20080619

Selectividade estilo Ribadeo

Normalmente os diversos comentarios de texto que piden na selectividade son abondo bós, ricos en significado. Así, esta volta atopei alomenos catro textos propostos que se poden ler en clave ribadense. Aí vai un, un curto texto de Kant sobre a Ilustración que se me manifestou como moi aplicable non só a aqueles tempos da Ilustración francesa (e derivadas noutros lugares), senón o que levo comentado máis dunha volta sobre a apatía social que me parece existe en Ribadeo (como moitas outras cousas, opinable e precisable na definición, pero coido que apatía):
"Ilustración é a saída do home da súa minoría de idade, da que el mesmo é o culpable. Minoría de idade é a incapacidade de servirse do seu entendemento sen a dirección doutro. El mesmo é o culpable desta minoría de idade cando a causa dela non reside na falla de entendemento, senón na falla de decisión e valor para servirse con independencia del, sen a dirección doutro. ¡Sapere aude! ¡Ten valor de servirte do teu propio entendemento!, eis a divisa da ilustración.
Preguiza e covardía son a causa pola que unha tan grande parte de homes, moito despois de que a natureza os absolvera da dirección allea (naturaliter maiorennes), emporiso fiquen a gusto menores de idade a vida enteira; e por iso lles resulta tan doado ós outros erguerse nos seus titores. ¡E tan cómodo ser menor de idade!"
A parte de precisións que tamén se poden facer explicando o texto, opto polo que poñía hoxe o exame de selectividade: compón ti mesmo o comentario. Por min, só aclarar de pasada que entendo que as facilidades que ten algunha xente para erguerse como titores do resto ven dada dunha estrutura social, a mesma que facilita que moita xente prefira seguir titorada a pesares de estar inserta nunha democracia nominal.
Como ilustración do anterior, comentar que onte mesmo comentaba cunha autoridade eclesiástica que se vía con certa simpatía a polémica montada pola xerarquía eclesial sobre a nova asiganatura de formación para a cidadanía era que tentaba de artellar unha protesta con causa (aínda que non esteña de acordo), co que estimo pode estarse a facer un favor xa de por si á formación cidadá na protesta sobre uns dereitos e ideas e non sobre unha sinxela autoafirmación na propia protesta, algo ó que estamos afetios e que non produce inquedanza ningunha na xente que está a titorar ós máis.

Ningún comentario: