Republico 'Maragatos en Ribadeo' despois da variación da páxina orixinal de EGERIA.
Maragatos en Ribadeo?
Maragato, pato,
unha zoca i un zapato.
Maragato, pato,
fillo dunha cincha,
cando o galo canta,
o maragato rincha.
(Ditos recollidos de 'Falan os de Ribadeo')
Si,
maragatos en Ribadeo. Din as indicacións de sistemas modernos que
Ribadeo atópase a unhas 44 horas, 200 km, andando, da capital de
concello maragato máis próximo, Brazuelo. Non é moito se consideramos
que os maragatos tiñan fama de comerciantes que levaban produtos dun a
outro lugar, e que ruta máis ou menos inversa facían de xeito anual
aqueles que nomeaba Rosalía
e que 'cando van, van como rosas, cando vén, vén como negros'. A lomos
de animais ou en carros dos que os maragatos eran os arrieiros, veñen a
significar seis ou sete longas xornadas de viaxe, se nos fiamos do que
parece era normal na época, uns 30 km diarios no transporte de sal e
outras moitas mercadorías. E se a maragatería era un centro de
dispersión comercial guiada polas súas xentes, Ribadeo era o porto do
Cantábrico por excelencia xa no século XVIII, onde as facilidades do
transporte por terra tardaron en chegar, aínda coa ilusión do ferrocarril entre Ribadeo e o Bierzo truncada a partir da Pontenova dende hai máis dun século. Existen en Ribadeo as rúas de Vilaoudriz, moderna, pero adicada á outra punta do vello ferrocarril mineiro, unha realidade que dinamizou a cunca baixa do Eo, e de Vilafranca,
antiga, pero adicada a unha ilusión: o entronque co ferrocarril á
meseta, que nunca chegou e que sería o recambio dos arrieiros maragatos.
Os maragatos forxaron a súa lenda neses tempos nos que se comezou a
poder viaxar entre a meseta e Galicia con lentitude, pero cunha certa
seguridade, e aqueles outros nos que a rapidez mecánica arrombou o poder
animal no transporte nesas rutas. E tamén pola súa labor nos comezos
desa nova época.
Cando penso en 'maragatos', ás veces vén á miña cabeza a verba
'inmigrantes'. Cousas da historia, viñeron doutra terra, no seu momento,
pero a integración, que en xeral comezou antes de establecerse aquí
coas sucesivas viaxes realizadas, continuou, e xeracións despois, fai
que hoxe, na zona de Ribadeo, non teña ningún sentido xuntar ambos
conceptos, a pesar de seguir usando a cualificación toponímica de
'maragato' como recoñecemento dalgún ancestro nado aproximadamente na
Maragatería.
Os primeiros maragatos que se me veñen á cabeza son a familia Nistal, chegados da zona de San Justo de la Vega. Está ligada coa Empresa Ribadeo de autobuses, no que parece unha continuación lóxica do traballo familiar, e un Nistal é referido por Chemi Lombardero entre os maiores contribuíntes para elección de compromisarios do Senado xa no 1907, indicando en ambos casos unha saudable economía. Mais o mesmo apelido, a poucos quilómetros, en San Miguel de Reinante, atópase ligado a unha taberna e ultramarinos, do mesmo xeito que en Ribadeo tampouco se quedou estático en torno ó transporte, senón que diversifican a súa actividade no mundo do comercio ou a hostalería. Nada moi diferente do que pasou noutros lugares con outros maragatos. Iso si, se a xente que en España leva o apelido Nistal achégase en España as 3000 persoas segundo o INE, e unha cuarta parte está na provincia de León, á que pertence a comarca da Maragatería; en Lugo non chegan ós 50, o 1,5 %, pero de eles, case a metade está relacionada con Ribadeo.
En
1930 constituíase a empresa Ribadeo de autobuses. Os donos? Tres
familias de orixe maragato, os Freire e dúas ramas dos Nistal. Non hai
xente de certa idade que non teña coñecido e viaxado coa coñecida en
Ribadeo como 'A Empresa' ou coas siglas 'ERSA'. Empresa que aglutinou os
transportes previos dos que dispoñían os seus donos e acadou gran pulo
no transporte galego. Estableceu entre outras unha liña entre A Coruña e
Xixón, colaborando con Automóbiles de Luarca, a actual ALSA,
encargándose unha da parte galega e outra da parte asturiana, con
trasbordo en Ribadeo. A empresa, segundo Martín Fernández Vizoso, era a
principal fonte de emprego en Ribadeo a mediados do século pasado, mais a
súa decadencia levouna a ser mercada por Industrial Auto, S.A. (IASA) e
desapareceu como nome comercial a finais do século pasado.
Os
maragatos aparecen aquí e aló na zona de Ribadeo. Ás diversas ramas da
familia Nistal engádense outros apelidos. Pódese descubrir, por exemplo,
na colección de fotos 'Ribadeo na Memoria' a foto coa que ilustro este
texto, anónima e de data indeterminada, que amosa a familia diante da
Casa Maragato, na parroquia de Covelas, acompañada dunha lenda lembrando
a orixe e o carácter comercial dos maragatos. Ou nas citas relacionadas
con Jesusa Puentes, dos Maragatos de San Miguel, e dona de Don
Ramoncito, parella ineludible da vida daquel entorno a mediados do
século XX. Ou Alfredo do Maragato, con casa grande en Abelleira, San
Pedro de Benquerencia, a comezos do século pasado.
En Ribadeo hai un vello caserón almeado, o chamado 'cuartel vello', casa-torre con máis de tres séculos feita polos Sierra Pambley, descendentes fidalgos con orixe na beira da Maragatería, e que foron mecenas nesta terra adicando anos despois a casa a escola, a Obra Pía Sierra Pambley (1713), segundo relata Francisco Lanza no seu 'Ribadeo Antiguo'. Ós seus pés, como nos fai chegar Pancho Campos nun dos seus escritos, unha horta de hoxe con columnas de antano conta a súa historia como corte que servía para os bois dos maragatos chegados a Ribadeo. Os maragatos hai moito tempo que chegaron a Ribadeo.
-
En Maragatos de Lugo.org
Ningún comentario:
Publicar un comentario