20080602

Pescadores, transportistas, cidadáns

A poucos días do comezo da folga da pesca e manifestación correspondente en Madrid, coa folga do transporte ás costas, cabe preguntar e lembrar. Lembrar que non é a primeira volta que pasa que o encarecemento do petróleo fai subir os prezos de xeito repentino, 'inesperado' e forte. Lembrar que todos vemos, aínda que parece que teñamos tendencia a esquecelo, que o petróleo e un ben esgotable, e polo tanto, co consumo en aumento, veremos chegar o día do seu final a velocidade crecente. Lembrar que ese afán consumista ten provocado, por exemplo, o efecto invernadoiro. Lembrar que por intereses económicos, as tecnoloxías alternativas levan longo tempo maniatadas. Lembrar ... e preguntar. Preguntar se non se coñecían as preguntas anteriores. Preguntar se ningúen, nin os afectados nin os directores económicos, pensou en cambiar o modelo de negocio ou ó menos o modelo de consumo enerxético correspondente. Preguntar se ninguén se decatou que na que se deu en chamar primeira crise do petróleo un país como Xapón saiu reforzado polo seu baixo consumo relativo en relación co producto obtido. Preguntar por que se vai a pescar cada vez máis lonxe ou por que o transporte por carretera cada vez ganou máis cota fronte ó menos consumista ferrocarril. Preguntar se a suba do petróleo non nos afecta a todos. Preguntar que saída temos en conxunto, en troques de cada sector en particular. Preguntar se os asalariados imos poder repercutir a suba nos nosos salarios. Preguntarnos. Coido que non é ser insolidario o comprender a crise que está a pasar 'o sector pesqueiro' ou 'o sector do transporte' (é dicir, no mesmo saco os propietarios de Pescanova e os mariñeiros de Burela) e pensar que todos nos imos ter que 'apretar o cinto', aínda que mellor seía pensalo en termos de 'cambiar de estilo de vida'. Pero eso si, lembrando a historia e preguntando e 'incordiando' para que o aumento de diferenzas sociais non se vexa incrementado coa crise, cousa que por eso de que os asalariados non poden repercutir custes, é abondo probable que pase. Así que, folga da pesca, folga do transporte, e para cando folga cidadá? Quizáis para cando nos decatemos que imos ser os que paguemos os pratos rotos aínda que non partíramos ningún ou no peor dos casos, o fixeramos só por imitación gozosa, algo así como un 'mira, nós tamén podemos partilos!'. Ou é que pensamos que imos todos cambiar de estilo de vida a un tempo?
O vídeo, unha imaxe que pode resultar relaxante: unha pequena fervenza nun tellado de Ribadeo un día de choiva destes pasados.

1 comentario:

Mariano Grueiro dixo...

O da folga pode non ser nada...e pode ser moi serio. Aconsello acopio de combustible e alimentos non perecedeiros.
E moi sospeitoso a nula cobertura en televisión da proxima folga de transportistas que comeza o luns 8 de xuño de 2008
Podería facerse a distribución de productos co FEVE de catro horas a Ferrol e con motocarros eléctricos....