20230927

A guerra non quere quedarse soa. A paz non pode facelo.

Comparativa de imaxes na NASA no Dominio Público

 A guerra non quere quedarse soa. A paz non pode facelo.

    Na última (ata o de agora) asemblea pola paz celebrada entre xente do Occidente Astur e a Mariña Lucense lembrouse un tema sobre a descrición da guerra mundial continua. Coido que dá abondo que pensar, acéptese ou non o de 'mundial' e o singular (en varios sentidos) dunha guerra continua.

    Como anécdota, a asemblea tivo lugar diante do concello no que dous días despois se reuniron os Presidentes de Asturias e de Galicia. Pódese ler entre liñas o comunicado ou as entrevistas pertinentes, mais dubido que se poda atopar o tema da paz entre o tratado na xuntanza, aínda que a guerra teña influencia a través de múltiples recovecos.

    As concentracións e asembleas pola paz comezaron en Ribadeo coa invasión da Ucraína, mais dende o comezo mantívose o 'pola paz' primeiro, e por se non se entendera, o 'non á guerra'. Hai un rexeitamento á guerra, claro, pero coa conciencia de que é a paz o que hai que construír, o positivo, antes de poder rexeitar o negativo, a guerra. Antes, para evitar conflitos que den lugar á guerra. Mais tamén durante, para, se hai guerra, tentar parala. E despois, para reconstruír a normalidade. Por iso pódese dicir que a guerra non quere quedarse soa, mais a paz non pode facelo. A guerra non xurde de xeito espontáneo, senón seguindo unhas causas na que a humanidade vai perdendo importancia en favor doutras cousas como o poder ou os cartos. A guerra necesita esas causas, necesita non quedar soa. Polo contrario, a paz podería quedar soa no sentido de que a paz funciona. Pero ese 'quedar soa' implicaría tamén quedar desamparada, cos medios, os cartos ou os intereses de diversos tipos desequilibrando a balanza, desequilibrando a paz. E iso é o embrión da guerra.

    Non penses agora se os ucraínos teñen máis ou menos razóns que os rusos. Só con ler un par de soflamas de Putin e Zelenski chégase á conclusión de que eles non teñen razón, e os seus pobos (así, 'seus') teñen que posicionarse entre dúas posibilidades que só poden clasificar entre mala e peor. O mesmo pode dicirse do estado de Israel e a 'autoridade' palestina, e máis canto máis tempo pasa e por máis que a asimetría en danos inflixidos (á poboación, non tanto a 'estado' e á 'autoridade') sexa evidente. De xeito semellante para outros conflitos, guerras, sublevacións (= guerras internas), terrorismo (≈ guerra asimétrica), 'guerras de baixa intensidade', etc.

    Ó final, o mesmo que as guerras (a guerra, sexa nun ou outro lugar, nun ou outro tempo, entre unha ou outra xente) son provocadas por unhas causas dirixidas por uns intereses, e teñen unhas consecuencias en xeral afectando de xeito máis negativo a quen menos quere a guerra, tamén axudan a alimentar outros conflitos e emerxencias. As guerras fan dano a todos. Sexa un maior menoscabo na loita contra o cambio climático, a menor posibilidade de aproveitamento de recursos e o seu malgasto, o incremento de problemas medioambientais, ou o deixar os problemas sociais a unha beira para poder 'atender' máis á guerra, o dano transmítese. E iso, aínda que quen se lucra con elas, ou adquire mediante elas un poder máis absoluto, ou se beneficia doutras moitas formas, crea que 'para el' (ou ela) as guerras / a guerra son boas..

Ningún comentario: