20200715

A Mariña, aberta

Subzona hospitalaria de Burela

Excepto Burela.
Dentro das novas anormalidades ás que nos imos afacendo / nos están a afacer, hoxe pola noite Ribadeo e o resto da Mariña que quedaba, excepto Burela, pasará á nova normalidade.
A falta de estatísticas precisas (ACISA ten avanzado só cifras de cálculos grosso modo) estimo que estes dez días de peche extra (5 iniciais de toda a subárea sanitaria mariñá e prolongación doutros 5 nos concellos costeiros) fixeron máis mal a Ribadeo que o anterior confinamento. Tanto polo que significou de marchas e cancelacións turísticas como pola imaxe, ó ser sinalada como 'terra perigosa', aínda que a incidencia da pandemia se teña reducido a catro casos, despois de aglutinar Burela vinte veces máis que Ribadeo.
No medio, eleccións ó Parlamento de Galicia, e desconcerto xeralizado, tanto sobre as medidas (límites de confinamento, ou duración posible, por poñer dous exemplos) como sobre o que podían implicar cara ó futuro máis inmediato. Ou ó ver que mesmo nunha cadea de televisión de alcance estatal se facían entrevistas na mesma praia das Catedrais a xente que non tiña en conta ese 'peche de fronteiras mariñás'.
Aberta, ata cando? Esperemos que esta segunda pasada do coronavirus pola zona (moito máis próxima esta vez que cando había máis alarma a nivel España) teña servido de aprendizaxe para evitar que no temido previsto rebrote de outono as cifras de afectados (e todas as consecuencias que implica) se volte disparar. Iso implica estar ó tanto das medidas de hixiene, separación e enmascaramento, na xente, a máis das medidas normativizadas para os negocios e actividade produtiva.
Son tempos de cambio e adaptación, estimo que preludio doutras moitas adaptacións que teremos que facer, segundo previsión de diversas organizacións a nivel mundial e relacionadas con outras crises que xa están entrando pola porta. É dicir, tempo de aprendizaxe e reprantexamento, mirando dende o medio ambiente a unha sociedade máis xusta, con necesidade de ter unha mentalidade máis aberta, algo que notei en falta na campaña das pasadas eleccións.

1 comentario:

paloma dixo...

Eu tampouno a vin e sigo sin vela. A xente està agardando que escampe para que volva ser como antes. É a miña impresión.