20080628

Vota por Europa, vota non

A vida secreta das palabras é unha película que ó primeiro, impactoume polo título. Non quero dicir que a película en si desmereza, senón que foi o primeiro que souben dela, o título. O caso é que onte, misturado co referendo irlandés sobre o tratado de Europa, lembreina (mellor, lembrei o título) e decidín incluíla hoxe. Novamente Europa, de onde viñeron tantas cousas boas (comezando polo Camiño de Santiago, que sen Europa non sería posible) e tantas outras están vindo non tan boas, ultimando polo trato dado ós votantes irlandeses do 'non'. É un caso a analizar, pois dáse en política (é un caso de 'política comunitaria') cunha certa frecuencia. Resulta que os irlandeses, receptores de unha boa cantidade de cartos a raíz da súa unión, hoxe son o país máis rico de Europa, despois do Luxemburgo. Parece evidente que sen as prebendas pecuniarias europeas, Irlanda non tería logrado o posto económico que ten. Nese sentido, chámaselles desagradecidos, interpretando o seu voto. Pero en Galicia sabemos algo diso de clientelismo eleitoral, e tamén de mercar votos. A outro nivel, é o que parece que se pretendía: facer valer os cartos recibidos para mercar o voto irlandés. E, se ben é certo que unha parte do eleitorado parece que votou con medo a que lle quitaran certas prebendas económicas, por exemplo, ou políticas, tamén é certo que o tratado que se pretende para Europa non deixa de ser unha versión algo máis lixeira do que hai uns anos se pretendeu facer pasar por constitución. Un tratado que, se ben simplifica/simplificaba as norms internas europeas (algo que está a facer moita falla) tamén aproveitaba/aproveita de paso para restar dereitos ás persoas, comezando neste caso actual polo mesmo dereito á decisión sobre o tratado, pois aposta dáselle o nome de tratado para que na grande maioría dos países non teña que ser refrendado pola xente, apartando á base teórica do poder, o pobo soberano, do poder efectivo, as normas que rixen a convivenciae a interpretación das mesmas. É para pensar as consecuencias en numerosos casos nos que os políticos ou o conglomerado de poder político/económico/fáctico furtan ó pobo o seu poder, considerándoo en moitos casos indigno de tal poder, como agora pasa con Irlanda. Mentras, o pobo está a perder (en parte pola súa culpa, por non exercitar o seu dereito) o poder que lle é nato. Non vou rematar con aquelo de 'que Deus nos colla confesados' porque sería tamén pasarlle o poder a un deus estrano misturado coa fatalidade, e polo momento, se hai algo que distingue á persoa, é a capacidade para sentirse libre (e o ter tal sentemento, se executa esa capacidade).

Ningún comentario: