20090206

Pensamentos xurídicos

En razón da secretaría de O Tesón, tento facerme con algunha información que doutro xeito non se me pasaría pola cabeza recoller. Entre esa e outra de tipo aprticular, vexo cada vez máis claro o obscuro da administración, tentando tapar todos os seus actos detrás do descoñecemento e uso abusivo de normas legais.
Remato agora de estar repasando o informe relativo a alegacións á Ordenanza reguladora do Hospital Asilo no que respecta ás alegacións de O Tesón. Dun xeito rápido, cabe dicir en primeiro lugar que o informe non foi remitido a asociación.
Asemade, que, en aras da posibilidade legal que existe, o informe permite que non exista máis que a referencia a unha lei xeral, supoñendo a súa aplicación prevalente sobre a norma particular, e sen concretar na norma particular as mesmas cousas que na lei xeral. Isto, que en principio pode parecer unha simplifación para aclarar a normativa, en realidade é un muro máis que se levanta ó non depender o servizo suxeito á norma dun xeito comprensivo dista, senón que calquera que tente comprender a norma debe ademáis bucear por leis diversas de rango superior.
No extremo oposto, a incomprensión pola redacción de frases tómase como un xuízo de valor; algo que é certo, pois seguro que quen o redactou o entende e polo tanto ten diferente valor para uns e outros, pero que entrampa o feito de que, se se fai unha análise 'externo', hai unha probabilidade elevada de que non sexa entendido e interpretado correctamente. Polo contrario, case a renglón seguido, desestima outra alegación porque "a proposta (...) parece axeitada". Simplesmente, estase aceitando a denegación por un xuízo de valor.
En fin, prometín ser rápido por falta de tempo, pero non sen antes comentar outra cousa: a pesar das alegacións, permítese que os servizos complementarios podan ser de pago complementario, e non se establecen diferencias de servizo para diferentes prezos, denegando asemade cousas como a obriga de tere un protocolo para tratamento de problemas mentais por ser unha cuestión que 'corresponderá ó personal especializado'.
É dicir, nuns casos, aproveitando a lexislación para abstraer a comprensión, noutros, dando á subxectividade valor e noutros, botando balóns fóra. E, en todos, tentando de que o coñecemento non chegue á xente. Estamos no século XXI.
Por certo, fago a aclaración pertinente: como non especialista legal, o anterior pode e debe tomarse como elucubracións mentais a modo de ficción legal.

Ningún comentario: