20230107

Que facer cos faros de Galicia? Pablo Mosquera

Algúns dos faros de Galicia na Galipedia (https://gl.wikipedia.org/wiki/Lista_de_faros_de_Galicia)

 Que facer cos faros de Galicia?

A Lei de Portos e da Mariña Mercante aprobada o 4 de novembro de 1992 -fai 30 anos- certificou a extinción do Corpo de Técnicos Mecánicos de Sinais Marítimas, os antigos TORREIROS do século XIX e XX.

Hónrome con ser amigo e AVENTADO de Román Ventoso e Eugenio Guallar, que foron habitantes dos vixías en Estaca de Bares e A Atalaia de San Cibrao, hoxe senllos lugares ocupados por dúas damas funcionarias do Ministerio de Fomento.

Por certo, un fermoso anuncio do Nadal de ABANCA entrou na casa-faro de San Cibrao, con moito maior éxito e maxia que o desafortunado anuncio da Lotaría de Nadal, que se prestou a toda sorte de comentarios por confusións e mesturas entre a Galicia Cantábrica e Asturias.

Pero chéganos precisamente unha nova onda de noticias sobre a conversión dalgunha destas "catedrais do mar" en redutos turísticos como se fixo cos semáforos de Fisterra e Bares, ou co Faro de Illa Pancha; neste último entre polémicas por ocupacións indebidas dos que deben ser espazos públicos.

Os AVENTADOS pronunciámonos alto e claro. Hai múltiples motivos que van desde a historia até as lendas para declarar aos FAROS patrimonio da humanidade, como a Muralla de Lugo -Unesco 2000- ou como a mesma Torre de Hércules -Unesco 2009-.

Mentres se discute ou pola "corredoira" entréganse algúns faros a empresas que os converterán en HOTEIS de atractivo emprazamento, algúns románticos defensores do que denominamos UN MAR DE CULTURA, lembramos aos galegos a importancia que tiveron toda sorte de sinais en promontorios costeiros para a navegación desde o mundo antigo, moi en especial para aqueles mareantes fenicios e romanos. Na Idade Media as primeiras BALIZAS -SÉCULO XII- ás veces como aquela Torre vella da Capela da Trindade en Ribadeo para orientar a entrada no porto. Eran FACHOS E VIXÍAS, antecesores dos faros.

Todo iso ata que en 1847 instáurase o Plan Xeral de Iluminación Marítima. En 1850 publícase a Cartilla de Instrucións para o servizo dos Faros. A partir de 1851 queda instalada na Torre de Hércules a primeira Escola Práctica de Torreiros para Faros. En 1854 encoméndase á Comisión de Faros a redacción dun Plan Xeral de Balizamento das costas que será aprobado en 1858. En 1985/89 actualízase.

Faise imprescindible converter os faros en CENTROS DE INTERPRETACIÓN do que foi: A construción dos faros. A vida neles. O oficio de Torreiro. As categorías e distribución destes sinais marítimos. As lendas ó seu arredor, as súas familias e a súa implicación cos naufraxios. A evolución das tecnoloxías no seu interior e desde aí para coa navegación. A súa relación coa meteoroloxía.

De seguro que o meu amigo e compañeiro de aventuras, o gran pintor realista Xoán Guerreiro, coincide comigo en tres apreciacións. O faro galego máis cargado pola maxia da mar e o vento é o de Cabo Vilán, o máis fermoso polo deseño, o de Punta Nariga, o torreiro máis pintoresco, aquel de Touriñán que aseguraba divisar en noites claras as luces de Manhattan.

Mentres tanto, que os feixes de luces desde o FARO NA ATALAIA DE SAN CIBRAO pechen este complexo 2022... e fágase a luz polo leste inspirando acertos aos que mandan.

    Pablo Mosquera

Ningún comentario: