Amosando publicacións coa etiqueta vídeo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta vídeo. Amosar todas as publicacións

20220514

A Bretaña que hai en NÓS, a presentación da exposición

    Onte tivo lugar a presentación da exposición 'A Bretaña que hai en NÓS', na oficina de turismo de Ribadeo, e que estará ata o 30 de maio. Participaron o alcalde, Fernando Suárez Barcia, Anxo Martínez, presidente da Asociación de irmandamento Ribadeo-Loctudy, Nadine Chaminand, présidente du Comité de Jumelage de Loctudy, Xoán Carlos Garrido, o autor da exposición, e Pierre Yves Rougier, que, a máis da intervención musical coa súa compañeira Ugía Pedreira, fixo unha pequena pintura desta terra a mans dun bretón que a coñece ben.

    Deixo en baixo o cartel anunciador, as intervencións de Fernando Suárez (en audio) e o resto de intervintes en orde (en vídeo, a excepción da música, que foi a primeira que soou) e as fotos/pdf da exposición.

Verbas de Fernando Suárez.






20220427

Vídeos de Ribadeo

    Vídeos de Ribadeo poden atoparse moreas. Seguro que, se te pos, tardas varios días en localizar e ver só en Yoyutube vídeos de Ribadeo. Na procura do último 'institucional' sobre as Pedras da Memoria, decateime que hai unha boa cantidade de vídeos con nostalxia ou con encanto de Ribadeo, que aparecen e desaparecen de xeito periódico. Son vídeos para a memoria ou para o turismo, sobre o que a ría esconde ou sobre o pasado de Ribadeo no mar, ou a chocolateira, ou... E por iso, sendo consciente da cantidade (só eu teño cargado máis de dous centos, boa parte deles referidos a Ribadeo e as súas cousas, e ningún o faigo aparecer aquí abaixo), collín un puñado - 13 - dalgúns que considerei máis relevantes para amosalos aquí. Repito: non están todos, senón só uns poucos. Non son 'os mellores', senón unha mostra. Posiblemente non son os que elixirías ti: collinos eu, sen pararme moito sabendo que a colección ía ter - sempre - eivas. Iso si, espero que os desfrutes.


 


 


 



 


 

 





E, se queres máis vídeos no blog...



20211231

San Silvestre Ribadeo 2021

     A falta da publicación de resultados da San Silvestre deste ano 2021 (XXXI edición) na páxina correspondente, deixo dous vídeos, un ó paso dos 450 m (cruce Avda. Asturias, por onde trascorreu a carreira, coa r. San Francisco) e outro ó paso dos 4 km (r. Calvo Sotelo). O ambiente da carreira, que tivo 368 participantes na súa versión de maiores (nados no 2009 e anos anteriores) e 518 en total, e rulou polo mesmo recorrido doutros anos, parece que non se resentiu gande cousa pola Covid (que levou a que o pasado ano non se celebrara).

    Os vídeos abranquen todos os participantes entre o cabeza de carreira e o coche escoba.



 

20211204

As catro rúas no seu cruce

    Xa se pode pisar de novo no centro do cruce que ten marcado o centro de Ribadeo moito tempo. Despois das obras, o chan das catro rúas, cos seus letreiros e escudo, loce así:



Mercado de Nadal en Ribadeo, 2021 (e programa mensual)

    Nun momento de pouca afluencia, despois dun descargue de choiva, o mercado de Nadal está apacible... Sábado 4 de decembro pola mañá.

    E o mes de decembro en Ribadeo, Nadal incluido, claro:

    ... e a nota de prensa do concello:

AS RÚAS ESTÁN CHEAS DE LUZ E DE COR

O Nadal chegou a Ribadeo

03/12/2021

Foto alumeado Nadal 

Hoxe deu comezo o XVIII Mercado do Nadal e procedeuse ao acendido do alumeado destas datas.

Esta tarde tivo lugar a apertura do tradicional Mercado do Nadal, que organiza o Concello de Ribadeo, e que se poderá visitar ata 8 de decembro no parque de San Francisco. Son 25 postos de artesanía e alimentación os que poderán atopar aquelas persoas que se acheguen a Ribadeo estes días. Ademais haberá actuacións musicais e actividades para as mais pequenas e os mais pequenos da casa. Ata o Mercado do Nadal se achegaron o alcalde, Fernando Suárez, e os concelleiros de Desenvolvemento Local, Medio Ambiente, Cultura e Igualdade, Pablo Vizozo, Jorge Díaz, Pilar Otero e Mariluz Álvarez Lastra.

E coincidindo coa apertura do XVIII Mercado do Nadal o Concello procedeu a inaugurar o alumeado de Nadal, que inclúe unha grande árbore no parque de San Francisco.


20180216

O gran irmán, cada vez máis grande

Xa levamos varios anos nos que nos van chegando novas da vixiancia total en China, con millón de cámaras de vixiancia só en Pequín, e a experiencia de control biométrico a traverso de cámaras nunha rexión enteira máis extensa que España 'para control terrorista'. Aquí non chegamos a tanto, pero as cámaras instálanse para control, mesmo con subvencións da Xunta. Un alicerce máis para contar coa última tecnoloxía de detección en Ribadeo. Non evitará un roubo, nin servirá para esclarecelo, pero poden controlar se saio ou entro da casa. Literal.
Agora estou esperando a ver a nota de prensa do concello (se a saca) na que dea conta do mesmo que pon a Voz hoxe, "O Concello considera que o número tan importante de vehículos que circulan polas nosas rúas fai insuficientes as tradicionais formas de regulación e control presencial do tráfico, e que estas circunstancias aconsellan a incorporación dun apoio tecnolóxico sobre as funcións de vixianza que ten encomendadas a Policía Local". Precisamente cando se trata de 'humanizar' máis rúas, e aínda que o recurso a bici non sexa moi promocionado, os vehículos de dúas rodas sen motor van facéndose un oco pouco a pouco na xeografía urbana. Instalarase un conxunto de cámaras, con recoñecemento de matrícula agora que se vai poñer unha gasolinera no polígono... si, para recoñecemento dos vehículos que circulan polo polígono mesmo. Pero dende o concello falan de rúas... O dito, espero a ver a nota de prensa.
Cámaras de vixiancia. KRoock74, CC BY-SA 3.0, collida de https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/4/45/Dome_CCTV_cameras.JPG
Sobre cámaras de vixiancia en Ribadeo: http://ribadeando.blogspot.com.es/2016/02/fora-dos-focos-con-liberdade.html

20161007

Cámaras (neste caso, a privacidade non ten que ver)

Hai poucos días saltou a nova de que Meteogalicia ía instalar cámaras na zona. En concreto, unha en Ribadeo.
O primeiro, aclarar que é ben diferente unha cámara de visión xeralista cara ó ceo ou grandes distancias que aquelas outras cámaras que se están extendendo en multitude coa desculpa de vixiar bancos comercios, etc, e que xa teño denunciado no blog máis dunha vez (o gran irmán, cada vez máis cerca, dereitos vulnerables, fóra dos focos, con liberdade, xa votaches, agora témosche vixiado, etc) ó tempo que cada vez están máis de actualidade. Non, as cámaras de Meteogalicia son instaladas con outro tipo de mentalidade.
Mais a cousa é que están a presentarse como novidade, e non son tal, pois en Ribadeo na actualidade o Club Náutico ten unha cámara instalada deste tipo, refrescada de xeito máis abondoso que a que pretende Meteogalicia (vese a un camión atravesar a ponte en 6 imaxes diferentes, cada poucos segundos, mentras está previsto que as de Meteogalicia refresquen a imaxe cada 5 minutos, segundo o xornal). E Moito tempo antes, Eomática tivo instaladas cámaras ata en tres lugares diferentes de Ribadeo, amosando a vista sobre os tellados e o ceo, se ben na actualidade desistiu por temas de acceso ós puntos de instalación.
Que aportan pois as cámaras de Meteogalicia? Unha visión do ceo, que se superporá e será complementaria coa información aportada pola cámara do Club Náutico en caso de que a orientación non coincida. Algo que está por ver.

20160525

Dereitos vulnerables

Hai case un mes que saltou a nova de que a asociación Movemento polos Dereitos Civís (MpDC) pediu á AEPD en 2015 que sancionaran ó Concello de Viveiro polas videocámaras instaladas. Ribadeo tivo algunha tentativa de instalar cámaras por iniciativa da entidade pública que é o concello, que non fructificou polo momento, segundo a prensa, por falta de orzamento. No blog teño falado varias veces do tema. Por exemplo, en febreiro (Fóra dos focos, con liberdade), en outubro (O gran irmán, cada vez máis cerca) ou hai un ano (Xa votaches, agora témosche vixiado). Fíxeno porque considero que é unha vixiancia que vai contra o cidadán, non ó seu favor. E non son o único que pensa así: ata a UE advirte do perigo.
Como segue o caso de Viveiro? Non hai novas dende hai un mes, mais as cámaras foron desactivadas despois da denuncia, e polo tanto, deben seguir desactivadas, aínda que estaban en funcionamento dende 2008, sen autorización. E sen inspección... despois de acudir ó Valedor e de denuncias anteriores. Con recoñecemento da propia Policía Local, en teoría encargada do manexo, de se se habían pedido os permisos obrigados ou as horas de gravación.
Seguimos con Viveiro... porque a pesar do manifesto descontrol sobre a vixiancia ós veciños, a asociación de comerciantes viveirense pretendeu instalar tamén cámaras. Xa se remitiu información a Madrid, á AEPD, e estaba avisada unha empresa para a adaptación dos sistema á protección de datos. Iso dicía a prensa hai un mes.
Mais ou menos daquela, a ACIA ribadense tamén declarou que manexaba a idea da instalación. Polo que parece é a moda: vixía. O obxectivo parece ser evitar roubos. Ou destrozos. Ou que todos nos comportemos de xeito educado. A realidade , á vista está, pode ser ben diferente, con literalmente calquera cuns certos coñecementos e ganas accedendo ós sistemas e ós datos xerados. En Ribadeo non se instalou 'por falta de cartos'.  Como iso depende da asignación orzamentaria, con variar as partidas, solucionado. Así de doado pode ser que alguén se meta nas nosas vidas.
Vixiando a saída do edificio no que vivo hai cámaras, instaladas por unha empresa privada. Os veciños das 18 vivendas, vixiados nas nosas entradas e saídas. Sen pedilo, claro. Pode ser que tentaran atracar a oficina bancaria do baixo... ou que intentaramos facelo nós!. Polo momento, xa houbo roubos no edificio coas cámaras instaladas, e non serviron de nada. Houbo altercados na rúa, e que eu saiba, non se usaron. Pero seguen a controlar en imaxes as entradas e saídas. Suponse que os datos están controlados. Na época de internet, enviando imaxes por internet, cunha cadea de tratamento de imaxes na que interveñen terceiras persoas, controlados?
Estamos a perder a intimidade, e con ela a independencia. O das cámaras é un momento máis que non debemos pasar, para poder afrontar outras verquentes máis espiñosas, como que, ó ter o posicionamento activado, a compañía correspondente saiba onde estamos en cada momento. Neste caso, o 'obxectivo' e poder prestarun servizo máis axeitado. A cambio, calquera (aí están as contínuas excepcións de seguranza) pode acceder a onde estivo o teléfono (e o posuidor) en cada momento nos últimos meses... Algo que pode resultar alucinante visto de xeito gráfico , de consecuencias imprevisibles e que é cualificado como 'doado de facer' a outro móbil.
Temos dereitos, mais como non os defendamos, podemos falar xa, en pasado, porque sempre haberá xente que pense en conseguir máis a base diso precisamente: de que quedes ti con menos.

20160212

Forzas da natureza contrapostas

Estes días, tras o temporal, estamos afeitos. Un vídeo do temporal en Rinlo o pasado día 8 de febreiro de 2016 como o que me chegou por correo electrónico (vin noutro lugar que lle atribúe a autoría a Cecilia de Lamas) da mostras das forzas da natureza. Por suposto, non é a primeira vez que tal ocorre. Na páxina de youtube procurando de xeito adecuado poden verse vídeos semellantes, máis ou menos espectaculares deste e moitos outros temporais anteriores, se ben parece que este non lle tivo que envidiar a ningún outro que se lembre.
Collido dun vídeo do que non sei o autor

Collido de http://www.igme.es/patrimonio/GEOSITES/A_Introduction_SGFG.pdf (2014)
Por outra banda, aparece unha nota do concello sobre a petición de inclusión das Catedrais-Os castros en Geosites. Si, esa formación xeolóxica que ten asombrado a moita xente e que rematará sendo destruída polo mesmo mar que remata de asombranos días pasados.
Forzas contrapostas, que sufrimos e tentamos aproveitar. Paréceme moi ben a iniciativa do concello, pero hai que axustar que o Proxecto Global Geosites naceu no 1996 auspiciado pola Unesco, logo non é nada novo. Aquí deixo a ligazón a unha introdución a Geosites no caso español (en inglés) para quen queira saber máis.
De calquera xeito, Hia outra cousa que me chamou a atención favorable na nota do concello: a proposta non é 'as Catedrais', senón 'As Catedrais-Os Castros', que considero con máis sentido de unidade, máis futuro como conxunto e máis visión para unha posible instrumentalización da inclusión do sitio no listado de lugares de interese xeolóxico mundial (versión española). E ben, sexa ou non recoñecido o sitio (aposto que si o será) por esa distinción, coido que xa serviu para algo, para aumentar a nosa mentalización sobre a atención xeolóxica e non só estética dunha zona que temos próxima e que tendemos a valorar só en parte, por moi positiva que sexa esa parte.

20150528

Xa votaches. Agora témoste vixiado

É curioso. A información asimétrica. Tenta procurar algo de información das administracións en España e verás os muros cos que te atopas. Dende cousas tan nimias en aparencia como o coñecer que vai haber pleno e que se vai tratar ata a información sobre o hotel da illa Pancha ata outras de abondo máis peso que xa nin te proporás coñecer. En relación ós dous exemplos, para o primeiro, anos despois de pedir neste blog que se faga público en internet -aquí, a última vez que o lembrei-, terás que ir ó taboleiro de anuncios do concello e mergullarte entre papeis diversos de xeito periódico, pero non cada moito tempo. Para o segundo, ir ó concello, ver o documento -nas mesmas condicións que antes, sen saber ademais en principio que ten que haber algo semellante alí- e logo largarte a mirar a información a Ferrol.
Iso, da información que tentamos obter nós.
De nós, non é que tenten obter información, senón que a obteñen -e se é o caso, a exixen de xeito repetido-. De xeito xenérico, a min, como a outra moita xente, téñenme vixiado literalmente dende que saio da casa, unha empresa privada, da que pode recabar información a administración. As fotos embaixo non son de agora, senón de algo que leva ocorrendo xa hai tempo, a conta da protección da antiga Caixa Galicia. Algo que leva a vixiancia privada 24/24 dun espazo público:
Vixiancia en Abanca-Ribadeo

Vixiancia en Abanca-Ribadeo
E o anterior é só un detalle. Calquera que pase por aí ou tome un viño enfronte tamén estará no oollo da cámara, outros poderán ter esa información que nin a mesma persoa que é recollida poderá ter; moitas veces, nin saberá que está sendo recollida. Ademais, se se me ocorre conectar o meu teléfono intelixente co xeoposicionamento, poderei saber a miña posición, pero, quen dubida que se poda conectar e extraer datos de xeito remoto sobre a miña posición?
Hai algún tempo, xusto antes da campaña electoral, saíu a nova de que 'veciños e policías' pedían máis cámaras para rematar co vandalismo. Coido que xa hai demasiadas, e que quen se propoña facer mal terá xeito abondo de saltarse as limitacións, mentres a consecuencia dese maior número de cámaras, a xeralidade de persoas teremos máis sobre nós o gran irmán.
A cousa viña no xornal o 5 de maio a conto do estado do ascensor da Atalaia. Dende aquela recollín varias entradas en diversas web sobre o tema. Un tema que parece que non comprendemos o alcance que ten para as nosas vidas no futuro. Algo que parece nimio pero que está relacionado coa perda de liberdade individual e o control sobre tanto da administración como de (e a traverso de) determinadas empresas.
Xa votaches? Pois vaite, que te temos vixiado/controlado...
Un par de lugares por se te queres informar:
Reflectindo sobre a cibervixiancia.
A campaña de Amnistía Internacional contra a vixiancia masiva.

20110714

Novos produtos turísticos

Sae hoxe na prensa o aporte de 64 000 € por parte da Xunta para o deseño de novos produtos turísticos. Tamén estarían incluídas a formación e a mercadotecnia, con dúas referencias extra: os cartos refírense a un aporte á mancomunidade mariñá e os 'produtos' serían xestionados pola mesma mancomunidade.
Hai tres días, no pleno de Ribadeo, levouse a cabo a votación dunha retirada das Vilas Mariñeiras.
Ambos puntos non deberan estar relacionados, aínda que o montante que tocaría a Ribadeo sería algo semellante (8 000 € este ano para as Vilas Mariñeiras en relación a uns 8 000 € se pensamos nun reparto por poboación no caso da Mancomunidade). De calquera forma, a proximidade das cifras lévanos a pensar no mellor xeito de promoción turística da zona, pois en ambos casos as accións son moi diferentes, aínda que se podan considerar complementarias dentro dalgún plan conxunto (que non o hai que eu saiba) e non suplementarias pola diferencia de concepción entre ambas (aínda que dous plans diferentes poideran ter unha e non a outra, ou viceversa)
A cousa é que hai promocións (coido que as máis efectivas) que van por libre aparentemente, fixándose só en cousas como o propio potencial do lugar (máis que no seu desenvolvemento, e aínda contra el) ou o mantemento. Aí está unha recente reportaxe de tve (Grazas a "Ribadeo" e a Fernando Suárez no FB) na que, na presentación escrita en internet, xa aparece a praia das catedrais en lugar destacado, a parte da referencia ó areal no mesmo vídeo, ou os comentarios (nestes momentos hai poucos, pero o primeiro ten tanta importancia para Ribadeo como o mesmo documental, no que a internet respecta)
En fin, as 'promocións libres' poden promocionarse, pero entón deixan de ser libres e deseguida nótase que pasan a ser propaganda (non sempre queda patente, por suposto). Entendo que o mellor xeito de posibilitar estas promocións libres é precisamente manter todo limpo, con servizos non intrusivos na natureza, sen intentar enmendarlle a plana á mesma natureza, e posibilitar un mínimo de difusión pagada que faiga de cebador para que comece a difusión nos medios libres: nestes momentos, a cantidade de vídeos da praia das catedrais que recorre o mundo estou completamente seguro que supera en moitas veces á cantidade de vídeos institucionais e de promoción, pagados, e que os seus efectos práticos tamén son abondo superiores. De calquera xeito, o último tirón de visitas recibiuno a praia fará unha década longa cando apareceu nunha revista de viaxes de tirada nacional, que actuou de último cebador para a afluencia masiva.
Por certo, unha cousa é atraer visitas e outro, os cartos das visitas. Pero diso podemos falar outro día.

20110618

Ante a xornada da asamblea cidadá en Ribadeo

Un vídeo (collida a idea do blog de E. Dans) que manifesta, ó longo do mes de maio, as relacións desenvoltas arredor do 15M nas redes sociais. Poden observarse cousas curiosas, como o aumento a partir da tarde do 15 de maio, as horas de máxima e de mínima actividade dos implicados, a relación do que ocorreu en días especiais e o tráfico, etc. Entre outras, a conclusión é que foi (o movemento) 'algo' espontáneo e non manipulado. Corresponde a un estudo da Un. de Zaragoza e unha empresa privada. Para mentalizarse para a asamblea cidadá de mañá, domingo 19 de maio diante do concello, en Ribadeo.

20080731

Entre as curtas on/off e a visita do Presidente de Portos de Galicia



Onte comezou a proxección de curtas on/off 2008 en varios lugares de Ribadeo. Deixo o programa escaneado á beira. Por certo, ó cine concerto experimentei onte que lle falta afinación técnica de son para poder competir co concerto de cine da banda, a pesares de que a película non estaba mal: o retumbe no cantón fixo fuxir a xente de preto dos soportais, por exemplo. O certo é que Ribadeo énchese de realizadores estes días, e a xente vai sabendo que é iso. Tamén resulta raro ver a casa da xuventude, cuartel xeral de Mr Misto estes días, con tanta actividade. Eso si, a pesares de sere cedida por exemplo para xuntanzas veciñais (entre elas, O Tesón e a Atalaia), coido que o título de 'de xuventude' cáelle a desmán, despois de coñecer outros centros / casas da xuventude, como por exemplo, o de Vilalba, auténtico local social para nenos e mozos dende hai tempo, algo que o de Ribadeo suple únicamente con pór a disposición os ordenadores do primeiro piso (para a xente en xeral, non só para cativos), ordenadores que si se usan.
Onte tamén chegou ós medios de comunicación a nota de prensa onde dicía que hoxe o presidente de Portos faría unha visita a Ribadeo. Non a vexo hoxe nos medios consultables cando comezo a escribir isto (a excepción de aquí), pode que porque alomenos en Ribadeo será de baixo perfil, tentando de evitar outra cacerolada. De calquera xeito, parece ser que ven por cuestión de convenios laborais e non vai pasar polo concello. Mellor deixo claro este punto e paso a outro tema.
Porque si, certamente hai máis temas: ás 11 da mañá comeza dende Ribadeo a 10ª volta náutica a Galicia, que finalizará o día 10 na outra punta da comunidade.
Con agosto arrinca de novo a semana náutica. Casualidade, de novo temos unha actividade adicada este ano a Calvo Sotelo. Ise é o motivo declarado na prensa para dicir que a de iste ano non será unha semana náutica habitual. Era aficionado (eu, non Calvo Sotelo) ó cruce da ría a nado. Daquela organizábao a Paco Lanza. Despois, para fortificar a semana náutica, pasou a ser organizado polo Club Náutico, e en pouco tempo quedou reucido a un largo entre Bloques e club Náutico. Agora xa quedou máis reducido: desaparecido o último ano, pois hai moitos botes como para que o club náutico preste atención ós nadadores.
As novas de Ribadeo nonestán só en Ribadeo: onte na Deputación rexeitouse unha moción pedindo entre outras cousas un xulgado para Ribadeo. Como todos sabemos como é a política, necesitariamos alomenos unha nota de prensa das do concello para clarificar o tema, pois quen votou en contra foi PSOE e BNG,e a favor PP. Despois de que aquí non sexa a primeira vez que se vota por unanimidade unha petición de xulgado, a) vése necesaria unha aclaración e b) reitérase unha volta máis a necesidade de estar vixiantes ante as manobras dos políticos, que, sendo optimistas, habería que dicir como mínimo que ás veces non hai quen os entenda (cousa que estou convencido que, tamén ás veces, é a súa finalidade máis inmediata)
Onte tamén pasei por Santa Cruz. Sen cámara, mágoa! O acotamento de sitio fíxome sorrir e ó tempo víno como unha antesá de desmáns particulares en terreo público. Había mesas precintadas para que a xente (mércores, isto é, con 5 días de antelación) non se poidera sentar nelas, e xente subindo a vixiar que non foran desprecintadas. Menos mal que aínda quedaban abondas para sentarse, en xeral porque o 'precinto' estaba acotando o sitio entre as árbores, e non direitamente nas mesas. O sábado, ás 20:30, pistoletazo de saída co pregón de Eduardo Gutiérrez.
Hoxe a Banda Municipal de Ribadeo actuará, pero faráo en Matamá, Vigo. Quedaranse de novo sen desfrutar do sitio onde tocan: volta para casiña xa comezada a noite para chegar ás tantas. Non é sorpresa cando o teñen feito a pesares de ter o aloxamento pagado e ter que voltar ó día seguinte cedo (como paso coa gravación, este mesmo verán, de música para 'os mortos van ás présas', realizada na Coruña). Un xeito de actuar que non ten moi contenta a algunha xente.
O certo é que a acumulación de actividades e propaganda das mesmas vai dificultar a propaganda da manifestación do día 10 contra a nave no porto, se non é por medios coma iste. Mentras, Ence (non Navia, senón en xeral) aumenta ingresos a conta da ... venda de electricidade.

20080602

Pescadores, transportistas, cidadáns

A poucos días do comezo da folga da pesca e manifestación correspondente en Madrid, coa folga do transporte ás costas, cabe preguntar e lembrar. Lembrar que non é a primeira volta que pasa que o encarecemento do petróleo fai subir os prezos de xeito repentino, 'inesperado' e forte. Lembrar que todos vemos, aínda que parece que teñamos tendencia a esquecelo, que o petróleo e un ben esgotable, e polo tanto, co consumo en aumento, veremos chegar o día do seu final a velocidade crecente. Lembrar que ese afán consumista ten provocado, por exemplo, o efecto invernadoiro. Lembrar que por intereses económicos, as tecnoloxías alternativas levan longo tempo maniatadas. Lembrar ... e preguntar. Preguntar se non se coñecían as preguntas anteriores. Preguntar se ningúen, nin os afectados nin os directores económicos, pensou en cambiar o modelo de negocio ou ó menos o modelo de consumo enerxético correspondente. Preguntar se ninguén se decatou que na que se deu en chamar primeira crise do petróleo un país como Xapón saiu reforzado polo seu baixo consumo relativo en relación co producto obtido. Preguntar por que se vai a pescar cada vez máis lonxe ou por que o transporte por carretera cada vez ganou máis cota fronte ó menos consumista ferrocarril. Preguntar se a suba do petróleo non nos afecta a todos. Preguntar que saída temos en conxunto, en troques de cada sector en particular. Preguntar se os asalariados imos poder repercutir a suba nos nosos salarios. Preguntarnos. Coido que non é ser insolidario o comprender a crise que está a pasar 'o sector pesqueiro' ou 'o sector do transporte' (é dicir, no mesmo saco os propietarios de Pescanova e os mariñeiros de Burela) e pensar que todos nos imos ter que 'apretar o cinto', aínda que mellor seía pensalo en termos de 'cambiar de estilo de vida'. Pero eso si, lembrando a historia e preguntando e 'incordiando' para que o aumento de diferenzas sociais non se vexa incrementado coa crise, cousa que por eso de que os asalariados non poden repercutir custes, é abondo probable que pase. Así que, folga da pesca, folga do transporte, e para cando folga cidadá? Quizáis para cando nos decatemos que imos ser os que paguemos os pratos rotos aínda que non partíramos ningún ou no peor dos casos, o fixeramos só por imitación gozosa, algo así como un 'mira, nós tamén podemos partilos!'. Ou é que pensamos que imos todos cambiar de estilo de vida a un tempo?
O vídeo, unha imaxe que pode resultar relaxante: unha pequena fervenza nun tellado de Ribadeo un día de choiva destes pasados.

20070815

De Ribadeo ó ceo (pasando pola música)





Onte houbo outro acto musical máis, o concerto do campamento musical. A música dos rapaces foi acompañada por uns ceos incribles; o que puiden gardar de ambos non fai fe á realidade...
As fotos, o equipo de profesores do campamento, o equipo da Semana Santa tentando obter cartos para celebrala o mellor posible, o edificio dos Moreno reproducido dun xeito transparente, e unha mostra das nubes (seguirán outras ó rematar a serie das Casas de indianos), máis un pequeno vídeo.