Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta construción. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta construción. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

20080617

Unha cousa rápida e un pouco descorazonadora


Poño algo con pouquiño tempo.
Estiven parte da xuntanza da que poño a continuación a nota de prensa. Onte puxen unha nota de prensa previa... Coido que sería mellor unha maior coordinación que dúas notas separadas. Cálome ademáis algún comentario.
"
RIBADEO, UNHA RíA CON PROBLEMAS
A Mariña, 17 de maio de 2008.-

Onte, 16 de maio, tivo lugar en Ribadeo unha reunión entre membros de ADEGA, e de diferentes colectivos da zona (Asociación O Tesón, Asociación pola Defensa da Ría, AAVV, entre outros.
O motivo foi a preocupación crecente polo futuro da Ría. Incluída na Reserva Integral da Biosfera RIA DO EO-OSCOS-E-TERRAS DE BURON , a pesar desta declaración as agresións ambientais non se fan de esperar. Tanto vidas da beira asturiana como da parte galega.
Pola parte da Galiza, Portos de Galiza anuncia a próxima construción dunha nave de mais de 33 metros de altura, ubicada no peirao baixo o Parador de Turismo que vai ter a finalidade de acoller unha ponte-grúa baixo a que entrarían os barcos para faceren operacións de carga e descarga de pasta de papel para a papeleira de Navia.
O impacto sobre a saúde da Ría vai ser diverso:
a)Impacto visual pola embergadura da construción, máis que un edificio de 10 plantas, baixo o Parador de Turismo que se anuncia , precisamente, polas fermosas vistas que ofrece da ría!!
b)Recheos na estreita ría, xa ocupada polos recheos que fixeron do porto deportivo, e de carga. Noutrora as correntes xa foran alteradas pola construción da Ponte dos Santos, que se sostén mediante piares, cando se puido ter feito de xeito a evitar a alteración das correntes da ría.
c)Grande perda de valores ambientais e, polo tanto, benestar e calidade de vida, para alén de perdas económicas derivadas do turismo de calidade.
Sábese que o proxecto está en fase de “ocupación do Solo”. Tamén que Portos de Galiza tense reafirmado na sua intención de facer esta construción. O perigo, polo tanto, é evidente.
d)Por outra parte, da outra beira da ría, no Concejo de Castropol estase a comezar as obras para un asteleiro para embarcacións deportivas, nunha zona de inundación, donde o río Suarón encontra ao Eo.( Porto da Veiga) Unha zona de xunqueiras dobremente protexida, por ser zona húmida, de aniñamento de aves, e pertencer á citada Reserva da Biosfera.

Por parte de ADEGA solicitoulle ao Concello de Castropol a documentación que sería preceptiva para que este Ente poidese ter dado o permiso e licenza de obras, mais, non obtivemos resposta, faltando ao dereito á información , (que por Lei obriga a facilitar todo tipo de información relativa a afeccións medioambientais).
As asociacións ecoloxistas e veciñais reclaman a urxente aprobación dun Plano de Ordenación dos Recursos Naturais da ría , como un todo integrado, salvando as diferentes administracións que a gobernan, pois o medio non sabe de fronteiras políticas. E en cumplimento da “Leo de protección dos espazos naturais e de flora e fauna silvestres” do Estado español
Tamén reclamamos a urxente constitución dunha Comisión galaico-asturiana de Xestión da Ría.

Iso sería imprescindible para o desenvolvemento integral do contorno, feito desde un Plano de Sustentabilidade e de potenciación e conservación de todos os Valores Ambientais , etnográficos e culturais que ofrece.
Outros lugares, máis deteriorados teñen sido obxecto de labores de recuperación integral, como podemos ver na Ría de Avilés.
Ribadeo ten un pasado importante como porto de Cabotaxe, que pode ser compatible cunha boa conservación e valorización dos seus recursos naturais.
As malas prácticas ambientais demostradas na construción da Autoestrada ou da Ponte dos Santos que non buscaron a compatibilización cos valores naturais e históricos, poñen o contorno nunha situación de alto risco, agravado polo proxecto da construción dunha piscifactoria no contorno da vila.
Avogamos por un desenvolvemento baseado no respecto ao medio, por unhas vías de comunicación que primen o aforro enerxético como o tren electrificado, pola potenciación dos valores aínda existentes e a recuperación doutros moitos degradados como os Tesóns da Ría.

Por todo iso , desde ADEGA, en colaboración coas diferentes Asociación de Ribadeo, con sensibilidade polos problemas do seu entorno, facemos un chamamento a acción a toda de toda a cidadania para a sua defensa.
O mar é de todas/os. O mar únenos. As rías son ecosistemas excepcionais de vida e cultura. Non as deixemos morrer.

20210525

A CONSTRUCIÓN NA COSTA LUCENSE. José Mª Rodríguez Díaz

Artigo publicado por José Mª Rodríguez Díaz no seu blog O Cargadoiro (xa non desaparecido) en castelán o 15 de xullo de 2006

Sábado, 15 de xullo de 2006

A CONSTRUCIÓN NA COSTA

Din os entendidos que o sector da construción é o gran dinamizador da economía dun país. Porque move moitos cartos, dá traballo a moita xente e repercute de forma importante noutros sectores.

Estamos vivindo uns momentos de febril actividade constructora na costa lucense. Precisamente alí onde o territorio é máis sensible e o urbanismo causa maior impacto. E moita xente, promotores, alcaldes, obreiros, propietarios e inversores felicítanse por iso. Os promotores, polos suculentos beneficios que obteñen. Os alcaldes, polos moitos ingresos que se xeran para as arcas municipais. Os obreiros, polo traballo estable que os afasta das listas do paro. Os propietarios do chan, polas suculentas plusvalías que xeran as súas propiedades. E os inversores, porque son bens tanxibles nos que o diñeiro derivado das plusvalías medra máis que os intereses que pagan os bancos.

Pero, mentres a construción aumenta, parece que os demais sectores produtivos non medran na mesma medida, o que conduce a unha balanza comercial deficitaria. Parece coma se a vida económica desta comarca baseásese máis na especulación do ladrillo que na productividad do traballo.

Non estaremos ante unha burbulla inmobiliaria na que moitos poden quedar atrapados? É necesaria esta masiva construción de vivendas e é esta a resposta lóxica á productividade desta comarca e ás necesidades da actual poboación? Unha grande parte desas vivendas non parecen ser necesarias, porque o seu uso está destinado a segunda residencia de forasteiros ou a inversión. Trátase de investir, aproveitando o baixo prezo da moeda. Falta un estudo das necesidades reais de vivenda nesta comarca. Sábese cantas destas van quedar baleiras? Que pasará se un día deixa de haber compradores para investir e os clientes acábanse?

As respostas a estas preguntas non parecen ser doadas nin alentadoras. As leis do mercado non son constantes. Pode escasear o traballo ou encarecerse o diñeiro, ou as dúas cousas. E cando os bancos corten o grifo ou o paro aumente, quen vai mercar as vivendas? Porque a capacidade de endebedamiento dos inversores pode fallar algún día. E se iso ocorre quedarán moitas vivendas baleiras e sen ningunha finalidade. Moito diñeiro investido que tiña que estar na industria e nos servizos. E o litoral quedará desfigurado polo cemento. E onde hai cemento non hai natureza, nin medran as plantas, nin existe a vida. Estamos ante unha frenética actividade especuladora, dándose o paradoxo, en contra da lei do mercado, de que canto máis se edifica, máis cara é a vivenda. Permítese que as construtoras campen sen control pola costa, sabendo que non poden decidir sobre a paisaxe ou o medio ambiente, porque iso é patrimonio de todos. Falta unha planificación que teña en conta as necesidades reais da poboación residente, sen capacidade para asumir a construción de tantas vivendas.

Que actuacións reguladoras espéranse dos gobernos? A política de protección do medio ambiente, ou non existe ou non controla este fenómeno. Os alcaldes están cegados polo fenómeno do crecemento e polos beneficios que del derívanse para as súas arcas municipais. Pero, nin contemplan a enorme carestía de vida que tal medre vai provocar entre a poboación residente, afectando a súa capacidade adquisitiva, así como o acceso a unha vivenda, nin a limitación dos recursos e os servizos que se van a necesitar.

O pouco que aínda queda sen construír na cousa lucense corre un grave perigo. Cando todo está construído haberase acabado a galiña dos ovos de ouro. E entón a sociedade ha decatarse de que somos máis ricos, pero non máis felices.-

José Mª Rodríguez

Outros Artigos de José María.

20160114

Contribucións para unha historia da Ponte dos Santos

Procurando acubillo á sombra da Ponte dos Santos. Foto de G. Gómez.

Nestes día reavivouse a polémica sobre a falta de luz na Ponte dos Santos a raíz do reenvío de cartas ás seccións asturiana e galega de estradas do Estado sobre as consecuencias que pode ter a obscuridade ó atravesar a ponte. Fíxome pensar que, despois de case trinta anos, a historia da ponte pode que necesite unha lembranza para achergármonos máis ó seu significado e á súa realidade, aínda que só sexan unhas pinceladas .
A Ponte dos Santos a finais do 2012

A ponte dos Santos foi inaugurada o 29 de xullo de 1987. Antes, foi aprobada a súa construción no último consello de ministros presidido por Calvo Sotelo.
Moi anteriormente houbera algunha proposta de construción dunha ponte sobre a ría de Ribadeo para o ferrocarril e pola zona do Costal. Ó fin, elixiuse outro paso estreito, entre San Román na parte asturiana e San Miguel na galega, de aí o seu nome.
O estilo de ponte deu que falar a nivel de rúa, pero ó ser un aspecto técnico xa viu dado, e os comentarios, protestas incluídas por altura, medio ambiente, etc,, non pasaron de aí, incluído o tema da altura do vano, que posteriormente se manifestou limitante para determinado tráfico marítimo, e así diversos barcos construídos por asteleiros Gondán tiveron que ser rematados na zona más alta do seu pao fóra da ría.
En inicio, unía dúas zonas dunha estrada convencional, a N-634, pero construción da autovía A-8, adecuouse para tal fin, e o 1 de outubro de 2008 foi inaugurada a ampliación, un desdobramento de calzada posible grazas a instalación de costelas metálicas no plano da ponte e un reforzamento das columnas. Aquí pode verse unha información moito máis completa.
Ó coñecer a súa construción, foi contestado por constituír un perigo económico para A Veiga, de xeito que ata a súa ampliación podían observarse pintadas como 'Non á ponte. Xa o hai na Veiga'.
A súa construción incluiu un entronque dende Barres ata a actual 'rotonda do Voar', con maior parte en Asturias. A dependencia da ponte foi sempre da unidade de estradas do estado en Asturias.
Perfil co reforzo
entronque A-8 por Asturias
sección lonxitudinal
Proba de resistencia
Coa ampliación para a A-8 cambiou a súa imaxe e os entronques dos que depende, pois pasaron de ser tales a ser o camiño principal que mantén a A-8.
A súa importancia e imaxe foi recoñecida en maio de 2013 por un selo de correos que, como non, resultou algo polémico polo difuminado da imaxe da zona asturiana.
Cando a ampliación xurdiu outro tipo de consideración: como ponte de estrada nacional, permitiu o paso de peóns nas súas beiras, ciclistas pola súa clazada ou tractores  camiño dos Irmandiños. Ó facer a ampliación, todo iso corría perigo e correu diversa sorte. Os tractores deixaron de pasar de xeito inmediato. Os ciclistas tiveron un proceso máis lentos, ó non haber en principio sinais indicativas  de prohibición, e logo non habels da parte galega. Unha manifestación, de ciclistas para tentar oficializar o permiso de paso, despois dun accidente, recollida polo blog, conseguiu xusto contrario, que aparecera tamén a sinal na entrada galega e estivera xa totalmente xustificada calquera multa imposta por ese motivo, quedando logo para os ciclistas e peóns as estreitas beirarúas laterais.

esquema corte beirarúa
en ampliación
O paso de peóns segue sendo posible polas beirarúas laterais, que estiveron a piques de desaparecer despois de vinte anos de posibilidade de paso dos peóns. Baralláronse solucións como paso baixo a plancha da estrada, pero ó final quedaron as dúas beirarúas separadas do arcén por un valado metálico. Poucos son os lugares onde se optou por algo semellante á beira dunha autovía, pero aí segue, tanto para o paso entre as Figueiras e ribadeo como para o acceso ás praias asturainas dende Ribadeo ou para o paso de peregrinos. O paso de peóns supón o facelo en fila india debido á estreitez; o paso dos ciclistas constitúe un ir a paso lento e pararse para un difícil cruce cos peóns. Unha curiosidade: a beirarúa norte ten unha anchura usable uns poucos centímetros mairo, debido a un retranqueo do valado sobre o arcén que non existe na beirarúa sur.
A ponte tivo que ser reforzada nos cimentos debido a acción da auga e as correntes, tendo agora unha base máis ampla que se pode observar en marea baixa.
Outra curiosidade é o bandeo debido á dilatación e tensións, algo máis visible no verán que no inverno, aínda que perceptible ó longo do ano.
Durante moitos anos houbo unha festa anual para celebrar o cumpreanos, de irmandade entre Castropol e Ribadeo. Crise e algunha cousa máis deron ó traste co que xa era unha tradición.
Así as cousas, o mantemento actual da A-8  non está nos seus mellores momentos, como se pode observar polo estado da superficie rodada en diversos tramos próximos. E hai cousa dun ano a ponte, iluminada por focos laterais, deixou de ter luz, o que leva a que sexa nova na actualidade a loita do(s) concello(s) para iluminalo. Parece lóxico ata certo punto que, sendo unha ponte, se atribúa unha falta de seguridade a ese feito. E por iso os intentos dos dous concellos que comunica de restablecela. A conta do propietario da estrada, o Estado. Porque a cusetión é que estradas do estado pretendeu no seu momento que foran os concellos os que pagaran a súa iluminación. E así estamos.
--
Algunha ligazón máis: Ó cumprir 15 anos.
Un vídeo baixo a ponte dos Santos.
Agresión á ría (2007, E. Lombardero).
Indignados na Ponte dos Santos... cartel e preparando.
Folleto sobre a construción ponte dos Santos. Artigo técnico sobre a ampliación da ponte.
Unha ponte nosa.
O faro na columna da Ponte dos Santos.
A Ponte dos Santos, letreiro con Ría de Ribadeo.
A Pontes dos Santos como 'tablon de andamio' (Pancho Campos).
Probas de resistencia no 2008.
Debuxando a ponte dos Santos coa choiva.
Foto da ponte en ampliación... e outra.
Gondán ten que adaptar un barco para pasar por baixo da ponte.
Unha fermosa imaxe da ponte na Galipedia.
E unha pequena galería de imaxes diversas, entre as que se poden atopar xa no blog:


Vista do google maps

Mapa en open street map
No visor sigpac
O sello conmemorativo
Premio á mellor obra (construción)
Pilar en baixa, despois da ampliación
perspectiva despois da ampliación

20140531

Resume 4ª charla Ribadeo a Debate


AVV O Tesón

Nota de prensa
-

Resume 4ª charla Ribadeo a Debate. Visións de Ribadeo.

José Ramón Rodríguez-Sabugo Fernández, 

'La evolución de Ribadeo desde mi llegada'

Coa charla de José Ramón Rodríguez-Sabugo remata o ciclo ‘Ribadeo a debate. Visións de Ribadeo’ organizado pola AVV O Tesón. A charla versou sobre datos relacionados con feitos que tratou ó seu paso polo concello durante o período 1957-1989, no que foi secretario do concello en Ribadeo.
Comezou lembrando algún aspecto de Ribadeo á súa chegada, como a existencia da fábrica de conservas de Peláez no que despois pasaría a ser Cultivos Mariños, ou a aínda recente daquela adquisición da Casa de Casas para casa consistorial, realizada polo entón alcalde Castelao, como xurdiu despois na quenda de discusión. Pola súa intervención pasaron un conxunto de historias paralelas, amosando por exemplo a evolución da traída de augas dende as fontes do lobo, en tempadas moi inferior a un litro de auga cada segundo, pasando pola construción do encoro do Rego de Lexoso, con capacidade xa de 8 L/s (ano 1959) e a correspondente estación depuradora, e chegando á situación actual, con recollida no río Eo á altura de Vilarbetote, a construción da estación depuradora e da rede de traída (1979), cunha capacidade de subministro en punta superior a 100 L/s
Outra historia diferente, a que máis vertebrou a charla, foi a da ordenación urbana, dende a realización dun plan de aliñacións polo sr. Barrera, das Minas de Vilaoudriz, pasando polo ‘Plan de necesidades’ (un ‘plan estratéxico’), no que se chegou a deseñar a piscina, ó PGOU de todo o concello, 1969, que foi orientado á Ponte dos Santos, solicitada no 1965. Este plan foi aprobado inicialmente no 1970, pero non definitivamente, tendo que facer a partir de 1975 ata o seu remate en 1977 unha variación debido á nova norma que apuntaba que as rúas non debían ter nas súas beiras unha altura maior que a súa anchura. Os intentos posteriores para un novo plan tamén foron repasados, poñendo de relevo a existencia de planes parciais para adecuar o vetusto plan ás necesidades que se foron vendo, e o freo que supuxo nalgunhas ocasións, como para a construción dun polígono industrial.
Polo medio da charla foron xurdindo os datos sobre a construción do Ribadeo da segunda metade do século XX, de cantidades precisadas ó xeito de como se fixo fronte a elas por parte dun concello sempre necesitado de cartos: subvencións, contribucións especiais dos veciños, créditos, recurso a Gobernación Civil ou a Deputación... Tan necesitado que no mesmo 57 foi necesario un crédito para rematar de aboar ó persoal a paga de xullo. A partires dese momento, o concello tomou medidas para ir adelgazando a cantidade de persoal.
Pasaron pola charla a inauguración no 1958 do Parador e o Monumento ó Gaiteiro, no 1959 a realización da rúa Antonio Otero, pagada por Portos, no 65/66 a realización do tramo Parador-Praza de Abastos, con custe de dous millóns e medio de pesetas, e aportación do 90% do custe pola comisión provincial de servizos técnicos, e para a que houbo que expropiar os correspondentes terreos, o tramos seguinte Praza de Abastos-Instituto…
Porcillán-Figueirúa presentou unha anécdota: foi concedido sen ser pedido. a corporación municipal aceptou e afrontouse a partir dun préstamo e contribucións especiais, en dúas fases con complicacións diversas e subvencións do 60% e 75%.
Saíron tamén a colación as vicisitudes para que o acceso á Ponte dos Santos fora polo lugar onde estaba previsto no plan aprobado de xeito inicial, a realización da Casa da Cultura no antigo Colexio de Santo Tomás, a erección no 1981 do alumeado público actual e asfaltado de diversas zonas, sufragado cunha subvención de vintecinco millóns de pesetas sobre un total que se aproximaba ós 100 e para afrontar o que os ribadenses tiveron que aportar de novo contribucións especiais.
O Matadoiro pasou pola charla cunha data clave, 1984, co dilema entre facelo comarcal ou local (o que foi descartado), despois de sucesivos avisos e ampliación de prazos para que se pechara o matadoiro que funcionaba ata entón e se realizara un novo conforme á normativa imperante.
A educación tamén tivo o seu lugar, dende a realización un albergue escolar no edificio da parte de atrás do concello, a realización dunha escola de nenas na súa parte alta, ou posteriormente a gardería infantil, ó desenvolvemento da zona escolar, comezando coa construción do Instituto tras unha cesión de terreos polo concello e mentres seguía funcionando o colexio de Santo Tomás, a conversión no 1969 do Instituto Laboral en Instituto Técnico, os avatares do campo de prácticas (que non chegou a existir de xeito desenvolvido, pero onde si se fixeron prácticas) e a súa conversión en terreos dos actuais Colexio Público Gregorio Sanz, Centro integrado de Formación Profesional e Pavillón polideportivo.
O tempo non daba para máis, pero aínda así o conferenciante nomeou a concentración parcelaria, a electrificación rural ou o existencia en Ribadeo do primeiro servizo automático de telefonía da provincia.
En resume, a charla representou un alude de información sobre máis de trinta anos de historia ribadense, completada en asuntos concretos na parte de preguntas e discusión. Unha charla que deixou nos asistentes a sensación dunha ocasión única.

20171005

A voltas cos cortes de luz. #cortesdeluzRibadeo

De novo queixas. De novo, desorde para presentalas. De novo, confianza en que novas infrastuturas eliminarán os cortes. De novo, unha ilusión que non contempla organización para esixir nin cartos para mantemento.
Onte unha nota de prensa do concello voltou á liña habitual nestes casos: veñen a queixarse ó concello, quéixome no seu nome.
Cunha conciencia social das empresas, posiblemente abondara. pero hoxe as empresas usan a conciencia social como señuelo, non como día día. E, dentro do conxunto, as eléctricas non se distingue precisamente pola preocupación social.
A clave estaría nunha estación eléctrica (subestación) que leva arrastrado problemas xudiciais e á que se lle botan as culpas porque é moi doado e así respáldase a posición da empresa en relación á súa construción. Polo que parece, a construción, 'que nunca Ribadeo tivo' vai 'resolver de maneira moi importante' o problema. Mentres, as liñas e o seu coidado no monte non se tocan. Si no centro urbano de Ribadeo, rematando a nota nun 'confiamos' despois dun 'expreso un desexo'. A alguén lle soa 'obras son amores, que non boas razóns'?.
Imaxe do Sigpac (xa vella) centrada no lugar de construción da subestación. Arriba á esquerda, a Autovía e Tubolens. Arriba á dereita, a circunvalación. As casas da esquerda, Folgosa. Os dous 'camiños' abertos na vexetación son para a liña eléctrica pra a subestación e para o gas.

BARCIA ESPERA QUE SE VEXA A LUZ AO FINAL DO TÚNEL
Cortes de luz
04/10/2017
O alcalde, Fernando Suárez, agarda que a finais de ano estea rematada a subestación eléctrica de Ribadeo e as obras de mellora na rede de máis de 6 quilómetros de vello cableado na vila. Deste asunto falou cos responsables da compañía tras os últimos micro cortes de luz que se produciron nas últimas horas e que orixinaron queixas da veciñanza e do empresariado local.
O rexedor dixo que "en relación con esta situación de queixa por estes cortes no subministro eléctrico que habitualmente se veñen producindo en Ribadeo e que xeran moitas queixas entre a veciñanza en xeral e entre o pequeno comercio en particular, eu agardo que de aquí en adiante e a curto prazo sexan boas novas as que vaiamos tendo, que vaian encamiñadas a resolver todas estas incidencias que sufrimos".
Suárez Barcia explicou que "digo isto porque despois de estar falando cos responsables da compañía eléctrica e no que ten que ver coa construción da subestación eléctrica e co grao de execución desta obra tan importante, despois de salvar as cuestións xudiciais que tivo o proxecto paralizado durante varios anos e que as obras foron reanudadas hai uns meses, é polo que se me indica por parte da compañía eléctrica que a previsión de remate das mesmas, que ía ter lugar a primeiros do 2018, quizais se poida anticipar a finais deste ano xa que os traballos avanzan con maior rapidez da programada inicialmente. E iso, segundo os responsables da compañía eléctrica, o de que Ribadeo dispoña dunha subestación, que ata agora nunca na súa historia tivo, vai resolver de maneira moi importante toda esta problemática".
O alcalde ribadense engadiu que "por outra banda, tamén me gustaría dicir que a xunta de goberno municipal autorizou varias licencias de obras, que presentou a compañía eléctrica para a renovación e reforzo das instalacións de cableado eléctrico de media tensión no ámbito urbano fundamentalmente. Estas actuacións teñen como misión a substitución de vellos cableados nunha lonxitude aproximada duns seis quilómetros e medio por diversas rúas da nosa vila. Esa rede de vello cableado tamén deu moitas veces nestes últimos tempos a importantes problemas de apagóns, etc. Como agora xa dispoñen de autorización municipal confiamos que se inicien axiña estas obras e o resultado poida estar realizado a finais deste 2017".
Suárez Barcia manifestou: "expreso un desexo, a ver si por fin podemos empezar a ver a luz ao final do túnel, que ven moi acaído para o momento, e ver que esta problemática eléctrica padecida ao longo destes anos se lle pon fin dunha vez por toda. Confiamos que sexa así".
Por certo, que dos cortes de luz de onte non teño datos en #cortesdeluzRibadeo.

20130113

A voltas coa residencia de anciáns en Ribadeo

O venres tivo lugar unha xuntanza en Santiago sobre a posible residencia de anciáns en Ribadeo. Para comezar o comentario, o comunicado do alcalde, portavoz da comisión, foi o seguinte:
"SUÁREZ BARCIA TILDOU DE SOSEGADO E CORDIAL O ENCONTRO MANTIDO CON BEATRIZ MATO PARA ANALIZAR E RECLAMAR A CONSRUCCIÓN DUNHA RESIDENCIA DA TERCEIRA IDADE EN RIBADEO. A COMISIÓN ESTUDIARÁ AGORA A PROPOSTA DO GOBERNO GALEGO E AMBAS PARTES VOLTARÁN A REUNIRSE NA VINDEIRA PRIMAVERA.
Ribadeo, 11 de xaneiro de 2013. O alcalde de Ribadeo tildou de sosegado e cordial o encontro mantido esta mañá coa conselleira de Traballo e Benestar para analizar e reclamar a construción dunha residencia da terceira idade na vila. Beatriz Mato, segundo Fernando Suárez, aludiu ás dificultades económicas da Xunta para afrontar a construción destas instalacións e propúxolles concertar prazas públicas nunha residencia “pero a responsabilidade da construción ou da rehabilitación dun posible edificio sería do Concello”. A comisión pro residencia da terceira idade voltará a reunirse coa titular de Traballo e Benestar na vindeira primavera.
O rexedor, coma portavoz da comisión pro residencia, valorou “a unidade que seguimos a manter todos e cada un dos representantes desta comisión, de todos os partidos que formamos a Corporación Municipal de Ribadeo. Logo tamén temos que valorar positivamente o diálogo tranquilo e sosegado, coa conselleira”.
Suárez Barcia lamentou que “en todo caso tivemos que perder máis dun ano para ter este primeiro encontro, aínda que ao final debo dicir que foi cordial, positivo…”. O alcalde relatou que “á necesidade plantexada por nós, documentada, fundamentada, de que Ribadeo conte cunha nova residencia para persoas maiores por parte da Xunta a conselleira, Beatriz Mato, das posibles opcións que nosoutros barallamos: a primeira é que a Xunta, que ten as competencias para iso, constrúa unha nova residencia en Ribadeo; a segunda posibilidade sería que entre a Xunta e a Deputación constrúan unha nova residencia en Ribadeo ou a terceira posibilidade que nosoutros baralláramos é que a Xunta concerte prazas para unha residencia privada que se poida facer”. E engadiu que “a valoración e a opción da conselleira de Traballo e Benestar, argumentando dificultades económicas que nosoutros desde logo tamén entendemos porque sabemos cales son as circunstancias económicas que nos afectan a todas as administracións, propón concertar unha serie de prazas públicas nunha residencia, pero que a responsabilidade da construción do edificio ou da rehabilitación dunha posible ubicación correría a cargo do Concello”.
Fernando Suárez indicou que “nosoutros aceptamos desde logo, como non podía ser doutra maneira, estudar esta posibilidade que se nos plantexa, aínda que podemos observar que entraña unha enorme dificultade, porque entendemos que o fácil neste caso é concertar prazas, pero con todo vai ser complicado, complexo, o feito de poder concesionar a unha empresa privada para que constrúa unha residencia aínda que teña o reclamo de que a Consellería do ramo poida concertar unha serie de prazas non determinadas aínda”.
O rexedor e portavoz da comisión pro residencia valorou “positivamente este primeiro encontro, a pesar destas dificultades, e queremos estudar no seo da Corporación, como sempre facemos entre todos os partidos, e emprazámonos novamente a ter un novo contacto con ela ao principio da primavera, é dicir dentro dun par de meses, cando xa poidamos ver si esta posibilidade que ela nos ofrece é viable finalmente ou si simplemente é unha idea que parte da boa fe, pero que non pode ter moi percorrido”.

"
Evidentemente, o comunicado deixa fóra unha pequena polémica a consecuencia de que o portavoz do PP local, que non líder do grupo do PP no concello nin participante na comisión, tentara colgarse a medalla de conseguir a xuntanza e de paso respaldar o bo facer da conselleira por convocala. A lembrar que Durante boa parte do ano pasado non hobo tal xuntanza a pesar de ser pedida de diversos xeitos, e terse realizado unha manifestación en Ribadeo. Agora estaba prantexada unha manifestación en Santiago, que como resultado da xuntanza queda adiada (non desconvocada, como publicou algún medio, cunha diferenza que coido é fundamental)
A concienciación sobre a residencia segue a facerse de diversos xeitos. Enriba está a tamaño mási ou menos real a felicitación de Nadal de O Tesón, que pola outra beira ten o calendario 2013 e que lembra en lugar preferente un agasallo que espera o pobo porque ten dereito a el: a residencia.
E mentras, a cousa segue. O que se desprende da nota, con todo o seu tono conciliador, é que pouco hai máis que palabras. Non promesas, senón unha oferta cara a unha hipotética situación na que o núcleo do ofrecemento consiste en facer 40 prazas en convenio. Sen especificar as condicións de convenio. Algo positivo?: unha promesa, a de ter unha nova xuntanza en primavera. Ou aparece algo novo nela ou o desgaste do modelo de xutnanza sufrirá o non ter unha folla de ruta con compromisos.
Segue, e seguirá.

20150905

AMENCE UNHA NOVA SENSIBILIDADE POLÍTICA? Artigo de J.Mª Rodríguez Díaz



Que unha luz de esperanza se converta en novidade nestes difíciles tempos nos que a sociedade parece que camiña para atrás como cangrexo, e a cultura, a ética e a moralidade pública brillan pola súa ausencia, é unha noticia digna dos mellores titulares.
E iso é o que se percibiu nas palabras pronunciadas pola Presidenta da Deputación Provincial, con motivo da súa visita ás obras da construción da nova residencia en Ribadeo en días pasados. Un asomo de esperanza de cambio nas actitudes ata agora mantidas polos políticos dos distintos partidos, albíscase no horizonte. Unha sutil sensación de que algo se está a mover nesta nova xeración de políticos saídos das urnas nas últimas eleccións locais.
En contra do que se espera das palabras dun político ó uso pronunciadas pola Presidenta, co gallo da súa visita a Ribadeo, e nas que o dardo da competición política acostumaba a dispararse en acusacións e reproches contra o opoñentes políticos, as palabras pronunciadas por Elena Candia nesa visita resoaron como un elemento balsámico de concordia e colaboración con todos os actores políticos alí presentes. Ofertas de colaboración, breves e claras, dirixidas á consecución do benestar cidadán e á solución dos problemas da xente, independentemente da cor política dos responsables implicados e por riba dos intereses partidistas. "O cambio de goberno na Deputación non implicará a rotura coas actuacións que repercuten no benestar dás persoas que mais o necesitan", foron as súas palabras. Só nos resta esperar agora que "do dito ó feito non haxa un gran treito", como con frecuencia está a pasar cos seus afíns políticos do goberno da Xunta. O tempo diránolo.
O alcalde de Ribadeo, pola súa banda, fixo gala do seu bo talante e educación política nas súas palabras de benvida á Presidenta. Sen agochar, por iso, as esixencias da axuda prometida pola Conselleira de Benestar a construción da nova residencia, e que tanto se fai demorar.
Pero non menos sorprendente e satisfactoria foi, tamén, a actitude e comentarios dos compoñentes dos restantes partidos políticos, presentes nese acto. Aínda que as súas palabras non resoaron ante os micrófonos, as súas actitudes e comentarios privados na reunión informal e distendida mantida despois entre todos, foi moi positiva. Louvanzas alentadoras dunha nova actitude sobre a primacía do servizo ós cidadán por riba do servilismo fronte ó partido. Recoñecemento do exemplar camiño seguido a partir da iniciativa popular pra acadar a construción da nova residencia, así como a participación e colaboración de tódolos políticos locais de entón na consecución deste obxectivo.
Un bo e prometedor augurio desta nova xeración de xoves actores da política local que, de seguir nesta actitude e por este camiño, nos pode deparar agradábeis sorpresas ás que non estabamos afeitos. Ata agora, o que adoitaba primar na actividade da política local era, salvo raras excepcións, unha encarnizada loita entre políticos elexidos polo pobo para o seu servizo, pro que se adicaban a servir os intereses dos seus partidos. Nas súas estratexias por conseguir o poder o pobo non era outra cousa máis que un instrumento a utilizar para os fins do seu partido e o seu propio beneficio persoal. Estamos ante unha nova sensibilidade política? Ou trátase,acaso,dunha utopía máis que nos levará a un amargo espertar?
Polo que toca á marcha das obras de construción da nova residencia, dicir, finalmente, pra satisfacción de todos, que marchan ó ritmo esperado e acordado.
José María Rodríguez Díaz, Vida socio-política en Ribadeo

20151126

Residencia: co informe de secretaría pásase páxina

En Ribadeo, a presentación do informe de secretaría nunha longa xuntanza antonte, a situación estimo que quedou despellada. A nota de prensa da alcaldía (embaixo copia) non ten a contundencia do informe de José Antonio Carro Asorey, secretario municipal, que en oito páxinas desgrana lexislación, antecedentes e fundamentos xurídicos para chegar sen ningunha dúbida a que a situación actual non necesita rectificación algunha por parte do concello. Informe que foi acompañado por un groso volume entregado ós presentes no que se glosou todo documento que pasou polo concello relativo á residencia e ó seu financiamento. A contundencia da xuntanza queda fóra de toda dúbida.
Outra cousa é que a menos de un mes haxa eleccións e conveña saír nos papeis e armar confusión sobre o tema. Aí está a prevista interpelación hoxe de Balseiro no Parlamento Galego, onde é probable que a verdade se retorza polos intereses anteditos. Neste sentido, estimo que non estaría mal que se colgara en internet os dous documentos referidos, informe e glosa documental, que é unha historia da xestión realizada ata o momento: polas súas características de termos xurídicos e tamaño, quizáis pouca xente leería nin unha parte considerable, pero sería un feito estimable en canto a transparencia se refire, aínda que estimo fai falta un cambio de mentalidade para levar transparencia a documentos entre administracións, algo que por outra parte, é necesario.
Deixo ademais outra visión, a de José Mª Rodríguez. Ambas son complementarias.

NOVO PACTO DE ESTADO POLA RESIDENCIA
Fugit irreparabile tempus. Foxe o irreparable tempo!. Pasaron xa máis de catro anos. A voz do pobo de Ribadeo era unánime: “necesitamos unha residencia”. Pero converter en realidade o seu desexo estaba en mans dos políticos. E o pobo convocou os seus políticos. Convocounos a un pacto. Un por un. Estás disposto a loitar co pobo por unha residencia para o pobo, antepoñendo esta necesidade a lóita partidista? A nobreza dos nosos representantes impúxose. E a resposta foi inmediata, clara, sincera e unánime: Si! E os políticos deron un paso adiante. Aparcaron todo protagonismo partidista. Foi así como naceu aquel Pacto de Estado en Ribadeo. Loitar todos xuntos por este obxectivo.
Pro, e os cartos? En mans dos políticos. E empezaron as reunións, os estudos, os contactos. Convencer ás administracións. E así se empezou a andar un difícil camiño. Todos xuntos. Os seus froitos: Unha residencia na rúa Paco Lanza.
Pro houbo eleccións locais. Chegou xente nova. E o Pacto tambaleouse. Días de divagaciones, acusacións, desconcertos e enredos. Empezou lóita partidista. O futuro da residencia corre perigo. E, mentres tanto, os nosos anciáns seguen condenados ó desterro. A voz dos veciños segue clamando. Hai que retomar o diálogo e o consenso. Dar prioridade a esta grave carencia dos nosos anciáns. Apelar á nobreza dos sentimentos. Retomar o Pacto de Estado de Ribadeo. Primeiro a residencia. A política partidista despois. Esta é a voz dos veciños e a petición dos anciáns.
Parece que xa se aclaran as cousas. Atísbanse solucións. O Pacto pódese e débese restablecer. As augas poden volver á súa canle. Todos xuntos pola residencia. O pobo míranos. Piden que os nosos anciáns regresen do seu exilio forzoso. Que morran xunto ós seus. Que este soño convértase por fin en realidade. Chegou a hora volver a dar cada quen un paso ó fronte. Logo xogaremos á política. E a quen Deus lla dea, San Pedro lla bendiga. Pro primeiro os nosos vellos.
José Mª Rodríguez Díaz


Nota de prensa da alcaldía:
"Residencia de maiores
25/11/2015
Onte tivo lugar unha xuntanza da comisión pro residencia de maiores. O alcalde, Fernando Suárez, fíxolles entrega a todos os membros dun tomo con toda a tramitación e o traballo realizado ao longo de tres anos, “xa que hai moita xente que non estaba na Corporación Municipal anterior”. Tamén lles entregou un informe da Secretaría Municipal que nas súas conclusións subliña que o Concello conta con todas as autorizacións pertinentes para a execución e construción do edificio e que a Xunta dispón dun informe de viabilidade da residencia enviado polo Concello hai meses e que ao finalizar as obras será cando se presente un novo, non antes.

Suárez Barcia contou que "onte celebramos unha xuntanza da comisión pro residencia, que está conformada por representantes de todos os grupos políticos da Corporación Municipal así como tamén os representantes das asociacións de veciños. Quixen convocar esta reunión da comisión para darlles a todos os representantes un tomo con toda a tramitación dos tres anos de traballo para que este soño colectivo se estea tornando en realidade, dado que algúns dos actuais representantes dos grupos da Corporación non formaban parte da anterior; polo tanto igual tiñan información polos seus compañeiros pero igual non dispoñían de toda a información documental. Démoslles a todos un tomo completo, con toda a tramitación mantida tanto coa Deputación Provincial de Lugo como coa Xunta de Galicia. E ao mesmo tempo tamén lles demos a todos un prolixo informe da Secretaría Municipal, onde se clarifica e onde se pon negro sobre branco toda a situación legal tanto da construción da residencia como no relativo ao tema das posibles subvencións tanto da Xunta de Galicia como da real da Deputación de Lugo a día de hoxe".
O alcalde subliñou: "no que ten que ver coas conclusións deste informe de Secretaría, din que en primeiro lugar o Concello de Ribadeo conta con todas as autorizacións pertinentes para a execución e a construción, segundo a autorización da Consellería de Traballo de febreiro do ano 2014. Tamén di que no tocante á achega do informe de viabilidade da residencia, do que tanto se ten falado ultimamente, o Concello de Ribadeo xa aportou dito informe o 2 de maio de 2014; polo tanto, a xuízo do técnico, enténdese cumprido este requisito, que si efectivamente no momento en que rematen as obras a propia Xunta dispón na súa autorización do ano 2014 que se deberá emitir un novo informe, pero sempre que rematen as obras. E, como di o secretario, non ten sentido emitir tres veces o mesmo informe de viabilidade e non duplicidade. Polo tanto non se pode facer unha vez para a firma do convenio, outra para a posta en funcionamento e unha terceira para prestar o servizo".
E engadiu: "di ademais, no tocante á xestión, que unha vez rematada a construción haberá que estar ao disposto na lexislación nese momento, sendo aventurado pronunciarse ao respecto por parte do secretario debido á normativa cambiante nestes últimos meses e tendo en conta que o 1 de xaneiro de 2016 entrará en vigor o disposto na disposición transitoria da lei 27/2013, que di que os servizos sociais pasan a ser competencia das comunidades autónomas. E que logo finalmente en todo caso desde o ano 2014, di o técnico municipal, temos recibido un borrador de convenio para asinalo por parte da Xunta de Galicia, ao que no seu momento se fixeron suxestións e cambios, porque un convenio é un acordo entre dúas partes e non é un trágala, por suposto, e desde aquela, desde agosto de 2014, estamos esperando a que se nos conteste".
Suárez Barcia indicou hoxe que "en definitiva, o que pretendemos o goberno municipal e entendo que todos os grupos, e o oxalá poida referirme a todos outra vez e confío en que así sexa, estamos traballando, e espero dicilo no nome de todos, para unificar esforzos para rematar a residencia máis aló dos avatares políticos e dos rifirrafes que ás veces aparecen nos medios de comunicación. Pretendemos chegar a bo porto para que a residencia se remate, como así vai ser, e para que se poña en funcionamento, como así vai ser. Pero ademais, sé e posible e é recomendable e san, que o resto de administracións con competencias na materia que aínda non puxeron no seu grao de area o poidan poñer. E é polo que confiamos en que a Xunta de Galicia nestes vindeiros días se decida a mover ficha. Esperámolo e desexámolo polo ben non do goberno municipal senón dos veciños e veciñas, que é o que estivemos facendo sempre entre todos nesta comisión".
"

 Obras de José Mª Rodríguez

 

20240310

Unha historia de Suso Peña. O Chalet dos Castros

    De xeito dixital (e de varios enderezos diferentes) chéganme uns cantos comentarios sobre unhas fotos de Suso Peña que segundo parece, a apareceron na revista Teima, 'a primeira revista en galego da segunda metade do século XX', que se editou en 1976/1977 pola 'Sociedade Galega de publicacións'.

    A cousa vai sobre o Castro da Devesa. Na procura de máis información, chego a que Teima está accesible na rede, e en concreto no número 10 (17 de febreiro de 1977) atópanse as fotos e textos de Suso, que recollo para axudar a difundir. Os comentarios recibidos pola rede, resúmoos ó final.


    Os comentarios recibidos fórono a raíz da nova na Voz (9/3/2024) titulada "El chalé más caro de A Mariña, de súper lujo y sobre un acantilado en Ribadeo, se vende". Facían fincapé no seguinte (que non comprobei):

- O chalé está construído sobre un cemiterio medieval (e que logo se tería datado entre o S.IV e X) e/ou sobre un castro.

- Cando se sacaron as fotos xa se tiñan algo removido os ósos.

- Quen tería encargado o chalet tería sido un tal Basanta, presidente daquela do Colexio de Arquitectos (non aparece se a nivel provincial ou outro), relacionado co ministerio da vivenda e sendo el quen tería que dar o visto ós planes urbanísticos locais.

- Tras a súa morte e a da súa dona, a filla vendeuno a alguén afincado en Monforte, que debe ser aínda o propietario que o puxo á venda.

- A construción entre o camiño e o mar foi desbloqueada en comisión municipal, non en pleno. Posteriormente á aprobación da solicitude de construción, tería volto a bloquearse. De xeito paralelo, teríase aprobado o plan de ordenación urbana de Ribadeo, que permitiu a construción do edificio á beira da Aduana.

20220703

Unha vía verde

Unha vía verde

    Un proxecto como o ferrocarril mineiro Ribadeo - Vilaoudriz significou, coa súa construción primeiro, pero sobre todo coa súa posta en marcha, un revulsivo para toda a comarca. Vía de case 35 km, desenvolta en só tres anos, a comezos do século XX nunha zona daquela con pésimas comunicacións, foi eixo de transportes e desenvolvemento. A súa luz chega ata hoxe tras unir o baixo Eo con Ribadeo, e de alí co mundo enteiro saíndo da ría de Ribadeo.

    Agora ('agora' neste caso é o mesmo que dicir dende hai ben máis dunha década) pretende recuperarse o seu trazado para o lecer, como 'vía verde', acadando outro tipo de dinamización comarcal e social. Non creando da nada, senón aproveitando unha estrutura dos nosos bisavós. Quizais máis modesta, pero non desprezable.

    Claro que o 'agora' é moi discontinuo. De feito, remátase de volver usar un proxecto de 2010 como base para a nova arremetida de peticións dende a comarca ó ministerio en Madrid. No medio, pode que o máis salientable sexa o impulso que decidiu dar un grupo de xente, encadrada nun taller de emprego, a modo de práctica de participación e construción dunha empresa. Corría o outono de 2016 cando se puxo en marcha unha exposición en Ribadeo, repetida despois en Abres, ou se organizou un recorrido do tramo de algo máis de 12 km recuperado no cambio de século entre Santiso de Abres e A Pontenova. Un impulso puntual ó que se sumaron daquela os concellos, que sen abandoar a idea non remataban de darlle adiante.

    Dá gusto recorrer o tramo recuperado. Un paseo á beira do Eo no que van incluídos seis túneles e unha ponte. Camiño que despois do abandono do tráfico ferroviario viña exercendo de vía principal ou auxiliar a lugares dispersos, incluída unha central hidroeléctrica que se debe pechar por orde xudicial.

    A historia da liña Ribadeo – Vilaoudriz é accesible en moitos lugares, de libros e documentos en bibliotecas á Galipedia, pasando por diversas notas de prensa. E o novo camiño, a Ruta da antiga vía do ferrocarril Vilaoudriz – Ribadeo ten xa tamén a súa historia, de anos que leva en xestación. Abondos máis dos que levou a construción da vía orixinal. Pero iso é o pasado. E o futuro? Visto o presente e o seu transcurso, costa traballo ver o final da recuperación da vía como vía verde a pesar da beleza do tramo xa en uso -sen estar exenta de deficiencias- ou do recorrido de tramos practicables hoxe por hoxe, aínda sen a recuperación.

20180816

O BURGO, AS VIÑAS E XUICES DE RIBADEO (documentos). Francisco José Campos Dorado

O BURGO, AS VIÑAS E XUICES DE RIBADEO (documentos).
Francisco José Campos Dorado
 
Diciamos nunha das narracións das pedras armeiras e Escudos de Armas de Ribadeo, artigo: “Escudo de Armas da Casa de García de Vilandriz-A Devesa” (tamén en La Comarca del Eo 9-Decembro-2017) que nos atoparamos cun documento que dicía en lingua galega e latín, escritura gótico cursiva, con data 13-Outubro-1310: “Pedro Ponzo, adelantado mayor del rey en Galicia, resuelve el pleito entre el concejo y alcaldes de O BURGO DE RIBADEO y el monasterio de San Salvador de Vilanova de Lourenzá sobre el caritel de la villa de Vilamariz...” Esta expresión: “O BURGO DE RIBADEO”, abre de novo a polémica da época da construción das murallas e da fortaleza de Ribadeo que non se sabe de certo.
Segundo a Etimoloxía, “burgo”, é un termo que provén do xermánico “burg”: “fortaleza”, “castro”. Na Idade Media nomeábase así, un núcleo de poboación formado arredor dun castelo ou dunha cidade amurallada, e posteriormente, dise dunha aldea ou vila pequena, dependente doutra maior ou máis importante, que ficaba próxima ("Gran Dicionario Xerais da Lingua". 2000). Como tamén hai outro dato certo de que Ribadeo foi Sede Episcopal desde o ano 1182 co bispo Rabinato ata o 1218 co bispo Pelaio de Cebeyra [Paio de Cebeira], pois nesas datas era unha poboación autónoma e non dependía de ninguén, dentro do contexto do Conventus Lucensis do Reino de Galicia. Pero aínda sendo Ribadeo unha vila pequena comparada cos tempos actuais, ¿como podemos dicir que daquela era pequena, comparada “con quen” a cen quilómetros a redonda?. Polo tanto, e baixo esta perspectiva, a expresión “O Burgo de Ribadeo”, refírese a “unha poboación arredor dun castelo ou á poboación dunha vila amurallada”. Ninguén sabe de cando databa a Fortaleza de Ribadeo, nin de cando foron feitas as murallas, pero segundo isto que acabamos de dicir, é moi posible que se poidan datar no século XIII, quizais incluso no século XII, bastante anteriores a denominación do Condado de Ribadeo dado a Pierre de Villaines no ano 1369, e por seguro, anterior o Conde Rui López Dávalos que compra o condado a finais do século XIV, e a quen algúns textos lle atribúen a construción da Fortaleza, pois foi o único Conde que parece pasou algún tempo en Ribadeo, nos vinte cinco anos que estivo este Condado baixo o seu dominio. Aquel documento de 1310, non chegou a satisfacer o noso desacougo, pois era mellor poder rematar o relato resolvendo a dúbida sobre a data de construción das murallas de Ribadeo, e da súa fortaleza. Polo tanto, perseguindo as mellores fontes documentais, chegamos aos Tumbos da Catedral de Mondoñedo, cuxo resumo fixo D. Enrique Cal Pardo, traballo que foi moi aplaudido e loubado polo noso veciño José María Rodríguez Díaz, pois aforra o traballo de moitos días a calquera que queira investigar sobre os aconteceres da nosa bisbarra.
Pois ben. Neles non atopamos o que andabamos buscando sobre as datas da muralla nin da fortaleza. Pero como moitas veces que se está a investigar algo, saltaron a nosa vista outros datos que falaban do BURGO de RIBADEO, así como, de acontecementos tamén interesantes para a nosa historia local, como son os documentos que falan das VIÑAS DE RIBADEO e sobre os seus XUICES, que tanto a riqueza das viñas, como a institución dos Xuíces dun Xulgado de Primeira Instancia, por desgracia, desapareceron do noso pobo, cousa que a día de hoxe, creo que poderíamos recuperar ámbolos dous, sen grandes esforzos pero con traballo continuado. Vexamos.
Seleccionando do libro “Documentos Medievais en Pergamino (871-1492) Catedral Mondoñedo” de Enrique Cal Pardo, atopamos os seguintes escritos, referidos a Ribadeo como BURGO, os seus XUICES e particularmente, o tema das VIÑAS que había en cantidade, e en algúns casos, incluso se nos dá a situación precisa de onde estaban. Facendo copia resumida dos documentos da sección Tumbos Catedralicios Escritos en Pergamino [en castelán]:
Documento 6. Idioma latín. Ano 1190. (Nota: nesta época a sede bispal da Igrexa Mindoniense, que non de Mondoñedo, estaba en Ribadeo, 1182-1218). “El Chantre de Mondoñedo, D. Pelayo Vilela, dio al Cabildo un busto de vaccis. Concedió igualmente a la Iglesia de Mondoñedo 4 sueldos leoneses sobre el quiñón que tenía, juntamente con sus hermanos, en su casa y VIÑAS.
Documento 14. Idioma latín. Ano 1218. “D. Pelayo de Cebeyra, Obispo de Mondoñedo (Nota.-máis ben Bispo Mindoniense), con sede en Ribadeo, dejó para su aniversario a los canónigos las vacas y las casas de Ribadeo y la VIÑA DE PELOURÍN. Está sepultado en Ribadeo. Murió el 3 de Noviembre (sin indicar fecha) Documento 236. Idioma latín. Mondoñedo, 17-Febreiro-1280. “Pedro Pérez de Ribadeo, canónigo y vicario del Dean D. F.Muñiz, junto con todo el Cabildo, aforaron para siempre a María Pérez, esposa que fue de Fernando Poncio de Villamayor, la heredad que estaba próxima a la casa de Pelayo Cidi, para plantarla de VIÑA, por la que pagaría cada año dos sueldos y medio de moneda corriente...”
Documento 337. Idioma latín. Mondoñedo, 3-Maio-1291. “Reunidos los Canónigos con el Obispo D. Álvaro, después de tratar el tema, resolvieron aforar las casa y VIÑAS DE RIBADEO, llamadas de Don GUYM, al Arcidiano de Azúmaga, D. Pedro Pérez, quien debía pagar todos los años a los administradores de los meses de San Cosme de la Marítima (de Barreiros) 100 sueldos leoneses por la casa y la VIÑA. Pagaría, además, la cuarta parte del fruto de la viña a los administradores... a excepción de la parte del Obispo, que fue de la heredad de Piñeira, por la cual daría 30 sueldos alfonsinos al Obispo, cada año...”
Documento 356. Idioma latín. Mondoñedo, año de 1292. El Deán D. Abril Eanes, con consentimento del Arcediano de Montenegro, D. Pedro Dieguez (Didaci), Procurador de Mateo Alvari, Administrador de los meses de San Miguel, arrendó la VIÑA DE RIBADEO... con las condiciones: que la trabaje bien, dé la 4ª parte del fruto al Administrador... la ponga (la VIÑA) en forquetas (furcis) y en madera (lignis candeicis) y en latas (latis integricis), so pena de 200 maravedís”. Documento 477. Idioma galego. Mondoñedo, 19-Septembro-1305. “El Deán D. Andrés y el Cabildo de Mondoñedo arrendaron a Domingo Fernández, Canónigo de Mondoñedo, la parte que al Cabildo pertenecía en las VIÑAS DE RIBADEO...”
Documento 567. Idioma galego. Mondoñedo, 9-Xullo-1311. “...arrendaron a Rodrigo Eanes, canónigo, y a Lopo Eanes su hermano, racionero, las cosas que el Cabildo poseía en la villa de Ribadeo y en su alfoz... que dió García por la VIÑA DEL CAMPO, y las OTRAS VIÑAS que tenía Miguel Martínez y Teresa, la Castellana... y las VIÑAS que tenía de Dª Marina... OTRA VIÑA que tenía Juan Martínez, detrás del muro...”
Documento 895. Idioma galego. Mondoñedo, 2-Xuño-1344. “Reunidos los canónigos, presididos por el deán D.Juan Deus, con consentimiento de Gonzalo Pérez, canónigo y administrador de los meses de la Administración de Riberas de Sante, aforaron para siempre a Diego Pérez, clérigo de San Juan de Piñeira, la heredad sita en Ribadeo, unida a la tapia de los Frailes de San Francisco, con la que lindaba por dos vientos y con el campo de la vía antigua, que salía de la villa de Ribadeo. Debía de PLANTARLA DE VIÑA y ponerla en forcas en madeira y...”
Documento 1016. Idioma galego. Mondoñedo, 26-Decembro-1366. “D.Ruy Sánchez, Arcediano de Salnés...dio a Pedro Ares, Arcediano de Montenegro, administrador de los meses de las Riberas de Sante...80 maravedís cortos...para compensar las VIÑAS que habían tomado en Ribadeo para construir el Monasterio de Santa Clara...” Documento 1041. Idioma galego. Mondoñedo, 11-Agosto-1378: “El Tesorero de la Catedral de Mondoñedo D. Ruy Días aforó para siempre a Martín Afonso, JUEZ DE RIBADEO y racionero de la Catedral de Mondoñedo, LA VIÑA, con su heredad, sita en el Molino de Ribadeo, que él había recuperado de Juan Cao, por la que debía pagar 50 maravedís por días de Navidad... Martín Afonso, no solo se comprometió a pagar la dicha suma, sino que obligó para ello OTRA VIÑA que él poseía en el expresado lugar, que parece que también estaba obligada a la Iglesia de Sta. María del Campo. (Notario: Juan Afonso, que lo era del Conde de Ribadeo) Documento 1056. Idioma galego. Ribadeo, 8-Xaneiro-1382: “En las casas de morada de Diego Fernandez, Juez, en la Rúa de los Ferreiros de la villa de Ribadeo, se presentó ante el dicho Juez el testamento de Martín Afonso, capellán y Juez racionero de Mondoñedo, difunto, a pedimento de Juan Afonso Cao, not. De ese lugar. El documento había sido otorgado ante el not.Fernando Ares en 21 de noviembre de 1381... contenía una cláusula... que el causahabiente tenía en foro de la Iglesia de Mondoñedo la VIÑA DEL MOLINO, que había sido de Juan Cao, con sus “salgueiros” y con toda la heredad... asimismo, que con esa propiedad se incluían DOS TIRAS DE VIÑAS contiguas al campo de Simón, que reportaban 32 sueldos a la Iglesia de Sta. María de Ribadeo...”
Documento 1057. Idioma galego. Ribadeo, 6-Febreiro-1382. “Juan Alonso Cao, vecino y morador de la villa de Ribadeo, habiendo vendido una viña a Ruy Dias, Tesorero de la Catedral de Mondoñedo y habiéndola aforado este a Martín Afonso, JUEZ y capellán que fue de la expresada villa, manifestó que éste, al morir, tuvo a bien dejársela... juntamente con OTRA VIÑA... Se comprometió igualmente a pagar el FORO DE VINO que pesaba sobre dicha VIÑA, con destino a los “malates” de la MALATERÍA de dicha villa de Ribadeo”.
(Nota. Aquí, un excelente dato cronolóxico sobre a Malatería de Ribadeo, que non coñecíamos o facer o artigo: “Escudo da Capela de San Lázaro”, (tamén en La Comarca del Eo, 10-Xuño-2017)
Documento 1100. Monforte de Lemos, 9-Febreiro-1389: “Traslado del testamento de Diego Pico, hijo de Álvaro Rodríguez y de María Basanta de Vivero, por el que... 2 gregorianos para ser dichos en S. Francisco de Ribadeo (convento)... Dejó a la Iglesia de Sta. María de Villaselán 15 mar.; a la de Santa Clara del BURGO DE RIBADEO, 40 mar; a los malates de Ribadeo, 10 mar. (supoñemos que é a igrexa de San Lázaro); a Santa Clara de Ribadeo, para la obra 10 mar... al clérico de Villaosende, un barril de vino y una duysima de pan... a la Iglesia de Sante, a su clérigo, un barril de vino y una duysima de pan...”.
Na sección dos PERGAMIÑOS SUELTOS.
Documento 94. Idioma galego, Ribadeo, 5-Outubro-1343. “Convenio entre Fernán Fernández, canónico de Astorga, procurador de Don Vasco, Obispo de Mondoñedo y los vecinos de la villa de Ribadeo, sobre las VIÑAS, casas, fosas, plazas y chantados y posesiones, esquilmos y rentas...”
No Tumbo Pechado da propia Catedral de Mondoñedo, o documento máis antigo data do ano 1381, pero D. Enrique Cal Pardo tamén resumiu outros Tumbos Catedralicios que comezan no ano 1122. E neste lote, atopámonos que os documentos que falan do Burgo de Ribadeo, a más antigo data do 5-Xuño-1378 (documento 1039): “Reunidos en el PaaÇo dos Cabaleiros el Obispo D. Francisco, el Deán D. Pedro de Ares y los demás miembros del Cabildo...hicieron un cambio con Ruy Díaz, Tesorero de la Catedral: El Cabildo daba al dicho tesorero para siempre el casal, con casas y heredade de S. Cosme de Barreiros, que habían sido de Fernán Pérez de Valoría... el Tesorero, a su vez, daba al Cabildo las VIÑAS y “obligación” que Martín Alonso, racionero de Mondoñedo, que moraba en el BURGO DE RIBADEO....cincuenta maravedís pagaderos en Navidad....”
Como comprobamos nestes documentos, o BURGO DE RIBADEO, noméase varias veces, así como os XUICES, que eran membros da igrexa, e as VIÑAS que eran moitas desde moi antigo, pero en poucos se atopa a situación dos viñedos que había no Concello de Ribadeo, así como, ningunha vez se nomean as especies de uvas que se plantaban.
Por outro lado, na Cartografía do Renacemento, na obra do ano 1586, “Speculum Nauticum” de Johann Wagenaer, da que se pode ler un extenso e exhaustivo traballo, na “Revista Local Ribadense” Nº0 “Rumbo a lo Desconocido” ano 2017, cuxo editor, D. Francisco Orol Carragal, Oficial de Puente da Marina Mercante Española, relata de forma detallada o texto latino da carta de navegación Nº13, referida á costa de “Galissen” comprendida entre o Cabo Ortegal e Luarca, e máis precisamente, á costa de Viveiro a Ribadeo, expresada en millas xermánico-holandesas (Nota: 1 milla xermano-holandesa equivalía a 2,97 millas mariñas do século XIV = 5500,44 m.)
Nesta carta dise que: “OFRECE ESTA REXIÓN ABUNDANCIA DE VIÑOS, SENDO EXCELENTES OS DE RIBADEO, TANTO TINTOS COMO BRANCOS, TAMÉN HAI EXCELENTES LARANXAS E MAZÁS, PERAS E CASTAÑAS, NOCES E OUTROS FROITOS DE GRAN PROVEITO E SAÚDE PARA A VIDA HUMANA”.
Cada día podemos comprobar, e levamos varios anos dicíndoo, Ribadeo ten unha historia antiga e medieval tan oculta, que temos que ir descubríndoa anaco a anaco e pouquiño a pouco, pois cada retrinco danos unha idea de algo extraordinario que non coñecíamos.
Sirva este pequeno artigo, para animarvos a buscar, e para desexarvos FELICES FESTAS DA NOSA PATRONA SANTA MARÍA DO CAMPO e do noso PATRÓN SAN ROQUE. Unha aperta e brindemos por un futuro excelente viño de Ribadeo, sen eucaliptos ao pé das casas, e coas súas hortas e fincas de labradiño plantadas de viñedos. Ánimo e a plantar riqueza propia, e non para alleos.

20080113

Refluxo


A construción na comarca está a sofrer un refluxo. Máis ou menos dende mediados do ano pasado as ventas caeron en picado. Séguese a construír, enchendo a costa de formigón para tentar manter un modelo que non se pode manter. E mira ti por onde, está comezando a cair non tanto polas normas reguladoras (ás que se lles botou a culpa nun primeiro momento, pero que aparte de anuncios pouco impacto tiveron máis que o de lembrar que ó mellor había que cumprilas), digo,, está comezando a caer pola economía. Primeiro, porque hai menos aforros dispoñibles en relación ó custe, que aumentou moito en pocuo tempo, e ós xuros, que tamén aumentaron relativamente. E, de segundas, por outros factores, como as suspensións de pagos que parece que comeza a haber (onte, sen ir máis lonxe, dixéronme que un construtor suspendera pagos por 1,5M€; haberá que confirmalo) por tirantez entre construtores e promotores, adobada por outras cousas como o que se podería chamar a 'mafia do formigón', o que parece un auténtico coto cerrado para beneficiar ós integrantes que están dentro del: non sería novidade dentro da industria que empresas semellantes se puxeran de acordo para non ter moito que competir e maximizar ganancias.
Mentras a construción se enturbia (non só da beira que remato de expoñer, senón dende o punto de vista político, como amosa 'Vida Socio-política en Ribadeo'), quedan aí enquistados outros problemas: o ruído de noite (co desdeixamento das autoridades e as burlas do locais), a protección da natureza (que se esquece ó minimo interese económico, aínda que sexa máis unha ilusión que outra cousa), a falta de cerebro procurando carreiras con coches... Onte, ás 5 da tarde, na rotonda para coller a autopista, dous coches negros andaban dando voltas a toda pastilla, chirriando as rodas, pola rotonda (que sinalo no plano, tomado de Google maps). Un 5 minutos. O pouco tráfico propiciou que non houbera ningún dano. Ogallá se poidera dicir o mesmo da construción.

20160331

Máis apoios aínda para a illa Pancha? Si

A illa Pancha vai recobrando o carácter de común para os ribadenses. A campaña en contra da privatización da súa xestión, expoñendo ó tempo os fallos da xestión pública, vai acadando pouco a pouco novos fitos. Consecución de información, constitución de grupos de defensa ou recabar sinaturas na rede para a súa conservación son algunhas das actuacións que se manteñen, pero que van quedando superadas polo propio movemento de defensa ó tempo que cada vez máis xente queda enterada de como están as cousas e se posiciona.
Foi seguindo esta mecánica pausada como se decidiu instalar unha mesa para a petición de sinaturas a mañá de xoves santo entre a antiga Casa Arango e o Parque. Pouco máis de dúas horas, 536 sinaturas. 57,5% de Ribadeo, 39,8% forasteiros e unha pequena porcentaxe que deixou sen cubrir o lugar de residencia. Repartíronse algunhas follas de sinaturas e luns levábase un retorno dun total de máis de 700, incluídas media centea por un particular nunha hora á caída da tarde do venres fronte á illa Pancha. Tratábase de difundir a situación, mais a recollida de sinaturas superou as espectativas das nove persoas que o xoves colaboraron na infrastrutura. Tamén se recolleron cartos para manter a acción, os primeiros que se recollen polo grupo.
É dicir, se nalgún momento alguén falou de 'catro románticos' (ou outros adxectivos), agora a cousa sería 'máis de catrocentros románticos'. Algo que polo demáis xa se coñecía pois as sinaturas recabadas en internet sobrepasaron hai moito o milleiro.
Imaxe tomada por un constituínte do grupo 'Por Nuestro Faro' dun momento da recollida de sinaturas.

Non foi a única cousa que ocorreu en relación á pretensión de usar o faro como hotel, permitido por Portos. Hai algún tempo foi presentada unha pregunta ó respecto no Parlamento de Galicia por un grupo parlamentario (AGE), se ben hai que aclarar que a dependencia da illa é de Madrid, non de Santiago.
Polo camiño tamén foi recibida unha carta da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao (saída 17 de marzo) da que extraio alguna información, en relación ás visitas realizadas por algunhas persoas á illa tendo como introdutor a un representante da empresa concesionaria: "Las visitas que se giren al faro deben ser exclusivamente por técnicos competentes para los trabajos de redacción del proyecto, y serán las imprescindibles para el desarrollo del proyecto citado, como se ha comunicado al concesonario (se anexa oficio)". Certamente, pode estar mal (e queixámos delo) que non permitan pasar á illa, un ben común, pero ese comezo de tratamento da illa como propiedade particular parécenos que é evidente que non é o desexable para o futuro.

Quizáis está chegando o día no que reclamar do concello algo como un referendo para o estatuto da illa e unha posición máis concreta non estea fóra de lugar, do mesmo xeito que en torno ó verán de 2008 máis de mil sinaturas contra a macronave de Mirasol e unha manifestación foron acompañadas por unha declaración da alcaldía de que non se daría autorización á construción da nave. Neste caso seguimos a esperar un posicionamento semellante, mentras temos na cabeza imaxes como a do arrase de terreo realizado para a construción dunha piscifactoría en Meirengos (dicíase 'en Rinlo') que se chegou a parar, pero non a restituír.
Por suposto, a construción dunha alternativa común para a illa Pancha sempre atopará algunha opisición, e rastros diso poden atoparse a pouco que se mergulle un nas redes sociais. Tamén había xente que no seu momento quería a macronave, ou a piscifactoría. Nese sentido, a polémica seguirá. Mentres, o grupo tenta fuxir de polémicas e construír un futuro común.

20140210

Seguindo cunha boa nova

A nova residencia, obxetivo cumprido
Logrado o financiamento suficiente para facer realidade a construción dun xeriátrico para Ribadeo e a súa bisbarra e recibida en data de hoxe a preceptiva autorización para a súa construción, parece chegado o momento de facer unhas breves reflexións sobre o longo percorrido realizado, tres anos, ata acadar o logro deste obxectivo.
Dende a posta en marcha desta demanda cidadá en febreiro do ano 2011 foise percorrendo un longo camiño ata ver cumprida a estratexia deseñada para acadar o obxectivo final. Un longo percorrido adicado a espertar as conciencias dos ribadenses sobre a sangrante realidade do abandono dos nosos maiores, acadar un consenso total das forzas políticas do noso concello para apoiar este obxectivo, e finalmente lograr que o alcalde convertese esta demanda veciñal no obxectivo prioritario da súa xestión municipal. E toda esta campaña e esforzo dirixido a estimular e mobilizar as vontades das Administracións Públicas con competencia e capacidade nesta materia para poder converter este obxectivo nunha realidade.
Os veciños do concello de Ribadeo, representados por un pequeno grupo de persoas previamente elixidas por eles, percorreron un arduo e longo camiño de persuasión e animación para facer pública a súa demanda nunha inxente manifestación. Os voceiros dos catro grupos políticos con representación municipal, BNG, PP, PSOE Y UPRI, comprometeron a súa colaboración e apoio total a esta demanda, empeño que mantiveron ata o final, aparcando todo intento de rivalidade partidaria sobre este tema. O alcalde, superadas as dúbidas iniciais sobre a posibilidade de acometer esta demanda, non tardou en asumir esta grave necesidade e o mesmo alcance da demanda vecinal, facendo súa a vontade irrenunciable do pobo de loitar ata a consecución deste obxectivo. Apoiado polos demais voceiros dos grupos políticos e pola Plataforma de Veciños púxose mans á obra de seguido, esgotando todos os medios e recursos nunha actuación modélica e nun alarde de cintura política para tratar de concienciar e convencer ás Administracións, tanto á Xunta de Galicia en canto responsable destas competencias, como á mesma Deputación Provincial, na súa condición de ente
Escritos diversos e entrevistas persoais varias sucedéronse durante este longo tempo, tanto coa Conselleira de Traballo da Xunta coma cos órganos directivos da Deputación, especialmente coa Vicepresidencia na persoa de D. Antonio Veiga, quen sempre manifestou o seu total apoio ás nosas demandas, e que finalmente se concretou nunha substancial achega económica. Moitas e arduas reunións que produciron o seu froito, óptimo coa Deputación e non tan xeneroso como cabía agardar coa Consellería de Benestar da Xunta, e que fixeron posible que, por fin, os ribadenses poidamos contar cos recursos económicos necesarios para a construción da Residencia.
Cabe, pois, felicitarse entre todos polo éxito acadado do noso obxectivo e agradecer moi cordialmente a sacrificada colaboración de todos cantos contribuíron a alcanzar este logro. Aos veciños, que estiveron prestos a mobilizarse para demandar a cobertura desta grave necesidade. Aos membros da Plataforma, que sacrificaron o seu tempo para organizar o percorrido que nos conduciu ata aquí. Aos voceiros dos grupos políticos municipais, que dende o primeiro momento apoiaron con todas as súas forzas este obxectivo esquivando anteponer a éste calquera prioridade partidista. Aos mesmos medios informativos que souberon esmerarse en transmitir fielmente e apoiar o desenrolo dos acontecementos desta longa loita. E finalmente o noso máis profundo agradecemento á persoa do alcalde, Fernando Suárez, que con tesón, prudencia e paciencia, soubo guiarnos e manter unha loita constante con todos os elementos adversos e vencer con paciencia cantas dificultades se interpuxeron no noso camiño, que non foron poucas.
E agora fagamos votos para que a sorte acompañe estes esforzos para ver pronto convertido esta utopía en realidade e poder incorporar á nova residencia o máis pronto posible a todos os anciáns ribadenses que están a sufrir en residencias afastadas un amargo e involuntario desterro lonxe da súa terra e dos seus familiares e amigos.
José María Rodríguez