20201006

A vida segue igual?

A vida segue igual?

   Iso dicía a canción: 'la vida sigue igual'. Mais...

   Esta mañá, o tempo existe a duras penas, eclipsado polo vivir, que non polo día a día dos tempos cambiantes, azarosos, que producen temor, dun outono instalado no medio do horror fronte ó desafío da enfermidade. Non, a vida non segue exactamente igual...

   Madrugada. O aeroporto comprime os voos do día de xeito que sobra panel, nun espazo afeito a variar moitas veces a súa liña final ó longo das horas. Sen colas nos controis, o vestíbulo baleiro, o aparcamento con ocos non lonxe da porta máis concorrida, as instalacións sobredimensionadas non chegan a ser un espectro, mais difuminan o seu uso parecendo máis un espazo de desfrute que de paso, de acollida que de sinxelo acubillo temporal.

   Espunta o día. Lugar agradable, con certo sabor a vello ben conservado e honorable, almorzo tranquilo tomado en medio de música suave, rúas de pedra con soportais do outro lado do ventanal acompasan coas chuvias e despexes sucesivos. Mesa de madeira e cadeiras con coiro, o chan estucado recibe a estas horas contadas visitas que se distribúen no espazo como por repulsión eléctrica: máxima distancias de separación, incluíndo o centro despexado e máis ocupación cara ás esquinas. As máscaras de quita e pon fan de elemento perturbador do medio ambiente, traendo ó interior a presenza constante desa ameaza que aquí interrompemos por momentos no noso pensar.

   As rúas, tamén baleiras de xente neste comezo diario, non deixan de ser 'as de sempre', asentando o espírito no seu mundo habitual, contra prognóstico, algo tamén interrompido polas máscaras que fan de proa a caras e persoas anonimizadas, por moitas adaptacións decoradas que teñan.

   E, mentres, ós poucos, adaptámonos e afacémonos a novas normas, mesmo cambiantes, e máis, afacémonos ó feito do cambio continuo. Interiorizámolas e deixan de ser normas para pasar a costumes -aínda que podan reverterse, como dicimos, pensamos ou nos facemos ilusión-. Un proceso que acompaña ó propio da Terra, que se afai dende sempre ós cambios que se lle impoñen, incluso cando afacerse non implica poder seguilos ou equilibralos, e menos en todo momento e en todo lugar. Igual que pasa connosco.

   Non, a vida segue, pero nunca igual. O medio confórmanos, cámbianos, e nós cambiamos o medio. De sempre. Diríamos que agora de xeito máis dramático pola velocidade e potencia da mudanza. De sempre, o proceso producíase case en equilibrio, non éramos capaces de cambiar moito o noso entorno. Iso variou. Hoxe, estámonos a afacer ó desequilibrio visualizado. Poderemos aproveitar para sentir que un desequilibrio longo nos desfai, fai que non sexamos nós, mesmo pode chegar a facer que sinxelamente non podamos ser?

Ningún comentario: