Amosando publicacións coa etiqueta eleccións xullo 2020. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta eleccións xullo 2020. Amosar todas as publicacións

20200719

Ecoloxía, medio ambiente, eleccións Parlamento Galego 2020

   A auga pasada, atópome un vídeo publicado dous días antes das eleccións, o 10 de xullo, no que se trata de faceer unha análise da incisividade dos programas de diversos partidos en ecoloxía e medio ambiente. Os partidos elixidos por quen fixo a análise son os seis que estaba previsto que obtiveran mellores resultados. Chamoume a atención, e como referencia (só como referencia, pois estimo que estas valoracións implican subxectividade aínda que se pretenda obxectividade, e desexos máis que feitos) deixo unha traslación a varios gráficos, aumentando o alcance da pretensión inicial do vídeo.
   O primeiro gráfico corresponde a suma acumulada do monto dos diversos indicadores empregados. Como cada indicador é valorado de 1 a 5, o mínimo acumulado para cada partido é 9, por iso se pon no 9 a liña gorda de separación. E, como son 9 indicadores a valorar, o máximo de puntuación é 45, o extremo da táboa, que non acada ningún dos grupos.
   A segunda gráfica é un resume da valoración que os partidos, en conxunto, dan a cada un dos indicadores, referenciando así a importancia relativa de cada apartado no 'mundo político'. O mínimo (1 por partido) é 6, e o máximo (5 por partido), é 30, o que daría unha media de 18, que é superada por todos os apartados. A notar que a 'política clásica', que viría representada pola mobilidade e ordenación do territorio, está máis ponderada (é dicir, máis considerada) que a 'novedosa' e 'transgresora' transición ecolóxica. Quizais alguén interprete que o turismo tampouco está moi valorado, pero é que se trata de imbricar o turismo como vertebración do espazo cara a sostibilidade ecolóxica e medioambiental, cousa diferente do tratamento actual do 'turismo'.
   A táboa de datos extraída do vídeo, e sobre a que se fixeron as gráficas anteriores, é a seguinte: 

20200718

Seguindo coa análise das eleccións autonómicas 2020 en Ribadeo

Seguindo co desmenuzamento dos datos das eleccións ó Parlamento de Galicia de xullo de 2020, pasamos á parte correspondente a voto en relación a renda e lugar.
Se se collen as diferentes seccións censais e mesas:
2705101001 Turismo
2705101002 Teatro
2705101003 Col. Sgdo. Corazón
2705101004 Ove/Vilaselán
2705101005 Vilaframil/Devesa
2705101006 Covelas/Vilaousende
E se cruzan os resultados cos datos de renda (accedín só ós de 2016), obtense a seguinte gráfica de porcentaxes de votos a cada partido en función da renda de cada sección censal:
Nótase que o voto ó BNG é o máis uniforme a traverso dos diversos conxuntos de renda, votando máis ó PSOE as seccións de rendas relativamente máis altas (vila), e ó PP as relativamente máis baixas (campo). A estatística correspondente ós demáis partidos só tería algo de valor polas cifras implicadas nos casos da coalición na que participa GeC/Podemos/... que recabaría votos de xeito diferencial nunha sección censal, a de menor renda, aumentando polo demáis lixeiramente a porcentaxe nas rendas máis altas, e Vox, que si tendería a aumentar o número de votos recollidos ó aumentar a renda.
Case complementario co anterior, ó ser as seccións censais da vila as de maior renda, é o gráfico seguinte, que distribúe os votos agrupándoos na vila e no campo (incluído Rinlo neste último):
Vese ás claras unha diferente distribución de votos na vila e no campo para os cinco partidos máis votados, mantendo a porcentaxe só o BNG, como xa vimos na gráfica anterior. 
Para comprender mellor e ter unha visión de conxunto, hai que lembrarse de que o censo na vila é abondo superior ó censo no campo, co que o peso das porcentaxes nun e outro caso son diferentes.
E, algo que non debemos esquecer por ausencia dos implicados, segundo o ine:
É dicir, o 15% de votantes de Ribadeo está no estranxeiro, a máis dos desprazados noutros lugares de España. Por experiencia propia, sei que pedir o voto por correo, dificultades aparte, non implica nin moito menos poder votar, a máis de que no estranxeiro implique asemade pasar por un consulado, que pode estar a varios centos de quilómetros. É dicir, eses votos, que polo que parece non serán contabilizados ata mañá, sendo os datos actuais que estou a manexar provisionais, son votos difíciles de conseguir para exercer o dereito. De aí a baixísima participación dese sector, e o que se pode intuír, unha posible notable variación de resultados en caso de que se normalizara a situación.

De Ribadeo a Galicia: proxeccións electorais

Unha vez do dominio público os resultados electorais do pasado 12-X, contiúo remirando as eleccións, desta volta cunha proxección dos resultados, como se Ribadeo fose Galicia enteira.
En primeiro lugar, á vista da táboa de resultados, chama a atención a abstención, que segue a aumentar como quedou claro en 'Historia das eleccións autonómicas en Ribadeo', situándose por riba da media galega, pero non moito, e menos aínda tendo en conta que o concello atopábase en situación de restriccións polo coronavirus.
Unha distribución visual dos votose abstencións sería:

Tamén chama a atención que un partido, C21, non obteña nin un só voto. A concentración de votos nos partidos 'grandes' foi evidente e tivo 'consecuencias colaterais'.
A táboa anterior, que se pode ver en grande premendo sobre ela, indica como sería a distribución de escanos se todos os escanos de Galicia dependeran de xeito único do votado en Ribadeo. Aparece en tamaño maior o número de votos que custaría cada escano a cada partido. Á súa esquerda, canto tería costado se ese partido perdera un escano. E, á dereita, se ganara un máis (o que pasa ó descartar ós partidos que non obtiveron o 5%).
Polo sistema D'Hondt usado en España, o PP conseguiría 40 escanos, a un custe de 57 votos por escano, o BNG, 22, a un custe de 59 votos/escano, o PSdeG-PSOE, 10, a 62 votos/escano, a coalición Podemos-...-ANOVA, dous escanos 67 votos/escano, e VOX, 1 escano cos seus 92 votos:
A notar, por certo, que os en branco non conseguirían deixar un escano baleiro no Parlamento.
Pero, a nivel España, hai unha limitación cando os partidos non se presentan nunha soa circunscrición: necesitan o 5% de votos dunha circunscrición para sacar representación. Con isto, quedaría:
Se lembramos o resultado a nivel Galicia, 41 - 19 - 15, infírese que o respaldo ao PP é semellante ó que recibe noutras partes de Galicia, mentres que o BNG sae máis favorecido que a nivel Galicia, a costa do PSdeG.
Así, mirando as papeletas electorais de Lugo, entraría a lista completa de PP e BNG, suplentes incluídos, mentres que o PSdeG aproveitaría pouco máis da metade da lista.

20200717

Historia das eleccións autonómicas en Ribadeo

Ribadeo é un lugar máis que contabiliza nas eleccións ó Parlamento de Galicia. E, como tal, tren a súa historia de números, filias e fobias ó longo do tempo. Velaeiquí algúns gráficas para representar esa historia dende o ano 1993.
O primeiro, un gráfico coa cantidade de abstención. Vai medrando, o que indicaría un afastamento da xente en relación ás eleccións autonómicas. Ó tempo, vese que influencia do COVID-19 en relación coa decisión de achegarse ás urnas non foi tanta, incrementandose a abstención esta convocatoria en relación a 2016 arredor dun 15%.
A segunda gráfica da os votos históricos nas autonómicas en Ribadeo para os tres partidos máis votados. é evidente que o afundimento das coalicións de esquerdas arredor de Mareas, Podemos, Equo, etc, foi capitalizada polo BNG:
Na gráfica tamén é evidente que, grazas a eso, é o único partido reseñable que sube en votos. E moitos, aínda que queda lonxe o PP, que recolle a maioría. Tamén que, exceptuando o xa dito do BNG nestas eleccións, o aumento de abstencións remata afectando máis ou menos de xeito semellante a todos os partidos máis representativos.
En fin, outro día, unha análise sobre outro aspecto destas eleccións en Ribadeo.


20200715

A Mariña, aberta

Subzona hospitalaria de Burela

Excepto Burela.
Dentro das novas anormalidades ás que nos imos afacendo / nos están a afacer, hoxe pola noite Ribadeo e o resto da Mariña que quedaba, excepto Burela, pasará á nova normalidade.
A falta de estatísticas precisas (ACISA ten avanzado só cifras de cálculos grosso modo) estimo que estes dez días de peche extra (5 iniciais de toda a subárea sanitaria mariñá e prolongación doutros 5 nos concellos costeiros) fixeron máis mal a Ribadeo que o anterior confinamento. Tanto polo que significou de marchas e cancelacións turísticas como pola imaxe, ó ser sinalada como 'terra perigosa', aínda que a incidencia da pandemia se teña reducido a catro casos, despois de aglutinar Burela vinte veces máis que Ribadeo.
No medio, eleccións ó Parlamento de Galicia, e desconcerto xeralizado, tanto sobre as medidas (límites de confinamento, ou duración posible, por poñer dous exemplos) como sobre o que podían implicar cara ó futuro máis inmediato. Ou ó ver que mesmo nunha cadea de televisión de alcance estatal se facían entrevistas na mesma praia das Catedrais a xente que non tiña en conta ese 'peche de fronteiras mariñás'.
Aberta, ata cando? Esperemos que esta segunda pasada do coronavirus pola zona (moito máis próxima esta vez que cando había máis alarma a nivel España) teña servido de aprendizaxe para evitar que no temido previsto rebrote de outono as cifras de afectados (e todas as consecuencias que implica) se volte disparar. Iso implica estar ó tanto das medidas de hixiene, separación e enmascaramento, na xente, a máis das medidas normativizadas para os negocios e actividade produtiva.
Son tempos de cambio e adaptación, estimo que preludio doutras moitas adaptacións que teremos que facer, segundo previsión de diversas organizacións a nivel mundial e relacionadas con outras crises que xa están entrando pola porta. É dicir, tempo de aprendizaxe e reprantexamento, mirando dende o medio ambiente a unha sociedade máis xusta, con necesidade de ter unha mentalidade máis aberta, algo que notei en falta na campaña das pasadas eleccións.

20200713

Amnesia. Que pasou onte?


Onte foi un día normal. Con algunha pequena variación, un día 'vello-normal'.
En Ribadeo, o nordés axustou un típico día soleado de xullo. Normal.
As rúas baleiras a primeira hora dun domingo daban unha apariencia de normalidade.
Máis tarde, pouca xente pola rúa. Coa prohibición de cambio de área sanitaria, de concellos, de... normal.
E a propia prohibición de saír da nosa zona? Parece que xa estamos afeitos, e dentro de pouco, prohibiránolo os alcaldes. Normal. 
Os aplausos das oito, substituídos polo esquecemento da sanidade pública 24/7? E logo, non é normal que se vaian esquecendo as cousas?
Sen novas sobre unha 'salvación para Alcoa'. Ninguén a esperaba, logo, normal.
Un só paso do tren de FEVE en cada sentido cada día. Normal, ao menos polo momento, mentres non digan que xa postos, para que.
Fake news propagándose nos medios, máis aló da rede? Normal! Viñeron para servir de útis e quedar, e están a facer a súa labor.
A pequena estrada, bacheada algún tramo ás presas. Normal antes dunhas eleccións... Ah! Era iso! Eleccións! Iso era o anormal. Un día cada catro anos. Claro que... iso tamén parece xa normal, non? Ben pensado, podemos continuar:
Abstención, catro de cada dez votantes. Na liña de sempre.
Como tantas outras veces, vitoria abrumadora do PP. É dicir, tamén normal.
Rexurdir do BNG un pouco máis alto? Na liña co que leva sucedendo décadas. Normal.
Afundimento das Mareas? Xa se sabe, o fluxo e refluxo mareal, de xeito máis vivo ou máis morto, manifestado por outros partidos antes. Normal.
O PSOE como testemuña de algo que existe máis aló do Bierzo? Pois iso, máis ou menos o de sempre, normal.
Que haxa xente impedida de votar? E logo, non se teñen dado casos de votar despois de mortos? Non é máis normal isto?
Pero, todo, todo, é 'normal'? Diría: e logo, non se ten instalado en Galicia a realidade alternativa dende hai moito tempo? Non teñen emigrado de xeito 'normal' -e seguen a facelo- milleiros e milleiros de persoas mentres Galicia é a mellor terra do mundo? Non se segue a despoboar un campo polo que se sente saudade e morriña? Non segue a haber unha falta de tecido industrial mentres se contempla como afunden as industrias vendidas ou directamente fóra do control da nosa terra? Non escapou o control das finanzas? Non se potencia o desenvolvemento extractivo mentres se empobrece a terra?
Normal. Non 'vella normalidade' nin 'nova normalidade' máis aló de pequenos detalles. Anormalidade. Ou era 'a normalidade'? Ben, o que quería dicir é que 'é así'. Que lle imos facer, non? Galicia sempre tivo fama de resignada...