20230105

Ribadenses destacados: Amando Suárez Couto. Celia Castro

    Comezo a reprodución de biografías do libro 'Ribadenses destacados' coa de Amando Suárez Couto, por Celia Castro.

    Nas sucesivas biografías que vaian aparecendo no blog, poderá haber lixeiras diferencias en relación ó libro, xa que cando poda, aproveitarei directamente o artigo fonte do que aparece no libro, logo con algunha variación sobre todo, de formato e separación dentro do texto, e a ser posible, corrixindo algunha errata previa de tipografía que poda detectar.

AMANDO SUÁREZ COUTO

(Ribadeo 1894- Ribadeo 1981)

O Rapaz das Festas (autorretrato). Amando Suárez Couto.1919. Óleo sobre lenzo. Fotografía de Colección particular.

    Debuxante e pintor, tamén fixo gravado e iustracións publicitarias. Destacou tamén como músico, e escenógrafo. Mecenas en varios campos da cultura e o deporte, foi unha importante figura da arte galeguista de vangarda no primeiro terzo do S. XX.

    Amando Suárez Couto naceu en Ribadeo o 4 de maio de 1894. Foi o maior dos seis fillos do matrimonio formado por Juan e Amadora. Nesta vila relizou os seus primeiros estudos, na escola de Doña Paquita -como lembróu en 1926 o seu amigo Clemente López Pasarón- mostrando xa unha clara inclinación polo debuxo .

    Máis tarde os seus pais decidirían pasar os invernos en Madrid, sendo esto decisivo na súa formación. Alí asistíu ao colexio de los Santos Reyes, de orientación liberal, na liña da Institución libre de Enseñanza, baseada no krausismo.

    Aínda que comezou estudos na Academia militar, axiña deixou esta para seguir a súa verdadeira inclinación, o debuxo e a pintura. Matriculouse na Escola de Artes e Industrias de Madrid seguindo os consellos dos seus pais, que consideraban este centro, de orientación máis práctica, menos tradicional que a Escola de Bellas Artes de San Fernando, anclada nuns principios máis clásicos. Enseguida destacou nos estudos, sendo merecedor da calificación de Premio Extraordinario. Posteriormente asistiría ao obradoiro do pintor burgalés Marceliano Santamaría.

    En Madrid entablóu contacto con importantes debuxantes e ilustradores do momento, como Manuel Bujados, Rafael Penagos ou Federico Ribas, que lle animaron a colaborar con diversas publicacións: La Esfera, Blanco y Negro, Por esos mundos. Tamén ilustróu novelas e contos de Saturnino Calleja, e fixo as súas primeiras incursións no mundo da publicidade, destacando os anuncios que fixo para a firma de perfumería Floralia.

    As súas ilustracións, de trazo áxil e expresivo, cheas de imaxinación e dinamismo, influenciadas pola estética do momento, fálannos xa do magnífico debuxante que sería durante toda a súa vida.

    Durante o verán trasládabase coa súa familia a Ribadeo, participando na vida local e tomando parte en diversas actividades. En 1913 fundou con outros amigos ( Bustelo, Cuervo…) o Club Deportivo Ribadense, xerme do futuro Ribadeo F.C., celebrándose o 17 de agosto de ese ano o primeiro partido, contra o equipo de Luarca, xogando él mesmo no equipo ribadense.

    Nesta vila tamén formóu parte de rondallas -xunto con outros xóvenes da vila como Antonio Rodríguez Darriba ou Emilio Vior- tocando o violín. A música foi sempre unha das súas grandes aficións, compartida polos seus irmáns.

    En 1919 os seus amigos Manuel Bujados e Evaristo Correa Calderón convénceno para que envíe obra á Mostra de Arte Galega que se ía a celebrar en Buenos Aires, e na que participaba tamén Federico Ribas. Accedeu, aínda que sempre foi reacio a expoñer e participar en mostras artísticas, por non estar dacordo cas liñas que rexían estas.

    En 1921 viaxa por Europa, permanecendo seis meses en París. Á súa volta, en Madrid, onde leva unha activa vida cultural, de relacións artísticas e tertulias, decídese a mostrar a súa obra. En 1923 expón no Ateneo e en 1925 no Centro de Galicia de Madrid, e participa en mostras colectivas como a Terceira Exposición de Arte Galego na Coruña en 1923, e a do Ano Santo de 1926 en Compostela, entre outras, e nas Galerías Layetanas de Barcelona.

    A súa arte, imaxinativa nos debuxos e caricaturas, e costumista, de raíz profundamente galega na pintura, reflicte a paisaxe da súa terra ribadense, o mar, o campo (A Pelexa, Xente de mar, O Crego, A Fogueira, A Renda) e a vida cotiá das súas xentes, cunha estética sinxela e dinámica, na liña dos renovadores, de Souto e de Castelao, con quen tiña trato e quen o consideraba millor pintor que el mesmo. Evaristo Correa Calderón publicóu en 1925 El Arte Racial de Suárez Couto, con 16 reproduccións de cadros e debuxos no que fai unha semblanza do pintor, considerando que é o que mellor plasma a alma galega.

O Crego. Amando Suárez Couto. Óleo sobre lenzo. 88x118cm. Anterior a 1924. Concello de Ribadeo. Fotografía da autora.

    En 1924 fundouse en Lugo, por iniciativa do mesmo Evaristo Correa Calderón, o debuxante Álvaro Cebreiro e Jesús Bal y Gay, a revista Ronsel, na que se recollerían as principáis tendenzas de vangarda, artísticas e literarias, europeas. A súa vida editorial foi curta, só saíron seis números, pero neles colaboraron as figuras máis relevantes das letras e a arte galega: Camilo Díaz Baliño, Castelao, Álvaro Cebreiro, Carlos Sobrino, etc. No exemplar nº4, Suárez Couto publicóu a súa coñecida plumilla O mariñán do Eo.

    Tamén colaboróu coa revista Céltiga, editada en Buenos Aires, e co Almanaque Gallego de 1927

    Eran tempos de intensa actividade para o artista, ás exposicións e publicacións en revistas súmanse as actividades de filantropía e colaboración social desenvolvidas principalmente en Ribadeo có seu irmán Carlos e outros amigos con inquedanzas. En 1923 creóu nesta vila o coro Cantigas da Mariña, preocupándose do repertorio musical, e deseñando os traxes e decorados da presentación, no que colaboróu o seu amigo Camilo Díaz Valiño. Esta agrupación musical dirixida por el mesmo, na que tocaba tamén a gaita, foi presentada oficialmente o día 2 de setembro de 1924, no Teatro de Ribadeo, co gallo da inauguración das festas patronais, aínda que a súa presentación fora programada para un ano antes. Dita agrupación musical obtivo grandes éxitos, desfacéndose en 1929, e volvendo a xurdir da man de Claudio Pérez Prieto (Claudín de Doña Eudoxia), en 1933, sendo dirixida esta vez por Leonardo Fernández Reinante.

    Tamén nestes anos tomóu parte na creación da Cabalgata de Reis, xunto con outros ribadenses como Gregorio Sanz ou Santiago Heydeck, co propósito fundamental de que os nenos con menos recursos recibiran agasallos. Suárez Couto foi o encargado de deseñar o vestiario e o atrezzo de dito evento.

    En 1927 creou, con Gregorio Sanz, Cisneros, Ponceliz e outros, co asesoramento de Camilo Barcia Trelles, a Biblioteca Popular Circulante, que cumpriría unha importante función, achegando a lectura a moitos fogares. En 1929 viaxou de novo a París, donde permaneceu un tempo, expoñendo nas Galerías Bernheim-Jeune con notable éxito. Alí tomou contacto coas vangardas artísticas, sobre todo co cubismo e surrealismo, que lle influirán na súa obra posterior.

    Fixo cadros moi interesantes, como Xogadores de xadrez, Nena da guitarra, Caseta de Tiro ou O Mineiro, que, eloxiados pola crítica francesa, non tiveron sen embargo éxito en España. En 1931 espuxo estes e outros cadros no Lyceum Club Femenino de Madrid, con reseñas negativas de parte da crítica máis conservadora, o que lle causóu un fondo desánimo facéndolle rachar varios cadros e deixar a pintura por un tempo.

    Magnífico dibuxante de áxil trazo e grande imaxinación -pese a opinión de algunhos, pola súa inspiración na realidade- fixo tamén incursións no mundo do gravado. No primeiro terzo do S. XX o gravado en metal, e sobre todo a xilografía foron técnicas moi empregadas polos artistas.

    En 1931, fixo as xilografías, en madeira de buxo, para o libro Ribadeo Antiguo escrito polo ribadense Francisco Lanza. O libro imprimíuse en Madrid na imprenta Mercurio, propiedade de Carlos Suárez Couto, e foi publicado polos dous irmáns de forma altruista. O autor, Francisco Lanza, emigraría á Arxentina ese mismo ano.

    Ribadeo Antiguo é unha breve pero rigorosa historia de Ribadeo. Para as ilustracións, que encabezan cada capítulo, e os incipit Amando levou a cabo un gran traballo de documentación, relacionando estas co texto, segundo a época a tratar.

    Nestes anos montóu co seu irmán Luis unha granxa de polos na localidade madrileña de Vicálvaro. Alí trabou amizade co doutor Julio Camino Galicia -irmán do poeta Luis Felipe e eminente psiquiatra- e coa súa familia. Esta relación estreitaríase co seu casamento, en 1936, coa filla maior do doutor, Margarita. Ese mesmo ano desencadearíase a Guerra Civil truncando a súa vida e a súa carreira. Durante a contenda a súa granxa surteu de víveres a capital, o que fixo que fora pechada ao trunfar o franquismo. Con todo residíu alí ata 1945, producindo para consumo propio. A partir de 1945 volvéu á Madrid e retomóu a súa carreira como pintor.

    Eran tempos difíciles e mantense económicamente dando clases de pintura e traballando no departamento de publicidade da productora Metro Goldwin Mayer, para a que fará os carteis publicitarios das películas. Comparte obradoiro co gravador Manuel Prieto Nespereira e comeza de novo a pintar e expoñer. En 1944 mostra a súa obra na sala Marabini de Madrid, en 1945 no Instituto Británico da mesma cidade e na sala Fortuni de Reus. Ademais, contrariamente o seu costume, ese mesmo ano envía varias obras á Exposición Nacional de Bellas Artes: Dous cadros, Retrato de un músico, e Paisaje de la Mariña, e dous debuxos a plumiña: El médico y la muerte, e, Job.

As tentacións de Xob. Amando Suárez Couto. Tinta sobre papel. 27x20cm. Colección particular. Fotografía tomada pola autora de copia do orixinal.

    Tamén en 1945 participou na mostra de Arte Taurina de Zaragoza, e, en 1946 espuxo de forma individual na sala Macarrón de Madrid.

    No campo da escenografía teatral (como tiña feito anteriormente e faría con posterioridade) realizóu decorados e deseño de traxes e atrezzo para unha obra baseada nos relatos de Calila e Dimna.

    Os retratos de Margarita Camino e de Matilde García de Paredes (1947) amosan elegancia e sensibilidade, poñendo de relevo á delicadeza das modelos e conectando coa estética do momento.

    Con todo, non satisfeito da súa vida en Madrid, en 1951 regresóu coa súa dona definitivamente a Ribadeo, onde seguiría pintando e levando unha existencia plácida ata 1953 en que falecéu Margarita, sumindóo nunha profunda melancolía da que saíu axudado polos seus parentes e amigos. Comezou a dar clases de debuxo no Instituto de Ribadeo e na Academia Santo Tomás de Aquino, retomóu a pintura e implicóuse en actividades culturáis e de mecenado, actividades que influirían positivamente no seu ánimo.

    Desta época son unha serie de cadros de paisaxes e escenas ribadenses. A miúdo repite temas tratados anteriormente, feito común nalgúns pintores. A súa pintura amósanos un Ribadeo sereno, case bucólico, un transcorrer da vida plácido. Son cadros con gran encanto, con cores ledas sen apenas sombras. Algús críticos din que as tonalidades claras e brillantes poden ser reminiscencia do seu traballo na Metro Golwin Mayer, pero tamén pode ser a entrada nunha etapa serena e contemplativa, na que o entorno máis próximo lle serve de inspiración. A Ría e o monte, as festas, os mariñeiros, as xentes sinxelas que transitan e habitan esas rúas, son plasmados co agarimo e simpatía dun espectador benévolo. Ás veces non se atén completamente á realidade, senon que a transforma, engadindo á paisaxe elementos novos, compoñendo ao seu gusto os escenarios, para crear un marco máis propicio. O seu debuxo segue a ser tan expresivo e dinámico coma sempre, e estas características acompañaríano ata o fin da súa vida.

    Tarde apacible, Paisaxe de ría, A Fogueira (tema que xa representara antes de 1924), Porto de Ribadeo, Os Vellos do Asilo, son algúns dos lenzos máis representativos.

A Fogueira. Amando Suárez Couto. Óleo sobre lenzo. 1956. Colección particular. Fotografía da autora.

    En 1954 xunto con Carlos Álvarez e Fernández-Cid orgaizóu a Coral Polifónica Ribadense que se presentaría oficialmente nesta vila o 20 de xullo 1955.

    En 1957, inauguróuse oficialmente a Biblioteca pública El Viejo Pancho, tomando Amando parte activa e desinteresada na empresa, como fixera anteriormente coa Biblioteca Popular Circulante. Neste caso ademáis de supervisar a orgaización, deseñou os espazos e o mobiliario e pintou in situ o enorme retrato sobre táboa (320x220cm) de El Viejo Pancho, José María Alonso y Trelles Jarén, ribadense afincado no Uruguai, onde foi gloria nacional e señeira figura das letras. Representa ao personaxe como un home de mediana idade, vestido de gaucho, na chaira uruguaia. Para a caracterización fixo un intenso estudo da vestimenta e ornamentos do gaucho.

El Viejo Pancho. Suárez Couto. Óleo sobre táboa. 320x220cm.1957. Concello de Ribadeo Fotografía da autora.

    Cara a 1958, xunto co seu irmán Carlos, creou o grupo de gaiteiras Saudade, coñecido posteriormente como Meniñas da Saudade, que se presentaria en 1960, e disolveríase en decembro de 1965 a causa da dispersión das rapazas que o formaban. O instrutor e director musical do mesmo foi o gaiteiro Primitivo Díaz. O grupo alcanzóu un gran éxito, sendo a primeira banda de gaitas formada exclusivamente por mulleres. Nun principio este grupo estivo formado por sete rapazas, pero máis tarde chegaron a ser catorce. As pezas do repertorio foron seleccionadas pola súa irmá Amadora, excelente pianista, que compuxo tamén varias pezas. O vestiario estaba inspirado nos traxes galegos dos Ss XVIII e XIX, e esixiu unha rigorosa documentación -fundamentalmente inspiráronse no arquivo da Real Academia Galega e nos cadros do pintor Dionisio Fierros- sendo confeccionados pola súa sobriña Matilde García de Paredes.

    Todo elo, instrumentos e vestiario foi subvencionado polos irmáns Suárez Couto sen apenas axudas.

    O seguinte paso foi crear, en xullo de 1962, a sociedade Amigos da Gaita Galega, para potenciar o folklore galego e a Xira de Santa Cruz. Decidiron levantar un monumento ao Gaiteiro Galego no monte de Santa Cruz, donde se celebrou sempre esta romaría (que Amando documentou ao longo da súa vida en cadros e debuxos). Fixéronlle o encargo ao escultor ourensán Antonio Failde. Con todo, as axudas recibidas non foron suficientes, tendo que subvencionar eles mesmos gran parte da contía. Con tal fin Amando vendéulle ao Museo Provincial de Lugo o seu cadro As Gaiteiras da Saudade, pintado en 1963.

    A partir destes anos, e ata o seu falecemento, continuou pintando -segundo as súas propias palabras: “Con máis ilusión que nunca”- e impartindo clases de debuxo en Ribadeo. Pintou paisaxes e cadros de temática costumista, facendo algunha incursión noutros xéneros, como na pintura relixiosa. San Francisco e o Lobo (1967) do que fixo varias réplicas, é unha obra na que parte de esquemas clásicos e presenta a figura do santo dun xeito innovador e achegado, chea de humanidade. Ubica as figuras nunha paisaxe nevada baixo un ceo tempestuoso e vibrante. Faleceu en Ribadeo o 14 de outubro de 1981 aos 87 anos.

    Bibliografía:

    - Castro Fernández, C. “Dos Pintores del Eo: Amando Suárez Couto y Benito Prieto Cosén”. En torno al Bimilenario del Eo (Coord J.M Gómez Tabanera). (2002) Foro Cultural del Noroeste. Oviedo. Pp 611-618.

    - Correa Calderón, E. El Arte Racial de Suárez Couto. (1925). Ed Ronsel. Lugo.

    - Pérez Rodríguez, M.A. “Amando Suárez Couto” Artistas Gallegos - Pintores - Regionalismo III. (1999). Nova Galicia Edicions-Vigo.Pp 18-55

Celia Castro

Ningún comentario: