20150429

Ribadeo e a reciclaxe

Non me vou meter co tono de triunfo compartido (ó fin, ten algo de certo que é un triunfo chegar a reciclar cando parece que 'todo vai en contra'). Só reflectir algunha cousa a traverso dos datos subministrados.
O primeiro, 'máis de 4 000 000 kg de lixo' (4 200 000 kg), implica, para unha poboación de 10 000 habitantes, cousa de 1,1 kg de lixo por habitante cada día. Non parece moito, verdade? Se nos fixeran cargar co lixo, dubido moito que despois dun ano ninguén puidera moverse con 400 kg de 'mochila'. Con só dúas semanas, máis de 15 kg, íamos a estar xa subindo polas paredes. Si, xa sei que é o 'ritmo de vida moderna'... que nos está levando a emporcar o planeta, ou sexa, literalmente, como non saibamos parar, á merda.
Recolléronse 197 000 kg de papel. Case 20 kg de papel por ribadense. Daría para empapelarnos a cada un, e mesmo a facer unha estatua de papel maché de cada un de nós. Agora ben, para fabricar 1000 kg de papel, fai falta empregar cousa de 1200 kg de papel usado, pois despois de varias veces xa non é usable para reciclado (e cousa da metade do papel consumido segue sen ser reciclado) ou unhas 17 árbores... o que da que cada un de nós consumimos case unha árbore ó ano para papel. E cada un de nós implica tanto ós recén nados como ós maiores de 90 anos...
En canto ó vidro -cousa moi aparte é que sexa recollido por un camión ás 7 da mañá dun luns despois dunha noite de movida de sábado a domingo, e quen escoitara algunha vez a recollida, sabe que fai ruído-, o recollido é uns 29 kg por habitante e ano. Ou sexa, non moito: algo máis de 1 kg cada dúas semanas. Segundo parece o dobre que a media galega ou española. Iso tómase como algo positivo. E tómase así porque se parte de que o consumo está normalizado, e polo tanto, canto máis se recupere, mellor. E si, a segunda parte é certa, pero non a primeira: dentro das chamadas 3R, a máis importante é a primeira, a redución do consumo, que non se aborda.
Adaptado de "Waste hierarchy" by User:Drstuey, Stannered
 File:Waste-hierarchy.png. Licensed under CC BY-SA 3.0
via Wikimedia Commons
https://commons.wikimedia.org/wiki/File:Waste_hierarchy.svg
Algo polo estilo pasa co plástico: máis de 25 kg/ano e persoa, dobre que a media galega ou estatal. Tampouco se mira neste caso se implica dobre consumo, aínda que se asume que non é así, que o consumo é semellante.
Neste caso, hai algo máis: a porcentaxe de 'impropios' que se bota ó contedor amarelo supera o límite imposto polos recolledores para rebaixar o prezo e considerar que está ben recollido. Estamos nun índice de impropios de 1/3, 1 kg de cada 3 kg. E iso indica que non se fan ben as cousas. Algo que pode chamar a atención cando temos estado no 28 %, abondo mellor indicador. E que indica que estase a facer peor a reciclaxe do plástico que hai uns anos. Descoido? Comprobación de que 'non sirve para nada' ou de que 'como outra xente non o fai, eu tampouco'? Polo momento, o que indica é sinxelamente que facemos as cousas mal e pagamos máis.
Por último, a nota de prensa leva consigo unhas afirmacións ó final que atan unha maior reciclaxe cun maior consumo. É dicir, estase a facer esforzo non en consumir máis axeitado, nin case en en desfacernos mellor do lixo, senón en desfacernos de máis lixo porque producimos máis. Tócanos a todos, e quizais sexa máis doado de organizar, pero eu diría que non é unha política óptima...

Ningún comentario: