20230110

A batalla do Ebro

Esquema sobre a batalla do Ebro. https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Ficheiro:Batalla_Ebro.png lic. CC BY SA 3.0 por PACO

A batalla do Ebro

    Pouco sei da batalla do Ebro, importante eixo de operacións na guerra civil española. Entre ese pouco, está que foi unha batalla de desgaste, con capítulos como a tentativa de cruce do Ebro de soldados da República que non sabían nadar (en xeral), uns quilómetros río abaixo dun encoro controlado polos sublevados, e que rematou en desastre, como -visto dende agora- era previsible.

    Entendo que o desenvolvemento inicial da batalla xurdiu sobre o terreo, sen unha planificación xeral previa no sentido de aproveitar a liña da fronte como vía de desgaste do inimigo, pero despois foi aproveitado por unha forzas que estaban a ser fornecidas de material bélico polas 'potencias do eixo' que provocarían a segunda guerra mundial. Fronte a esas forzas, estaba unha República sen colchón externo de ningún tipo, que poucas armas puido mercar, literalmente, a prezo de ouro, a sumarlle o desgaste da división interna, e que rematou exhausta, o que propiciou a perda da guerra.

    Viñéronme á cabeza estas ideas xerais a conto da guerra na Ucraína. O mesmo que no golpe fascista que se deu en España, na Ucraína, Rusia tiña pensado rematar en pouco tempo a invasión, uns poucos días. E o resultado non está sendo así, o mesmo que non o foi en España.

    O mesmo que en España, onde se rematou librando en certo xeito unha guerra por delegación, na Ucraína inicialmente as forzas ucraínas, pero logo tamén as rusas, están a recibir material estranxeiro, sexa máis ou menos doado (Ucraína) ou mercado (Rusia).

    Evidentemente, hai máis paralelismos, pero tamén moitas diferencias, comezando polo feito de ser nun caso unha sublevación militar contra un estado democrático e noutro unha invasión, ou, noutro aspecto totalmente diferente, que en España o intercambio económico daquela co estranxeiro era máis ben escaso, e agora tanto a Ucraína como Rusia son subministradores de materia primas a escala global, abondo como para distorsionar os mercados mundiais como está a suceder, en parte, por ese motivo.

    Volvendo ó comezo, o desgaste. Máis aló do mando actual do 'xeneral inverno' na zona, que a máis de implicar unha certa diminución nas operacións militares está sometendo á poboación ucraína a unhas condicións invernais difíciles de soportar, os fluxos de subministracións de Ucraína a fóra, como os de cereais, están a verse moi dificultados e implicando unha suba no prezo de determinados alimentos, mentres a Rusia non lle resulta moi difícil desviar as súas exportacións de hidrocarburos a outros países, máis aínda coa 'colaboración desinteresada' dos EEUU tirando da UE para que lle compre hidrocarburos máis caros, elevando con elo o prezo desas materias primas e a caixa de Rusia. De xeito evidente, é máis complicado, pero esas son as liñas xerais.

    Por outra banda, o material militar está sendo consumido de xeito rápido, e a UE, como subministradora e subvencionadora principal sufre ese desgaste, ó tempo que Rusia, tamén o sufre, pero necesita menos tirar das subministracións doutros países, como Turquía (a quen, por certo, se lle leva dando largas varios decenios para a súa entrada na UE, cun aparente cansazo do tema xa hai tempo) pois ten unha industria militar potente propia.

    Así as cousas, todo leva a unha guerra, que máis aló da inxustiza propia de toda guerra e das supostas causas desta en particular, é un desgaste de competidores adxuntos ós grandes xogadores mundiais. Por unha beira, os EEUU, coa delegación de axuda na UE, que é quen sufre as represalias rusas, e pola outra, China, animando a Moscú e facéndoo caer máis nas súas redes. 

    Falábase hai algún tempo de mundo multipolar. Si, parece que cada vez máis, pero ó tempo, os grandes teñen como tradición non deixar medrar ós pequenos, e cando os pequenos logran ser grandes, seguen coa tradición, esmagando ós que son máis pequenos (aínda que antes fosen grandes, como os países da UE).

    Vivir para ver? Neste caso, está visto na historia moitas veces antes...

Ningún comentario: