20230910

En relación á Casa da Ría

En relación á Casa da Ría

Árbores na terraza da Casa da Ría

    Días atrás o concello emitía unha nota de prensa na que mencionaba a casa da ría. A conta diso, e dos comentarios que se fixeron nos xornais, decidín facer unha relación de puntos salientables na historia da casa da ría, que non chegou a ser 'Casa da ría de Ribadeo'. Polo camiño, a nova de non ter localizados dous telescopios.

    A Casa da ría tivo un custe de 55 millóns de pesetas, a prezos actualizados cousa de medio millón de euros de hoxe. A planta baixa conta cun distribuidor que dá á sala de charlas e actividades múltiples, na que hai tamén un mostrador para recepción. O outro grande espazo da planta baixa, a sala de exposicións, ten unha montaxe sobre a ría arredor da columna soporte do telescopio. Dispón tamén a parte baixa de varias divisións interiores que inclúen almacén e servizos. A planta superior, con acceso diferente, está ocupada pola terraza, a dúas alturas, cun observatorio astronómico para acoller o telescopio.

    Foi inaugurada o Día Mundial do Medio Ambiente, en xuño de 2001, con asistencia de Manuel Fraga Iribarne. 

    No 2002 a protección da maquinaria de arrastre para apertura da cúpula do observatorio quedou danada nun temporal, e sen reparación, no 2003 a maquinaria que protexía estaba tocada impedindo a correcta apertura e cerre da cúpula.

    Anos despois quedou de manifesto un problema estrutural que se facía visible nas filtracións de agua. O encharcamento na parte superior por baixo do terrazo e sobre a estrutura deu, e segue a dar, lugar ó nacemento de árbores nas terrazas, tendo eu mesmo arrincado algúns abondo máis altos ca min hai cousa dunha ducia de anos.

    Ente outros avatares, o concello propúxoa como sede da Reserva da Biosfera Eo, Oscos e Terras de Burón, pero non foi aceptada. Encheuse de pintadas, ten habido algún niño de avespas nas súas contras... e cada vez menos uso e máis necesidade de mantemento.

    En canto ó funcionamento, a casa da ría depende do concello. Por iso, a A.C. Xerfa asinou un convenio co concello no 2001, ampliado no 2003 xa con outro alcalde para instalar alí o telescopio que viña usando de xeito itinerante anos antes da súa construción. O telescopio é un reflector de tipo Newton de focal 1500 mm e diámetro 255 mm, sobre unha montura ecuatorial. Nun episodio que me segue a desconcertar, a instalación levou consigo o pé do telescopio, impedindo o seu uso fóra dela. 

    Conforme á degradación das instalacións foi progresando, fíxose máis difícil o uso, e así, mentres nalgún caso chovía por riba do aparello (o que motivou que comezara a cubrirse cunha lona a pesar de estar baixo cuberto), oxidándose o espello, aínda que para observacións xeralistas seguía a ter un bo aproveitamento, cambiouse a pechadura máis dunha vez sen ter chaves Xerfa, e a larma pasou a mellor vida. Francisco Rivas, xa clave no seu momento para a consecución do telescopio principal, engadiu un telescopio pequeno que gañara un equipo no que participaba a súa filla.

    Nos anos 2000 fixéronse diversas observacións e cursiños de astronomía, a carón doutras actividades máis dispersas e puntuais. Mais, nun momento, o concello optou por un convenio coa Universidade de Santiago polo que, a cambio dun monto económico que só no primeiro ano superou de longo o gastado no tema con anterioridade en Ribadeo, se deron un par de cursiños de verán e realizaron varias observacións astronómicas, sempre no verán, xa no mesmo pobo en condicións de luminosidade máis precarias. O que non se fixera con Xerfa, fíxose cunhas actividades que logo decaeron para pasar a ser sinxela propaganda para uso turístico. Así, Xerfa, que nacera no 1991 para axudar a dinamizar as actividades culturais do daquela Instituto de Formación Profesional de Ribadeo e a inserilo no pobo, quedou pouco a pouco reducida ó nome dunha revista que aínda se segue editando no actual CIFP Porta da Auga, sen conexión xa coa A. C. A Casa da Ría, sen mantemento, sen actividade, pasou a ser unha carga na que tan pronto medraban árbores na súa terraza como servía para acubillo de transgresores humanos ou animais, a pesar dos sucesivos avisos (pódese ver aquí un en particular, e en xeral a historia en Ribadeando ou entre outras actividades en FQRibadeo).

    Polo medio, tentouse amañar a situación, como cando, tendo xa observado que a óptica dos telescopios pouco a pouco ía deteriorándose, e vendo conveniente darlle un repaso e motorizalo, foi pedida unha subvención á Asoc. Puente de los Santos, comandada no 50% polos concellos de Castropol e Ribadeo. Foi denegada porque pretendíase que tiveramos alí alguén de xeito permanente para atender o local (a Casa da Ría, do concello, non só as observacións).

    Ata chegar a hai uns días, cando primeiro se anuncia dende o concello que se vai poñer orde no caos e recuperar a casa e logo se difunde a 'non localización' de dous telescopios. Un suma e segue que non sei onde rematará e que tampouco sei se se reverterá. Un suma e segue no que aparecen testemuñas que aseveran que o dia seguinte á xira, o 7 de agosto, a porta de acceso á terraza estaba aberta e a do observatorio forzada, pero co telescopio dentro, o que puxo en coñecemento da Policía Local por teléfono e da Garda Civil de xeito presencial, levando alí a máis a outra persoa que pode actuar tamén de testemuña.

Ningún comentario: