Amosando publicacións coa etiqueta demografía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta demografía. Amosar todas as publicacións

20210621

Un conto curto

    Hai só 60 anos que, en Galicia, as defuncións deixaron de ser menos da metade dos nacementos. Aínda non hai un ano (o ano pasado) que as defuncións duplicaron ós falecementos en Galicia. Acaba o conto. Coido que é algo como autoexplicativo

Liñas de nacementos (negro) e defuncións (vermello). No 1961 as defuncións sobrepasan a metade dos nacementos. No 1986/87, iguálaos. E, o ano pasado, duplícaos, de xeito que a liña azul, crecemento vexetativo, mantense por riba de 0 ata pasados a metade dos oitenta, pero despois desaparece baixo cero, crecemento vexetativo negativo.

   Unha nota final: Cres que o saldo vexetativo sae así porque si? Coido que o sistema é o que falla, o sistema social...


20210126

Da Mariña ó Courel

   Polas redes sociais chegoume un vídeo que me chamou a atención como para velo -teño 'implantada' a autorestrición de vídeos-. Ó velo en Ribadeo, estaba pensando nas semellanzas do transporte rural e vilego por estrada -e por ferrocarril- na Mariña: moita máis densidade de poboación, pero ó final, problemas máis semellantes do que parece. O certo é que o vídeo é defensivo, con pouca información, con uso de figuras recoñecibles pero sen propostas alternativas (supoño que descoñecidas por eles, se existen) máis aló dunha defensa dun sistema que ten máis de defensivo que de resolutivo. Pero que, dentro do que cabe, funciona. Claro que cos cartos temos topado... e aí está o tema: recortes. Ou ó menos é así como o venden.

   Ben, imos aló. O vídeo en si non é gran cousa, pero o sentemento pode selo.



20201105

Os envellecementos, Galicia

Si, Galicia está a envellecer. Iso din os números das estatísticas. E o envellecemento mesmo parece acelerarse a medida que se mantén a taxa reprodutiva á baixa no longo prazo.

Pode discutirse se o envellecemento poboacional é bo ou malo, pero non ten sentido facelo de xeito absoluto, pois é algo relativo. Si, moita xente, ó ler o comezo deste parágrafo terán levado as mans á cabeza, pero, con todas as circunstancias que se lle podan meter -e poden ser moitas- non é o mesmo elevar a media de idade de 18 a 20 anos, ou sexa, dous anos nunha sociedade constituída por xente nova, que de 48 a 50 anos, é dicir, dous anos nunha sociedade de xente moi maior. No primeiro caso, significa sobre todo unha sociedade dous anos máis madura, mentres que no segundo é máis ben unha falta de renovación social. Dubida alguén que o despegue económico e tecnolóxico de China ten algo que ver co aumento da idade media da súa poboación (19 anos en 1970, 38 anos na actualidade), relacionado cun castigo gobernamental da natalidade? E que o estancamento do Xapón ten unha compoñente no aumento da idade media da súa poboación (37 anos en 1990, 48 anos na actualidade), encamiñada á vellez como idade media?

O envellecemento individual é algo natural. O envellecemento social, non: é só unha simple posibilidade. E é que nunha sociedade, o envellecer social é algo máis que o envellecer en idade a media da súa poboación. É resultado de varios factores, entre o que se atopa o aumento da idade media da poboación como un máis deles, pero dentro de certos límites, pode que nin moito menos o máis importante.

Volvamos a Galicia. Poderiamos ter unha sociedade de vellos, pero non moi envellecida como sociedade. Vellos dinámicos, con capacidade de desenvolver novas ideas... Coido que non é así, aínda que nos últimos anos o ritmo de envellecemento social tense freado ó acceder a idades elevadas unha xeración máis aberta ó mundo, con maior número dos seus compoñentes interactivos máis aló da partida despois de comer ou do mantemento da terra á que levan adicada a súa vida, e cunha certa ansia de seguir activos en labores elixidas de xeito voluntario máis que por costume. Pode que non sexa o movemento de maiores que se observa noutros lugares, pero si se deixa notar a diferencia.

Mais estamos desviados se, variando o rumbo, nos centramos e illamos só o envellecemento social, e nos esquecemos de que a saúde da sociedade enteira pasa tamén pola procura de non amputar partes do seu corpo, sen ir máis lonxe, a xuventude abocada a emigrar. Ou por procurar unha renovación, non só de coñecementos e métodos no desenvolvemento social, senón tamén das persoas que a integran, vía nacementos. Ou pola integración doutras persoas que veñen de fóra.

Na nosa sociedade, vello segue a ser unha verba de connotacións negativas...

20201103

Estatísticas


   Remato de ver a estatística. Un pouco antes das oito da mañá somos no mundo 7 822 868 455 persoas. Volvo mirar. Xa non, o contador xa vai en 7 822 868 570 persoas. Cando vexas isto, seguro que os números son moi diferentes, mesmo incluída a unidade de millón. Os datos son, naturalmente, aproximados (obtidos de https://www.worldometers.info/). Impactan pola velocidade de cambio. Este ano achegarémonos ós 140 000 000 nacementos e 60 000 000 mortos. Entre outras cousas, iso indica que tanto duns como doutros, cada segundo se producen varios a nivel mundial. Ou que este ano de pandemia, a poboación mundial aumentará uns oitenta millóns de persoas. Cousas da demografía, si, pero con consecuencias de vida.

   Noutro momento podemos comentar outras cousas, que da para moito, mais quedome con isto: a nivel mundial, está claro que por moita primacía que a pandemia teña nas novas e nas cabezas neste momento, hai que considerala un tema de segundo orde. Non é capaz, nin moito menos, de dobregar o medre en número da humanidade. E mentres, máis do 10% das persoas están desnutridas e a estas horas da mañá xa ten morto de fame más xente que a que hai en Ribadeo. Cousa dun quinto do total de mortes a nivel global. Abondo máis que as mortes por coronavirus. E segue aumentando a terra desertificada: no que vai de ano, unha superficie maior que tres veces Galicia, co que iso implica de máis fame para a xente do lugar e máis vulnerable. Mentres, os milleiros de toneladas de dióxido de carbono verquidas a atmosfera aumenta máis rápido que os segundos que pasan (atención, un milleiro de toneladas equivale a un millón de kg!). E con eles, o medrar da temperatura, a desaparición do entorno polar, o aumento da seca ou do nivel do mar...

   Non esquezamos tampouco que se hai moita xente desnutrida no mundo, a cifra de xente con sobrepeso é máis ou menos o dobre: só o número de obesos, o estadio superior en canto ó peso, iguala ó de xente desnutrida. Iso da unha idea da desigualdade. Desigualdade que se manifesta en casos concretos, en persoas, e nas súas posibilidades de afrontar unha enfermidade (covid ou outra, non importa) ou os efectos do cambio climático, sobrelevar a calor ou a seca...

   Si, certo, temos que loitar contra o coronavirus, convertido en pandemia por acción e deixación humana. E temos que loitar xuntos e cada un. É un problema de todos e de vida ou morte. Mais é sabido que a loita polo momento é paliativa e preventiva. Nos mesmos termos que a loita contra o cambio climático, ou a desigualdade, pero a nivel moito mis pequeno aínda que queden eclipsadas na portada e mesmo cun trato desigual a desigualdade. Coido que quédanos como materia pendente o aprender a loitar xuntos e aprender a vivir. Tamén, a vivir xuntos, non só cadaquén a súa vida.

--

Nota: unha versión lixeiramente diferente está a saír en Crónica3, Galicia Dixital ou Praza.

20201101

Un caso

Terceira idade. Fiestra viva. Galicia (Spain) Lic CCBYSA 2.0 Edward Morgan, Galipedia.

   Unha persoa maior, muller, unha presunta estafa... está ben da cabeza? Son os elementos do caso. Vaiamos ós pormenores.

   Vaia por diante que escribo a partir dunha conversa cazada ó azar e posterior consulta a un dos contertulios, sen tomar nota de xeito directo.

   O día anterior, a señora, xa a non faltando moito para o toque de queda, recibe unha visita na súa casa. Trátase dun matrimonio duns 55 anos el, algo máis nova ela, e un rapaz, de vintetantos. Non os coñece, pero abriu, e unha vez aberto, o que lle din é que ten hipotecada a casa e que o banco vailla embargar. No aturullamento do momento, preséntanlle uns papeis para asinar. Papeis que asina pensando en que non pode ofrecer resistencia, que a poden zurrar. Querería lelos, pero sácanllos de diante, e vanse. Queda en estado de choque e non reacciona ata o día seguinte. Dillo a unha veciña e a veciña lévaa á cafetería do seu fillo, onde oio a conversa. Tamén chamadas telefónicas. Antes de ir aló, a Guardia Civil teríalle dito que para denunciar ten que trasladarse ó cuartel, a Burela (intúo que vive nalgúna lugar entre Foz e Burela, e estamos en Foz, pero non me cadran totalmente as cousas porque non ten coche, está falando de ir en taxi). Coa intervención da familia do fillo da amiga, volven chamar á Guardia Civil, e a resposta que se percibe a través das verbas da persoa que chama, é que se non sabe que asinou, non lle roubaron nada, non a atacaron, non sabe quenes son... mellor deixe estar así a cousa e evítase as molestias. De calquera xeito -e iso xa o penso eu- non lle van quitar o medo do corpo dunha persoa maior (80+) soa e que se ve indefensa. Mais, antes do consello, preguntas sobre a situación, claro, e sobre a 'situación da señora': está ben da cabeza? A resposta é taxante (e corresponde coa realidade polo que podo observar da escea): da cabeza está perfectamente. Mais a pregunta non deixa de ser un elemento perturbados máis na situación actual, por moito que sexa un dato necesario (innecesario se se considera que está chamando outra terceira persoa, despois de intervir a súa nai, etc).

   Poderá dicirse que coa situación actual aumenta a 'picaresca'. Pero é que 'situación actual' é tanto a pandemia e os seus efectos como a despoboación de xente nova da nosa terra. E a situación tamén é a dela: polo momento non hai máis, pero sábese marcada, no punto de mira de intrusos, e marcada tamén para ela mesma, co medo.

   Os nosos maiores suman a indefensión, non só contra o virus, senón tamén da idade ou dunhas redes sociais máis tenues. Necesitan -necesitamos- un aumento de solidariedade, pero non de sentemento, solidariedade sentimental, ou non só, senón de interacción: solidariedade interactiva. Implicada e imbricada nas nosas relacións, na nosa vida diaria, no que somos como individuos e como sociedade. Algo que implique os nosos maiores -en realidade, todos nós- estén menos sós, máis integrados socialmente de xeito normal. Non tanto unha rede de protección, que tamén, como unha rede de vida. Mentres, ó escoitar case como se dun conto se tratase un episodio así sucedido a outra persoa, un sente a indefensión allea.

20201029

Galicia desaparece


 Remato de velo en Nós Diario: non primeiro trimestre de 2020 naceron 3820 cativas e cativos en Galicia, mentres morreron 9013 persoas. Facendo unha proxección para o ano, esperaríanse uns 15 280 nacementos e 36 052 defuncións, ou sexa:

- Un saldo vexetativo anual de -20 772 persoas

- Máis de 2,3 mortes por cada nacemento

- Oito mil cincoenta nacementos menos que a media dos últimos cato anos (un tercio menos, ver o gráfico e poboación por cohortes de idade, tomado de https://www.statista.com/statistics/448908/population-of-galicia-by-age-group/)

   Ou sexa, de seguir así, e non considerando factores como a inmigración / emigración, teríamos a previsión de poboación da gráfica de cabeceira, é dicir, en 30 anos Galicia perdería 1/5 da súa poboación.


20201015

Tiveches emigrantes a Sudamérica na familia?

   Hai moitas probabilidades de que algún parente, próximo ou non tanto, teña feito a viaxe...

   O centro de estudos migratorios latinoamericano, CEMLA, ten desenrolado unha base de datos con milleiros e milleiros de emigrantes a Sudamérica entre a independencia e mediados do século pasado. Faltan moitos, mais se na túa familia houbo emigrantes e queres tentar seguirlles unha mínima pista, pode ser o momento:

https://cemla.com/buscador/


 


20200929

Demografía

Demografía

    Esta tempada pasada teñen xurdido comentarios na bisbarra da Mariña de Lugo sobre a incidencia da pandemia no asentamento da poboación, con movementos que virían afectar a un aumento de residentes censados en Barreiros, Foz ou Ribadeo. A falta de confirmación das cifras, os argumentos son claros: onde se vive mellor e máis seguro? A resposta argumentativa, por parte dos locais, é clara: aquí. Natureza, pureza de aire, auga e terra, tranquilidade, falta de distancias... ou é que non se está a converter nun destino turístico por excelencia? Así, a atracción de xente á zona estaría cantada unha vez que foxen da aglomeración contaxiativa das cidades.
    Coido que no parágrafo anterior habería ao menos tres cousas a obxectar. Serían os números, as bondades e a contradición. Explícome.
    En canto ós números, botando man dos datos dispoñibles de xeito público, os máis actualizados son os co censo de electores, liberados con datos de comezos de cada mes, e dos que os últimos dispoñibles agora mesmo son os de agosto. Certo que non é o de residentes, que sería o propio, pero si unha indicación abondo fiable pola súa relación. Pois entre abril e agosto, nos concellos supostamente afectados, as variacións son comparables ás doutros anos. Hai tan só un par de días algún medio citou de xeito textual a algún alcalde falando de novas inscricións que suporían o 2,5 % da poboación, pero con aumentos de residentes de só o 0,3 %. As contas non casan moi ben sen moito esforzo, e ó final, o que conta, vóltase ó aumento do 0,3 %, normal nestes anos en época de verán. Polo momento, unha cousa é que se teña notado que chegou xente mesmo cando non estaba permitido, e outra que se afinque de xeito permanente.
    En canto ás bondades, cando se expoñen pola nosa parte, polos que queremos á nosa terra, tendemos a sobreponderalas, esquecendo de xeito correlativo as maldades, que tamén contan. Entre elas, o paulatino illamento da zona en transporte público ou a calidade mellorable de internet, que habería que contrapoñer na balanza ós pequenos recorridos necesarios para a vida diaria, considerados avantaxe se vives nun pobo e non nunha aldea, e non tes necesidade de usar os servizos asociados a unha poboación grande. Sen ir máis lonxe, estes días está en marcha unha campaña de sinaturas para tentar que se restableza o servizo de ferrocarril, na actualidade só un tren de ida e outro de volta no que é máis ben unha falta de servizo. E ben, aínda que no resto dos temas tamén se poderían contrapoñer pegas, coido que todos -locais e forasteiros- estamos de acordo en que a calidade de vida tende a ser mellor por estes lares. Pero en calquera caso, hai que lembrar que se a xente non se ten vido para aquí en masa xa antes da pandemia é por algo, sexa o sitio onde están os empregos (aínda coa posibilidade de teletraballo en aumento), a diferencia de soldo, ou mesmo en máis dun caso, non verse afogado por unha vida considerada demasiado tranquila.
    En canto ó último punto, a contradición, é máis difícil de acoller, pois é moito máis difuso que os anteriores. Resúmese en algo así como querer nada e gardar a roupa. En xeral, estamos encantados de ser lugar de acollida, de que aumente a poboación, esquecendo que iso significa... que a poboación aumenta! É dicir, que aumenta o número de xente e con iso, tenden a diminuír as bondades ás que se alude precisamente por ter baixa poboación.
    E un aparte. Que significa demográficamente? Coido que está por ver a influenza posible dun movemento así na pirámide demográfica dunha comarca (tres comarcas, segundo a Xunta) que leva perdido o 10 % da súa poboación nos últimos corenta anos, aínda sen a crise provocada pola evolución de Alcoa, motor industrial da zona.

20180227

Trasvase de poboación

Do interior á costa. De Mondoñedo a Ribadeo. Negocios que se veñen, e con eles, actividade e poboación. Pasou coa Alianza, pastelería que veu tomar o testigo da antiga Eijo. E agora o Montero. Non son casos iguais, pero tampouco neste caso é unha sucursal que dependa da 'casa central' en Mondoñedo, senón un negocio independente, como traía o xornal hai un par de días.
Propaganda aparte, a variación demográfica que está a vivir Galicia ten diverxencias abondo profundas entre diferentes lugares. Comparando Ribadeo e Mondoñedo, pode verse embaixo a evolución dende hai 35 anos, lonxe xa do esplendor mindoniense, capital de provincia no su tempo, a perda da metade da súa poboación neses anos. Algo que da que pensar en varias liñas. Unha, o por que o balanzo de poboacións a tan pouca distancia. Outra, o sentido do aumento continuado de poboación. Outra, o mantemento dunha sociedade cunha distribución de poboación avellentada. E máis...