20210505

Pregón festividade de As Cruces. A Ponte, 23/05/2010. Emilio Piñeiroa

Festividade de As cruces

A Ponte.

Pregón. Data: 23/05/2010


Boas tardes, grazas por estar aquí.

Fai un mes sonou o teléfono da miña casa a mediodía, oín unha voz que me resultaba coñecida, era a voz de Azucena, propoñíame facer o pregón da Festa da Ponte.

Non sabía que responder. A pesar de sentir agarimo por este lugar, tiña medo e responsabilidade ante este reto. Que lle ía decir ós veciños da Ponte que eles nos saiban?

Ante as miñas dúbidas, Azucena díxome que o pensara…que me volvería a chamar…e ben que o pensei…son tres as razóns polas que estou aquí:

1ª. Pola Virxe das Virtudes, Virxe con moitos devotos en toda A Mariña e Occidente Asturiano,... é unha responsabilidade pero o mesmo tempo unha honra.

2ª. Polos veciños da Ponte.

Cando veño aquí atópome como na miña casa, sei cando chego pero non sei cando marcho. As conversas con Anita, Manolo o Barbeiro, Encarna de Panta, Carmen do Cuco, Olga do Quinteiro, pero debo mencionar dunha forma especial a Rosa do Xirifo, polas moitas veces que a molestei e sigo molestando para que me deixe as chaves da capela... ó marcharme sempre me dí: ata que volvas outra vez ou volve cando queiras.

3ª. Porque mo pidíu Azucena, o seu pai é Pepe, membro da Comisión das Festas. Non lle podía dicir non, porque grazas a Pepe poiden localizar unhas pedras grandes na parroquia de Vidal e así facer un pequeno traballo sobre As Mámoas das Pallaregas.

E aquí estou, algo nervioso, pero vexo moitas caras coñecidas e iso dame tranquilidade porque sei que se teño algún erro saberédes perdoarme, ademáis teño o apoio desta Señora, A Virxe das Virtudes.

Dende neno oín falar de romarías, S. Andrés de Teixido, S. Cosme da Montaña, O Conforto..e por suposto da romaría da Ponte.

Se lles digo a verdade non lembro a miña 1ª visita A Ponte, si me acordo aló por 1990 cando pasei por aquí en bicicleta camiño de Santiago de Compostela.

É a partir de 1998, cando son destinado ó Instituto Gamallo Fierros de Ribadeo e entro en contacto coa Ponte e sobre todo a partir de 2004 cando xunto con 5 alumnos de 2º de ESO : Marta, Pedro, Jorge, Nelson e Marcos fixemos este pequeno Caderno de Investigación sobre A Ponte. Isto permitíume coñecer a D. José Ferreiro, o Sr. Cura, que me deu todo tipo de información e facilidades, colaborando escribindo o limiar deste libro.

Para explicar a Historia da Ponte, debemos estudiala dende 4 puntos de vista:

1º. A Ponte centro mariano, con moitos devotos e romeiros.

2º. A Ponte como xoia da arte, polas pinturas murais, ás veces pouco valoradas.

3º. A Ponte no Camiño Norte de Santiago, onde existíu un hospital para pobres e peregrinos baixo a advocación de S. Andrés.

4º. A Ponte é Historia. Aquí en 1809 veciños de 7 parroquias capitaneadas polo fidalgo de Sante, Don Melchor Díaz de la Rocha, venceron ás troppas de Napoleón na Guerra da Independencia.

Como poden ver o tema é amplio, levaríanos varias horas, pero non se preocupen, que vou tratar de ser breve.

En 1º lugar A Ponte é un centro mariano.

Esta ermida ou santuario coñécese dende moi antigo.

Pola documentación que dispoñemos a súa orixe data da 1ª metade do Século XV.

A fama de Virxe milagreira, o número de exvotos, as festas, as procesións marianas, as esmolas, as misas dan testemuña delo.

Unha mostra témola na pintura de 1606, é un naufraxio. Onde Domingo de Carranza e Aguiar, capitán de Infantería española, dálle as grazas á Virxe por salvalo no medio dunha gran tormenta.

Outra mostra desta devoción é a súa presenza hoxe aquí, así como os domingos na misa das 11.

Decateime desta devoción cando acompañando a un grupo de visitantes….. a uns gustáballes as pinturas, outros o entorno…

Pero unha señora quedouse mirando fixamente para a Imaxe da Virxe e fixo o seguinte comentario:

Mirade para a cara da Virxe:

¿non vos parece que transmite tranquilidade, sosiego, paz, amor...?

¿Que entendemos por amor?

Podíamos definilo como…, si é que ten definición...

O amor é o que todos buscamos na vida”

O amor fainos ver o mundo doutra forma”

O amor é unha maxia, é íntimo, é inmaterial é algo...inexplicable.

No meu nome e de tódolos presentes, se mo permiten, quixera neste día adicarlle á Virxe unhas verbas:

Canto á Virxe das Virtudes


Virxe das Virtudes                                                  Virxe das Virtudes

Reina e Señora                                                        a Virxe bela

eres nai divina                                                         os teus fillos da Ponte

tamén na Gloria.                                                     a tí che rezan.


Os anxos do Ceo                                                    Porque eres Patroa

a tí te aclaman,                                                       a “Patronciña”

por ser unha Virxe pura                                         ao ver a túa cara bela

e inmaculada.                                                        as penas quitas.


Aclámante no Ceo                                                Virxe das Virtudes

tamén na Ponte,                                                    a predilecta

porque eres a Patroa                                             á que os seus fillos choran

por excelencia.                                                     e contan as penas.


Patroa do teu pobo                                               Danos a paz

o teu pobiño                                                         quita as penas

onde te queremos todos                                       danos alegría

desde pequeniños.                                                porque tú eres Santa,

                                                                             Virxe María.


En 2º lugar temos que destacar as pinturas murais, unha xoia según os entendidos en arte.

Ata 1970 os muros estiveron cubertos dunha capa de cal, D. Xosé Ferreiro descubriunas por casualidade ó ver que no arco triunfal caía un anaco de cal e víase como un ollo, coa punta dunha navalla levantou un pouquiño máis e decatouse que alí había unhas pinturas. Deste achádego deu coñecemento ós seus superiores.

No ano 2000 recibiuse unha subvención para a súa restauración.

- Escenas da Infancia de Xesús.

Finais século XIV, principios do XV, pinturas góticas.

Autor descoñecido, escola de Mondoñedo

Natividade ?

Adoración dos Reis Magos (Epifanía)?

Matanza dos Inocentes

Fuxida a Exipto

- Arco triunfal gótico: (representación da Morte Triunfante)

dous dragóns, con motivos vexetais.

Home rico, luxosamente vestido, parece ofrecer un saco

cheo de moedas , manifesta a impotencia do home enfrontado ante a Morte.

Un esqueleto: a figura da Morte

O esqueleto parece presentar un corazón, un cadáver activo a pesar do seu estado de descomposición, os membros consumidos.

A frecha pode representar simbólicamente a peste.

Outra interpretación:

A representación da Morte, a disposición no interior da Igrexa:

A Morte, sitúase orientada ó Norte, o norte é o reino do demo, do frío.

Ó Sur, representa a vida, luz e divindade.

Pinturas con esceas da Vida de María.

Datan de 1516.

(Esta obra mandó hacer el Sr. Pedro Pardo de Aguiar, Señor del Coto de Samarugo a su costa se inició de nuestra Sra.. En el año 1516).

Asunción

Coroación de María

Descendemento da Cruz.

Por aquí tamén pasa O Camiño Norte de Santiago.

Son moitos os peregrinos que pasan e máis neste ano por ser Ano Santo ou Xacobeo.

A mediados do século XVI (1543) un coengo de Mondoñedo, nado en Ribadeo, Juan Marqués fundou un hospital para pobres e peregrinos, baixo a advocación de San Andrés, ós que había que darlles, sen paga algunha, casa, cama, luz e leña. Só podían dormir unha noite.

Sabemos que en 1834 unha gran riada levou dita casa e a capela de San Andrés coas súas imaxes, xunto co hospital.

Deste hospital hoxe sabemos un pouco máis polo traballo de investigación que fixo o historiador e amigo focense Xoán Ramón Fernández Pacios, no libro “ Hospitalidade e peregrinación. O Camiño do Norte na Mariña luguesa”.

Sobre o funcionamente deste hospital dinos:

as sabas deben ser lavadas polo menos unha vez ao mes, lavado que debe ser máis frecuente si nelas tivera dormido algunha persoa con enfermidade contaxiosa” “ A palla que formaba o colchón ( non había Flex) debía de ser cambiada cada 3 meses.

Neste libro Xoán Ramón fai tamén un estudo doutros hospitais que había no Camiño Norte, S. Sebastián e S. Lázaro en Ribadeo, Lourenzá, Modoñedo, Vilalba...pero voulles ler unha curiosidade, que chama a atención porque so fai referencia a ela cando fala do Hospital da Ponte, leo:

junto a las camas hay una necesaria que está frente a las camas y no tiene puerta ninguna, de suerte que si alguna persona va a ella, le ven los demás”.

¿Saben que é a necesaria?

É un inodoro, un retrete. Como vemos era o hospital máis moderno, porque estamos a falar de principios do século XVII.

Pero A Ponte tamén é Historia, a quen no lle sona A Romaxe das Cruces.

Foi en xaneiro (29 ) de 1809 cando veciños de 7 parroquia : Sante, Valboa, Vidal, Arante, Cubelas, Cedofeita e Ove, mandados polo fidalgo de Sante, Don Melchor Díaz de la Rocha, venceron ás tropas francesas de Napoleón dirixidas polo xeneral Fournier na Guerra da Independencia.

Mañá luns, como tódolos anos, conmemórase esta victoria cos pendóns e cruces das 7 parroquias, están invitados.

Precisamente o ano pasado celebrouse o Bicentenario, fíxose unha recreación con figurantes de A Coruña, O Bierzo, Asturias e Pontesampaio de Pontevedra. Como moitos recordarán houbo cañóns, cabalería e fogo, non real, senón de fogueo.

Deste acontecemento fíxose eco a TV, radio e prensa. Un diario publicou que o domingo presenciaran dita recreación preto de 2.000 persoas.

A Ponte podémola resumir en 3 verbas:

Relixiosidade - Arte e Historia

Como vexo a membros da Corporación Municipal, xa sei que estamos en crise, dende aquí pediría que estudasen a posibilidade de recuperar o Albergue de Peregrinos así como organizar visitas guiadas a esta capela. Moitas veces non é cuestión económica, senón vontade.

Chegamos ó 2010, aquí xuntos, festa na honra de Nosa Señora das Virtudes, ós actos relixiosos hai que engadir a música e o baile, e por suposto o bo xantar, onde veciños e visitantes formamos “ unha gran familia”.

Vou rematar, estou seguro que están esperando a actuación da Coral de Ribadeo, perdoen se me extendín moito. Remato con estas verbas:

Estamos de festa, tempo propicio.

A Ponte é un sono, un conto.

A Ponte é un conto que empeza hoxe.

As festas tamén.

Boas tardes, Moitas grazas. Felices festas.

Emilio Piñeiroa Lozano


Obras de Emilio Piñeiroa en Ribadeando.

Ningún comentario: