Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta Prestige. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta Prestige. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

20061122

As manchas do litoral galego corresponden ao 'Prestige' (traducido co 'opentrad e logo corrixido)

Sacado de yahoo!, traducido con opentrad, catro anos despois, ... e ningunha sorpresa (sen corrixir a traducción):

As manchas do litoral galego corresponden ao 'Prestige'

MADRID (Reuters) - O Instituto Español de Oceanografía, dependente do Goberno, confirmou o martes que as manchas de fuel detectadas nas últimas semanas no litoral galego corresponden ao 'Prestige', o carguero afundido en 2002 a uns 200 quilómetros de Galicia.

Logo dun mes de estudo na zona por parte de distintos organismos, o Instituto confirmou o dato e dixo que intensificará a vixilancia e seguimiento na zona do hundimiento.

"As manchas e irisaciones
de fuel que se viñeron detectando na zona onde está afundido o Prestige proceden do pecio, pero os científicos estiman que non terán consecuencias para o ecosistema mariño pola súa escasa dimensión e a lejanía da costa", dixo o comunicado.

Trala extracción do 95 por cento do fuel que contiña o buque en 2004, quedaron na popa 700 toneladas que non puideron ser extraídas por dificultades técnicas.

Os restos do 'Prestige', cuxo hundimiento orixinou unha das peores catástrofes ecolóxicas en España ao anegar de combustible a costa atlántica e cantábrica, atópanse a case 4.000 metros de profundidade.

20201120

Tal día como onte afundiu o Prestige

A foto de Xurxo Lobato deixou plasmado un momento sobre o que nunca se falará abondo e do que xa se leva falado demasiado. Aquí deixo o documental.

Afundimento do Prestige, por Xurxo Lobato.

 


20201113

Prácido día

Terraza agardando

 

    Prácido día. Saio para xestións e achégome ó parque. Baleiro, parece iluminado ex professo. As sombras das árbores contribúen a resaltar a luz que os envolve. Os ruídos omnipresentes no día a día da vila sucumben ás veces ante o piar dos paxaros. Trinos agudos dalgúns, preto, cu-cus máis lonxe. Nalgún momento, ata silencio.

   É nun deses momentos que se escoita o son da nada cando descubro a cuberta, dando unha sombra na que se ve envolta ela mesma, coas cadeiras xuntas en dúas pequenas torres, esperando o seu uso como terraza ó abeiro dunha temperatura agradable baixo o Sol.

   O tempo transcorre lentorrápido. Cóllese cada momento para desfrute, tentando de xeito involuntario o deter o paso dos acontecementos. E, á vez, ese coller o instante, fai que vaia máis veloz entre entre os matices de verde, encaixados polas cores craras e rechamantes nalgún caso dos edificios, baixo o azul que quere clarexar para acubillar o Sol.

   Tal día como hoxe, de novembro hai 18 anos, comezou a saberse da traxedia do Prestige.

   O Prestige, na Galipedia.

20061110

Un apunte sobre unha nova de hoxe no 'El País' sobre o tema do Prestige (2ª de hoxe)

Pódese ver enteiro aquí, pero aí vai un parágrafo traducido coa axuda do open trad:
"Científicos galegos levantaron a alfombra en dúas das praias máis afectadas pola marea negra do Prestige e, catro anos despois, atoparon fuel enterrado a un metro de profundidade. Co chapapote aínda escondido e os arenales de novo contaminados por lodos procedentes dos montes queimados, unha revista científica (Marine Pollution Bulletin) publicou as primeiras investigacións sobre a catástrofe. Revelan que, transcorrido un ano, a calidade do auga estaba xa nun "estado similar" ao de antes, o cal, segundo os seus autores, non rebaixa a gravidade do dano. O vindeiro luns cúmprese o cuarto aniversario do naufragio."
A lectura pode ser ilustrativa apra quen esquecer a traxedia. Está visto que a natureza non a esquece tan cedo, aínda que o nunca máis se traspapele.

20101115

Prestige, onde estás? Nunca máis te voltaremos atopar?

A fin de semana foime moi difícil publicar. Iso fixo que pasara o cabodano do Prestige ata o de agora.
Outra razón foi esperar a ver o impacto na prensa. Ata o de agora, moi pequeno, aínda que supoño que cando chegue o equivalente ó momento do afundimento, a cousa irá a máis.
Outra aínda, o ver o pouco que se fixo ata o momento sobre o tema. Refírome a termos legais e a termos técnicos. Mesmo adiantándose a un reverdecemento do tema, anunciaron esta semana pasada un cambio legal para o futuro que permitirá obrigar a meter o barco en porto... anunciaron.
Mentras, só cabe perseverar na idea: Nunca máis.
Algunha ligazón relacionada no blog.

20131114

Desprestixio

Hai desprestixios inmediatos e hai outros ganados a pulso, durante tempo. Pertencen a categorías diferentes. Os ganados a pulso son a suma de accións que van aumentando o desprestixio, algo así como un desprestixio composto. Algo que se consolida no tempo e sobre o que logo é moi difícil que cambien as ideas, porque se constrúe toda unha estrutura de valores, causas e efectos arredor.
Dese tipo de desprestixio profundo é do que imos sentindo que vai tecendo a xudicatura en España, acompañando a outros poderes que se manifestan en rede en troques de facelo de xeito independente uns dos outros.
Dende hai tempo as películas norteamericanas presentan unha imaxe do poder xudicial nos EEUU independente pero submetido ós recursos dos que pode facer uso cada parte litigante. Si, é ficción, pero en toda ficción hai un poso de realidade.
Aquí, tampouco se trata de que a xudicatura (alomenos en conxunto) sexa impropia para a labor que desenvolve. Trátase, cada vez máis, do sometemento a traverso de normas, recursos dispoñibles, uso instrumental da fiscalía, nomeamentos con criterios partidarios, desenvolvemento legal, dificultade de uso da legalidade para quen ten menos recursos, ... cousas que alonxan a xudicatura da xente mentras a achegan a centros de poder. Cousas que se veñen incrementando e que fan que se escriba en pedra cada vez de xeito máis profundo que se te collen apañando un euro tes un problema, pero se te collen apañando dez millóns o problema téñeno os demáis. Mentras que hai unha longa cola xa de políticos exentos xudicialmente de pagar pola súa culpa (serán culpables, pero é 'peccata minuta', ou as probas serían determinantes noutro caso, pero non nise, ou estaba tan enriba que había outra xente no medio para culpar, ou os xestores políticos están exentos legalmente diso, ou ...) e estamos a vivir outra serie de casos que se vai vendo máis claramente que seguen camiño parello, dende políticos de a pé de diversos partidos ata xente relacionada coa casa real, onte sóubose o resultado da sentenza sobre o caso Prestige. E é doado de resumir: Todo o desastre ecolóxico derivado do estado do Prestige e da xestión da crise ata o afondemento e aínda despois, non ten autor que o asine. Así, todo o traballo de descontaminación vai ben pagado coa satisfacción do feito. Así, os 'hilillos de plastilina' non foron de plastilina, nin fíos, pero como se o foran. É dicir, o resultado é algo así como tranquilos, que quen non o fixo, non o pode repetir nunca máis.
Antes, xa tiñamos claro que leis sempre houbo, e que tiveron lugar modificacións legais sobre as características dos buques ou o alonxamento de terra en Finisterre, e, ó fin, como poñía hai poucos días un xornal, non hai problema, pois a crise diminuíu o tráfico en case vinte barcos diarios do corredor de Fisterra (esqueceu botar as contas o xornal de que aína queda o paso de máis de cen buques diarios ...)
E chegamos a hoxe, ó día despois. E que?

20061209

Mar bramante, Cantábrico


Onte o mar era un bramido. o seu berro chegaba ata Ribadeo, aínda que o ruído propio de funcionamento do pobo que quere ser cidade non deixaba oco para escoitalo a non ser que un se parara a facelo. abondo diferente da foto prácida da Pena Furada na entrada da Ría de Ribadeo.
Mentras, parece que Costas derribou o armacén de pescadores de Rinlo, que por certo foi nomeado na xuntanza sobre urbanismo na costa do outro día, para facer un novo mirador. Será algo así como 'unha de cal e outra de area' o que practica este organismo?
A nova de hoxe, un día máis da ponte e polo tanto, relaxado de novas políticas, esa comidilla diaria que surte os xornais, foi a feira de Nadal de Ribadeo, que segue a subir, como o manifest que O Tesón solo fóra invitado a poñer un posto o primeiro ano, como comparsa, e logo nin grazas nin desgrazas, senón mutismo, que para algo é do pobo e é asociación de veciós, para construír Ribadeo (cando lle deixan). O certo é que paga a pena achegarse por alí, e máis nestes días desapacibles, nos que merman as alternativas e pode que tamén eso axude a máis concentración na mirada que por alí se asoma.
Adxunto 'Des-prestige' (14/1/2003). Foi un artigo sobre o Prestige, ese auténtico desprestixio para a resposta dos poderes públicos que por desgraza foi para a natureza algo máis ca eso.

20060316

Dar que falar


Hai momentos nos que as acusacións choven por todos os lados, sexan ou non certas. A última é que me ofreceron instalar dobre ventá na miña casa e o rexeitei porque non quero solucionar o problema. Como é un artigo na prensa e teño experiencia que non son reflexo fiel dos feitos, non comento máis que que a miña casa vése abondo ben dende a rúa, e calquera pode observar como son as cousas, os elementos estructurais, etc. E que me refresquen a memoria para ver cándo a min se me ofreceu algo. Noutra orde de cousas, resulta curioso que digan que non hai ruído e que asemade digan que me teñen ofertado illamento...
--
Aí vai un artigo meu publicado o 10/06/03; coido que ás veces cambiar de tema non é nada malo... :

Unha de títulos.

Ás veces, acumúlanse os posibles artigos a escribir, porque tamén se acumulan os desexos, ante a falta de tempo e a velocidade que leva este endiablado mundo en globalización dalgunhas cousas e particularización asimétrica de outras (ás veces, e sen contrasentido, das mesmas). En substitución, aquí van algúns títulos que me gustaría ter escrito, acompañados cun pequeno comentario de que vai (de que iría) cada un deles

“De 'quen se mova non sae na foto' a 'a letra con sangue entra'”: título para sintetizar dez anos, o paso dunha época que xa cadra lonxe na nosa política á actual, na que se segue ese vello lema que algunha vez se usou na nosa educación, pero a nivel bestial: o das bombas, con sangue a raudais.

“Despois de”: un título que nos levaría a contemplar as cousas a auga pasada. Así, non xa o “non á guerra” senón unha pregunta , ¿pero que estades a facer en Iraq? Ocupación, violación da Convención de Xenebra, control do petróleo, dar unha “lección ó mundo ... ou tódalas cousas anteriores ó tempo. Tampouco sería “estamos furiosos polo Prestige” senón “queremos ter as responsabilidades claras sobre o Prestige” e “¿que fixechedes para evitar un novo desastre no futuro? Porque é agora cando hai que facer o nunca máis.

“Ciencia e conciencia: balance desequilibrado”. Sobre a orientación social que se pretende no futuro da humanidade e a guerra de Iraq; gran desenvolvemento técnico e moral acomodaticia.

“L'etat, c'est moi”: Coa prevalencia hoxe por hoxe do inglés fronte ó francés como idioma de relacións diplomáticas, estamos a esquecer algúns retacos de historia aproveitable en francés. Por exemplo, aquela na que o Rei Sol dicía que o estado era el, símbolo absolutista, ou aquel outro “todo para o pobo pero sen o pobo”, que tiveron vixencia ata que o pobo se rebelou, e que parecen o traslado a outra época do que está a suceder hoxe por hoxe en España e boa parte do mundo.

“Yo creo en la esperanza” é o título dun libro sobre a fe escrito xa fai tempo por José María Díaz-Alegría. Neste caso o artigo trasmutaríase na esperanza dun mundo mellor, en momentos nos que parece que se derruba non o mundo, senón o futuro do mesmo.

“Entre Sun-Tzu e Clausewitz”. Un repaso ó arte da guerra á vista da invasión “dos vinte días” (como xa se lle comeza a chamar) en Iraq, reparando tanto nas causas como no desenvolvemento á vista dos dous teóricos desta “arte”.

Parece que todos os títulos irían enfocados a un tema, pero non. Hai para outros, como por exemplo a educación:

“Currás, ¿que nos fas?”, resposta a unha carta do Conselleiro de Educación, contradictoria co deseño educativo teórico da súa propia Consellería, que defende a educación para a paz.

“Galicia calidade e a lei de Calidade Educativa”, sobre o significado da palabra calidade.

Ou sobre outros temas variados:

“Entre a praia das Catedrais e as catedrais en primeira liña de praia”. Creo que o título é abondo indicativo para calquera que viva cerca dos desastres urbanísticos costeiros.

“Unha noticia. Éxito e ampliación da pasarela catro calles”, sobre a ampliación dun xa non tan recente desenvolvemento urbanístico en Ribadeo.

“Algúns silencios contra o Papa e declaracións a favor do Pepe”. Desviacións e desvariacións na xerarquía eclesiástica mindoniense sobre política.

“Por reducir el ruido, la luna”, crítica á nova campaña do Ministerio de Medio Ambiente a través do lema, cecais dirixida ós que loitamos contra o ruído e quereríannos enviar á lúa.

...

En fin, pode que baixo algún deses títulos aínda escriba algún artigo. Aínda que pensándoo ben, sobre eles, non me apetece facelo senón para dar saída a sentimentos como rabia ou tristura.

20051114

Despois do Prestige, o futuro


Coido que o día seguinte ó da celebración do Prestige (.. exactamente, non celebración, senón cabodano) é un día para o optimismo, para mirar ó futuro. Por eso, unha foto de oito persoas novas, que se supoñen con interese, con ganas de aprender...

20051101

Defuntos

Dúas imaxes para o día: dúas vistas do cemiterio ribadense no día de defuntos.
Da que pensar este día, non polo tempo de choiva nin pola pouca afluencia de xente a primeira hora da mañá, senón polo seu significado e a arquitectrua funeraria. O cemiterio de Ribadeo, en Cruz as súas vias principais, ten unha vista especial, fronte á ría (pode que mañá poña unha vista tomada xusto na porta, cara á ría), pero cousas como salgueiro chorón que se ve nunha das fotos, totalmente inclinado e cheo de follas o día de hoxe son definitorias aínda que por si soas non signifiquen nada. A posta por esta vez non aparece nin a capela central nin a morgue, e si nunha un campo de cruces e noutra un campo cos nichos ó fondo, e contrastando, só, un túmulo funerario en negro.
--
Para dar outra visión, a entrada de novembro do ano pasado no vello blog
En novembro, de cumpreanos / No english version
Tódolos meses ocorren moitas cousas. Unha morea de xente cumpre anos, por exemplo. Este mes, tamén o nunca máis esquecido Prestige.
Pero neste caso, en Ribadeo, o que cumpre anos foi a Casa da Ría sen amañar, sen usar, sen un futuro mentres se piden cartos para comezar cousas novas en outros lugares, poñamos As Catedrais, non se sabe se para despois deixalo co mesmo trato que neste caso: esquecido. E non será porque non se lle lembrara ó Concello.
Algo parello sucede con algo completamente distinto: houbo aniversario tamén nos ruídos, pois hai xa un ano que o Concello fixo a primeira reunión para anunciar un proceso que tiña que rematar hai máis de medio e segue sen facelo, nin contestarse ás cartas dirixidas como queixa e protesta, nin.... O ruido acompaña as noites dos fins de semana nas que tanto público teñen as actividades alternativas, rematadas a tempo para que non falte a xente na movida. As rúas están ocupadas. Mentras non se levantou parte da 'pasarela catro calles' ata o penúltimo día do mes, as obras cortaban rúas enteiras dende antes e ata despois de rematar novembro: por derrumbe, a Avda. de Galicia, causando máis trastornos no tráfico e a pesares dos avisos de apertura xa nas primeiras semanas do mes. Por ocupación na construcción dunha vivenda, un vial xusto á carón do corte anterior. Por obras no piso, a futura semipeonal, ... sen contar as invasións das beirarúas ou as rúas por obras, algo aumenta como fungos. Máis lento, con obras do que se podería chamar “menor calado”, seguen as obras na zona portuaria, comezando un novo frente de obra na antiga cruz vermella do mar e cetárea.
En espera da posibilidade de intervención dos veciños nos plenos, o Concello amosou unha nova cara: a casa pintada de cor rechiscante segundo algúns, pode que para acompasar ca estatua do Marqués. No interior, seguen as mesmas cuitas que en meses pasados, amosando un Ribadeo polémico que tanta falta faría noutros menesteres, para compensar agrias confrontacións na prensa ou os anuncios de cousas que ... algún día poida que se faigan. Ó tempo parece anunciarse e desmentirse a volta do xulgado a Ribadeo, a reclamación dunha ligazón na circunvalación coa carretera de Vilela, dúas cousas nas que, cos seus máis e os seus menos, os grupos políticos están de acordo en bloque, entre outras propostas nas que se discrepa. E dúas cousas que se nomeraron como causantes da variación do Concello en relación ó recheo.
Novembro, por mor de Santa Cecilia, é o mes da música. Aínda que houbo moitas outras actividades (aí queda por exempo o mariñeiro que lembraba o Prestige no teatro), os actos en honra da patroa da música colleron protagonismo. Comezaron cunha homenaxe a Carlos Cid a cargo da coral polifónica e remataron ca actuación dunha revitalizada Banda de Música lembrando a Hernán Naval.
Ribadeo europeízase. En novembro comezaron a rexir varios novos proxectoes europeos relacionados con servicios internet, que se suman ós xa moitos que mantén o IES Porta da Auga dende a pasada década. Noutros sentidos, globalízase: non se sabe xa o número de relixións que teñen crentes no povo; aínda que non pareza o motivo de que o Opus Dei comezara tamén a moverse na vila.
Case cerrando o mes, unha manifestación protestando pola violencia contra as mulleres uniu as dúas beiras da Ponte dos Santos, entre outras actividades co mesmo fin.
Eso e moitas outras pequenas cousas ocorrían en Ribadeo mentras os marines asaltaban Faluia e as eleccións iraquís levan camiño de retrasarse. Mentras por mor doutras eleccións o povo ucraíno está a ter unha revolución pacífica nun primeiro momento. Mentras o euro bate ó dólar e a economía europea se resinte. Mentras por enésima vez volta a subir o petróleo tras unha guerra para baixalo. Mentras a China xa se recoñece como potencia económica. Mentras se quere reformar a ONU, ...

20050930

Só unha foto


Con pouco tempo, só unha foto que quixen poñer xa deste verán (a longo tempo do Prestige) pero como consecuencia do Prestige...
En Ribadeo pasou...que o alcalde declarou. Sobre o acoso. Negou todo. Mentras, na radio, o tema de urbanismo da coletazos, en espera de que reviva o PXOM.

20091205

¿POR QUÉ A VOLTAS CO GALEGO?

Pancho Campos Dorado

Logo de ler o panfletillo, que en La Comarca del Eo Nº4680, nos larga o Sr. Luis García de Presno (non de Ribadeo? polo tanto non galego?) quedo abraiado lendo as súas verbas e diatribas que escupe en contra da nosa Lingua Galega e a favor da chorrada bilingüista que se está a establecer na nosa terra, en contra de todo canto decreto, lei ou acordo que está firmado, incluso polos que hoxe rixen a Xunta. Non quero perder o tempo en buscar as ordenanzas o respecto, para enumeralas eiqui, pois pode atopalas calquera buscando nas páxinas web da Xunta.
Só quero contestar por tempos, a tamaña indignidade que só un Bocanegra pode concebir da nosa Lingua Galega:
1) E insultante que un individuo da túa talante queira darnos leccións de demócracia os galego-falantes... do que “temos” ou “debemos” de falar... ¿pero tí quen te crees que eres para expresarte así? ¡que si impoñemos unha ou otra linguaxe os do BNG...! Mira, amiguiño, ti foches deses beneficiados de traballar nun Concello Galego como é o de Ribadeo, mal que che pese, porque entre outras cousas, sabes falar galego, pois é imprescindible que todo o mundo que traballa na Administración Galega, fale galego... o idioma de Galiza.
2) Por outra banda, “Nunca máis” foi un movemento algo sin parangón en Galiza, o lazo de unión entre un pobo con sentimento e a súa terra. Fracaso estrepitoso? mire vostede: nunca se recordan manisfestacións tan multitudinarias en Santiago nin en Madrid de máis de 100.000 galegos e galegas, nono olvide... a causa da indignante catástrofe do Prestige... e todos a unha... falando en galego... o idioma de Galiza ¡mire vostede que cousas! ¿eh?. Eu estiven nas dúas e tódalas consignas foron gritadas en galego... nono esqueza... só os mamarrachos que incordiaban na manifestación falaban en castelán... nono olvide, incluso había unha pancarta de xente da Coruña que nos fixo estremecer, sentirnos galegos para sempre, xamais...amén... cheos de orgullo, de vivir aquel momento...de estar alí... e ¿sabe que rezaba?: “Castelao...os galegos xa estamos aquí” ¿Cantas veces habería soñado Castelao, con que os galegos nos manifestáramos en Madrid, en favor da Nosa Terra? ¡Pois alí estabamos...!
3) Na manifestación de octubre en Santiago en pro da Lingua Galega habería unhas 50000 persoas, entre as que tamén me atopaba... e comentar vostede, que en Galiza eso é un fracaso estripitoso, e simplemente non coñecer o pobo galego, ou ser un mentiroso.
E a mini-manifestación de Santiago a favor do bilingüismo, encabezada por Rosa Diez (¿non tiñan “os bilingüistas” a ninguén máis galego, para arrear persoal.?) non sei como se desenrolou na rúa... pero debeu ser bastante tranquila pois que sepamos, non houbo detidos... e eu non fun, para corroboralo e os do BNG seguro que tampouco apareceron por alí, pero en cambio sí vin con amargura pola TV, (pois a min hai cousas que sí me afectan) que en unha das pancartas “pacifistas polo biligüismo” estaba rotulado algo así como qué “O galego e a linguaxe para falar coas vacas”, e eu contéstolle desde estas queridas páxinas, a tal Rosa e o resposable de política linguistica da Xunta e a vostede: “Muuuuuuuuuuu”
4) Continuando o súa perorata, sobre dos comerciantes en Galiza... pois eu creo que deberan por si mesmos, sin necesidade de imposición algunha... de anunciar os productos en galego, pois eso é algo que a todo o mundo nos gusta... que nos coñezan polo noso nome, non polo traducido... (imaxínese o meu nome: Francis Joseph Fields Golden... manda truco ¿non lle parece?), pero menos mal que de feito os grandes comerciantes de Ribadeo, teñen a amabilidade de rotular os seus productos en galego é en castelán... o que nos honra, xa que a maioría son de mui fora de Ribadeo e os que nono fan así... ¡bueno! véndenlle a xente como vostede... ¡a min non!
4) Dice vostede “O castelán está arrinconado en Galiza”. Mentira. Eso é unha indecente falacia fácil de descubrir, abrindo calquera dos periódicos de Galiza, e contando o número de páxinas en galego (atopa algunha?) e o número de páxinas en castelán (todas). Podemos tamén escoitar as emisoras de radio locales, e fixarnos cantas ¿horas? se emite en galego e cantas en castelán... por tanto editan e falan para castelans.
5) Vostede escribe “a los nacionalistas cuanto más se les da más quieren”. Esa expresión denota claramente o seu espíritu democrático, do que se “empapa” unhas líneas atrás, e do que está alardeando desde fai meses en este semanario. Pois verá, os nacionalistas non necesitamos que nos den nada, nós esiximos os nosos dereitos, nós non precisamos mendigar nada, nós somos demócratas de feito é pelexamos polos nosos dereitos día a día. Naide nos dá nada, e menos xente coma’de vostede. E paso a explicarlle o que é Estado de Dereito, pois vexo que non ten nin idea do que dice, e sin que lle sirva de precedente, pois eu non dou clases...:
“O Estado de Dereito é señal inequívoca de unha sociedade civilizada, donde a independencia e dignidade de cada cidadán baséase na existencia de un “goberno de leis, non de homes”. Valores como a certeza e a seguridade xurídica son centrales no contexto de apoloxía do Estado de Dereito” (Neil McCormick, “Retórica e Estado de Dereito”. Universidade de Edimburgo)
Os partidos nacionalistas tratamos de seguir desenrolando a Constitución Española de 1978. Pero claro, eiquí estamos acostumbrados a en vez de esixir dereitos legales a ver a un Manuel Fraga “abrindo a chequera” para pagar os afectados do “Prestige”...¿desde cando era a “chequera de Fraga”? ¿non sería máis ben, a de todos os contribuientes? ¡claro vendo o que hai por aí!... como dice vostede: “é cojonudo, perdón”
A algunhos por non comulgar con rodas de muiño, chámanos vostede “iluminados”. ¡Magnífico talante democrático! pero o que non debe engañarse debe ser vostede, pois afírmolle e reitérolle que algunhos nacionalistas loitamos por ser unha federación de estados, polo tanto é necesario ser nación ou estado independendiente. Naturalmente, como cualquer fillo de veciño de este global estado español. ¿Ou vostede cando ten reunión no seu bloque de veciños, non ten a independencia suficiente para expresar o que quer para o seu fogar, ou déixalle meterse o veciño do quinto ou o do terceiro a instalarlle as lámparas no seu salón ou na súa cociña? ¿non pode expresar a súa propia opinión, e non pode poñer voste as que lle gustan? –¿Non? -¿e non se sinte asovallado por iso, de que nunca respeten a súa propia opinión na asamblea? ¿ou anda o dictado do que lle dicen e lle impoñen os que o pisan, xa non só o seu veciño, sinon o que diga calquera ente extraño o seu fogar? Diráme vostede. ¡A min non me pisa naide!... Minte. ¡A vosté písao tódolos días a súa propia conciencia!
6) A “Mesa pola Normalización Lingüistica” (da que tamén da a “casualidade” de que son socio ¿será porque son demasiado galego? ou como di a xente coma vostedes, un “galego cerrado e iñorante”?), pois sí, a Mesa tamén está en contra de reformar o Decreto da Lingua Galega. ¿Que ten esto de malo?... ¡estar en contra do desmembramento deste noso pobo outra vez máis!... por outra banda si o BNG perdeu as eleccións ¿que ten de malo? perdéronse no xogo democrático e xa está, antes as perderon vostedes, e as volverán a perder...¡seguro! ¡e de novo, non saberán perder democráticamente!... e nós volveremos a presentarnos unha e outra vez ata que sepamos concienciar os nosos cidadans.. ¡e gañar..! ¡nono dude..! ¡seguro gañaremos un día... ¡quizáis eu nono vexa pero... aínda que hoxe se pense que a opinión maioritaria ten razón, pode ser errónea tal opinión... pois a Terra, durante centos de anos todo o mundo decía que era plana e..¡coido que non era verdade...! ¿pero algunhos o millor aínda o dudan...?
7) O de falar galego, na súa casa, é posible que sexa concebido como cousa da “tropa”, na miña casa sempre foi un orgullo falar galego... galego como o falan dende fai máis de quinientos anos os Campos de Folgosa, os Dorado de San Miguel e eu... dende algunhos menos, e mire vostede estiveron entre unhos e outros como emigrantes en Cuba máis de un século... e cando foron vindo, seguían sabendo falar galego... e viñeron en moi distintas épocas da historia... e seguramente incluso, falando un galego máis entrañable e máis enraizado que cando se foron...! sempre estivemos orgullosos de todo o da Nosa Terra.
¡Pero estóu empezando a extrapolar, hacia o resto da cidadanía galega, a súa forma de pensar, e empezo a crer fervientemente, que é tal o grado de “vasallaje” que temos impregnado na ialma ante os reinos hispanos, que somos un pobo que podemos desaparecer do mapa... e non se vai enterar ninguén! O noso pobo galego e moi duro consigo mesmo e é incapaz de apreciar o seu, sendo capaz de facerse moito dano, pois un pobo que non se quere a sí mesmo, e non aprecia as súas propias costumes, non perdura, morre de noxo hacia sí mesmo... a min non me gusta o que se reflexa no espello de unha burguesía galega estúpida e inexistente... ¡os valientes deste pobo... quedaron na emigración! e os que estamos aquí... non temos ningún dereito a perder e a esquecer as nosas raíces; e remato con un lamento de amargo sentir, que comparto desde a primeira a última sílaba con Rosalía:
“Probe Galicia; non debes
chamarte nunca española,
que España de ti se olvida
cando eres ¡ai! tan fermosa”

20190402

Grande América, pequena Terra


Non, aínda non nos enteramos: o que fai alguén neste pequeno planeta, repercute no resto.
Algo lóxico, pero que, por estar o efecto de cada acto difuminado entre todo o resto de actos e persoas, algo ó que non se lle presta moita atención. E algo que inclúe dende cousas moi pequenas, individuais, a outras moi grandes, como o Prestige.
Un novo verquido no mar ('nunca máis', lembras?), a uns centos de quilómetros de Ribadeo, nunha zona de tráfico marítimo importante, fai lembrar outros desastres que afectaron ás costas galegas e que cada vez tenden a ser máis importantes polo aumento de tamaño dos buques e a menor tolerancia das nosas costas ante a presión ambiental.
Agora trátase dun buqe con nome curioso: Grande América. Os detalles do seu afondamento foron subministrados polo seu armador, Grimaldi Lines, incluído o lugar: a pouquiño máis de 300 km de Ribadeo. Liña Hamburgo-Casablanca, 214 m de barco, contedores con materiais perigosos, 2200 toneladas de fuel pesado, construído en 1997, 26 tripulantes e un pasaxeiro, retido no 2010 por deficiencias no Reino Unido, antes de que outras deficiencias poran observadas en Hamburgo e Amberes, ... Estas últimas cousas non saían na nota de prensa de Grimaldi, do mesmo 12 de marzo, día do afondemento (ver foto do barco ardendo), senón en sitios como o Nouvel Observateur, subministrados por asociacións como Robin dos Bosques (aquí, un listado de materiais perigosos que levaba).
Tres semanas despois, aínda non se sabe se vai chegar contaminación á Mariña ou non. Depende das correntes, que na costa do Cantábrico poden ir de leste a oeste ou ó revés, de oeste a leste (como pode observarse neste vídeo da NASA). Pero está claro que 2200 toneladas de fuel (a máis doutros combustibles e a carga dos contedores) poden dar lugar a manchas da orde de un millón de km2. Algo que pode calcularse. Unha extensión superior á que abrangue o mapa...
Os accidentes son iso, accidentes. Pero a súa frecuencia pode diminuírse aínda sen cambiar o conxunto do sistema. Está demostrado que imos ter que cambiar o sistema xeral das nosas vidas en conxunto, como sociedade. Pero mentras o facemos ou non, podemos insitir en cousas como 'nunca máis'.

20121113

O Prestige? Nunca máis!

Literalmente, unha imaxe do dominio público.
O pobo que esquece a súa historia está condenado a repetila. E ista historia comezou hai hoxe dez anos.

20111223

O desastre ambiental do día

Como pedido ó Papá Noel, un novo desastre ambiental, que promente ser o maior da década causado polo petróleo, consumouse esta semana en Nixeria, o país que hai anos entrou en guerra civil co motivo do petróleo que comezaba a explotarse (guerra de Biafra)... A extensión da mancha no Atlántico é comparable á da Mariña (un pouco menor)
Mentras, aquí libramos unha nova batalla contra os estorninos (e van ...), menos numerosos que antano, pero dos que xa se coñece a súa evolución.
[Por se alguén quere comparar imaxes, aquí, unha da catástrofe que tentamos asegurar que nunca máis volvera a ocorrer, a do Prestige, e a actual fronte ás costas de Nixeria.]

20061014

Foto Miguel, Ribadeo (2ª de hoxe)


Remato de ver unhas cantas fotos no escaparate de Foto Miguel, na peonil ribadense. Fotos aéreas e en xeral chamativas, alomenos para min. Tamén neste caso.
Foto 1. Vista xeral dunha parte da costa en Barreiros: a presión urbanística incontrolada vista dende o ceo, no medio dunha costa de beleza moi ponderada.
Foto 2. Tesóns baixo a auga na ría de Ribadeo. A forma xeral é aproximadamente a que se ve no debuxo (non entra nel o tesón das Figueiras), distinguindo no correspondente á Vila vella a parte de area e a parte colonizada por verde. O debuxo está feito 'á brosa' a posta, porque á min impresionoume máis a foto deos tesóns suxeridos baixo da auga que outras veces que saen emerxidos.
Foto 3 e 4. A colonización dos Castros un día de verán... paraxe desértico? nin de coña.
Foto 5. A praia de Barreiros xusto no límite con Foz, cunha barra de olas rompentes fronte ó areal; no medio, unha zona máis profunda, e dominando a imaxe, puntos negros, ás voltas, constelacións deles máis pequenos, lembrando o Prestige...
Certamente, fotos inspiradoras.

20120726

De novo, pasou o día, pasou a romería

26 de xullo. Xa pasou a festa, e seguen os problemas de sempre. Un que colea na zona dende hai unha semana, a considerada pouca consideración de Turgalicia coa praia das Catedrais, segue mantendo polémica, de xeito que Burela pedirá que se inclúa entre os dez lugares a resaltar da famosa lista.
Outro, máis recente, é a posición de FeVE de restrinxir servizo. Nunha zona coa deslocalización que ten a nosa, iso implica tirar de máis gasolina, quen poda, diminuíndo o nivel e calidade de vida, de xeito absoluto e en relación a outros lugares.
Outro máis segue o camiño do Guadiana: aparece e desaparece periódicamente or diversas causas. É o 'caso Prestige', con dez anos ó lombo e agora nova ante o treito final pola diminución de abogados adicados ó caso debido á adicación necesaria e a motivos económicos. De calquera xeito, coido que a nova serían os dez anos de proceso, pero claro, a base de desgaste, van pasando e o nunca máis vése que pode eternizarse para lograr os seus obxectivos -na eternidade-.
Mentras, o tema do cobro dos alcaldes e concelleiros desvía nos medios da zona as novas sobre a crise ó nivel local, sen que por elo pasen as localidades a primeiro nivel: o soldo da lugar a comentarios da zona da Mariña, así como a curiosidades noutras zonas de Galicia, como Vilagarcía ou Pontevedra. Na polémica ista da rebaixa de soldos de políticos -con resultados que aínda están por ver, e en todo caso, despois de substanciosos aumentos de moitos nos anos de crise- métese, coido que con razón, outro apartado que é netamente político: o custe do posto en votos, do que é coñecido que en xeral é maior para os partidos pequenos que para os grandes, a calquer nivel, e que se relaciona cunha das motivacións de reduccións de políticos electos tanto nos concellos como por exemplo, no Parlamento Galego. Claro que ó tratarse unha cuestión estatística hai excepcións, como a actual distribución en Ribadeo, 7-4-1-1, que, de manterse o número de votos e diminuír a 11 concelleiros, quedaría 5-4-1-1, coa perda da maioría absoluta para o BNG. Algo que, co aumento de poboación ribadense, é posible que non contemplemos nas próximas eleccións ó cambiar o número de edís por ocupar un segmento de poboación diferente.

20121019

Remate

Nos partidos de baloncesto hai veces que o balón é lanzado, toca o fin de partido e quedan no aire un momento os puntos decisivos, que poden conseguirse ou non, despois de que remate o tempo.
En Galicia, nestas eleccións, diría que vai ocorrer algo polo estilo. Hoxe remata a campaña para estas eleccións, suxa/suxas como o Prestige, opacas como as tramas de corrupción, legalmente manipuladas como as múltiples violacións do código electoral denunciadas, mentireiras como contratos asinados que non levan a ningues de momento, ... nosas. Nosas? Iso está por ver. Se ata cun 21% de votantes se pode obter a maioría absoluta, o de nosas, de todos, coido que queda en entredito.
E aínda así, quedan moitos temas:
Son todos os políticos iguais? (algo manido dende hai tempo). Pois non. E, a verdade, non creo que sexa necesaria demostración.
Hai algún que nos poda sacar da crise? Por favor, mesianismos non, participación! Non, se me refería a algún partido! Crees que algo partido (e só) pode traballar arreo para todos como se necesita?
Hai que votar economía? a) o que non hai que votar é econosúa. b) se votas economía e non sociedade, posiblemente non teñas ningunha das dúas: o importante é a xente, non os cartos (aínda que queran que creamos que é ó revés). e tamén, c) a economía constrúese, non se vota
Son tres temas de exemplo, ós que poderían seguir moitos máis.
Mañá non fago campaña. Continuarei facendo vida, vivindo. Como ata hoxe. E a partir de pasado mañá? Gustaríame dicir 'os galegos diremos', pero tal como está o sistema, non sei se saberemos, ou poderemos, ou nos deixarán falar. Así que, sinxelamente, viviremos ...

20140218

Ceuta, como exemplo

Estamos vendo nas novas sobre Ceuta e a inmigración un exemplo da pauta xeral que se mantén dede hai xa tempo por parte do estado para case calqueira cousa. Case nos podemos preguntar se é por convencemento, necesidade estimada ou sinxelamente costume.
A cousa é que 'a morte' (así, estimada polos medios como tal, descartando o asasinato, qe soa moi feo) de 15 inmigrantes é tratada, en síntese do seguinte xeito.
Primeiro, negación. Negación de todo. Ata que cada negación concreta non se pode manter porque chega algunha cantrastación a ter unha ampla difusión. Entón, pásase a outra negación diferente, rebaixando o nivel, retrasando, como murallas de contención que foran caendo. Esta estratexia necesita dun complemento necesario: apagón de información, tentar cerrar toda posibilidade de que a xente coñeza a verdade nin por aproximación.
Despois (a orde pode variar, ou mesmo sobremontarse actuacións), pásase a minimizar o ocorrido. O mesmo subordinado que daquela apiou os 'hilillos de plastilina' do Prestige agora tenta pasar que por ser foráneos o que lles poda pasar non ten tanta importancia.
É nesta segunda fase cando toma máis importancia a 'colaboración' dos medios, pois xa se ve a necesidade de crear opinión favorable ós responsables do sucedido, despois de caer as primeiras barreiras da mentira. E así, atopámonos co Informe Semanal da tele pública (por iso de que é de titularidade pública) da fin de semana dicindo que, a partir da testemuña de xente que o presenciou, se vai montar no propio programa unha reconstrución. A xente que o presenciou era un garda civil. E por suposto, limitouse a falar, e non houbo ningún tipo de escenificación. Ou ca presentación de resultados dunha enquisa onte mesmo pola COPE: 54% 'a favor da GC', 46% 'en contra da GC', e dous exemplos de intervencións na enquisa, os dous 'a favor da GC'...
A enquisa da COPE introdúcenos de cheo na que sería a seguinte fase: a de distracción. Distracción externa, tanxencial e interna. Externa, procurando outra nova que salte á palestra e que tape e relegue a que nos ocupa a un plano secundario, de 'déjà vu', extemporáneo, de tempo pasado... Ou tanxencial, levando á palestra os dereitos dos inmigrantes ben tratados noutros casos (mira ti, en Melilla pasaron centos esta mesma semana e agora temos un problema, o alcalde pide axuda), ou botando balóns fóra: a culpa tena a UE (non era o estado español cando a 'traxedia' de Lampedusa o ano pasado o que dicía que algo así non podía pasar en España?), ou contrapoñendo a suposta groria da GC a quen lle quere achacar un fallo para atacala (no mellor dos casos destsa versión, quen non lembra aquelo da velocidade e o touciño?) Ou mesmo interna, a máis difícil, pois implica dalgún xeito, botarlle a culpa a alguén secundario ou que conveña no momento, abrindo unha brecha nas propias filas que sempre leva asociado un custe que haberá que asumir.
Por suposto, sempre haberá quen de esta mesma explicación moito mellor, con exemplos más apropiados, con moito máis detalle... e tamén esa interpretación será usada para dicir que non é valida por ter faltas, o mesmo que ocorrirá con calquera outra máis completa, que nunca será perfecta.

20120607

Para levar ben a vida hai que rir

O consello dunha redeira de Corme leva ó substancial da vida, que non é a risa, senón a felicidade. Pero resulta que se sabe dende hai tempo que se non son o mesmo, que non o son, si teñen algunha relación. Por iso hai que tomarse a vida con perspectiva, non a cegas, seguindo un camiño, non indo para calquera sitio sen preocuparse do destino, ... tendo en conta oo que sapunta nos comezos das coplas de Jorge Manrique á morte do seu pai. Hoxe, hai un cachiño, chovía e estaba obscuro. Agora clarexou. Segue húmido e con nubes, voltará a chover, pero é de esperar que aquí sigamos cando suceda, e cando volte a clarexar e saír o sol ... Quizáis aquí, para facelo máis almibarado, caería mellor un arco da vella, pero na procura doutra cousa, cheguei a 'Save the beach'. Tarda abondo en cargar e pode gustar ou non gustar, pero esta homenaxe ós voluntarios do Prestige non deixa de ser un apunte na dirección dun arco da vella de matriz humana saíndo da terra, 'coa que está caendo'.