Amosando publicacións coa etiqueta Crónica dunha viaxe. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Crónica dunha viaxe. Amosar todas as publicacións

20221112

Crónica dunha viaxe / e 17, rematando

Crónica dunha viaxe / e 17, rematando

    A viaxe finalizada, non o está na cabeza, á que acoden lembranzas, sentimentos, posibilidades e moitas cousas máis.

    Indo aínda por terras de Castela, ocorréuseme que ó tempo que unha viaxe para coñecer terras e persoas, ou para sentir a natureza e o corpo, tamén era unha viaxe didáctica, de aprendizaxe. E comecei a tomar apuntes pensando nesa tarefa, para tentar que a outra xente lle puidera servir, a máis da visualización de algo parello a un libro de viaxes -ou sexa, o que levo esbozado-. E iso 'novo' dará de si -espero- outra serie de apuntes que teñen outro destino diferente ós presentes, e que aínda terán que madurecer para servir á súa finalidade.

    Está clara a evolución de sentimentos en relación á viaxe a medida que pasou o tempo, ou as xentes, a paisaxe, dende a saída da casa o 25 de setembro ás oito da mañá lixeiramente pasadas ata a chegada ó portal de Valencia o 10 de outubro ó fío da unha e media do mediodía. Está clara, pero non é linear, é demasiado complexa para que nuns cantos capítulos pequenos caiba enteira.

    Dito en números, sexan 1100 km ou 4 comunidades autónomas, unha morea de concas fluviais ou 10 provincias, entre outras moitas posibilidades, pode dar unha imaxe moi fría de dúas semanas que lembro cun conxunto cálido de sentimentos que tentei plasmar, dende o esforzo para subir a Cruz de Ferro á percepción de orgullo nunha interlocutora ó comentarme que o nome do seu pequeno e cada vez máis despoboado pobo aparecía nunha rotonda en Sagunto onde se daba fe das diferentes etapas dun camiño que conducía cara Santiago. Por certo, glorieta que me fixen intención de ver, pero que, sen telo apuntado no momento, lembrei cando xa era tarde, tendo aínda agora nas tebras da memoria mesmo o nome do pobo que tería que procurar nela ou a situación exacta a procurar en Sagunto. E, se detalles coma eses se perden na memoria, ó xuntarlle as perdas no paso da lembranza ó escrito, resulta un límite só superable mediante a fábula e a imaxinación. Ambas me gustan, pero non quixera aplicalas como tal de xeito consciente nestas letras, que polo contrario, tentan axustarse á realidade sentida.

    Un dos sentimentos foi o asentamento da fortaleza saudable, apoiado despois das primeiras e duras etapas polas máis suaves posteriores. Mesmo os pequenos tropezos, como o rachar dos labios pola labor do aire, ou o proído do tostado das pernas, sentinos así, pequenos inconvenientes que xa se irían solucionando, dentro dun benestar corporal no que tiveron cabida de xeito consciente diversos esforzos. Hai que ter en conta que unha das bases dese benestar sentido é precisamente a superación dos esforzos requiridos, que naturalmente tentei pautar como superables, ó meu alcance.

    En conxunto co anterior, o desfrute das etapas foi aumentando, ó ter un maior control da situación pola experiencia e unha maior veciñanza do destino. Visto en retrospectiva, noto que a duración e dureza de cada tramo, e o tempo empregado, non se ve reflectido de nunha influencia sobre o número de bosquexos ou de fotos tomadas. Máis ben é o tempo pasado, ou se se quere, o tempo previsto para chegar ó destino final, o que marcou o ritmo, psicolóxico, de apuntes sobre o camiño, en certo xeito balanceando entre a apropiación do entorno mediante fotos e debuxos e o desfrute directo del.

    As paisaxes variadas e a temperie, tiveron a súa influencia nese desfrute e no estado de ánimo. Máis difícil é de cualificar o resultado do contacto con outra xente, en marcha coma min ou xente da terra, nunha viaxe pensada para ir en solitario, decisión da que non me arrepinto. Por suposto, en cantidade de xente atopada, o tramo entre a entrada no Bierzo e Burgos sobrepasou con moito á cruzada antes ou despois, aínda que de Caudiel ata abandonar as vías verdes tamén estaba ateigado; neste caso, só de ciclistas. Iso facilitou o contacto con outra xente en ruta neso tramo Vilafranca - Burgos, mais foi despois cando tiven máis relación coa xente dos pobos, e coas dúas persoas coas que pasei máis tempo na viaxe, Antonio de Teruel e sobre todo, Pedro do Barqueiro, con quen sigo en contacto. Asemade, o cambio de mentalidade dunhas a outras persoas, da xente dos pobos á xente en camiño non deixa de ser curiosa, tanto pola evolución segundo o avance do camiño como polo cambio de lugar a lugar. Pouco ten que ver a mentalidade e carácter dos tres estranxeiros ciclistas de retorno cos que coincidín ó longo da subida á Cruz de Ferro coa do español e do estranxeiro camiño a Santiago no descanso mentres tomaba o apunte da igrexa de Bercianos. E pouco tamén a do rexedor do bar en Castrojeriz, 'castelán vello', coa do tamén rexedor de bar en Almenar, aparentemente afincado alí de primeira xeración dende o norte de África. Por contra, comparar a Julia, a camiñante australiana que me atopei en Hornillos, coa recepcionista de Teruel, novas as dúas e aparentemente de idade semellante, poidera ser máis doado e ter máis semellanzas visibles que nos outros casos anteriores.

    A viaxe tamén se pode dividir na parte en marcha e na outra, en poboacións. Dúas compoñente moi diferentes a tódolos niveis, dende esforzo a tranquilidade, mais ter en conta unha separación tan clara como tal separación, sería como partir unha cadeira á metade, resultando outra cousa moi diferente. Ambas partes, ambas 'metades' compleméntanse e en conxunto fan a viaxe o que é, aínda que choque que o estar parado nun lugar poda contribuír á viaxe.

    En fin, quixera rematar, esa é a finalidade desta entrada. Mais aínda que o faga por escrito, será unha especie de peche en falso, de poñer unha marca ata certo punto arbitraria, nun relato que seguirei a lembrar e que sinto que non rematou aínda, tanto porque puidera ter continuidade noutra ou outras viaxes semellantes como porque entroncou co resto das miñas vivencias, é parte da miña vida, e aínda non está conclusa.

     Só unha cousa máis. Repetir que animo a quen poda estar a ler a facer algo polo estilo, na medida das súas posibilidades de todo tipo. Vamos, unha toleada que non o sexa tanto por estar programada e ser factible. Un saír do normal da vida levada para traer tamén vida, aínda que non faga falta.

Comezo e fin de viaxe?

    Crónica dunha viaxe

    Crónica dunha viaxe / 0 Atravesando a península 

    Crónica dunha viaxe / 01 Ribadeo - O Cádavo

    Crónica dunha viaxe / 02 O Cádavo - Ponferrada    

    Crónica dunha viaxe / 03 Ponferrada - Astorga

    Crónica dunha viaxe / 04 Astorga - León

    Crónica dunha viaxe / 05 León - Villarmentero 

    Crónica dunha viaxe / 06 Villarmentero - Burgos

    Crónica dunha Viaxe / 07 Burgos - Santo Domingo de Silos 

    Crónica dunha viaxe / 08 Santo Domingo de Silos - Soria

    Crónica dunha viaxe / 09 Soria - Calatayud    

    Crónica dunha viaxe / 10 Calatayud - Calamocha 

    Crónica dunha viaxe / 11 Calamocha - Teruel  

    Crónica dunha viaxe / 12 Teruel - Teruel

    Crónica dunha viaxe / 13 Teruel - Barraques  

    Crónica dunha viaxe / 14 Barraques - La Vall d'Uixó 

    Crónica dunha viaxe / 15 La Vall d'Uixó - Sagunto  

    Crónica dunha viaxe / 16 Sagunto - Valencia 

    Crónica dunha viaxe / e 17, rematando

20221111

Crónica dunha viaxe / 16 Sagunto - Valencia

Crónica dunha viaxe / 16 Sagunto - Valencia

    A viaxe chega á súa fin. Esta etapa duns 44 km con 130 m de desnivel salvado foi relativamente longa en tempo, dúas horas e cuarto sobre a bici ás que houbo que sumar diferentes paradas para orientación nunha rede densa de camiños, rúas e estradas que no gps sumaban tamén ramblas como camiños ou camiños totalmente de pedra e visiblemente impracticables, sen uso dende hai tempo. A máis, unha visita en Beteta que me permitiu tamén un baño en piscina con traxe de baño prestado nun día con algo de calor e auga non tan quente despois da noite.

    Como a meta estaba próxima, e mesmo as últimas etapas tíñaas cambiado para alongar máis a viaxe, tampouco me preocupei moito da preparación da etapa, desoíndo as indicacións que me deran de que preto das grandes vilas non é doado seguir as indicacións que os medios dixitais tentan dar, porque teñen moitos erros e desespérase un. E, tal dito, tal feito, sen a parte de desesperación, que foi trocada pola curiosidade da visita a campos de laranxeiras, pobos ou urbanizacións e polígonos en terra estraña de camiño na procura do achegamento a destino. Ben, desesperación, non, pero algunha vez, algo de frustración por ter que refacer algún desnivel baixado, si.

    Era un día do que se soe chamar bo tempo, aínda que xa sen tanta influencia nas pernas bicores. E, aínda que procurando vías secundarias ou terciarias, sempre a atención ó tráfico estaba presente por necesidade.

    Á saída tiven un momento de comezar a rememorar etapas anteriores, pero a distracción e a concentración paralelas, coa mirada curiosa sobre o entorno e atenta ó inmediato case de xeito instantáneo me remitiron ó carpe diem.

    E, despois do descanso e compañía en Beteta, a conciencia de que os desniveis positivos a continuación eran nulos deron cun autochequeo que me certificou mentalmente o bo estado no que me atopaba, sen un cansazo acumulado dende a chegada a Teruel. E é que, descansado, desfrútase máis: é algo que se sente.

    Pode que sexa a etapa na que menos fotos tomei, dando por rematado o periplo cunha diante do portal de destino e un apunte dunha estación de metro de Valencia, ó que baixei despois de asearme e cambiarme

Vista dunha estación de metro de Valencia.
    Da curta etapa só deixo unha foto, onde, dende unha das moitas pontes que tiven que pasar aprécianse varios dos elementos fundamentais da viaxe do día -en realidade, da mañá-: Laranxeiras e polígono industrial, chaira cos montes ó fondo, e infraestruturas humanas tecendo a paisaxe.
Agricultura e industria.
     Valencia, á miña vista, non cabe nesta crónica, pois non só foi o día da chegada, senón uns cantos máis, nin a contemplación en solitario coa compañía da bicicleta, senón aumentada co desfrute de familia e sen as preocupacións propias da viaxe.
    Así, este foi o remate da viaxe física en si. Mais non na miña cabeza, que foi tecendo as lembranzas nun resume, nunha recompilación que aínda non rematou.

    Crónica dunha viaxe

    Crónica dunha viaxe / 0 Atravesando a península 

    Crónica dunha viaxe / 01 Ribadeo - O Cádavo

    Crónica dunha viaxe / 02 O Cádavo - Ponferrada    

    Crónica dunha viaxe / 03 Ponferrada - Astorga

    Crónica dunha viaxe / 04 Astorga - León

    Crónica dunha viaxe / 05 León - Villarmentero 

    Crónica dunha viaxe / 06 Villarmentero - Burgos

    Crónica dunha Viaxe / 07 Burgos - Santo Domingo de Silos 

    Crónica dunha viaxe / 08 Santo Domingo de Silos - Soria

    Crónica dunha viaxe / 09 Soria - Calatayud    

    Crónica dunha viaxe / 10 Calatayud - Calamocha 

    Crónica dunha viaxe / 11 Calamocha - Teruel  

    Crónica dunha viaxe / 12 Teruel - Teruel

    Crónica dunha viaxe / 13 Teruel - Barraques  

    Crónica dunha viaxe / 14 Barraques - La Vall d'Uixó 

    Crónica dunha viaxe / 15 La Vall d'Uixó - Sagunto  

    Crónica dunha viaxe / 16 Sagunto - Valencia 

    Crónica dunha viaxe / e 17, rematando

Crónica dunha viaxe / 15 La Vall d'Uixó - Sagunto

Crónica dunha viaxe / 15 La Vall d'Uixó - Sagunt

A praia en Porto de Sagunto, apetecible mediterránea. A imaxe, manchada coa humidade do selo que me puxeron no museo de Sagunto.
 

    Pode dicirse que a viaxe rematou, aínda cos retardos que quixen ter, ó chegar ó Mediterráneo. As dúas últimas etapas foron das chamadas de trámite. A que facía a número quince, esta, etapa de domingo que ademais era fasta da Comunidade Valenciana, durou uns 34 km salvando un desnivel positivo de menos de cen metros, levándoos en dúas horas menos cuarto sobre a sella por carrís bici ou vías de servizo boa parte do tempo. A máis, despois de varios días de alerta de chuvias torrenciais por diante de min, sen chegar a afectarme máis que algunha pinga, o día estaba claro dende primeira hora da mañá. Todo fixo que a saída fora suave e remolona, e ó coller a bicicleta, máis ca outros días, chegara a sensación de facer turismo con tempo de sobra e sen necesidade de gran esforzo.

    A saída de La Vall d'Uixó, unha baixada suave pola que entrara, subindo, o día anterior, deseguida me mergullou en terras de cultivo de laranxeiras, aínda que seguira aumentando a densidade de laranxas camiño de Valencia. E si, xa os sistemas de rego, omnipresentes, con ou sen canle á vista.

    Ó pouco, Almenara presenta o seu castelo polo cumio dos montes, gardando o acceso norte a Valencia, antes de chegar o segundo alto defensivo preto da costa, Sagunto. Nin me achego nun domingo pola mañá ó chamativo horizonte que marca o castelo.

Castelo de Almenara.
    O camiño, despois de pasar Almenara, entra na provincia de Valencia. Desta volta, por estrada secundaria, si vin clara a división provincial que non vira onte, aínda sobre a vía verde.

De novo, en Valencia. Coches e laranxeiras.
    A fronteira provincial tamén marcou un aumento da atención ó ciclista, e atopar diferentes posibilidades paralelas para desprazarse dun lugar a outro xa foi unha realidade en boa parte do recorrido restante.
Vía principal, vía de servicio e arcéns ciclables.
    Pasando o río Palancia, entro nun concello bicéfalo. Orixinado con cabeza en Sagunto, hoxe por hoxe e dende hai tempo, a principal poboación é Puerto de Sagunto, praza industrial e cun porto importante, que ademais, estando na costa, dispón de boas praias. A distancia entre ambas poboacións é curta, pode dicirse que están unidas por unha avenida, pero nótase ben a súa diferente historia e carácter actual. Unha das cousas que me fixo notar un contertulio no Porto de Sagunto foi precisamente o carácter activo e combativo da poboación desa parte saguntina, diferente da outra a raíz da súa condición industrial e a historia en prol da procura de melloras obreiras.
Praia de Sagunto.

    A participación coa xente é un dos alicerces das viaxes lentas. Esta éo. Por iso, no paseo do Porto de Sagunto, con xente abonda de lecer, estábase ben aínda baixo o Sol. Mais, atopar unha concentración cun cartel visible de 'Non a todas as guerras' un domingo festivo ademais na comunidade, non deixou de sorprenderme e achegueime para saber e ser un máis. Resulta que o das guerras, a petición de paz, era un engadido que viña dado porque moitos migrantes sono debido á situación de conflito nos seus países. Rematei trabando conversa e cambiando información sobre como estaba naquel momento a concentración semanal pola paz en Ribadeo, ou o asociacionismo na nosa terra.
Non a todas as guerras.
    Subir a Sagunto pola avenida, despois do paseo, participación coa xente, facer un apunte de debuxo e tomar un refresco á beira do mar, foi iso, unha continuación do paseo polo porto, alongando con tranquilidade a visita para pasar por diante dalgún dos puntos que me recomendaran na oficina de turismo. Si, aberta un domingo pola mañá festivo naquela comunidade.
De feira en feira.
    Chegar a Sagunto, procurar o centro porque tiña tempo antes de comer, aínda que xa non tanto... e atopar unha feira medieval a carón do centro neurálxico do pobo, a praza Cronista Chabret (onde tamén estaba a oficina de Turismo do pobo capital, aínda aberta): Sagunto, tamén en festa! Coido que tan grande como a de Burgos e máis que as que estou afeito a ver pola nosa bisbarra. O abarrote de xente incluíu, xa pola tarde, unha procesión, pois a feira era un engadido á festa a celebrar.
    Aínda con ser unha festa cuádrupla (domingo, día da Comunidade Valenciana, festa local e Festa medieval), o principal museo da vila, a Casa dos Berenguer, estaba aberto, e deume xogo para despois da visita ó mercado é a praza principal.
Sagunto sobre Sagunto sobre Sagunto, mo museo.
    Nas inmediacións do museo, unha marca no chan, que xa atopara en Teruel e non lle dera importancia, chamoume agora máis a atención, e preguntei no propio museo. Trátase dun xeito de identificar as xuderías ibéricas, e que se pon á entrada da zona que se consideraba habitada por xudeus. Xa á volta, ós poucos días, atopeina en Mondoñedo, despois de non ter visto nunca antes a súa xudería.
Símbolo das xuderías ibéricas.

    No museo atopei un lugar de traballo e descanso, que aproveitei para tomar un apunte do castelo visible por unha das fiestras.

O castelo de Sagunto, visto dende o museo da Casa dos Berenguer.

    E, de alí, fun completar o exercicio diario subindo cara ó castelo. Na subida, o teatro romano amosa a súa pasada gloria coa decepción da reconstrución realizada. Seguindo cara arriba, aínda que o castelo teña botado o peche dominical, unha ruta dá a volta polo alto, arredor do castelo, e, aínda que a sinalización algunha vez non permite seguir ben o camiño, o completar a rolda polo alto pon a disposición vistas tanto de Sagunto como do Porto ou das montañas cara ó interior, e tamén, na distancia e de xeito nebuloso, de Valencia, a fin da viaxe.

Castelo, montaña e porto de Sagunto.
    Etapa suave e desfrutada!

    Crónica dunha viaxe

    Crónica dunha viaxe / 0 Atravesando a península 

    Crónica dunha viaxe / 01 Ribadeo - O Cádavo

    Crónica dunha viaxe / 02 O Cádavo - Ponferrada    

    Crónica dunha viaxe / 03 Ponferrada - Astorga

    Crónica dunha viaxe / 04 Astorga - León

    Crónica dunha viaxe / 05 León - Villarmentero 

    Crónica dunha viaxe / 06 Villarmentero - Burgos

    Crónica dunha Viaxe / 07 Burgos - Santo Domingo de Silos 

    Crónica dunha viaxe / 08 Santo Domingo de Silos - Soria

    Crónica dunha viaxe / 09 Soria - Calatayud    

    Crónica dunha viaxe / 10 Calatayud - Calamocha 

    Crónica dunha viaxe / 11 Calamocha - Teruel  

    Crónica dunha viaxe / 12 Teruel - Teruel

    Crónica dunha viaxe / 13 Teruel - Barraques  

    Crónica dunha viaxe / 14 Barraques - La Vall d'Uixó 

    Crónica dunha viaxe / 15 La Vall d'Uixó - Sagunto  

    Crónica dunha viaxe / 16 Sagunto - Valencia 

    Crónica dunha viaxe / e 17, rematando

20221110

Crónica dunha viaxe / 14 Barraques - La Vall d'Uixó

Crónica dunha viaxe / 14 Barraques - La Vall d'Uixó

     Unha etapa non moi longa e que resultou ter un moi bo piso, case todo cunha lixeira inclinación cara abaixo. De feito, o desnivel acumulado deume só uns 140 m, todos despois de desviarme da vía verde, cara ó final da etapa. Xusto o tramo que me indicou que ao menos nesa zona da Comunidade Valenciana mesmo as estradas 'normais' teñen vías de servicio moi recomendables para as bicis. Os 65 km mantivéronme sobre a sella pouco máis de tres horas, nas que pasei de Castellón a Valencia (xusto ó desviarme da vía verde para coller a N 225) e de novo a Castellón (no alto da N 225).

    Non comezou ben, pois no 'Albergue rural' de Barracas tivemos -eramos cinco, mais eu- que esperar un rato longo para que viñeran a abrir o local onde tiñamos as bicicletas, despois de estar listos ás oito da mañá: o dono quedara ata o final da post cea  xunto a unha botella. O sistema de viaxe do grupo era ben diferente: collían unha furgoneta para servir de apoio e cambiaban de condutor cada media etapa. Falando con eles xa a noite anterior, a organización era froito de anos de compañeirismo. Facían a cea, non sempre eran exactamente os mesmos, había bicis eléctricas, pero sobre todo, das de tracción animal... Saíron despois ca min, e adianteinos no camiño, nunha parada deles, tras facer eu unha desviación.

    Aínda que á saída de Barracas hai algunha subida e discontinuidade na 'vía' da vía verde, foi suave e apareceu pronto a vista do Alto Palancia ós pés. Vista con terra queimada de non había tanto tempo, por un televisivo incendio de abonda duración e extensión.

Alto Palancia, mirado cara ó Sol nacente.

    Os restos do incendio daban testemuña da súa importancia, e a paisaxe era cambiante na mañá, o que me animou a tomar unha vista.

Vista dende a zona de Bejís cara levante, beiras da serra da Espina.
    O desolado do incendio dito de Bejís daba tamén pé a paisaxes chamativas, non só a cambios na programación prevista, pois cando estaba dando os toques finais ó programa a seguir aínda a televisión falaba do incendio activo. Iso, a máis de tratarse dunha zona abondo despoboada, con dificultades para atopar onde pasar a noite, me fixo quedar en Barracas a pesar de ter comprobado neste día que a infraestrutura era abonda, con un tráfico ciclista cada vez maior, en particular, a partir de Caudiel. Si, pois era sábado, e ata alí subían a tomar algo grupos numerosos, entendo que da zona de Sagunto.
Restos do gran incendio.
    Os cambios no perfil ou na aridez non eran os únicos observables na paisaxe. Antes de chegar a Caudiel xa saúdan as oliveiras, unha árbore que non asociaba á zona, pero que si está conectado coa agricultura que se practica no 'Alto Palancia'.
Oliveiras.
    E, para un galego que pense que só hai toxos en Galicia (ben, tamén no resto da zona cantábrica, pero como por deixado da natureza), un pouco máis abaixo das primeiras oliveiras, os espiños estaban esperando, aínda que entendo que dunha subespecie que non é común polo noroeste, e non en grandes cantidades.
Non hai toxos só en Galicia.
    A vía, en xeral, ben, seguindo unha ruta de ferrocarril que non hai tanto tempo que se abandonou (hai outra que vai -ou ven!- paralela dende Teruel). Do bo estado dan fe en particular algúns tramos, onde as paredes que encaixan a vía están en perfecto estado e deixan ver os diferentes tipos de rochas e terras do camiño, a máis dalgunha que outra ponte.
Camiño e ponte.
    A estación de Caudiel, se ben en estado de abandono, como as que vou pasando nas vv de Ollos Negros, ten pouco que ver con algunha outra de anteriores vías verdes. Neste caso, máis xustificado, pois Caudiel é un pobo vivo como puiden comprobar.
Caudiel.

    En Caudiel parei a tomar a primeira comida do día. Si, xa levaba tempo sobre a bicicleta, pero a espera para collela cando quedaramos ás oito da mañá, falando cos outros ciclistas, non me permitiu tomala. Preguntei onde podía tomar o almorzo cando estaba co apunte da fonte / lavadoiro do pobo, e indicáronme que na outra beira do río, na parte que dá á estrada, e tras pasala atopei unha praciña con varios lugares que se foron ateigando dos grupos ciclistas e onde se estaba moi ben, ata que estimei oportuno deixar sitio. Iso si, puiden observar que o xeito de almorzar xa variara, podendo asimilar o que a xente tomaba ó 'esmorzaret', máis ó estilo do que vin despois na capital Valenciana.

Fonte e lavadoiro en Caudiel.
    De Caudiel en baixo raro foi o tramo no que non tiña á vista ó longo da vía verde ningún ciclista. O piso seguiu sendo bo ata a desviación en Algar de Palancia, se ben en tramos o trazado recorría alternativas por estradas ou camiños que non formaron parte da vía no seus días de ferrocarril. Un trazado que, como xa dixen, recomendo para facer con tranquilidade dende Teruel.
Túnel iluminado.
    En Jérica o camiño invita a pasar pola poboación, onde me atopei cunha voda na praza principal. E, coa voda, estoupidos de foguetes, claro! Isto é Valencia. O pobo está ben para botarlle unha ollada. Atopei a biblioteca aberta e entrei, pero era o edificio o que estaba aberto, non a biblioteca en si: sábado á mañá.
Biblioteca de Jérica.
    Seguindo camiño, varias formacións de refuxios da guerra civil manifestan que aquí houbo unha guerra, por se a alguén se lle esquece.
Refuxios da guerra civil.
    Con tranquilidade, Segorbe. Hai que apartarse un par de quilómetros, pero paga a pena. O acueduto, as murallas ou diversos restos e monumentos fan que apunte mentalmente o pobo para unha viaxe doutro estilo, con máis vagar e compañía. Iso si, con costas, en bicicleta, aínda que a etapa era suave, sempre se retraeu un de ver máis cousas, mesmo aparte das ruínas ás afóras.
Acueduto en Segorbe.

Muralla de Segorbe.

    Café en Segorbe. Aproveito para esbozar as ruínas na praza do concello, a praza do Alto Palancia, e anoto o lugar. Despois de visitar algunhas cousas no pobo, volto e como. E, o levantarme, recibo unha nota de Pedro do Barqueiro e despídome del antes saír e de que el coma no mesmo sitio ca min.

Ruínas en pza. Alto Palancia, Segorbe.
    Despois de Segorbe, a paisaxe vai sendo máis estilo do que tiña na cabeza como valenciano. De feito, comezo a ver laranxeiras...
Laranxeiras.
    ... e as ramblas fanse tamén máis visibles como o que son, canles polas que corre a auga cando chove de xeito torrencial, ó estilo mediterráneo.
Rambla.
    Os contrastes vanse acumulando. Chego a unha terra que se usa para adestrar cans e lembro unha máis pequena a poucos quilómetros de Ribadeo, preto de Tapia. Igualdade (dentro da maior humildade da tapiega) e desigualdade: en Tapia o chan está cuberto de herba!
Adestramento canino.
    Pero eses son contrastes menores. En La Vall d'Uixó, festas nun barrio e bous al carrer: as rúas pechadas para evitar que o animal escape, o piso con terra para facilitar o espectáculo, e as casas con protección.
Despois dos bous al carrer.
    La Vall d´Uixó sorprende dende o nome (en castelán... Vall de Uxó!). A volta que tiven que dar para alongar un día o recorrido resultou ben elixida. Por temas de horario non din entrado nas covas de San Xosé, que mesmo teñen un tramo que se recorre en canoa, pero fixen un recorrido abondo extenso por este pobo - vila con certos contrastes internos. O facer un apunte do acueduto libroume de asistir ós bous al carrer que se estaban a soltar naqueles momentos a non moita distancia.
    Unha etapa tranquila con lugares e costume que me chamaron a atención.

    Crónica dunha viaxe

    Crónica dunha viaxe / 0 Atravesando a península 

    Crónica dunha viaxe / 01 Ribadeo - O Cádavo

    Crónica dunha viaxe / 02 O Cádavo - Ponferrada    

    Crónica dunha viaxe / 03 Ponferrada - Astorga

    Crónica dunha viaxe / 04 Astorga - León

    Crónica dunha viaxe / 05 León - Villarmentero 

    Crónica dunha viaxe / 06 Villarmentero - Burgos

    Crónica dunha Viaxe / 07 Burgos - Santo Domingo de Silos 

    Crónica dunha viaxe / 08 Santo Domingo de Silos - Soria

    Crónica dunha viaxe / 09 Soria - Calatayud    

    Crónica dunha viaxe / 10 Calatayud - Calamocha 

    Crónica dunha viaxe / 11 Calamocha - Teruel  

    Crónica dunha viaxe / 12 Teruel - Teruel

    Crónica dunha viaxe / 13 Teruel - Barraques  

    Crónica dunha viaxe / 14 Barraques - La Vall d'Uixó 

    Crónica dunha viaxe / 15 La Vall d'Uixó - Sagunto  

    Crónica dunha viaxe / 16 Sagunto - Valencia 

    Crónica dunha viaxe / e 17, rematando

20221108

Crónica dunha viaxe / 13 Teruel - Barraques

Crónica dunha viaxe / 13 Teruel - Barraques

    Despois dun día de descanso, unha etapa sinxela, como o resto das que quedan. Aínda que, ben pensado, non hai etapa sinxela a priori!

    Tras o porto do Escandón (1223 msnm), paso á conca do Mijares. Queda para a próxima etapa, despois do Porto do Ragudo, o cambio á conca do Palancia. Mais esta é a última vez que me refiro de xeito específico a un cambio de conca, pois xa preto do mar, as pequenas concas sucedéronse ó apartarme desta par ir a La Vall dÚixó: Belcaire, de novo Palancia, canles de rego diversas que non permitían distinguir moi ben o río (se é que non era unha simple rambla) ...

    Un último axuste antes de comezar o camiño: Barraques ou Barracas? No concello, o selo testemuña Barracas, o que reafirma que o termo en Valenciano está en desuso. Aínda así, como escollera para a planificación da viaxe Barraques, sigo mantendo o título desta etapa: Teruel - Barraques.

    A saída de Teruel ben, guiándome por Dinópolis, un parque temático sobre dinosauros, á beira do que tiña que pasar. Pero tiña empeño en coller de novo vías verdes para evitar a estrada, e xa retirado da camiños, preguntei a outro ciclista por se o gps non era adecuado. Resultou ser outro Antonio, de Teruel, que me levou ó entronque coas vías verdes e co que fixen preto de vinte quilómetros, a maioría de ascensión por un camiño que cualifico de moi bo e que me reconcilia coas vías verdes, que xa non abandonaría mentres coincidiran co meu destino.

Antonio de Teruel, guía e compañeiro por cousa dunha hora.
    A dedicatoria de Antonio non di que me acompañou máis do que tiña pensado facer, o que lle produciu un baixón de azucre que necesitou unha barriña enerxética para compensar. Tampouco cousas como que para min tamén foi un pracer ser acompañado e guiado por un camiño en moi bo estado, ascendente con varios túneles e cambio de paisaxe a mediterráneo.
    A dicir verdade, os cambios non se produciron de xeito brusco, senón ós poucos. Quede como testemuña un leito seco á saída de Teruel, xa apartado da estrada e antes de atopar a Antonio e chegar á vía verde, a engadir ós comentados en etapas anteriores. 
Leito seco despois de Teruel.
    A ascensión ó porto, suave pola antiga vía do tren, tamén foi benvida polo novo tipo de piso. As vías verdes de Ollos Negros (Ojos Negros) están divididas nun par de tramos, pero a maior diferencia no piso está no interior de cada tramo, que de calquera xeito, é superior á maioría das vías fóra de asfalto que pasei. Estas vías, recomendables para usar se se vai de viaxe ou sinxelamente para facer unha viaxe por alí. De feito, xa as recomendei antes de rematar ese día.

Antonio de Teruel, a piques de entrar nun dos túneles das vías verdes de Ollos Negros.
    Ás beiras do recorrido, a paisaxe cambiante, de montaña a chaira, propicia os túneles (uns cantos), encaixamentos (moitos, con paredes de tipo variable, a maioría, en estratos rochosos) e pontes (menos) cos seus terrapléns que anticipan as vistas da parte chá máis alta.  
Un porto? Si, un porto.
    A chegada ó porto do Escandón, 1223 msnm, é imprevista pola pouca pendente mesmo na estrada á beira, e anticipa o cruce coa estrada a Javalambre, á estación de esquí (alugueiro de esquís á beira do cruce) e ó lugar do observatorio astrofísico de Javalambre (OAJ). Naturalmente, non collín a estrada para ascender, aínda que me apetecía.
    E, de alí en diante, máis baixada que subida ata Sarrión. Notando plantacións de árbores e atopando alguén do lugar, a conversa levou a que eran aciñeiras carrasco, plantadas porque acubillan entre as súas raíces a prezadas trufas, como xa me adiantara un pouco antes Antonio. E resulta que Sarrión é o campión das trufas.

Aciñeira carrasco para trufas.
    Un pobo con costas, despois de abandonar a chaira do porto. Sarrión está ben coidado, e apetece unha voltiña, un café, un debuxo...
Ermida do sangue de Cristo en Sarrión.
    E en Sarrión tamén, unha curiosidade pola que preguntei por se non era o que pensaba. Si, era: protección nas portas para que a auga non entre nas casas cando chove de xeito torrencial.

Sarrión, protección para as augas.
    O punto máis alto do pobo: a ermida, coa caseta meteorolóxica no parque á súa beira.
Sarrión, ermida e estación (meteorolóxica).
    Saíndo de Sarrión, un empeoramento no piso fai pensar que pode seguir a peor. Pero non, xa dende Teruel se ve un aumento do uso da vía verde, con máis ciclistas, e un mantemento mellor que outras vías para bicicletas.
Vía verde dos Ollos Negros: non sempre tan boa.
    As ondulacións do terreo permiten vistas como a de Albentosa, que quedo con ganas de visitar, o que non fago por non subir a costa empinada que leva ó pico do pobo.
Albentosa, para mirar.
    E antes de Barracas, cambio de comunidade autónoma, deixando Aragón pola provincia de Teruel para pasar a Valencia por Castellón, como testemuña o mapa levantado en cemento á beira da autovía para quen entre en Aragón.
Límite entre comunidades autónomas na autovía Mudéjar.
    Na Comunidade Valenciana, en Barracas, éntrase pola antiga estación do Palancar, aproveitada como lugar de diversión e punto de arranque dun itinerario 'paisaxístico-etnolóxico' co cartel en castelán o mesmo que o nome do concello: Barracas.
Estación do Palancar, Barracas.
    Barracas? Un pobo pequeno, con pouco de especial, pero que conserva unha fonte de 1576 á que lle fixeron parque e zona de diversión próximas. Chego á saída dunha concentración de xente, e decátome de que teñen o mesmo problema que agora na zona próxima a Ribadeo: os eólicos. Problema calcado, método semellante, tanto por parte das eólicas e administración a nivel Comunidade Valenciana como polos veciños, agrupación e loitar, neste caso parece que co alcalde entre os promotores da loita.
    Aproveito para que entre no concello e me poña o selo.
Fonte en Barracas (datada no século XVI).

    Ó chegar a Barracas levo uns 67 km, de recorrido, cun desnivel acumulado de 500 m e unhas 3,5 h sobre a bici.

    Crónica dunha viaxe

    Crónica dunha viaxe / 0 Atravesando a península 

    Crónica dunha viaxe / 01 Ribadeo - O Cádavo

    Crónica dunha viaxe / 02 O Cádavo - Ponferrada    

    Crónica dunha viaxe / 03 Ponferrada - Astorga

    Crónica dunha viaxe / 04 Astorga - León

    Crónica dunha viaxe / 05 León - Villarmentero 

    Crónica dunha viaxe / 06 Villarmentero - Burgos

    Crónica dunha Viaxe / 07 Burgos - Santo Domingo de Silos 

    Crónica dunha viaxe / 08 Santo Domingo de Silos - Soria

    Crónica dunha viaxe / 09 Soria - Calatayud    

    Crónica dunha viaxe / 10 Calatayud - Calamocha 

    Crónica dunha viaxe / 11 Calamocha - Teruel  

    Crónica dunha viaxe / 12 Teruel - Teruel

    Crónica dunha viaxe / 13 Teruel - Barraques  

    Crónica dunha viaxe / 14 Barraques - La Vall d'Uixó 

    Crónica dunha viaxe / 15 La Vall d'Uixó - Sagunto  

    Crónica dunha viaxe / 16 Sagunto - Valencia 

    Crónica dunha viaxe / e 17, rematando