20230109

Choupín. Víctor Manuel Sanjurjo Láncara

Anaco dun folleto dunha actuación da banda no ano 1993

Choupín. Víctor Manuel Sanjurjo Láncara

    O sábado á unha do mediodía iniciou a súa última viaxe. Coido que calquera dos que tivemos trato con el na banda municipal podería ampliar con gusto e gratitude a escueta nova da súa defunción, aínda que só fora engadindo anécdotas diversas das viaxes da banda fóra de Ribadeo, unha parte de Choupín visible só para os que participábamos neles.

    Quen coincidimos como destinatarios con el na ruta asignada de carteiro por Ribadeo adiante podemos ter na cabeza outras particularidades dunha persoa que, se multifacética como tantas outras, érao nun sentido que só a el caracterizaba. Dese xeito foi como comecei a coñecer ó Choupo, antes de imaxinar que íamos pasar tantas horas preto nos ensaios da banda.

    E é que Choupín traballaba para vivir, claro, mais sendo consciente de que a súa vida era, sobre todo, outras cousas. O amor pola diversión entroncaba co amor pola música. 'Un home implicado con Ribadeo' vin como comentario á noticia nas redes sociais. Si, certo, cun detalle: a implicación tiña un fío condutor, que era a música. A rondalla foi, pode, un certo comezo: unha agrupación que el impulsou, xa despois de ter participado na coral polifónica, e o impulsou a el para ir máis aló. Non deixa de ser unha agrupación máis das que artellou no ámbito musical, por suposto sen chegar a ter o movemento de Amadores da Música, e sen desmerecer outras que poderíamos chamar 'aportacións a Ribadeo', máis aló de ser Xuíz de Paz nos anos 2010 (primeiro suplente, logo, titular), que van dende a contribución ó mantemento do Belén da Orden Terceira, como en 2008, ó 'Coro Miserere' ou, fóra da vila, a atender unha coral infantil en Castropol.

    Indo a cousas moi concretas, non creo que ninguén poda dubidar que sen Choupín moi probablemente non habería nada semellante a Amadores da Música en Ribadeo, a pesar da traxectoria musical do pobo e algún desencontro, mesmo comigo. Ó fin, foi el quen se puxo en contacto con Evaristo e logo ambos continuaron estendendo a rede ata consolidar primeiro a xestora, á que fumos chamados un pequeno grupo, e logo a sociedade, participando na directiva inicial e durante os 90.

    Hai case dez anos aparecía a súa imaxe nunha nova que informaba de que Choupín era o último Láncara de Galicia. Hoxe mesmo remato de consultar a web 'Cartografía dos apelidos de Galicia'. Non aparece xa ningún Láncara.

--

    Recordatorio do pasamento de Choupín:



Ningún comentario: