tradicional Tirapadiante. E ás 22:30 horas empezará a festa verbena amenizada polas orquestras Gran Parada e La Ocaband. Ás doce da noite terá lugar a tradicional sesión de fogos artificiais no peirao.
O día da patroa, 8 de setembro, ás 12 do mediodía haberá misa solemne na igrexa parroquial de Santa María do Campo cantada pola Coral Polifónica de Ribadeo, seguida de procesión y despois concerto da Banda Municipal de Música de Ribadeo. Ás 22:30 horas comezará a festa verbena, que estará amenizada polas orquestras D´Moda e Venezia.
E o 9 de setembro das cinco ás sete da tarde no Cantón haberá actividades dirixidas polo persoal do Centro Deportivo Ribadeo Be One. E ás 22:30 horas empezará a festa verbena coas orquestras Nueva Fuerza e Alma Latina.
E, esta noite, os fogos do sete, ós que asistirá unha delegación de Loctudy, o pobo francés irmán (polo momento, máis por decreto que por outra cousa) de Ribadeo.

Ningún comentario: