Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta San Froilán. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta San Froilán. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

20221015

Entre capitais de provincia. Pablo Mosquera

 

Entre capitais de provincia

Os da Mariña. Os habitantes da antiga Diócese de Britonia fundada por Maeloc en San Martiño. Os habitantes galegos da costa cantábrica. Non somos lugueses e menos aínda lucenses. Somos por vocación histórica e por costumes, mindonienses.

Xa sei que Javier de Burgos, Ministro Xeral do Reino que dirixe María Cristina de Borbón, conseguiu esa reforma "racionalizadora" que deu lugar á nova división territorial de España en 1833 -49 provincias, 15 rexións- En tal cambio, os habitantes da provincia de Mondoñedo pasamos a ser gobernados como provincia de Lugo. Os habitantes do Concello de San Ciprián volveron ser habitantes do Concello de Cervo coas parroquias de Santa María de Lieiro, Castelo, Sargadelos, Rúa, San Román, Cervo, Burela.

Cando chega outubro atópome nunha encrucillada. Festas do San Froilán e Feiras das San Lucas. Sen dubidalo opto por estas. Teñen máis historia, ata o polbo é mellor, e o escenario das fermosas rúas mindonienses é máxico para min, e moito máis cando vexo como as follas do outono na Alameda dos Remedios se moven pola rúa do Obispo Sarmiento e ao chegar á altura da docería do Val de Brea, fronte ao Peto de Ánimas, polo encanto do son enviado pola Paula e a Ronda, transfórmanse en finas láminas de ouro camiño da Catedral onde está Álvaro Cunqueiro presente, seguramente inventando novas aventuras para Sinbad.

Nos anos cincuenta tivemos que ir á cidade das Murallas, estudar bacharelato ou facernos mestres. Aquela “cidade cultural” acollía a mocidade das rexións do interior ou da costa. Percorría aquel Lugo con invernos duros, dende a rúa San Froilán onde estaba o Bar "Cotá", as prácticas de Valdecantos e o escaparate dende o que "Tirimbola" saudaba á súa maneira. Despois pola Rúa Nova con casas en ruínas pegadas á muralla, ata chegar á Praza do Campo, saudar a catedral, mestura de moitos estilos pero coa exposición permanente do Santísimo Sacramento e finalmente acadar a onda de mozos que marchaban axiña por Obispo Aguirre camiño dos Institutos e da Normal.

Dende o meu San Cirpián, e tal día coma despois de Pilar, collemos aquel pintoresco "Manoliño" de Fazouro -Manuel Rodríguez, Florencio e Pepe- que facía unha parada moi especial en Mondoñedo. A cidade, rica en augas, pan e latín, permitiu que centos de estudantes puidesen ver a Santa Catalina e aínda seguían soando os acordes do último desfile que Pallarego e a súa banda realizaran o Día da Hispanidade.

Os meus recordos xuvenís renóvanse cada vez que vou a unha das dúas capitais. Lugo foron as clases de don Germán Alonso, don Froilán, don Delio Mendaña e sobre todo don Jesús Alonso Montero. Mondoñedo foi imaxinar os fabulosos personaxes de Álvaro Cunqueiro, a raíña de Xenebra das tortas de améndoas. A familia de Manolo Calvo -Manolito de Remigia- na sede do INP.

Hoxe Lugo é moito máis que ese “Cinco Vigas” e Mondoñedo o barrio dos Muiños co meu amigo Pepe diante da súa taberna “O Valeco”. Lugo é a capital administrativa dunha soa provincia. Mondoñedo é a nosa capital da alma mariñá que visita o vello Campo Santo para escoitar as melodías de Pascual Veiga e xurar de novo que Galicia durará mil primaveras máis...

Pablo Mosquera

20241004

Un Chío de festas


    Un mes mais, a edición de Chío xa está dispoñible na rede. Este mes, dirixida de novo por Melina López, con verbas de Lucía Ferro ou as festas do San Froilán de fondo e foto de portada. Como outros meses, deixo a ligazón á revista, para ler en rede ou descargar, e aquí en baixo a miña colaboración (en .jpg e texto web):




Festa!. Na terra das festas, só fai falta o primeiro chío

    Comeza por un chío, e pronto, de xeito inmediato, podes estar envolto en chíos de paxaros da mesma bandada. Comezas a falar de festas, e moitas veces, é como se xa estiveras nelas, como se xa estiveras de festa, mergullado no medio da ledicia festeira. Unha sensación agradable que anima. Non sempre é así. Hai outras veces que por calquera razón te dis que oxalá pasara xa a dichosa festa (coñezo a xente abonda que lle pasa coas festas do Nadal, que manteñen con ela unha relación de amor-odio) ou, sinxelamente, que te preguntas que sentido ten unha festa determinada, soen ser festas que non viviches de novo, sentido que soe rematar sendo o de atraer visitas ó pobo para gañar cartos.

    Por outra banda, é xa case un tópico dicir 'as festas xa non son o que foron', a medio camiño entre o manriqueño 'cualquiera tiempo pasado fue mejor' e a nostalxia dos tempos de cando a xente que o di era máis nova. Algo potenciado pola abundancia relativa dos tempos presentes fronte a outros anteriores, onde a máis de menos recursos, as festas eran 'o' recurso onde se condensaba o entretemento. Hoxe en día, nos pobos da costa, non é que haxa festas no verán, senón máis ben que o verán e festa: a máis das tradicionais (o Carme, patronais...), sumáronselle outras novidades festeiras, as de época (indianos en Ribadeo, normanda en Foz, renacentista en Viveiro, Medieval en Mondoñedo...), as de exaltación dunha ou outra comida (comezaron por cousas como o percebe en Rinlo, pero xa pasaron da tortilla e andan polo ovo fritido...), os festivais de música (o Resu, si, pero a día de hoxe, varios en cada pobo)... Haberá xente que lembre aquela canción que dicía 'esta noche hay una fiesta'; a idea pódese trasladar na Mariña hoxe a todo o verán 'e máis aló'. Retomando o título, hoxe o primeiro chío, a primeira chamada á festa, xa está dada, sempre, e as festas encadéanse no tempo cara ó futuro.

    Hai xa tempo (2002), un centro de medias de Ribadeo (IES Porta da Auga), nun proxecto europeo (Festpop), fixo un estudo sobre as festas da zona, publicado co nome de 'As festas populares no entorno ribadense''. Máis de dous decenios despois, retomo de xeito moi breve algunha das (ideas e festas) alí tratadas en comparanza coa actualidade, xunto con algunha outra de doutros lugares da zona, e así, comezo por lembrar un artigo aparecido no 2007 no libro das festas do Carme de Ribadeo, no que Antón Álvarez Sousa titulaba: 'A festa do Carme, de patroa dos mariñeiros a festa turística. Unha chamada á reflexión'. O título é ilustrativo abondo, mesmo fai de máis o que expón en baixo del.

    Outra fonte de curiosidade pola súa evolución son os pregóns do antroido ribadense, algúns accesibles en https://gl.wikisource.org/wiki/Pregóns_Antroido_Ribadeo. Eses seis pregóns alí subidos, que abranguen un período de dez anos, presentan dun xeito lateral o avance, mellor, o cambio, nas festas do antroido ribadense. E dende aquela seguiron a variar, claro! Non exactamente como tentei prever no pregón do ano 1997, pero o certo é que tampouco de xeito tan diferente, como no nacemento de novas máscaras, o uso incrementado da electrónica ou a incógnita da resistencia dunha festa como o antroido fronte á perda da inocencia que medra polo uso de internet.

    Falaba na introdución do libro citado de achegar a 'esencia das festas populares' ás novas xeracións. E é que, sexa filtrada ou non a realidade polo tempo de vida e nacemento de cada quen, o certo é que todos temos consciencia (ás veces, mesmo rebelándonos contra ela) de que o entendemento do mundo vai variando de xeración en xeración como o fai de individuo en individuo. Pois ben, sinxelamente, as festas non son a excepción a ese cambio de percepción. O que significaron para outra xeración anterior xa non o significa, en termos xerais, para a actual. Nin na Mariña nin en ningures.



    Tamén falaba de que as festas son parte integrante da idiosincrasia dun pobo, que non se debe borrar da conciencia popular. E cada vez máis e cada vez menos. Cada vez menos pola interconexión mediática, que nos permite asomar ós xeitos doutros pobos, e, se cadra, copialos. Cada vez máis porque as festas salientan máis entre os últimos recunchos nos que queda o extra de cada pobo.
    Xente, motivo, lugar. Eras tres das premisas básicas que, poñía, toda festa necesita. Que fai toda festa. Pero tamén fai falla organizalas. E hoxe, as comisións de festexos teñen dificultades de renovación por diversos motivos. Dende aqueles lugares nos que sinxelamente non hai xente nova abondo, ós outros nos que as institucións queren facer e desfacer, e usar ó seu antollo as festas, para o que manteñen a comisión nomeada e secuestrada, pasando polos lugares onde as festas son, de moitos xeitos posibles, privatizadas. Ou un conxunto de todo o dito.
    'Cando tratamos de comparar unhas festas con outras, para mostrar o que teñen en común e o seu feito diferencial, o que estamos é poñendo a énfase na cultura do pobo, os medios dos que dispón, o seu xeito de ve-la vida...'. As anteriores son verbas sacadas do capítulo 'Un achegamento ás festas do pobo en Galicia' dese libriño de hai máis de vinte anos. E a cultura do noso pobo, os medios dispoñibles ou o seu xeito de ver a vida cambiou e está a cambiar. Este artigo comeza coa foto duns fogos de artificio sobre a ría de Ribadeo, algo que é popular nas festas tradicionais, e remata con outra de algo que xa é tradicional e que ten variado o sentido das festas dende pequenos, as diversións de pago. Nesa evolución, coa multitude de festas na Mariña, das San Lucas á Maruxaina, pasando polas festas de San Roque ou a romaría de Santa Cruz, cada unha segue a ter o seu aquel, tentando rexeitar o afán unificador da ledicia a nivel mundial, mais unificando as nosas xentes nesa ledicia.


20191111

Perdemos todos. Por Pablo Mosquera

Si. Ata Marta Rivera de la Cruz. E fíxome en tal dama pola súa traxectoria. Chegou desde Madrid, aterrou como paracaidista na Coruña. Logrou que as xentes de Cs a votasen. Ao día seguinte das eleccións regresou á capital. Nunca deu as grazas. Só veu a Galicia para lucir palmito nas festas de San Froilán. Tivo a sorte de confundir a uns e de estar á dereita do pai. E así, sen merecelo, é a máxima responsable da cultura na Comunidade de Madrid. Pero o mellor é que lle serviu de refuxio para evitar que o derrube do edificio se lle caese enriba. E no peor dos casos, sempre lle quedará PODEMOS, que é onde se atoparía máis cómoda. Espero e desexo que teña a dignidade suficiente para dimitir de inmediato.
Perdemos o tempo, os cartos de todos, a esperanza no sistema, o espírito xurdido nas rúas tras aquela corrente de indignación. Fomos maltratados por uns poucos badulaques. Sufrimos unha crise na que sempre perdemos mentres uns "listiños sen escrúpulos" gañaron. Perdemos a fe e todo apunta que teremos necesidade vital de exiliarnos na nosa propia contorna. Por iso só gañamos os que nos abstivemos, é dicir, un 30%.
Perdeu o "empecinado da rosa". Tan listo chegou a crerse que convocou eleccións. Só ou con algúns gurús da socioloxía, estaban convencidos de que as urnas íanlles a dar máis escanos, abondos para facer da súa capa un saio. Unha vez máis. De vitoria en vitoria, ata a derrota final. Só que os derrotados, son eles e nós.
Perdeu o raparigo do sorriso eterno. O que cada día cambiaba de rumbo. Que tivo a oportunidade de ser útil ao seu país, facendo un goberno de apoio transversal cos seus 57 escanos, cos mesmos que non fai tanto asinara un acordo para botar a Rajoy e os seus corruptos. Pero esta vez, aos que botou foi aos mellores da súa compañía. Aos que deixaron de adularlle. Aos que algúns, como a inefable Marta das Murallas, consideraron uns vermellos infiltrados. E agora descobre que dilapidou máis de dous millóns e medio de votos, nuns sete meses. Todo un record!. Polo menos conseguiu parecerse, no final, á UCD.
Perdeu o da casona con gardas que lle protexan. Non pretenda enganarnos. O peor que lle pode suceder a un partido político é, por esta orde. Ser inútil. Perder o rumbo. Xerar rexeitamento. Dar medo. E é que de tanto acusar ao varón de machista. De tanto feminizar ao tecido social - de unidos a unidas- lograron que os varóns pensantes, moderados, cultos e respetuosos, lles den as costas. Parece mentira que non aprendese na Complutense que liberdade, dignidade, cidadanía e lei, non teñen xénero.
Perdeu o sucesor de Aznar. Agora na rúa Génova non hai discos duros. Esnaquizáronos a marteladas. Agora hai mozos de Serrano. Agora hai outra xeración con sorriso. Por certo. De que cona se ri?. Tiveron unha inmensa maioría e dilapidárona entre corruptos e tahúres como aquel inefable "campión". Pero, dáse conta o home das FAES de que alimentaron á extrema dereita? Si, a esa que saíu das súas novas xeracións.
Perdeu o español que reside sobre un polvorín catalán. Creron que estas eleccións ían dar un escenario onde se terminasen os complexos para aplicar o Estado de Dereito. Pero temos serias dúbidas sobre as intencións desta tropa. Para ser Presidente do Goberno, ou se logra un acordo tanxencial entre bloques, ou se lle dá manija aos nacionalistas, e a estes se lles antoxa que gañaron, e cheos de argumentos ou de votos, van provocar unha escalada de violencia para aproveitar a debilidade do sistema, e así internacionalizar o conflito, obrigando a que o Estado por necesidade deses "mequetrefes" que mandan ou queren mandar, se rendan e fagan con Cataluña o que De Gaulle fixo con Argelia.
Perdeu o paisano, as clases populares, os pensionistas, os traballadores en precario que non chegan a fin de mes, os pobres que comen grazas a Caritas Diocesanas, as xentes cultas e decentes, os habitantes da España baleirada, os que se enfrontan coa rapiña dos bancos, os que foron a defender aos españois atacados polos bárbaros do Proceso. Eses servidores da lei e a orde, que traballan nos corpos e forzas de seguridade do Estado.
Perdeu a democracia. Que desenterrou unha memoria histórica miserable, que canto máis sabemos daqueles feitos incivís e crueis, que deron lugar a unha guerra, e unha insoportable posguerra, máis nos aterrorizamos e avergoñamos co que somos capaces de facer os seres humanos convertidos en lobos famentos. Regresaron as dúas Españas. As que xearon o corazón do poeta. A que espera axustar contas coa burguesía. A que está sacándolle brillo aos vellos correaxes dos seus avós, para saír ás rúas, camiños e cunetas.

20071227

Prova d'orchestra, unha terceira de hoxe lembrando a Hernán Naval

Data: Sábado 21/11/1992
Fonte: La Comarca del Eo (semanario ribadense)
Título:PROVA D´ORCHESTRA
Autor: HERNAN NAVAL
Descrición: (Refereida por Fuji) ARTIGO, toma o titulo dunha pelicula de Fellini e prantexa os delicados equilibrios entre democracia e liberdade que se dan nunha agrupacion profesional
Comentarios: Artigo o fío dunha actuación da Sinfónica de Galicia en Ribadeo no ciclo de Inverno, a sinfonica de Galicia, de recente creacion, compartiu ano de creacion coa banda municipal de Ribadeo. Igual nunha que noutra desataronse polemicas coa sua creacion cada unha o seu nivel.


“Prova d´orchestra”

“Para Sabas Calvillo, quen logo do concerto, frente a unhas cervexas, convenceume doutro fraseo para “Negra Sombra”

Até hai pouco, como en Galiza non había unha soa Sinfónica, como aos sucesivos ocupantes de Raxoi non lles caía a cara de vergoña porque nen trazas de que a fora haber houber, como a Xoven Orquestra era moi xoven e intermitente, algúns andabamos coa teima pretenciosa: as Bandas han de ocupar o lugar das Orquestras. Iso é, nen Sinfónicas eran as Bandas existentes (agás, a médias, a da Coruña) e aquí dispostos a atacar a Titán de Mahler frente a trinta educandos. Enton, un día, o faraón herculino anunciou con europeica fachenda que á cidade do Obelisco virian quedaranse, para tocar…, músicos dos tres pontos cardinais, ou sexa, do Leste e do Oeste. E viñeron. Axiña se extendeu un lado patrioteiro: ¡”Só nove españois, e nen un só galego”!. Houbera audicions de captación en Londres, en Moscova, na Julliard de Nova Iorque, dixeron. No entanto, os músicos daquí intentábamos un dolce no trío de Ponteareas.

Ouvimos á Orquestra Sinfónica da Galiza aquí, en Ribadeo, que para algo é un Concello do Bloque e algúns sabemos de ópera, de estratexia militar e, seguramente, de extinción de chamas de papel… Mozart, Dvorak e unha Negra Sombra sen excesos fraseísticos. O grupo é formidabel. Ficaron en volver. E tocarán outravolta en Ribadeo o 11 de decembro, con Cristobal Halffter, como director convidado, á batuta.

Os xornais deron conta de que na Orquestra Sinfónica de Galiza comezaran as hostilidades, permítasenos o eufemismo bélico aprendido en televisión cando a Guerra do Golfo. O cosmopolistismo, o tecido internacional do grupo humano (músicos rusos, ianquis, sulamericanos, centroeuropeos…) non nos fixeron nunca pensar que no seo da orquestra se pudese viver a guerra fría. Extremo a confirmar, of course, e en todo caso se se acredita no suposto que contiña unha das primeiras informacións dun diario galego sobre a crise sinfónica: estariáse a producir un enfrontamento entre ós músicos norteamericanos e os do grupo de antigos países comunistas. E nós “da capo” Lug-Ferrol, pero a carón da Orquestra Sinfónica, do grupo de gospel The Fairfield Four, do dueto Airapetiante e do Coro “Airiños de Ribadeo”, nese Ciclo de Inverno parido por Balbino nun acto de nepotismo concertante sen precedentes.

Unha das máis fermosas películas de Federico Fellini. Prova d´orchestra (Ensaio de orquestra) , tal vez conteña, na súa filosfía, algún elemento de interpretación do que pudo ocorrer na orquestra. Fellini sorprendiase a si proprio tratando coa cámara unha cuestión difícil: cómo unha orquestra de formación tan heteroxénea, con xentes sempre a piques da contenda persoal, lograba tal harmonía final? Prova d´orchestra é, segundo J. M. Latorre, “unha metáfora sobre os traballadores da música, sobre a delimitación de competencias no feito e no terreo da criación artistica e sobre a música mesma”, e lembra o crítico o tema bufo de Nino Rota, o autor da banda sonora, empregado para unha secuencia na que se desata a histeria dun profesor de orquestra…., aínda que é máis común que sexan os directores quen ceiben a neura.

¿Crise na Sinfónica? Ao fondo albiscaríase unha controversia natural sobre as limitacións democráticas nun colectivo musical e, se se empeñan, sobre as relacións Leste-Oeste… Imposible xa outra crise dos misis, veña a crise dos atrís. E os autóctonos tamén valemos para o círio. A Banda de Vigo esta en fase terminal desde que o alcalde Soto quixera facer dela unha Orquestra de Cámara (era humilde de máis e así e todo, porque o que había que facela era Sinfónica). Algo debe ocorrer na de Compostela se no periódico saen cartas que falan de presuntas irregularidades e posteriores desmentidos do mestre Santos Bartolomé. O conflicto da de Lugo tivo estalido sindical polo San Froilán, cando os músicos apontados á CXTG non quixeron que a Sabeliña de Freire e de Trapero chorase ao escoitalos. Mentras estas notas tecleamos en limpo soan n aparato unhas pezas para clavecin de F. Couperin que se titulan As barricadas misteriosas… En Ribadeo, nada. Nada de contemplacións, quero dicer. Con permiso correlixionairo, ensaiamos Suspiros de España.

-Dire, a ver cando cobramos a última saída. E a ver se facemos un descanso de dez minutos. E ademáis, paréceme que os “tresillos” éstes de Suspiros… non son así.
- Ti toca e cala, ou encerrate no water co instrumento a “facer labio” a base de “notas tenidas”.

HERNÁN NAVAL

20091014

Noutro sitio

Despois das festas patronais, en Ribadeo, houbo unha serie de comentarios e queixas (ou aquí). Parecería que 'Ribadeo is different', que só aquí se pode dar un conflito co tema das festas máis aló de se as orquestas foron boas ou malas. Agora podemos constatar que non, que debe de ocorrer así noutros sitios, como en Lugo, aínda que o boureo das novas das festas sexa maior que as críticas e o balanzo correspondente. Mesmo existen críticas, aínda que queden en forma de disculpa, por parte do equipo de goberno lucense, como "O concellal de Medio Ambiente, Lino González Dopeso, dixo que, como consecuencia das festas, algúns xardíns quedaron seriamente tocados e tardarán algún tiempo en recobrar o seu estado normal. Indicou que o deterioro dalgunas zonas verdes é un tributo que hai que pagar polo San Froilán."
Coido que se está pasando nos temas semellantes ós das festas de algo como 'todo val" ó "si, pero é un mal menor", antesá dunha revisión do desenvolvemento dos festexos e da consideración do que son en si. Naturalmente, estas cousas non son lineares, e polo tanto, andarán para adinate e para atrás, pero o mesmo que todos temos conciencia de que é moi, moi difícil que as festas teñan no futuro a mesma consideración que no pasado, porque a sociedade tivo unha evolución, tamén está a suceder unha evolución cos efectos das festas, mesmo cando polo momento tome xeito de controversias concretas. Así, como serán as festas futuras de Ribadeo?
Por certo, que é un tema, o da evolución das festas, que tratei nun sentido moi diferente para outras celebracións de Ribadeo, como pregoeiro do antroido.