20230107

Xuntanza de pensionistas en Ribadeo o primeiro sábado de 2023. Palabras de Evaristo Lombardero

    Alocución de Evaristo Lombardero na xuntanza de pensionistas (máis de 40 persoas desta volta), o primeiro sábado de 2023 en Ribadeo, acompañado de dúas das fotos de Suso Fernández

    Nota: falta unha pequena introdución de Evaristo a conto do belén instalado no concello e a figura de Xesús Cristo como orixe dos movementos igualitarios.



    Bo dia compañeiros e compañeiras.

    Esta é a nosa primeira concentración do ano 2023 e temos que comezar desexándonos parabéns e bo ano vindeiro. Aínda que sería mellor desexarnos tan sequera dez aniños con saúde e que poidamos seguir loitando e movilizándonos sen decaer nas nosas xustas reivindicacións, e ampliando a participación das persoas que aínda non se animaron a vir ás nosas concentracións, así como recuperar a actividade en outros concellos da Mariña e conseguir extendernos a aqueles onde non houbo ate agora grupos de pensionistas movilizados como é o caso de Burela, Viveiro e outros. Sempre repito este tema e penso que debéramos marcarnos como un dos obxectivos de este ano extender o movemento de pensionistas organizado a todos ou á maioría dos concellos da nosa bisbarra e que podemos facelo se nolo propoñemos. Non vou repetir o que xa comentamos na concentración de decembro na que fixemos un resumo do ano anterior pero non podemos deixar de lembrar que a suba de un 8,5 % e un 15 % para as non contributivas, con ser limitada e insuficiente e quedar ainda moitas reivindicacións pendentes, é un éxito histórico dos movementos de pensionistas do estado español que agora xa cumpren seis anos de existencia e de movilización, e que son hoxe a principal ferramenta organizativa ca que conta este sector das clases populares para presionar aos gobernos, á banca e ás multinacionais para conquerir avances sociais. Para ir achegándonos a unha sociedade máis xusta, onde os sectores máis desfavorecidos recuperen e amplíen os seus dereitos e os sectores mais privilexiados se vexan obligados a amoldarse a unha sociedade mais humana e igualitaria.  

 

    Respecto dos temas máis de actualidade temos que comentar dous asuntos que están na prensa e os medios sociais estes últimos días. Un deles é o decreto-lei 20/2022 de 27 de decembro que leva por título: Real Decreto-ley 20/2022, de 27 de diciembre, de medidas de respuesta a las consecuencias económicas y sociales de la Guerra de Ucrania y de apoyo a la reconstrucción de la isla de La Palma y a otras situaciones de vulnerabilidad.

    Este decreto lei ten un artigo que di:  

Artículo 74. Nueva Línea directa de ayuda a personas físicas de bajo nivel de ingresos y patrimonio.

1. Se aprueba una nueva línea directa de ayuda a personas físicas de bajo nivel de ingresos, con el fin de paliar el efecto perjudicial en los precios ocasionado principalmente por la crisis energética derivada de la invasión de Ucrania.  

2. Serán beneficiarios de una ayuda, en pago único, de 200 euros de cuantía, las personas físicas que durante el ejercicio 2022 hayan realizado una actividad por cuenta propia o ajena por la cual estén dados de alta en el régimen correspondiente de la Seguridad Social o mutualidad, o hayan sido beneficiarios de la prestación o subsidio por desempleo, siempre que en 2022 hubieran percibido ingresos íntegros inferiores a 27 000,00 euros anuales, y tuvieran un patrimonio inferior a 75 000,00 euros anuales a 31 de diciembre de 2022.

    Ou sexa que aproba unha axuda de 200 euros en pago único a persoas activas ou en paro que teñan percibido menos de 27 000 euros no 2022 e teñan un patrimonio inferior a 75 000. Pero exclúe aos pensionistas que cumplan eses criterios e máis ás que perciban pensións non contributivas e ás que cobren o ingreso mínimo vital. O MODEPEN e as plataformas organizadas no estado español xa se teñen manifestado e sacado un comunicado o día 4 de xaneiro, ou sexa o mércores pasado, esixindo que esa prestación se extenda aos pensionistas por razóns obvias. Resulta evidente que as persoas que están por debaixo de ese nivel de ingresos e de patrimonio estarán en situación de vulnerabilidade independentemente de que esteñan en activo ou sexan xubiladas e polo tanto un principio elemental de equidade permítenos reclamar esa axuda para quen a necesite. E tampouco pode argumentarse que os pensionistas noin temos que manter ás familias como o resto da sociedade porque ben sabemos que non é así. Como esto foi moi recente e non deu lugar a xuntanzas nen deliberacións en MODEPEN e seguramente nas outras plataformas debido ás datas nas que estamos. Eu quixera suxerirvos a posibilidade de prantexar que esa axuda non fose lineal senón que tivese carácter progresivo para beneficiar máis aos que estivesen nos niveis mais baixos. Fixen un cálculo aproximado do volume total de esta axuda en todo o estado español e saéme 1700 millóns de euros aproximadamente pero como non sabemos o patrimonio dos afectados non cabe dúbida de que a cantidade total sería moito mais baixa, ou sexa que non estamos falando de unha cifra desorbitada (con toda seguridade menos do 10 % do que vai percibir a eirexa católica en subvecións e axudas de fondos públicos no 2023) e como digo podería ser mais xusto un reparto progresivo favorecendo aos mais necesitados. En todo caso MODEPEN e as plataformas do estado reaccionaron inmediatamente e fixeron unha proposta ao goberno. Pola outra banda debe suliñarse que o decreto lei é moi extenso e contempla moitas axudas a diferente sectores, especialmente medidas de control ás eléctricas, medidas fiscais con axudas a outros sectores e o que aquí propoñemos non é nada descabellado.  

    Respecto de este decreto lei quero comentar tamén os titulares de prensa que estamos vendo estes días e moitos de eles coinciden en suliñar este dato de que ese reparto non chega ás persoas xubiladas, pero aínd así non se ven titulares que destaquen as medidas de control das eléctricas e outras, aproveitando un fallo do goberno para darlle caña pero omitindo outras moitas medidas de carácter social progresista porque como digo o decreto é amplísimo e trata moitos mais temas.  

    Outro aspecto que debemos suliñar dos titulares de prensa de estes días é que os movementos e plataformas de pensionistas son os protagonistas en primeiro plano da actualidade, mentras que os sindicatos e os partidos de esquerdas aparecen como un pouco escurecidos. Non pretendemos en absoluto competir ou desplazar o papel de estes outros componentes da sociedade democrática, todos necesarios e complementarios, pero non está de mais suliñar a presencia pública e mediática das plataformas de pensionistas, acadada despois de seis anos de loita e mobilización que nos levan a ser xa unha peza indiscutible do puzzle societario no estado español e a ter unha influencia indiscutible na decisións dos gobernos. Xa temos dito que nada de darnos xabón, sinxelamente recoñecer a realidade do noso movemento para acadar máis apoios, máis movilización, máis participación e máis avances sociais.  

    A segunda cuestión que quixera plantexarvos brevemente é a seguinte: En Novembro de 2022 Escrivá prantexou o proxecto de ampliar o período de cotización para o cálculo das pensións futuras dos 25 anos actuais a 30 anos, co obxectivo de aprobalo antes do 31 de decembro para dar cumprimento a compromisos con Europa. 

    Suliñemos catro aspectos de este proxecto: 

    1º. O periodo de cálculo era de 15 anos antes da reforma de 2011, despois fíxose de 25 anos co apoio dos sindicatos maioritarios, CCOO e UXT. Caese de caixón que esta ampliación dos anos de calculo das pensións repercute nunha baixada das mesmas dado que as bases reguladoras serán mais baixas canto mais atrás nos movamos, particularmente se temos en conta a precariedade do mercado laboral na última década. 

    2º Escrivá non presentou o seu proxecto definitivo antes do 31 de decembro porque agora si ten a oposición de CCOO, de Podemos e doutros grupos de esquerdas e particularmente a presenza nas rua do movemento de pensionistas que foi o que puxo o tema no primeiro plano da actualidade e o que o rexeitou de maneira mais radical, pese a que é un asunto que non afecta aos actuais pensionistas senón aos futuros, pero nunca perdamos de vista que afecta ás garantías do sistema público e se se aceptase podería ter efectos retroactivos sobre a estabilidade do actual sistema e acabar perxudicando ás nosas pensións porque calquer concesión acaba pasándonos factura. 

    3º O cálculo ampliado a 30 anos vai afectar especialmente ás mulleres das clases populares, cuxas carreiras laborais son mais curtas e mais precarias polas circunstancia sociofamiliares que todos coñecemos, unha razón mais para que o noso movemento de hermane e se coordine cos movementos feministas. 

    E 4º Escribá pretende aprobar este proxecto via decreto lei para eludir o debate parlamentar, pero ahí imos estar as platafromas de pensionistas e o MODEPEN para denunciar a maniobra e esixir transparencia, publicidade e participación.  

    En fin, enfrontamos 2023 coa cabeza ben alta, temos proxectos en todas as liñas, seguiremos ca movilización como arma principal, naturalmente pacífica e democrática eso non fai falla lembralo; entre as moitas reivindacións pendentes só lembraremos agora a esixencia da auditoría de contas da Seguridade Social, aprobada por lei en decembro de 2021 e que xa debera estar rematada hai seis meses, e de medidas concretas e eficaces para eliminar en un prazo concreto a fenda de xénero. Lembraremos tamén que seguiremos loitando e cooperando cos movementos sociais progresistas que se movilicen pola defensa do estado de benestar. E aproveito para lembrar a manifestación do día 19 pola defensa da sanidade pública. Seguiremos presionando ao goberno máis progresista da recente historia do estado español sen perder de vista nin por un instante que o lobo do trifachito PP-Ciudadanos-Vox é a ferramenta política number one das multinacionais, da banca e do gran capital, cuxo obxectivo estratéxico é arramblar co sistema publico de pensións, reducilo á caridade pública e extremar a explotacións das clases traballadoras ata o último alento. Pero ata aquí chegamos e debemos deixarlles moi claro que non daremos un paso atrás.  

    GOBERNE QUEN GOBERNE, AS PENSIONS E OS SERVIZOS PÚBLICOS DEFENDENSE.



 

Ningún comentario: