20240506

Un Chío en maio: Debuxo

    Co comezo de mes tivo lugar a edición dun novo número da revista Chío, correspondente ó mes de maio e cunha adicación particular na portada ó debuxo, pero sen esquecer que este é tamén o mes cun día adicado os museos. E aí, da miña man, aparece un artigo adicado ós museos de Ribadeo, que deixo abaixo tanto en pdf como nun formato web, composición diferente (e menos atractiva) da da revista, ó tempo que lembro que Chío leva aparecendo no blog xa máis de un ano, así como desde que estaba noutro acubillo web.


Dun museo descoñecido

    Teño que dicilo: en xeral, cada vez me chaman menos a atención os museos. E logo, matizalo: hai museos e museos; na actualidade críanse con calquera motivo, pero o principal que me leva a miralos de xeito máis lonxano non é a súa abundancia, sempre relativa dependendo do tema e sensibilidade, senón que as cidades -moitas- e pobos -algúns- están tendendo a ser entre parques de atraccións, parques temáticos e museos, desvalorizando por sobreexposición e variando o significado do que é un museo.

    A pesar diso, quedo co de que ‘hai museos e museos’. E no mes que ten un día adicado a eles, lembro un, pequeno, público, mesmo con páxina web pero pouco, moi pouco, visitado. Está montado con ilusión e variedade de fondos, aínda que non teña pretensións de grandeza. É sinxelo, con aspiracións máis didácticas que doutro tipo. Un museo que se adapta á definición moito máis que algúns tamén moito máis coñecidos. Trátase do construído nun centro educativo, o IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, a raíz da disposición ordenada de fondos relacionados coa ciencia, de aparatos científicos a esqueletos animais recuperados no centro, pasando por montaxes didácticas feitas polo alumnado, entre outras posibilidades. A máis, na área científica, abrangue exposicións de fotografía con motivos matemáticos, e, no mesmo recinto, como colección totalmente independente, poden contemplarse fondos escritos de diversa importancia.


    Un inciso. Este centro fundouse ex novo co profesorado, o alumnado, e o material de dous centros anteriores que desapareceron coa súa fundación: por unha banda, o IES Porta da Auga (que pasou por diversas etapas e nomes dende o inicial ‘Centro de Formación Profesional de Ribadeo’) e pola outra, do IES Gamallo Fierros (que tamén pasou por diversas épocas e nomes dende o inicial de ‘Instituto Laboral Carlos Mª Rodríguez de Valcárcel’, e que ocupaba o edificio principal actual). Esa unión aportou pezas diversas e facilitou a existencia do museo como se pode observar na actualidade.


    Accesible? Sobre todo polas persoas que frecuentan o centro, claro. Pero se ben non se debe moestar o funcionamento dun centro educativo, quen queira velo de xeito físico, terá ocasións, mesmo a máis da visita á tradicional e anual feira da ciencia que alí se fai. Por suposto, tamén a máis do acceso vía internet.


    Fondos? Nunha escola que encadea camiño dos 80 anos de historias diversas e viva na actualidade nestas paredes, téñense procurado e realizado moitas cousas interesantes que amosar. Mesmo cando os aparellos foran relevados por outros máis novidosos, de mellor rendemento ou non. Ou mesmo cando a xuventude dalgunhas mans orixe dos traballos parecería inducir a crer en milagres polos resultados á vista.


 


    Os diversos aparellos de bioloxía, física, química, xeoloxía, tecnoloxía, de investigación ou para didáctica, de diversas épocas, compleméntanse entre si e dan paso a esquemas murais e tridimensionais. Pero sobre todo o material recuperado por alumnado e profesorado, da man de M. Jesús Besteiro en tempos modernos, pero tamén algúns moi anteriores, dende cranios e osamenta animal a niños, ovos ou coprólitos. Ou á colección de minerais. Ou o material didáctico diverso confeccionado para aprender facendo e ensinar aprendendo, experimentado nas feiras de ciencia e en exposicións na Coruña ou Ourense. Material que tamén podería ter formado -ou formou- parte nalgúns casos dunha investigación; noutros, de xogo; noutros máis, con outras utilidades, clasificable en diversos rangos segundo o caso... De calquera xeito, unha visita agradable a máis da aprendizaxe que seguro representa para quen se asome (e asombre).


    A máis, do anterior, un breve paseo polo edificio pode levarnos ás vitrinas nas que están entre outros, por antigüidade, “Año cristiano”, volume impreso en 1852, ou “Historia General de España y de sus posesiones de ultramar desde los tiempos primitivos hasta el advenimiento de la República”, de 1873. Por curiosidade histórica, tamén está exposto o libro de sinaturas, que inclúe as de visitantes ilustres como o Nobel Vicente Aleixandre na súa visita de 1964. Por valor local, os diversos libros escritos por xente con relación cos centros educativos de orixe, como o “Manual del resinero” de Alberto Mediavilla (1964). Ou da historia de Dionisio Gamallo con diversos documentos con el relacionados... Todos eles repito, non na biblioteca, senón en exposición en lugar destacado do centro.


    Dixen que en Ribadeo non había museos? E non, non os hai que así se publiciten. Pero, se non abondara co xa dito, dende a Biblioteca Pública Municipal Viejo Pancho poden accederse volumes que son pezas de museo, por unha, outra ou varias razóns, comezando por aqueles que teñen o ex libris que os identifica como propiedade que foron de Daniel Cortezón ou de Dionisio Gamallo. Ou unha colección privada -David A. López é o coleccionista- exposta de cando en vez de xeito parcial en diversos lugares, que abrangue milleiros e milleiros de exemplares, sobre todo de cunchas de todas as augas do mundo, pero tamén compañía larga de bolboretas, escaravellos... Ou o arquivo do concello, unha auténtica mostra de historia á que non é difícil acceder, aínda que non estea tampouco aberto ó público como tal museo. Sen citar as pezas que podían constituír pola súa cantidade un museo por elas soas, espoliadas do fondo da ría de Ribadeo, ou tamén algunhas do Castro das Grobas e doutros lugares, que están, sinxelamente, desaparecidas para o lugar onde viron a luz.

    Ou sexa, parafraseando unha célebre sentenza, ‘Ribadeo non terá un museo, pero, haber, hainos’!

Ningún comentario: