20200210

IN MEMORIAM DOS MORTOS NA PONTE DE ARANTE. Pancho Campos Dorado

Confluencia do rego de Lexoso e o rego de Arante para constituír o Río Grande. Santuario das Virtudes.

  Quixeramos suxerir aos organizadores da Romaría das Cruces, pois despois de asistir algúns anos a tal evento histórico na Capela de Nosa Señora das Virtudes da Ponte de Arante, vemos que logo dos actos da procesión, da cerimoniosa reverencia das cruces e do saúdo dos pendóns totalmente en silencio, notamos que lle falta algo a ese cerimonial cívico relixioso e é a solemnidade grave e formal dunha lembranza esencial aos mortos que alí houbo tanto propios como dos inimigos franceses. Foron moitos mortos polos que podería prenderse un lume nun pebeteiro de pedra labrada ou queimar incenso acompañando o acto cunhas evocadoras palabras ou co rezo dunha simple oración.
  Por outro lado non estaría demais poñer unha placa co nome daqueles verdadeiros patriotas da Guerra da Independencia, aguerridos veciños das parroquias de Arante, Ove, Cedofeita, Covelas, Valboa, Sante e Vidal que foron quen de enfrontarse coas ferramentas do campo, gadaños e gadañas, a paus e a pedradas, aqueles días tres e catro de febreiro de 1809, aos soldados do exército francés perfectamente armados de sable e fusilería e adestrados para o combate ao mando do xeneral Fournier.
  Este xeneral tras as perdas que sofre tan preto de Ribadeo, aumenta as súas forzas até o número de dous mil homes de infantería, cos que acometeu o día cinco polo camiño de Nosa Señora da Ponte, forza a que os nosos paisanos non puideron resistir por falta de armas, polo que abandonaron o cordón e o inimigo entrou en Ribadeo matando os inermes, entre eles unha muller e un home de oitenta anos. Fournier, desconfiando de que os nosos paisanos se volvesen a reunir, evacuou en poucos días o país (Pardo de Andrade, Manuel: Semanario político, histórico y literario de la Coruña (1809-1810) Fundación Pedro Barrié de la Maza, 1995. Citado por Juan Manuel Osuna Rey: Los Franceses en Galicia, Historia Militar de la Guerra de la Independencia en Galicia -1809-, páx.150-151).
  En Cubelas segundo recoñece o párroco don Esteban Aenlle Rocha no Libro de Defuntos, houbo a perda de catro veciños, os mesmos que nomea o Cura de Piñeira en La Comarca del Eo (2-Xuño-2001). Pero segundo notas de don Juan Ramón Fernández Pacios foron enterrados en Cubelas entre o tres e o cinco de Febreiro de 1809 os sete veciños seguintes: don Juan Díaz del Villar e don Xosé Díaz del Villar (3-Febreiro-1809); don Manuel Rodríguez da Axilde (4-Febreiro-1809) casado en Vidal; don Simón Rodríguez; don Antonio Rodríguez; don Pedro de Palmeiro e don Francisco Villapol (5-Febreiro-1809). Na freguesía de San Pedro de Arante morren dous veciños o día cinco e un que queda ferido morre o día seis, segundo a anteriormente citada obra Los Franceses en Galicia, e segundo investigacións de don Emilio Piñeiroa Lozano e don Juan Ramón Fernández Pacios, foron tres os enterrados en Arante: don José Fernández; don José Rico; don Juan Gutiérrez (6-Febreiro-1809) e tamén don Simón Amor Lastra (8-Febreiro-1809) que foi enterrado no chan da Capela da Ponte de Arante. Na parroquia de Santa María Madalena de Cedofeita segundo revelan as fontes de don Emilio e de don Juan, son tres os mortos dos que dous son mulleres: dona Angela López; don Pedro López e dona Josefa Soto viúva de Manuel A. Lanza (5-Febreiro-1809). Na Parroquia de Sante foron enterrados don Pedro Maseda (5-Febreiro-1809) e don Manuel Soldado(?) (3-Marzo-1809). Segundo notas de don Juan Ramón Fernández Pacios foi enterrado o 16-Febreiro-1809 don Isidro Yañez de Pacios antiga parroquia de Abres hoxe de Trabada. Tamén de Ribadeo hai un defunto “morto dun fusilazo” do que non sabemos o nome. Foron un total de dezaoito veciños mortos.
  Pola banda dos franceses o resultado da batalla non lles foi mellor pois o 29 de Xaneiro de 1809 tiveron a baixa de cinco soldados (e tres cabalos), que don Barreiro Fernández eleva o número a sesenta soldados e vinte e cinco cabalos, cifras que nos parecen esaxeradas, pero que ninguén sabe de certo. O 31 de Xaneiro de 1809 tiveron dezanove mortos e feriron a moitos máis, segundo o historiador Amor Meilán. Tamén morre “de repente” en Ribadeo un sarxento de graduación do exército francés, que se enterra sen recibir os Santos Sacramentos (ibidem, Los Franceses en Galicia, páx.151)
  No ano 2019 despois da celebración da cerimonia das Cruces e dos Pendóns, as Autoridades alí reunidas dixeron algunhas verbas e entregaron uns premios, pero para a nosa forma de ver falta ese acto afectivo que faga fincapé na relevancia do motivo da romaría, pois aínda que sexa un acto festivo, ninguén de nós fai festa polos defuntos propios nin polos estraños. Ter memoria daqueles que loitaron polas nosas liberdades debería ser sempre motivo suficiente para un conmovedor e inesquecible recordo.
  Creo que as Autoridades competentes da Xunta da Galicia e da Corporación Municipal de Ribadeo deberían de traballar a reo para manter vivos momentos tan históricos, así como procurar por todos os medios que non se destruíra tan magnifica xoia do Camiño de Santiago como é a Capela de Nosa Señora das Virtudes da Ponte de Arante que nos ven legada desde o alto medievo. Rogaríalles a ditas Autoridades que non deixasen perder este espléndido patrimonio como tantos outros, e que rompan para sempre con ese destrutivo lado da política con minúscula, politiqueiro e barato, que nos fai partícipes aos cidadáns da incompetencia administrativa, e non hai dereito que teñamos a maioría dos nosos vestixios e bens patrimoniais tan esquecidos, abandonados e arruinados.
  Lemos con incredulidade no diario Nós, Nº22, que Galiza debe máis de 11 mil millóns de euros e que un 14% dos orzamentos da Xunta de Galiza destínase a pagar a débeda. Onde están as melloras para con os cidadáns feitas a cargo da Xunta para ter tamaña débeda?
  Volvemos aos tempos do Gran Capitán que pasaba facturas “por picos, palas y azadones, cien millones”? Triste, moi triste que non haxa máis control do que tan mal se fai.

Ningún comentario: