20191120
Botando unha ollada ó veciño: participación
Un amigo fíxomo notar: o regulamento orgánico municipal xa pasou o período de alegacións. O de Barreiros, non o de Ribadeo. Como nos papeis non saiu nada de que tivera alegacións, se é así, debera entrar en vigor de xeito automático. Coido que é digno como para comparar co que se pretendía aprobar aquí hai case unha década.
Xa na primeira páxina aparece "asegura a participación veciñal nos asuntos locais e permite avanzar cara a unha democracia verdadeiramente participativa e centrada na veciñanza" como aviso que se concreta máis tarde. Na segunda páxina avisa de que esa participación veciñal pode ter un desenvolvemento complementario, a pesares de que as liñas fundamentais están trazadas xa,
algo no que tamén insiste na terceira páxina.
Xa na páxina dez, aparece "Unha vez rematada a sesión, a Alcaldía poderá abrir unha rolda de intervencións por parte do público asistente, de conformidade co que dispoña o Regulamento de participación veciñal." É dicir, algo parello ó que se conseguiu hai preto de quince anos en Ribadeo, pero cunha diferencia fundamental: mentres en Ribadeo hai que propoñelo por escrito e unha vez se esquecía, outra se pospuña, outra non se contestaba, etc, en Barreiros, en principio, poden intervir os presentes. Claro que iso non evita que poda haber desplantes por parte dalgún concelleiro, como tamén ten pasado en Ribadeo.
Todo o título V do regulamento trata do 'Estatuto das veciñas e veciños', comezando polo artigo 50, 'Da participación veciñal', que no seu apartado segundo axusta o normal: "Son dereitos básicos da veciñanza os de información, participación e asociación." E, no cuarto, "O Concello promoverá a democracia participativa e a implicación activa da poboación na vida municipal. Nomeadamente, o Concello poderá regular as iniciativas populares, así como a participación veciñal na definición dos obxectivos e das actuacións recollidas nos
orzamentos municipais." É dicir, impón como misión ó concello a dinamización da participación veciñal.
O artigo 52 trata da participación veciñal no pleno, e o 57, da participación das asociacións nas sesións do Concello. Neste último, no seu apartado segundo, aparece "As entidades asociativas poderán presentar para o seu debate no Pleno, iniciativas populares que recollan propostas de actuación dentro do ámbito municipal." É dicir, as asociacións, de xeito directo, no pleno, non despois, e como detalla no apartado seguinte.
Por último, no 58, xa na última páxina, fala "Dos Consellos parroquiais e/ou sectoriais e outras formas de participación directa colectiva", potenciando así a colaboración nas parroquias e sectorial.
Perfecto? Por suposto que non: nada vivo e cambiante pode ser perfecto, e este regulamento parece nacer para estar vivo e ser aplicado. Mais a diferencia co regulamento de participación proposto no seu momento para Ribadeo é palpable. Así pois, un punto máis a considerar para seguir a pensar no Ribadeo que queremos. E para lembrar que a promoción de la participación cidadá na toma de decisións no económico e no social son unha prevención para a corrupción e un estímulo á eficacia...
Publicado por
agremon
ás
11/20/2019 08:59:00 a.m.
Enviar por correo electrónicoBlogThis!Compartir en TwitterCompartir en FacebookCompartir en Pinterest
Etiquetas:
o Ribadeo que queremos,
participación
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario