20230920

As Listas de Espera do SERGAS. Pancho Campos Dorado

 

As Listas de Espera do SERGAS

Pancho Campos Dorado

Vou a contar un caso persoal que me pasou cos servizos do SERGAS, pois é posible que a alguén lle poida interesar o relato se se atopa en circunstancias parecidas.

En febreiro do ano 2006, sufrín un amago de anxina de peito estando navegando nun petroleiro de produtos naquel momento. Chegados a descargar ó porto da Coruña mandáronme facer un recoñecemento urxente ao Hospital Modelo por conta do Seguro do barco.

Despois dunha proba de esforzo e un eco-cardiograma non atoparon ningunha anomalía, pero en vista da miña falta de vitalidade evidente, procederon a facerme ese mesmo día un cateterismo e atoparon que a coronaria dereita estaba atoada nun 99,9 % da súa sección, segundo expresaron no informe, e inmediatamente me puxeron un stent. Estaba a punto dunha morte súbita. Daquela librei polos pelos, e estiven ben de saúde até que un maldito cancro de amígdalas tamén me apareceu un ano máis tarde.

Operáronme no Hospital da Costa de Burela o día 27 de novembro de 2007 e despois dunha operación de doce horas, outra de seis horas, outra de 5 horas e dúas de dúas horas, en semanas sucesivas. Delas recordo o magnífico trato e traballo cirúrxico que fixeron comigo os otorrinolaringólogos daquela época, especialmente ao Dr. José Antonio Martínez, sen esquecer a atención case fraternal que me prodigou o equipo de enfermería de Burela en todo momento. Logo de dous largos meses, tiven que facer o postoperatorio de quimio e radioterapia. Foi no Oncolóxico da Coruña, onde estiven internado e onde me atenderon con profesionalidade exquisita durante outros case catro meses de tratamento.

Pois ben. A revisión cardíaca a causa do stent seguina facendo cada seis meses no Hospital Modelo da Coruña, xa que tanto a doutora como o equipo que fixo o implante tiñan os seus arquivos nos seus ordenadores, e o seguimento cardiovascular sempre foi moi exhaustivo e puntual. A visita e recoñecementos na Coruña pagueinos sempre do meu peto, dado que non teño ningún seguro privado de saúde como era o que tiña o barco cando enfermei e me deixaron alí. Só teño o Seguro da Seguridade Social.

Paralelamente ós recoñecementos da Coruña, tiña que facer cada ano unha proba de esforzo no Hospital da Costa de Burela, pero aquí os prazos pasaban de ser anuais a prorrogarse a máis de dous anos, o que me levou a denunciar as Listas de Espera de Cardioloxía no Xulgado de Garda de Mondoñedo, e tamén xa no ano 2011 denunciaba publicamente a DES-Administración do SERGAS (https://www.ribadeando.com/2021/11/a-des-administracion-do-sergas-pancho.html e La Comarca del Eo, 6-novembro-2011)

Así as cousas, este pasado ano o día 27 de decembro de 2022, na revisión cardíaca semestral que facía no Hospital Modelo da Coruña, nun eco-cardiograma eventual que se me fixo apareceu un Aneurisma na Aorta Abdominal de 50 mm aproximadamente. Un tamaño crítico dado que está no límite de poder ser operado abrindo o abdome a ceo aberto ou mediante intervención endoscópica e cateterismo (perdón polos erros nos termos técnicos pois só coñezo os vulgarismos que empregamos a xente común). Había que facer un TAC de inmediato para saber do tamaño exacto, facer unha próteses á medida e proceder á intervención quirúrxica que se precisara.

Inmediatamente de chegar a Ribadeo, o día 29 de decembro pásolle o informe da cardióloga a miña Médico de Cabeceira como era habitual e rutinario desde facía 16 anos. Á vista do risco que entrañaba o dito no informe, a doutora, procedeu a solicitar un TAC de forma urxente, o cal me foi feito o día 11 de xaneiro de 2023, no Hospital de Costa de Burela. Logo a propia doutora fixo petición o 16 de xaneiro de 2023 “vía rápida” a Anxioloxía e Cirurxía Vascular para o Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA). Desde aquí darlle as máis expresivas grazas Dª Carmen Monterrey pola súa humanidade, dilixencia e atención que me facilitou.

No HULA, “estrañamente” (visto o caso agora, xa desde a distancia) danme cita para o 20 de Febreiro de 2023 para Cirurxía Vascular e Patoloxía Arterial. Aquí fanme unha auscultación e se me informa do procedemento da cirurxía endovascular dos aneurismas da aorta abdominal, en Cirurxía Maior Ambulatoria, en quirófano con ingreso en sala especial. Ou sexa demoraba o procedemento case dous meses desde o diagnóstico, até esta revisión. Estabamos en Febreiro, e a doutora falaba de operar antes do verano.

Son citado de novo no HULA o día 10 de Abril de 2023 para facer pola mañá análises de sangue, placas en Radioloxía e á tarde un completo e minucioso eco-cardiograma. No propio HULA danme cita para o 17 de Abril de 2023 para Consulta Preanestésica.

Debido a unha Folga de Médicos, a cita de Preanestesia posponse para o día 2 de Maio de 2023. A doutora anestesista comunícame do risco moderado-alto da intervención con anestesia xeral e as complicacións que poden xurdir, dado que se trata da aorta, un dos principais vasos sanguíneos do corpo humano e dáme instrucións para cambiar varios medicamentos días previos a operación.

O tempo da intervención seguiu dilatándose, pasou todo o mes de maio, tamén o de xuño, e despois de chamar repetidamente ó teléfono de Lista de Espera Vascular do HULA, para saber que pasaba coa miña operación, sempre moi amablemente e con voz pausada e moi educada, por suposto, me deron a escusa de que tiñan que chamar os médicos, que eles “non tiñan nada que ver coas demoras”, e moi “arteiramente” me dicían que firmei o 20 de Febreiro de 2023 para dar paso a intervención, polo que obviaban que dous meses antes de febreiro xa se fixera o diagnóstico. Así está a burocracia deste país galego rexido pola Xunta de Galicia do PP, que vai pasando as obrigas ao tellado dos demais, e o paciente cando se cansa de esperar, e vai incrementando a súa angustia ou o medo a ter unha peritonites mortal, como era o meu caso, acude sen demora á Sanidade Privada. Así funciona o negocio da Sanidade Privada subvencionada en grande medida con diñeiro de todos os galegos.

Eu non tiña medo ningún, pero cansado de esperar, o 12-xullo-2023, presentei unha denuncia nos Xulgado de Paz de Ribadeo, quen a súa vez a enviou ao Xulgado Decano de Lugo (sic). A denuncia ten por obxecto dar constancia de que non se está de acordo co tratamento administrativo e burócrata da sanidade galega rexida polo SERGAS, pero ademais, ten a valía de que a túa familia poida cobrar algunha indemnización do Estado, en caso de que tu morras pola neglixencia reflectida na propia denuncia. Facer valer os dereitos que temos como cidadáns e esixir responsabilidades as autoridades “competentes”. Por iso, galegos, denunciade sempre estas falcatruadas, para deixar aos teus algo no que poder agarrarse. Se non denuncias, quedas como un “probín” que se finou, sen máis. Ninguén che vai axudar a resolver os teus problemas.

Despois de ver que desde o Xulgado Decano de Lugo tampouco me daban ningunha explicación (até día de hoxe, nin me contestaron) fun directamente á Dirección Administrativa do HULA, onde fixen o luns, día 7-Agosto-2023, unha reclamación nunha Folla de Reclamacións e Suxestión do Servizo Galego de Saúde.

Por fin esta vez houbo sorte. Ao venres seguinte, día 12-agosto chamáronme e danme cita de ingreso para o domingo a tarde do día 20-agosto, para e ser intervido o luns 21 de agosto. Esa semana intermedia foi onde tiven que variar a medicación como xa me advertira tres meses antes a Médico Anestesista o día 2 de Maio.

A operación durou de oito da mañá a 1 da tarde, cinco horas. Parece que foi ben, pois ao día seguinte, 22 de agosto, a 1 da tarde mandáronme para a casa. Dorido, iso tamén. Quedan as revisións de outubro para ver se a próteses de 53 mm quedou no sitio ou se moveu. Xa veremos, espero que todo estea ben polo que me atinxe.

O caso é que tardaron oito meses desde o diagnóstico até a operación, unha demora impropia e de falta de dilixencia nas Listas de Espera. A política sanitaria non pode xogar impunemente coa vida das persoas. Pero xa vedes, incluso os Xulgados son cómplices das demoras, pois nin che contestan, nin toman resolución algunha, din que non teñen medios dabondo.

En fin, o meu consello é que denunciedes sempre. Galegos, temos que facer un Reino da Galiza igualitario para todos e posiblemente, aínda que non o saibamos, a algún falcatrueiro lle vamos a atanegar a cadeira na que está apoltroado, ou quizais, non serve para nada denunciar debido a que “está todo atado e ben atado”? Polo menos haberá que intentalo unha e outra vez, até dar no cravo.

Ningún comentario: