20240908

As festas non son iguais para todos

    As festas non son iguais para todos. Por suposto. Nunca o foron nin o serán. É máis, non creo que as festas que se poderían celebrar en Gaza sexan igual nestes tempos que hai só uns anos, aínda estando mal a situación dende hai xa perto dun século, e aínda que a xente sexa case a mesma.

    Pero neste caso non se trata diso, senón de algo máis sinxelo, da xestión dunha festa para que se poda desfrutar dela dun xeito máis ou menos homoxéneo, ou ó menos, para procurar que todo o mundo saia algo beneficiado da festa e ninguén moi perxudicado.

    As fotos que deixo a continuación son de Ribadeo, de hoxe mesmo, día grande das festas patronais, no centro do pobo, a conto dunha queixa que está nos vidros dunha vivenda e que podería ser evitada -non foron unha ou dúas persoas quen mo comentou, senón abondas máis-. O mesmo que as fotos qe deixo, poderían quedar comentarios diversos sobre as festas, e máis aínda, sobre un tema que está relacionado na mente da xente: a xentrificación que se está a sufrir xa en Ribadeo a conto da invasión do pobo sobre todo no verán. Sobre este último tema, houbo quen me comentou que nas típicas relacións de postos entre pobos e comarcas que aparecen nos xornais, Ribadeo aparece como dos pobos de Galicia máis invadidos, pero en cambio non dos que sacan maior beneficio (algo que non puiden comprobar). E tamén houbo quen me comentou que a xente non se queixaba. En relación a isto das queixas, como xa teño experiencia doutros lugares, respondín que non era que a xente non se queixara, senón que as queixas quedaban afogadas ante a propaganda de quen estaba interesado no negocio e polo tanto non vía o tema cos mesmos ollos, ou mesmo ás veces propaganda pagada cos cartos de todos. Son cousas sobre as que coido haberá que voltar e voltar, con máis profundidade e calma que hoxe. Ó fin, lembro que 'o Ribadeo que queremos' non foi atendido en décadas, que non se consultou á xente nin houbo un 'plan de desenvolvemento', e que segue sen habelo, nin tampouco un plan para atenuar os efectos negativos unha vez visto o desenvolvemento habido.

    As fotos que dan testemuña da situación son de Suso as dúas últimas, e o resto, miñas:









Ningún comentario: