Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta orzamentos ribadeo. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta orzamentos ribadeo. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

20211220

Orzamento 2022: furgando na memoria

    No pasado pleno, o xoves 16, coido que o último deste 2021, aprobouse o orzamento do concello e Ribadeo para 2022. É de congratularse o ter un orzamento xa antes de que comece o ano, como debe ser pero como tantas veces non é.

     A raíz do que nos chega, diríase que son uns orzamentos de perfil baixo, sen grandes alegrías, pero que tentan facer a súa función. Segundo o goberno municipal, a característica sería non a pretensión de ser novidosos, senón so manter inversión sen incremento de taxas e impostos. Dá a impresión de que non pretenden agochar nada, só destacar o que consideran conveniente. Pola outra banda, segundo o PP, que votou en contra, adoecen de faltas varias en inversión e mantemento, en particular en relación a proxectos apadriñados polo seu grupo. De ambos campos podemos ter noticias frescas a partir das súas notas de prensa aparecidas xa nos medios. Do outro grupo presente no pleno, o socialista, polo momento non vin novas relacionadas.

    Para ir máis aló das posturas partidarias e recabar información, necesítase ir algo máis aló. Quen informa ó pobo? Digo, porque coido que a información que se dá dende o goberno ou dende a oposición é insuficiente para formarse unha idea clara da realidade e un criterio propio. E un pobo desinformado é un pobo cego, pobo que se pretenderá que non sexa tal (cego, non pobo) cando interese e despois de fomentar a cegueira ó non potenciar a transparencia e a participación. Poñamos que se quere coñecer un pouco máis dos orzamentos. Para desentrañar o seu interior, se nos conformamos con anos atrás, na web https://presupuestos.gobierto.es/ (dun grupo nado para impulsar a gobernanza aberta, Gobierto) podemos atopar un resume que ven abondo a conto, de máis doado manexo que a páxina oficial de seguimento dos orzamentos dependente do goberno. Se pretendemos mirar os orzamentos recén votados (é dicir, xa aprobados, non antes da súa votación), ou as contas aprobadas de anos anteriores haberá que pasar pedir o acceso ó documento e velo de xeito supervisado no propio concello. Pero iso podería cambiar, hai os medios técnicos para facelo, non si? De feito, na web de Gobierto hai unha páxina para pedirlle ó concello correspondente máis información e transparencia, https://presupuestos.gobierto.es/users/new?place_id=27051

    Se nos quedamos coa información da web de presupostos de gobierto, e lle engadimos algún dato máis recompilado ó longo do tempo, sen tanto detalle poderemos obter algunha cousa interesante e curiosa. Aí van unhas poucas.

    O gasto por habitante en 2021 presupostado nos orzamentos de Ribadeo foi un 16 % superior á media provincial, e aínda máis por riba da media galega. En troques, quedou un 10 % por baixo da media estatal. Situación diferente de 2020, pois cun orzamento 8 % inferior, Ribadeo estaba na media galega e ben por baixo da media provincial, e por suposto, estatal. A dicir que nesta variable, o gasto por habitante, só estivo na media estatal no 2015, e só un pouco por baixo no 2016, en toda a serie presentada na web do goberno, entre 2010 e 2021.

    No apartado de ingresos, no 2020 o que máis descendeu foron as taxas pola prestación de servizos ou as de uso privativo do dominio público local (a lembrar a situación covid), e do que máis medrou, os traspasos do estado e da comunidade autónoma (a lembrar a mesma situación).

    No 2021 a débeda está previsto que absorba o 0,95 % do orzamento.

    E revisando entradas Ribadeando, podemos ver que o orzamento para 2021 anunciábase co título 'O capítulo para inversións supera o millón e medio de euros', apuntando tamén a que non se subían impostos. Iso, cun orzamento só 23000 € menos que o rematado de aprobar, e, ó que se se lle axusta a inflación, queda cunha cantidade superior ó aprobado este ano. Como a inflación anual dun ano que aínda non rematou non pode darse, podemos contentarnos coa relación de orzamentos anteriores, con e sen inflación, dende 2005. Aquí quedan as gráficas:



As dúas notas de prensa do concello estes días sobre os orzamentos (a notar que non apareceu na sede electrónica a convocatoria do pleno, facendo a primeira das notas de anuncio dous días antes. Asemade, adáptanse os números ó formato da convención que rixe en España):

Foto Pablo

A SESIÓN DARÁ COMEZO ÁS 20:00 HORAS

Orzamentos 2022

14/12/2021

Os orzamentos para 2022 do Concello de Ribadeo rozarán os 10 millóns de euros, sen que se incrementen os impostos e as taxas de competencia municipal. O equipo de goberno levaraos ao vindeiro pleno extraordinario, que foi convocado para este xoves, 16 de decembro. As contas nacen cunha previsión inicial de inversión de máis de 1 200 000 euros, segundo deu a coñecer nesta xornada o concelleiro de Economía, Pablo Vizoso.

O edil ribadense contou que "onte celebrouse unha comisión informativa cos representantes de tódolos grupos municipais, aos que informamos de que pretendemos levar ao próximo pleno, o do xoves desta semana, os orzamentos para o exercicio 2022 para a súa aprobación. Son uns orzamentos que ascenden a 9 872 370 euros, é dicir que rozan xa os 10 millóns de euros e sen que se incrementen os impostos e as taxas que son competencia do Concello".

Pablo Vizoso dixo que "estes orzamentos caracterízanse por manter o nivel elevado de actuacións e servizos en diferentes áreas que ven realizando xa habitualmente o Concello de Ribadeo, recóllese tamén o incremento salarial do 2 por cento establecido polo Estado para o persoal público. Increméntase o capítulo de servizos e de financiamento de actividades nas áreas sociais, culturais ou deportivas para dar resposta á previsión de maior actividade trala agardada volta á normalidade. Mantéñense as axudas para o tecido asociativo, coma nos exercicios anteriores, destinadas a asociacións deportivas, culturais, asistenciais,…".

O concelleiro de Economía subliñou que "os orzamentos nacen cunha previsión inicial de inversión de máis de 1 200 000 euros, financiado na gran maioría con fondos propios municipais e noutra parte pola Deputación de Lugo. Consígnanse partidas para actuacións moi importantes para Ribadeo como as dos barrios da Faxarda, A Pega ou Río Amalló, a rúa Rodríguez Murias en Rinlo ou diversas inversións tamén noutras rúas. Contémplanse recursos para a adquisición de terreos para o plan de camiños de titularidade municipal, saneamentos, reposición de tramos da rede de abastecemento de auga, melloras e reparación en instalacións deportivas e en locais sociais de diferentes parroquias, na praza de abastos e para melloras de eficiencia enerxética en alumeados públicos ou tamén o espazo polivalente para actividades formativas e de emprendemento.  A estas inversións hai que sumar as que recentemente foron ou están a piques de licitarse e que serán executadas ou iniciadas nos primeiros meses do 2022; refírome á senda ciclable dende a área dos Bloques ata as inmediacións da Illa Pancha ou o espazo multideporte de Pintor Fierros. Esta aposta polo investimento promovida dende o Concello de Ribadeo é unha boa proba do proceso de reactivación económica en diferentes áreas á que poderán optar as empresas interesadas. No ámbito social mantéñense os fondos para familias con necesidades, para atender o servizo de axuda no fogar e a axuda específica para a xestión do Hospital Asilo, entre moitas outras". 

Vizoso Galdo engadiu: “e conséguese financiar todas estas partidas, actividades e servizos  mantendo a débeda do Concello nun niveis r"almente baixos, reflexo dunha xestión eficiente e de equilibrio orzamentario. Soamente como dato: as estimacións que manexamos son que ao remate do exercicio actual a débeda do Concello se sitúe en torno ao 12 por cento, unha porcentaxe ou unha ratio que nada ten que ver coa débeda que se viña arrastrando noutras etapas. Por suposto todas estas partidas veranse incrementadas ao longo do vindeiro exercicio coas achegas do plan único provincial da Deputación de Lugo e coas que poidan prever tanto a Xunta como o Goberno do Estado, cando sexan firmes e confirmadas, asinando os convenios ou acordos que procedan co Concello de Ribadeo".

Foto Concello Ribadeo

CON INVERSIÓNS CERTAS, PRECISAS E COMPROMETIDAS

Aprobados os orzamentos para 2022

17/12/2021

No pleno extraordinario celebrado onte no Concello de Ribadeo foron aprobados os orzamentos de 2022 que ascenden a case 10 millóns de euros. O concelleiro de Economía, Pablo Vizoso, subliñou que contemplan un elevado nivel de actividades e inversións sen subir impostos nin taxas e sen incrementar a débeda.

O edil ribadense dixo que "na tarde de onte celebrouse o pleno extraordinario no Concello de Ribadeo no que se aprobaron os orzamentos para o vindeiro ano 2022. Trátase duns orzamentos que ascenden a case 10 000 000 de euros para manter e mellorar o elevado nivel de actividades e de inversións no noso concello: dende reposición de rúas e camiños, saneamentos, investimentos en instalacións deportivas e en locais sociais, melloras enerxéticas, adquisición de terreos, apoio a asociacións de carácter cultural, deportivo ou asistencial, medidas e actividades de apoio ao comercio local e actuacións de protección social, que benefician a todo o pobo de Ribadeo. Tamén inclúen, por suposto, a subida salarial do persoal público e unha aposta moi forte pola inversión, xa que tendo en conta  o proxectado para o ano 2022 para obras ou equipamentos e máis o que se está licitando nestas semanas para iniciar a súa execución dende primeiros do vindeiro ano, como é a senda ciclable ou as pistas multideporte, suman xa máis de 2 000 000 de euros nesta partida". 

Pablo Vizoso sinalou que "outra característica dos orzamentos é que se consegue chegar a estas magnitudes sen subir os impostos nin as taxas e sen incrementar o nivel de débeda do Concello, que nada ten que ver coa existente hai algúns anos e que condicionaban o seu día a día".

O concelleiro de Economía contou que "por parte da oposición, concretamente o voceiro do PP, cualificou estes orzamentos de continuistas; e teño que dicirlle que é certo que o son, porque con moito orgullo continuamos incrementando a inversión, as actividades e continuamos apoiando ao tecido asociativo e comercial e atendendo e preocupándonos do ámbito social e asistencial. Do mesmo xeito foi necesario lembrarlle que, sobre a inversión no hospital asilo, o Concello mantén reservados exclusivamente para este fin os fondos da herdanza do doutor Moreda así como outros posibles recursos para atender esta importante reforma e adaptación do edificio e que é precisamente nos orzamentos da Xunta onde non figura nin un só euro para esta actuación a pesares de que se trata dunha competencia exclusivamente autonómica".

Vizoso Galdo engadiu que "de forma semellante, sobre o anuncio dun centro de saúde para Ribadeo respondémoslle que os orzamentos recollen necesaria e obrigatoriamente inversións certas, precisas e comprometidas e non simplemente ideas. E que xa hai máis dun mes que lle trasladamos á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia a disposición plena do Concello de Ribadeo para traballar conxuntamente neste obxectivo e que seguimos á espera da súa reposta para poder analizar e determinar a mellor maneira de aportar os recursos do Concello aínda que, por desgraza, outra vez máis onde non se ven fondos consignados é nos orzamentos da Xunta, que precisamente é a que ten a obriga da prestación sanitaria. Mentres tanto, en representación do pobo de Ribadeo, esiximos que se dote ao actual centro de saúde dos profesionais sanitarios e dos medios técnicos que todas e todos nos merecemos e aos que temos dereito".

20231205

Dúas visións do pleno do luns en Ribadeo

Dúas visións do pleno do luns en Ribadeo

    Luns houbo un pleno no concello de Ribadeo, do que xa puxen a orde do día. Non asistín, polo que teño que falar por terceiros. Polo momento, polos comunicados da alcaldía e do principal partido da oposición, mais algún comentario solto. Quizáis, como única matizción pola miña parte, á nova do concello onde se di que van mellorar os orzamentos entre todos. Entendo que están aprobados e que que entón non caben melloras a non ser que se lles poñan parches...

    Polo demais, os estilos de ambos son abondo diferentes como quen vexa máis abaixo poderá comprobar. Unha nota máis: como ven sendo habitual, corrixo a puntuación dos números que aparecen para adaptala á normativa actual. Cousa de deformación profesional miña.

    Deixo primeiro o comunicado do concello, anotando que na sección de 'novas' da web municipal xa teñen imaxes dunha calidade abondo superior á que viñan colgando (que non eran as que se enviaban ós medios, de máis peso dixital). Máis abaixo, a nota de prensa do BNG:

    -- Nota de prensa do Concello:

Ribadeo é un dos primeiros Concellos en aprobar os orzamentos para 2024. Ascende a 12,3 millóns de euros

05/12/2023

Dani Vega subliña que son os máis altos da historia ribadense.

Ribadeo é un dos primeiros Concellos en aprobar os orzamentos para 2024. Son 12,3 millóns de euros, “o que os converte nos máis altos da historia ribadense”, destacou o alcalde, Dani Vega.

O rexedor explicou que “son uns orzamentos que se incrementan significativamente en dúas partidas: benestar social e inversión. A benestar social destinamos 3,5 millóns de euros, dos que 1,6 millóns de euros van para o servizo de axuda no fogar; outra partida de 1,6 millóns de euros destínase á reforma integral do hospital asilo; 250 000 euros para a compra dos terreos do novo centro de saúde; nas actividades Preto de Ti, que realizamos nas parroquias e na vila, o Concello con fondos propios investirá 10 000 euros e con fondos da Xunta de Galicia 40 000 euros; na residencia de maiores investiremos 20 000 euros e tamén incrementamos as axudas a todas as entidades asociativas no conxunto do benestar social pasando de 11 000 a máis de 15 000 euros. Non so incrementamos as axudas senón que incorporamos á Cruz Vermella, xa que non contaba con colaboración económica por parte do Concello e no 2024 si que a vai ter”.

No apartado de inversións Daniel Vega indicou que “si no 2023 investíamos 1,1 millóns de euros neste orzamento investiremos 1,7 millóns de euros. Hai un incremento nesta partida de 600 000 euros. Si queremos que melloren as infraestruturas necesitamos orzamento: Plan Único da Deputación, á que lle agradezo a súa colaboración, 356 000 euros; novo plan de infraestruturas que nos financia a Xunta de Galicia outros 350 000 euros; aos que ai que sumarlle 95 000 euros do Agader (tamén da Xunta); á mellora das contornas significativas de moitas parroquias destinamos 120 000 euros”.

O alcalde aposta por un Ribadeo máis sostible e máis verde: “e imos mellorar dous puntos moi importantes como son o Parque de San Francisco no que investiremos 200 000 euros e tamén no Parque de Indianos ao que destinamos 50.000 euros, porque precisa dunha mellora integral. En edificios significativos, como pode ser a Casa do Viejo Pancho, son 50 000 euros os que vai investir a Xunta e na nova xefatura da Policía Local. Non podemos permitir que estea nunhas instalacións que mais ben parecen doutro século. Precisa dun novo espazo, que vai ser a antiga Casa de Teléfonos e imos investir máis de 60 000 euros coa colaboración da Xunta”.

Para Daniel Vega “hai un traballo moi importante. En tan so cinco meses Ribadeo é un dos primeiros Concellos en aprobar os orzamentos. Creo que é algo a destacar e que lles quero agradecer a todos os técnicos municipais a súa colaboración e o seu traballo. E tamén a todo o goberno, a tod@s @s concelleir@s que están traballando todos os días. Tamén lle agradezo a colaboración tanto ao PSOE como ao BNG. Votaran o que votaran creo que imos traballar todos e colaborar todos e mellorar estes orzamentos”. 

 O rexedor agarda que “a colaboración dos grupos da oposición sexa total e absoluta. Nos contamos con eles, escoitamos as súas propostas e seguimos contando coa colaboración de todas as institucións: a Deputación de Lugo, o Goberno do Estado e a Xunta de Galicia. Entre todos aprobamos os maiores orzamentos da historia de Ribadeo, pensando única e exclusivamente en Ribadeo”.

    -- Comunicado do BNG:

O BNG DE RIBADEO DENUNCIA A ACTITUDE CÍNICA, DEMAGÓXICA E ESCURANTISTA DE DANIEL VEGA NO PLENO DOS ORZAMENTOS DO ANO 2024.

No pleno deste luns 4 de decembro, o alcalde de Ribadeo adoptou unha actitude cínica, demagóxica e escurantista ocultando información e xogando coas palabras e coas quendas de intervención. Como podemos entender, senón, que no debate co concelleiro responsábel da área de Facenda, Vicente Castro, o alcalde se negara a responder á pregunta acerca de convenios que se puideran ter asinado con outras administracións, e despois, en rogos e preguntas, dixese que si coa boca pequena? Por que non aclara o alcalde de Ribadeo que convenios hai asinados, se é iso verdade, e con que administración? Como podemos cualificar a actitude dunha alcaldía que un día sobe documentación cunhas cifras e, ao día seguinte corrixe dita información sen avisar á oposición? Non contento con tanto despropósito, despois, no debate, acusa ao noso compañeiro, ben coñecedor da facenda local, de non ter estudado a fondo a información. Máis cinismo é imposíbel!

Pero o grupo municipal do BNG estudou ben a fondo as contas. E comprobou que son uns orzamentos faltos de rigor e esaxeradamente inflados ao servizo da vaidade desenfreada de Daniel Vega. Son uns orzamentos que inclúen inversións subvencionadas por convenios dos que se negou a falar durante o transcurso do pleno. Inclúen tamén previsións de ingresos irrealizábeis no exercicio 2024. Así, por exemplo, hai previsións de ingresos polo imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO), ou polo canon da concesión administrativa da auga, que non se van poder concretar no ano 2024. E iso, porque toda a tramitación que está aínda pendente de realizar (estudos previos, licitación, etc.) lévannos mesmo a finais do ano 2025. O alcalde quere gastar xa o diñeiro do ano 2025 e aínda non rematou o 2023. Imos apañados!

Tamén temos detectado, en base ás previsións feitas nestes orzamentos, que o lixo vai acabar subindo case un 40 %. Si: aqueles que nunca subirían os impostos. Iso mesmo dicía Rajoy antes de gañar as eleccións en 2011. E despois fixo o que fixo. Bo alumno o noso alcalde. Pero non estivo moi fresco ao intentar refutar a crítica do BNG pola suba do lixo pois, primeiro achacou tal suba á incorporación do contedor marrón (para materia orgánica), e que iso xa vén do anterior goberno do BNG, que comezou o proceso. Pero máis tarde destacou que se debía dito incremento á suba do canon de SOGAMA. Pouco rigor nos orzamentos e pouco rigor nas intervencións.

Temos visto así mesmo erros graves de tramitación con partidas erróneas que non se corresponden con inversións reais; mesmo temos detectado algún apartado en branco, como o do Fondo de Compensación. Que pouca elegancia! Corrixiron ese dato, así o recoñeceron no pleno, pero non tiveron a decencia de comunicalo á oposición. Sería para despois poder reprocharnos que non coñeciamos ben os orzamentos? Nós si que os miramos. A concelleira delegada de Facenda, mirar miraríaos, pero tan só lle dedicou ao tema dous minutos no pleno cando os presentou.

En canto aos gastos de persoal, non son recollidos con fidelidade nestes orzamentos: así, aparecen partidas que non se axustan ao anexo ademais doutras que están duplicadas. Mesmo no resumo de gastos por capítulos non se recollen os importes reais de gastos de persoal, que en realidade van ascender a 5 064 656,71€.

Polo que se refire a gastos sociais hai unha clara redución de partidas. Así, en subministración para alimentos redúcese drasticamente a partida e no CIM (Centro de Información á Muller) diminúe até un 50%. O programa de actividades de animación social e a partida de mocidade para actividades de verán e nadal tamén sofren importantes recortes. Iso si: os gastos protocolarios e de publicade mantéñense (que conste que, visto o visto, lograr que se manteñan até pode chegar a ser unha virtude ante a desgraza de tanto dispendio!).

En fin: trátase duns orzamentos carentes de rigor, inflados artificialmente de cara á galería e pensados para gastar sen control nin medida. O goberno municipal do PP ten nestes momentos a maioría e procedeu á súa aprobación. Pero, xa o iremos vendo ao longo do ano 2024, estes desaxustes han traer consecuencias para a estabilidade financeira do Concello, a casa común de todos e todas as ribadenses. Por iso o grupo municipal do BNG de Ribadeo votou en contra. Non gustou nada ao alcalde de Ribadeo a nosa coherencia: na fase de rogos e preguntas volveu a proferir insinuacións faltas de toda consistencia e que raian na calumnia. Cando o señor Daniel Vega se emprega tan a fondo é porque non lle queda nada serio e rigoroso que dicir e acode ao insulto e á infamia.

20231130

Pleno en Ribadeo o 4 de decembro: orzamentos

    Onte vin o que deixo aquí: a convocatoria do próximo pleno do concello de Ribadeo. Engadín a nota de prensa correspondente e deixo unha conta sinxela: o orzamento previsto implica un gasto total polo concello de 1230 €/persoa ó longo de 2024.

Orzamento Ribadeo 2024

Ribadeo contará en 2024 cun orzamento de 12,3 millóns de euros, dos que 3,5 millóns van destinados a benestar social

29/11/2023

Dani Vega destacou que son os presupostos máis sociais e máis altos da historia do Concello.

Ribadeo contará cun orzamento de 12,3 millóns de euros en 2024. O alcalde, Dani Vega, subliñou que é o máis alto da historia do Concello ribadense e que son tamén os presupostos máis sociais.

O rexedor declarou: “Ribadeo presenta as súas contas. Ribadeo contará un orzamento de 12,3 millóns de euros para o ano 2024. Poucos Concellos teñen os orzamentos aprobados, Ribadeo farao en tempo e forma e tamén hai que destacar que somos un goberno que so levamos cinco meses e xa acreditamos unha xestión e tamén rigorosidade nos presupostos”.

Vega explicou que “a inversión increméntase e chega a 1,7 millóns de euros, que son 600 000 euros máis que en 2023. Tamén traballamos durante estes meses para mellorar as condicións de todos os traballadores e así o negociamos con todos os sindicatos. A todos lles quero dar as grazas polo traballo e pola dedicación e nosoutros cumprimos en so cinco meses con vellas demandas ás que non se daba resposta. Vai haber dous técnicos administrativos máis da administración xeral, tamén un chófer para a desbrozadora e os socorristas, técnicos en emerxencias sanitarias e técnicos de limpeza de praias van traballar tres meses. Esta era unha vella reivindicación, coa que este goberno cumpriu e deu unha resposta”.

O alcalde dixo que “tamén queremos un Ribadeo máis social. Nas subvencións nominativas pasamos de 11 000 euros a preto de 15 000 euros para os colectivos que están a traballar coas persoas. Incorporamos á Cruz Vermella, que nestas subvencións nominativas non estaba”.

Daniel Vega subliñou que “para a licitación do SAF imos aprobar unha cantidade de 1,6 millóns de euros. Para o hospital asilo, onde estamos a realizar a reforma integral, tamén van 1,6 millóns de euros. E imos xa comprar os terreos para o centro de saúde, iso é un compromiso absoluto e total, por un valor de 250 000 euros. No centro de día neste momento estamos a investir 20 000 euros e imos incrementar esa cantidade ata 50 000 euros máis no 2024. Nas actividades de Preto de Ti, que se están a realizar por todas as parroquias a Xunta de Galicia investirá 40 000 euros e nós achegaremos 10.000 euros. E á residencia de maiores destinamos 20 000 euros. Son 3,5 millóns de euros os que van destinados a benestar social no 2024. É a partida máis grande destinada a este fin da historia de Ribadeo”.

O rexedor manifestou que “queremos un Ribadeo mais rural e por iso aprobamos o Plan Único dotado con 356 000 euros e tamén contaremos cun novo plan de infraestruturas, en colaboración coa Xunta, que estará dotado con 350.000 euros mais o plan do Agader con 95 000 euros. E para a mellora das contornas significativas das parroquias van 120 000 euros. Tamén queremos un Ribadeo mais sostible. Ao parque de San Francisco destinamos 200 000 euros e para o parque de Indianos 50 000 euros. E no plan de recollida de lixo imos investir 600 000 euros. Ese Ribadeo máis sostible tamén vai ser un Ribadeo máis limpo e máis verde. E imos mellorar o edificio do Viejo Pancho no que investiremos 50 000 euros e nas instalacións da Policía Local máis de 60 000 euros”.

Vega destacou que “son uns orzamentos moi importantes para Ribadeo os de 2024. Son 12,3 millóns de euros, os máis altos da historia de Ribadeo. Acredítase unha xestión e unha colaboración coas distintas administracións. Hai que destacar a da Xunta de Galicia e a da Deputación, esperemos que invistan mais durante este ano, e tamén se acredita que somos rigorosos e estritos nas contas, onde aprobaremos en tempo e forma estes orzamentos, que son froito do traballo conxunto entre os técnicos e o equipo de goberno municipal”.

20210120

Dúas décadas de orzamentos

Datos do exercicio 2017

   É difícil saber dos orzamentos, máis aló das notas de prensa do concello (isto, no caso de Ribadeo). En Ribadeando procuro non perder de vista o tema, aínda que ás veces vaian cifras aproximadas. As fontes de datos, máis aló das notas de prensa, son a través de entidades pro transparencia, asociacións como okfn ou empresas como o caso da web https://presupuestos.gobierto.es ('a medio camiño entre activismo e consultoría'). e procuro non despistarme e separar as novas de orzamentos das de corrupción (sen deixar de entrecruzalas como cando manifestei que o fraude fiscal a nivel España, prorateado a Ribadeo, daría para cubrir dúas veces o orzamento do concello)

   Volvendo ó tema, o concello emitiu unha nota onte que reproduzo ó final, sobre os orzamentos 2021, onde se poden anotar algúns detalles a máis do monto total. E, antes, deixo dúas gráficas sobre a evolución dos orzamentos de Ribadeo na maior parte do século. Falta algún dato e outros son aproximados, mais na escala na que se presentan, eses detalles carecen de importancia. Si a ten que non se presentan desglosados, é dicir, inciando onde se gastan, cousa que pode chegar a ser máis interesante que a cifra de gasto total. Tampouco se teñen conta as variacións de poboación, para considerar o gasto per cápita, que no século leva baixado lixeiramente.

... pequeno aumento aparente

pequena diminución real...

A nota de prensa:
"

O CAPÍTULO DE INVERSIÓNS SUPERA O MILLÓN E MEDIO DE EUROS

Orzamento municipal para 2021

19/01/2021

O orzamento municipal do Concello de Ribadeo para 2021 ascende a máis de 9.800.000 euros, o que supón un incremento do 8,25% con respecto ao de 2020. O concelleiro de Economía, Pablo Vizoso, destacou que no presuposto, que se someterá a aprobación no vindeiro pleno, establécese a exención das taxas pola ocupación de terrazas como unha das medidas de apoio á hostalería, auméntase o fondo para familias con necesidades e créase unha axuda específica para a xestión do Hospital Asilo.

O edil ribadense dixo que "imos levar ao próximo pleno os orzamentos para o exercicio 2021, que se incrementan ata os 9.849.823 euros, é dicir máis de 750.000 euros con respecto ao ano anterior, o que supón un 8,25 % máis, e sen que se vexan incrementados os impostos e taxas que son competencia do Concello".

Vizoso Galdo subliñou que "estes orzamentos caracterízanse por manter o nivel elevado de actuacións e servizos nas diferentes áreas que ven realizando o Concello de Ribadeo. Recollen o incremento salarial do 0,9% establecido polo Estado para o persoal, aínda que non se aplicará aos órganos de goberno que se conxelarán. Establecen a exención das taxas pola ocupación de terrazas para todo o exercicio, como unha das medidas de apoio á hostalaría. E mantéñense as axudas para o tecido asociativo, coma nos exercicios anteriores, para destinar a asociacións deportivas, culturais, clubs, etc".

O concelleiro de Economía explicou que "se incrementa notablemente o capitulo de inversión que supera o 1.500.000 euros, un 87% máis, e que é financiado na gran maioría fondos propios do Concello e procedentes  da Deputación de Lugo.Así recollen partidas para actuacións que consideramos de vital importancia para Ribadeo como é o caso da estrada da Estación de Feve e diversas actuacións noutras rúas. Tamén se contemplan partidas importantes para o plan de camiños de titularidade municipal, saneamentos, adquisición de terreos, a reposición de tramos da rede de abastecemento de auga, de instalacións deportivas, de locais socias para as parroquias,o arranxo da praza de abastos e para melloras de eficiencia enerxética en alumeados públicos. Este forte incremento da inversión enmárcase no proceso de reactivación económica tocando diferentes áreas".

Pablo Vizoso indicou que "no ámbito social auméntase o fondo para familias con necesidades e crease unha axuda específica para a xestión do Hospital Asilo. E séguese mantendo a débeda do Concello nun niveis baixos na procura dunha xestión eficiente e do equilibrio orzamentario".

O edil nacionalista engadiu que "ademais de todas estas medidas e accións contempladas, os orzamentos vanse ver reforzados sobre todo no apoio ao comercio e a hostalaría e tamén no ámbito social coas achegas de plan único provincial da Deputación de Lugo, que xa está en marcha, e coas achegas que poidan proceder das xestións do Concello con outras administracións". 

"

20210128

Do pleno do día 26 de xaneiro

   Do pleno do martes día 26 de xaneiro, xa teño comentado algunha cousa. Por unha beira, o monto do orzamento de 2021, e por outra o comentario sobre a nota de prensa da convocatoria do pleno. Sen a convocatoria e sen acta, deixo unha nova nota de prensa do concello, que trata do pleno sen que te enteres moito de que é así polos titulares e comezo. De novo, insisto, non é acta, senón nota de prensa, con todas as diferencias que leva consigo. O que si fixen esta vez foi variar a puntuación numérica para adaptala ás normas de uso legal en España.

   Como apunte posterior, engado a nota de prensa do PP.


A INVESTIMENTOS DESTÍNASE 1 500 000 DE EUROS

Axuda para o asilo

27/01/2021

Aprobado no Concello de Ribadeo o orzamento municipal para 2021 que se aproxima aos 10 millóns de euros. O presuposto increméntase nun 8,25% con respecto ao do pasado ano e inclúe, por primeira vez, unha axuda directa de 25 000 euros destinada ao Hospital Asilo para seguir mellorando o servizo integral dese centro. O alcalde ribadense, Fernando Suárez, subliña que se trata dun orzamento serio e solvente e agarda que dea a mellor resposta posible aos retos marcados para este ano.

O rexedor explicou que "neste pleno do día de onte, aprobamos os orzamentos para este ano 2021, que chegan case aos 10 millóns de euros e que soben un 8,25% con respecto ao ano anterior, sen que se vexan incrementados os impostos e as taxas que son de competencia municipal. Como xa dixemos nos días anteriores prevemos manter o nivel elevado de actuacións e servizos nas diferentes áreas nas que vimos traballando. Tamén se eximen as taxas pola ocupación de terrazas, como unha medida de apoio á hostalería, e mantemos as axudas para o tecido asociativo, tanto comercial como educativo, deportivo ou social. Consignamos, por primeira vez, unha partida de 25 000 euros de axuda directa ao Hospital Asilo, máis aló dos servizos e subministros dos que o Concello xa se viña facendo cargo ao longo da historia. Todo isto facémolo con ánimo de seguir mellorando o servizo integral nesa residencia tan importante para Ribadeo e que, xunto coa nova, dan un servizo indispensable a moitas persoas". 

Suárez Barcia indicou que "incrementamos tamén notablemente o capítulo de inversión, que supera o millón e medio de euros, e que é financiado na gran maioría ben con fondos propios ou ben con fondos da Deputación de Lugo. Aquí desde logo, outro ano máis, botamos moito de menos os fondos da Xunta, e como isto é precisamente un presuposto confiemos que ao longo do ano se lle vaia vendo o envés das maos da Xunta. En todo caso, recollemos partidas para actuacións que consideramos moi importantes como é este vieiro paralelo á estación de Feve, diversas actuacións en espazos públicos e en rúas, tamén un plan de camiños de titularidade municipal nas diferentes parroquias, así como reposición de tramos da rede de abasto de auga, instalacións deportivas e sociais nas parroquias, mellora en eficiencia enerxética de alumeados e mellora na praza de abastos. Todo este forte incremento de inversións tamén se enmarca no proceso de reactivación económica que toca diferentes áreas". 

O alcalde dixo: "en canto ás críticas que recibimos, especialmente do PP, que se os presupostos son tan malos non sei porqué non votaron en contra, lles explicamos os datos, por voz do meu compañeiro o concelleiro de Economía e Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, que durante o ano 2020 o Concello viu incrementados os custos en medidas de prevención contra o covid en máis de 200 000 euros para atender a limpezas, a desinfeccións e outras accións semellantes, nun contexto ademais de redución de ingresos que cuantificamos en máis de 300 000 euros, dos que a Xunta gobernada polo PP, e recibindo fondos estatais e fondos europeos, tan só aportou ao Concello a pírrica cantidade de 9500 euros. Iso esqueceuse de dicilo o concelleiro Vega como tamén esqueceu as importantísimas achegas que o Concello fai ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF), cando é unha competencia autonómica e que no SAF básico, o de primeira atención, ademais de custealo nós e máis a Deputación, resulta que en numerosas ocasións tamén nos temos que acabar ocupando da atención ás persoas que requirirían o SAF da dependencia, que é autonómico, pero que como non os dan valorado, logo de meses e meses de espera pola falta de acción da Xunta, tense que acabar ocupando o Concello de Ribadeo, como outros Concellos".

Suárez Barcia engadiu que "no contexto social e económico no que vivimos, e dentro do ámbito das nosas competencias, tentamos facer un presuposto serio e solvente, coa intención de que dea a mellor resposta posible aos retos que temos por diante neste ano. E se logo outras administracións tan linguateiras pero logo tan parcas economicamente, como a Xunta, van aportando algo máis do escasamente previsto benvido será desde logo". 

-- Nota de prensa do PP:

ORZAMENTOS MUNICIPAIS 2021

❌ Os orzamentos municipais de Ribadeo para o ano 2021 aprobados polo goberno local do BNG non están pensados para combater a crise derivada da covid-19. Non teñen en conta a realidade actual: non pensan nas familias máis vulnerables nin recollen partida orzamentaria concreta para a reactivación económica de Ribadeo.

👉🏼 Tamén puxemos de manifesto no pleno deste martes que estes orzamentos son malos para Ribadeo. E sinalamos que dos 9,8 millóns de euros de orzamento municipal destinaranse 1,5 a inversión; pero que destes o Concello aporta única e exclusivamente 60.000 euros porque o resto son achegas doutras administracións.

👉🏼 O goberno local elevará a débeda do Concello no 2022 a 1,6 millóns de euros porque, despois de pedir un crédito de 550.000 euros o ano pasado e deixar sen investir 335.000 euros, volve pedir un novo crédito de 610.000 euros que tampouco aclara onde o vai investir.

👉🏼 Dende o Grupo Municipal Popular defendemos que nestes momentos de gran crise, os orzamentos deberían ser consensuados cos distintos grupos da Corporación municipal e co tecido económico do municipio e, polo tanto, lamentamos que non fora así. Con todo, comprometémonos a seguir traballando por Ribadeo e os ribadenses.

Outros asuntos do pleno 👇🏼

🔹 Tamén preguntamos ao goberno local polo número de xuízos perdidos e o diñeiro que nos costarán a tódolos ribadenses.

🔹 Elena Sierra preguntou polo horario e a periodicidade dos traballos de limpeza e desinfección dos parques, rúas e puntos concorridos, pero como resposta só recibiu divagacións e continuamos sen saber se existe unha planificación para estes traballos.

🔹 Elisa Rodríguez interesouse por coñecer cal é a empresa que xestiona actualmente a residencia de maiores de Ribadeo.

🔹 En relación á ordenanza reguladora das axudas para a conciliación da vida laboral e familiar en Ribadeo, Begoña Sanjurjo Santar lembrou que presentamos dúas veces alegacións para mellorar a súa redacción para beneficiar a tódolas familias que precisen empregar as ludotecas ou os programas de calquera dos centros educativos do municipio.

🔹 Tamén apoiamos a solicitude dunha axuda ao IDAE para a renovación das instalacións de iluminación, pero lembramos ao alcalde que as deficiencias no alumeado público da vila e das parroquias deben ser subsanadas con subvención ou sen ela.

🔹 O Grupo Municipal Popular apoiou tamén un proxecto de mellora medioambiental para a costa do noso concello.

20151220

LA PLUMA ES LA LENGUA DEL ALMA, artigo de José Mª Rodríguez Díaz

No discurso de D. Quijote sobre a poesía Cervantes retrata a categoría moral dalgunhs escritores con esta frase: “La pluma es la lengua del alma: cuales fueren los conceptos que en ella se engendraren, tales serán sus escritos”. E a tenor desta opinión cervantina é doado adiviñar, a través dos escritos divulgados nestes derradeiros días polo PP, as torcidas intencións deste grupo político en relación co finanzamento da construcción da residencia de Ribadeo.
Lonxe da miña intención tentar convencer ao PP local da súa desacertada estratexia. Están tan obcecados polos seus intereses espurios que “teniendo ojos, no ven y teniendo oídos, no oyen”. E logo, xa se sabe, nesta vida cada quen recolle o que sementa.

O único que me move a facer estas achegas aclaratorias das súas trolas é desenganar ós posibles e incautos lectores das falacias e mentiras do PP, contidas nos seus escritos de prensa, especialmente as feitas polo PP local no seu comentario publicado no derradeiro número de La Comarca del Eo, de data 19 de decembro.
Afirma o PP local que “o alcalde non quere o diñeiro da Xunta e (a súa actitude) supón un novo portazo a oferta de colaboración realizada desde o Executivo autonómico para financiar estas obras”. Falso. A auténtica verdade é que a Comisión pro Residencia leva máis de tres anos de loita insistente tratando, sen éxito, de acadar a colaboración económica da Xunta para este proxecto. Repetidos viaxes a Santiago, escritos de reclamación, etc. Tres anos de loita, tres anos perdidos sen ningún resultado.
Engade así mesmo o PP que o alcalde de Ribadeo rexeitou as “40 prazas das 47 futuras prazas da residencia” que a Xunta lle concertaba. É esta una das poucas verdades que di o PP. Efectivamente, a primeira oferta de colaboración a este proxecto que fixo a anterior Conselleira, despois de denegar toda posibilidade de axuda económica, foi a de concertar certo número de prazas. Evidentemente, esa oferta foille rexeitada pola Comisión pro Residencia. E foille rexeitada porque, primeiramente, esas prazas serían pra xente de todo Galicia e, en segundo lugar, onde iamos situar esas prazas si non tiñamos un edificio para elas? O primeiro, pois, era construír a residencia. E pra iso facía falta diñeiro, e diñeiro era a axuda que nós lle pediamos. Pro diñeiro para Ribadeo non había. O diñeiro era pra Foz. Polo tanto, a Conselleira sabía dabondo que non poderiamos aceptar a súa oferta, pois non tiñamos onde meter esas prazas.
E seguindo na mesma líña de falsidades e mentiras, di o PP que “o Goberno galego estaba desposto a poñer os 500.000 euros nun prazo de dous meses desde que o alcalde remita os informes”. Sabe moi ben o PP que non se pode liberar diñeiro algún desde a Xunta se non figura antes nos Orzamentos. E figura consignada esa cantidade nos Orzamentos da Xunta do ano 2016 para a residencia de Ribadeo? Témome que non. E, polo tanto, Vdes. están a mentir unha vez máis.
Engaden seguidamente afirmando “…que o informe do secretario non din (sic) en ningún momento que non deban enviarse estes informes pendentes...”. O informe presentado polo secretario municipal está en flagrante contradición con esta mentireira afirmación do PP. E eles sábeno xa que tiveron no seu poder o devandito informe. O secretario municipal afirma explicitamente no seu informe o seguinte: “Polo tanto, queda claro que CANDO REMATEN AS OBRAS, e en comprimento dous artigos 24 do Decreto 254/2011 e o artigo 68 dá lei 13/2008, o Concello de Ribadeo deberá presentar a comentada documentación. Cando rematen as obras, non antes”, afirma tallante o secretario. E están xa rematadas as obras, Srs. do PP? E engade o secretario no seu informe: “E se é o Concello quen realiza a xestión, deberá cumprir co procedemento establecido non artigo 7 dá Lei de Bases de réxime local…”. E xa saben Vdes., Sres. do PP, quen vai levar a xestión da residencia?
Afirma, finalmente, o PP que “o actual Goberno provincial non ten nin consignación orzamentaria, nin a maioría suficiente para facer fronte a este compromiso”. Sabe ben o PP que os orzamentos da Deputación non foron aínda presentados ó pleno. Están, polo tanto, en disposición de que esta cantidade, a dos 500.000 euros, sexa consignada neles. E pra a súa aprobación a hora de votar os Orzamentos agárdase contar co apoio do PP na Deputación, como non podería ser doutra forma se é verdade que, como Vds. din, o PP defende a construción desta residencia. Verdade que si?
E remata o PP dicindo: “Lamentamos que desde a alcaldía teñan decidido xogar a política partidista coa residencia de Ribadeo”. Quen está a politizar a residencia, Sres. do PP? O alcalde ou o partido popular? Pregúnten a xente, se teñen Vdes. dúbida.
Di Abraham Lincoln que “podrás engañar a todos durante algún tiempo; podrás engañar a alguien siempre; pero no podrás engañar siempre a todos”. Sres, do PP: teñen a partida perdida. O PP pretende reconquistar a vontade dos veciños de Ribadeo, pro coas súas mentiras non elixiron o mellor camiño. O que dixo que “a política é a arte de enganar” referíase, sen dúbida, ás mentiras enxeñosas e refinadas, non as vulgares e torpes, que son as que Vdes. están a utilizar.

 Obras de José Mª Rodríguez

 

20221130

Unha ollada ós orzamentos de Ribadeo

    Vexo que hai unha nota de prensa do concello sobre a aprobación dos orzamentos. Como anos anteriores, deixo unha pequena gráfica, á que habería que engadir outra a valor do euro constante (é dicir, deflactada), pero para iso hai que esperar a que remate o ano. Polo tanto, polo momento, a gráfica e a nota de prensa do concello máis un pequeno apunte: a inflación este ano é moi posible que quede por riba do 8%.

INCLÚEN A SUBA SALARIAL DO PERSOAL PÚBLICO

Aprobado o orzamento de 2023

29/11/2022

Aprobado o orzamento do Concello ribadense para 2023 que ascende a máis de 10 600 000 euros. O concelleiro de Economía, Pablo Vizoso, subliña que son uns presupostos equilibrados, que non incorren en déficit e que reducen o nivel de débeda. 

O edil contou que "na tarde de onte celebrouse o pleno extraordinario no Concello de Ribadeo no que aprobamos os orzamentos para o vindeiro ano 2023. Trátase duns orzamentos que superan os 10 600 000 euros, que son equilibrados e non incorren en déficit, tal e como recolle o informe de intervención e experimentan un incremento da case o 8% con respecto ao exercicio actual, para manter e mellorar o elevado nivel de actividades e inversións no noso concello: dende reposición de rúas e camiños,  instalacións deportivas, actuacións en locais sociais, adquisición de terreos, apoio a asociacións de carácter cultural, deportivo ou asistencial, medidas e actividades de apoio ao comercio local e actuacións de protección social que benefician a todo o pobo de Ribadeo".

Vizoso Galdo dixo que "tamén inclúen a subida salarial do persoal público e outra vez máis unha aposta forte pola inversión, centrada agora na reforma integral do Hospital Asilo e nos terreos para o novo centro de saúde. Unha inversión á que se suman os proxectos que se están licitando nestas semanas para iniciar a súa execución dende primeiros do vindeiro ano, e tamén os convenios que se asinen con outras administracións".

O concelleiro de Economía subliñou que "outra característica destes orzamentos é que se consegue chegar a estas magnitudes sen subir os impostos e incluso reducindo o nivel da débeda do Concello, que se situará ao peche deste exercicio no 9,8% e que nada ten que ver coa existente hai algúns anos e que condicionaban o día a día".

Pablo Vizoso referiuse á postura do PP  no pleno celebrado onte: "por parte da oposición, concretamente a concelleira do PP, dedicou a súa intervención a criticarnos por que para a reforma do Hospital Asilo necesitábamos acudir a un crédito en vez de empregar outras fontes de financiamento como poden ser os fondos Next Generation".

Para o edil ribadense "esta forma de proceder dos representantes do PP non resulta aceptable, ademais de demostrar que non teñen claro do que falan e que o seu obxectivo é enredar en enganar aos veciños de Ribadeo, hai que deixar claro que o Concello non solicitou a subvención á que se refire o Partido Popular por que non cubría nin a terceira parte da inversión necesaria senón que acudiu e solicitou outra axuda con cargo aos fondos Next Generation a través do plan Pirep estatal (Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos) que sí pode chegar ao 100 % do custe da obra que hai que acometer".

Vizoso Galdo explicou que "neste punto tamén aproveitamos para lembrarlle aos representantes do PP que a quen se bota de menos neste asunto é a Xunta, que unha vez máis está desaparecida e nin resposta aos requirimentos do Concello; e que se trata de competencias autonómicas, tanto a de asistencia social como a de asistencia sanitaria e, polo tanto, debería ser a Xunta a que financiase a reforma integral do Hospital Asilo. Mentres tanto, ou si finalmente a achega da Xunta non se produce, por parte do Concello de Ribadeo e dende xa realizamos a consignación económica necesaria".

O concelleiro de Economía engadiu: "en realidade é unha magoa por que si dende a administración autonómica se aportasen fondos para este fin ou se increméntase o que aportan ao Fondo de Cooperación Local, que leva conxelado dende o 2010,  poderíanse dedicar máis recursos para investir noutros ámbitos".


20090819

Orzamentos 2009: sen comentarios

Paso a nota do concello, sen comentar, e tendo en conta que é a visión de só unha das partes implicadas. Para un comentario, O Cargadoiro.

NO PLENO EXTRAORDINARIO CELEBRADO ONTE
Aprobados definitivamente os orzamentos de 2009
19/08/2009

Aprobados definitivamente os orzamentos municipais de 2009 en Ribadeo. O alcalde destaca a importancia de sacalos adiante e critica a actitude mantida por PSOE e UPRI xa que o único que pretenden é bloquear todo o que proxecta facer o goberno municipal.

Onte quedaron definitivamente aprobados os orzamentos municipais de Ribadeo para o 2009. Fernando Suárez destaca a importancia de sacalos adiante e critica a actitude mantida por PSOE e UPRI que o único que pretenden é bloquear todo o que proxecta facer o goberno municipal.O alcalde de Ribadeo relatou que "neste pleno extraordinario de onte, eu creo que o máis importante sobre todo para os veciños de Ribadeo é que os presupostos municipais de 2009 están definitivamente aprobados, dado que había tres reclamacións que foron desestimadas por 8 votos a favor do pleno. Ditas reclamacións contaban con informe desfavorable de Intervención municipal, dado que non era procedente a súa estimación".

O rexedor segue a contar que "das tres alegacións houbo unha que foi moi debatida por todos os grupos políticos, singularmente polos da oposición que fixeron especial fincapé neso. Trátase dunha bolsa de diñeiro contemplada no presuposto para o convenio e para o reparto, segundo eles, entre unha serie de xente que cobra menos do que debe no Concello de Ribadeo. Nós sempre mantivemos a opción de, a través da RPT, facer un reparto xusto e equitativo, e aos grupos eso non lles vale e se mostraron moi belixerantes. Nós ao estar en minoría vímonos na obriga de aceptar unha proposta do PP para que antes do 31 de decembro deste ano cheguemos a un acordo cos sindicatos para repartir este diñeiro entre aquela xente que se sinta máis agraviada. É un tanto difícil saber qué xente se sinte máis agraviada, pero aceptamos o compromiso". A Fernando Suárez resúltalle chamativo que "como alcalde convidei a todos os grupos da Corporación a que estiveran con nosoutros neste tema para entre todos designar ás persoas que están inxustamente remuneradas e por parte de todos os grupos da oposición rexeitaron esa oferta, polo que supoño que confiarán na capacidade do alcalde para chegar a acordos. En todo caso aceptamos e levaremos adiante este compromiso para desbloquear o asunto das retribucións a parte do persoal deste Concello".

O alcalde ribadense tivo unha mención singular para "a actitude cada vez máis errática, cada vez máis indecisa por parte do grupo municipal do PSOE. Parece ser que aquí non seguen as directrices do presidente do goberno do Estado e máximo dirixente socialista, o Sr.Zapatero, no sentido de facilitar en todos os concellos, nestes tempos de dificultades económicas, que os presupostos poidan sair para adiante. Si aquí hai un mes deron un paso adiante facilitando a aprobación inicial coa súa abstención, agora deron dous para atrás e non levan a bó termo o que hai un mes iniciaron, xa que votaron en contra duns informes de Intervención e votaron a favor de que se estimaran unhas alegacións imposibles de levar adiante". Fernando Suárez engade que "resulta curiosa esta actitude polo que veciños e votantes lles terán que preguntar a eles. Vese claro que hai uns grupos, PSOE e UPRI, que o único que queren é bloquealo absolutamente todo, seguen a doutrina de canto peor mellor, de que canto máis lle poidan bloquear a este goberno municipal mellor e desde logo a quen fastidian con esta actitude é aos administrados, aos veciños e ás veciñas de Ribadeo que neste caso se podían ver privados de ter un presuposto aprobado con todas as posibilidades que eso conleva. En todo caso, a pesares das diferencias hai outro tipo de xente que é máis razoable para chegar a acordos, desde logo".

Suárez Barcia destaca "a importancia de sacar adiante uns presupostos sobre todo polos compromisos de inversión que adquiren, compromisos de ter fondos propios destinados a complementar outras axudas que están acordadas coa Xunta de Galicia, que é o que lles interesa aos veciños, como o núcleo de sostibilidade, o amaño de varias rúas. E non soamente os proxectos de inversión, senón que tamén afecta á actividade cotía, porque senón hai presupostos non se poderían sacar as subvencións culturais, as subvencións a entidades deportivas, as subvencións de todo tipo. Se un non ten os presupostos aprobados esto non pode funcionar e polo tanto resíntese o funcionamento xeral dun Concello. Xa digo, tivemos nalgún caso que facer cousas que non consideramos que sexan as mellores posibles pero dada a situación, dado que non contamos con maioría, tivemos que aceptar co fin de sacar os presupostos municipais adiante".

20140502

Asinada por tódolos grupos políticos do concello e o portavoz das asociacións veciñais: Ribadeo segue unido para conseguir a residencia

Corto e pego a nota de prensa do concello:


ESTÁ ASINADA POR TODOS OS GRUPOS POLÍTICOS NO CONCELLO

Nova carta a Beatriz Mato

02/05/2014
A comisión pro residencia de maiores en Ribadeo acaba de enviarlle unha carta á conselleira de Traballo e Benestar na que lle lembra que o Concello agarda desde decembro para formalizar a partida de 500.000 euros comprometida pola Xunta para esa importante e necesaria infraestrutura. E pídelle que decida dunha vez por todas, "se apoia ou non o que todos os veciños, veciñas e a Corporación de Ribadeo apoian e piden". A comisión considera que hai unha clara falla de vontade política en apoiar un proxecto ao que a Deputación de Lugo destinou 1.823.000 euros.
Na carta enviada a Beatriz Mato a comisión lémbralle que "levamos desde o 20 de decembro, data en que presentamos a última documentación, á espera de que nos comunicaran o procedemento a seguir para garantir ou formalizar o finanzamento comprometido por parte da Xunta. Vímonos en consecuencia na obriga de prever nos orzamentos do Concello a achega que vostede nos prometeu con cargo a fondos propios, debido a que tiñamos que licitar a obra para poder investir, e non perder as partidas anuais consignadas pola Deputación e que, necesariamente, xa temos que empezar a xustificar nesta anualidade 2014".
Sobre o informe que hai uns días chegaba ao Concello de Ribadeo desde dúas Subdireccións Xerais da Consellería de Traballo e Benestar na carta sinalan que se trata "dun contra informe con argumentacións vagas e con pouco coñecemento do proxecto de Ribadeo; e a maior abondamento, un contra informe que ademais fai outra cousa, señora Conselleira, que non podemos permitir: atrévese a poñer en dúbida a legalidade dos procesos de contratación que o Concello de Ribadeo poida facer coa residencia unha vez construída. Procesos que, como é lóxico, nin sequera comezaron. Poucas veces se puido ver tal grao de desconfianza e falla de respecto institucional entre Administracións".
Na carta asinada polo alcalde, a concelleira de Servizos Sociais, os portavoces municipais do PP, do PSOE e de UPRI e o portavoz das asociacións veciñais din ser coñecedores de que "a outros Concellos desde a Consellería se lles finanzan na súa totalidade ou se lles cofinanzan proxectos similares, sen que exista nin a colaboración, nin a unanimidade do acordo, nin o impulso e mesmo a grave necesidade que ten o de Ribadeo. Non lle estamos a solicitar nada extraordinario. Só que colabore connosco, e que cumpra coa súa promesa".
E subliñan que "de non facelo así, poderán vostedes intentar esconder a súa falta de vontade política para apoiar este proxecto con todos os informes técnicos que consideren, que iso non nos vai facer minguar a nosa responsabilidade de executar en Ribadeo o que lle prometemos a todos os veciños e veciñas. Isto non consiste en abrir unha dialéctica técnica na que non imos entrar. O Concello de Ribadeo ten que cumprir coas súas obrigas e responsabilidades acordes á lei e así o fará, como sempre, e incluso neste caso dará resposta, unha por unha, desde ese punto de vista técnico, a todas as dúbidas que manifestan sobre a viabilidade do proxecto… E vostede, á vista do anterior, deberá decidir dunha vez por todas, se apoia ou non o que todos os veciños, veciñas e a Corporación de Ribadeo apoian e piden".
A comisión pro residencia de maiores en Ribadeo prégalle a Beatriz Mato que "se contamos coa súa vontade política, e esperamos e desexamos que siga sendo así, nos indique o procedemento a seguir para a sinatura do convenio ou a fórmula que decidan para formalizar a achega prometida dos 500.000 euros anteditos, co obxectivo da construción da residencia de maiores o antes posible, e poña data e hora para dita formalización".

20160401

Un novo pleno baleiro (de xente, non de contido)

Como manda a costume e o impón o xeito de facer as cousas, o martes houbo un pleno no que asistiron de público catro persoas, periodistas incluídos. Non debía de ser moi importante, pois total, só se trataban cousas de pouca monta como o orzamento municipal.
Por partes. O documento que apareceu na web do concello dando difusión á convocatoria do pleno de martes 29 de marzo de 2016 teno tempo de colgado na rede en 'Lun 28 Mar 2016 21:01:21 CEST'. Tendo en conta que o se comezo eran as 20:30 do día seguinte, menos de 24 horas de antelación 'con nouturnidade'. De calquera xeito, aínda que non se chegue ó recomendable, representa unha mellora sobre o xeito de facer as cousas tan só un ano atrás, onde dita difusión non existía máis aló dun papel perdido no taboeiro do concello.
Por certo, como pequeno comentario: hai xusto un ano outro pleno modificaba outra vez a ordenanza municipal da praza de abastos. E hai ano e medio, outra vez. A pobre debe estar xa mareada.
A convocatoria estaba incluída nunha nova de difusión do concello:
"

Novas

Foto Concello
A SESIÓN DARÁ COMEZO ÁS 20:30 HORAS

Pleno ordinario

28/03/2016
No pleno ordinario que se celebrará mañá, martes, no Concello ribadense someterase a aprobación o presuposto municipal para 2016 que ascende a 9 447 000 euros, o que supón un incremento do 4% con respecto ao do ano pasado. Nos orzamentos destínanse a investimentos reais 1 767 000 euros, segundo explicou esta mañá o alcalde, Fernando Suárez.
O rexedor sinalou que á sesión de mañá "van varios asuntos de interese municipal e dos mais transcendentes pode ser o presuposto municipal para este 2016, que ascende a 9 447 000 euros. Sofre un incremento do 4% con respecto ao do ano pasado e no que hai que destacar que en materia de ingresos de impostos directos e indirectos seguen sen experimentar subidas mais aló do que ten que ver co IBI, mais aló da regularización que levou a cabo o Ministerio de Facenda, a través da Dirección Xeral do Catastro, derivadas de unidades que non foran declaradas anteriormente polos seus propietarios. E hai outro incremento, que é o do imposto da plusvalía, non porque subiramos os ratios nin as taxas nin as porcentaxes, senón motivado por un maior movemento que se está a experimentar nos últimos tempos nas compra vendas de bens inmobles aquí en Ribadeo".
Suárez Barcia indicou que "no que ten que ver co gasto e coas transferencias correntes incrementan un 7,85% para transferencias a distintas áreas como pode ser educación, servizos sociais, medio rural, cultura, deportes, turismo, etc… e no que ten que ver cos investimentos reais ascenden a 1 767 000 euros. Mantemos o nivel de investimentos do ano 2015 e destacan para este ano as partidas para a anualidade da residencia e para as obras de reparación de rúas da Área de Rehabilitación Integral de Ribadeo, e tamén doutras actuacións importantes en obras e asfaltado en rúas e camiños, en mobiliario urbano, en instalacións deportivas, etc".
O alcalde subliñou que "tamén neste ano contemplamos, e esperemos que sexa de inicio nada mais, a posible concertación dunha operación de crédito bancaria para facer fronte, si é preciso, para financiar a construción da residencia, desa parte non comprometida inicialmente polo Concello, si comprometida por algunha outra administración como a Xunta, que a día de hoxe nin está nin se lle espera, si o compromiso da Deputación Provincial de Lugo, pero en tanto non teña aprobados os seus orzamentos obríganos ao Concello de Ribadeo a concertar esta operación de préstamo que inicialmente establecementos en 550 000 euros. Si efectivamente a achega da Deputación despois chega esta operación cancelaríase e quedaría amortizada, pero en todo caso é boa cousa prevela porque queremos que a residencia se acabe con toda normalidade". E engadiu: "e relacionado con isto último destacar que se reducen os xuros da débeda bancaria que había no pasado, porque hai anos que non se pide préstamo algún e reduciuse o 64% por vencemento de préstamos, é dicir remataron a súa vida aínda que foran solicitados hai anos. Durante estes últimos anos estivemos pagando e reducíronse moitísimo e iso nos da capacidade de certo endebedamento, que tentaremos que sexa o mínimo posible, por suposto".
Na sesión ordinaria de mañá, 29 de marzo, ás 20:30 horas tamén se someterá a aprobación a modificación puntual de varias ordenanzas: "propoñemos as modificacións puntuais de varias das ordenanzas que temos. No que ten que ver coa nosa compañeira Luz, que é a concelleira encargada da escola de música, prevé a modificación da ordenanza deste centro para incorporar varias posibilidades formativas, como poden ser os obradoiros de instrumentos para alumnado de 6 a 7 anos ou mesmo, en vista da demanda que está a ter como complemento da música tradicional, tamén se quere propoñer a creación da materia de percusión tradicional, así como a ampliación de catro a cinco cursos académicos das materias de danza moderna e de ballet clásico; por outra banda, a concelleira de Sustentabilidade Ambiental, Paz Ermida, propón a modificación da ordenanza vixente de medio ambiente, que data do ano 2006, para a creación dun espazo exclusivo para o esparexemento, para o lecer e para o baño de cans, que ao mesmo tempo teremos que sinalizar axeitadamente".
Suárez Barcia dixo que "na actualidade hai un grande número de persoas no concello que teñen un can como animal de compañía e sabemos que teñen restrinxido o seu acceso a moitas zonas, como espazos públicos, e entón desde o Concello somos sensibles a unha demanda crecente e estivemos nestes últimos tempos a traballar na habilitación dun espazo que fora utilizable para estes potenciais usuarios e ao mesmo tempo que garanta o cumprimento das condicións hixiénico sanitarias para a poboación de Ribadeo. E o espazo que eliximos como área exclusiva de esparexemento e lecer para os cans atópase situado debaixo da Ponte dos Santos practicamente, indo para o Cargadeiro nunha baixada cerca da primeira pilastra da ponte, que é un lugar moi pouco concorrido e por esas condicións parécenos axeitado como un primeiro espazo público para que os donos de cans poidan estar con eles alí con total normalidade e ao mesmo tempo que non molesten noutros espazos, singularmente noutras praias. Tivemos varias posibilidades e inicialmente decantámonos por esa, sen prexuízo de que no futuro se poidan estender a outros emprazamentos".
Ademais "hai outra ordenanza na que a nosa compañeira Ana Martínez, a concelleira da praza de abastos, do mercado e de Desenvolvemento Local, pretende facer pequenas modificacións: é na da praza de abastos e dos mercados en xeral, dado que ultimamente hai novas tipoloxías, modificacións de mercados e de postos, polo que hai unha suma de pequenas cousas que debemos ir facendo para adaptarnos aos tempos e que os mercados e a praza de abastos de Ribadeo estean cunhas ordenanzas modernas, dinámicas e flexibles", seguiu a explicar o alcalde ribadense.
E finalmente "como outro punto neste pleno prevense unhas modificacións da Relación de Postos de Traballo (RPT), que son uns cambios moi pequenos, moi concretos, moi puntuais derivados basicamente do que ten que ver co posto de traballo do xefe da Policía Local, en cumprimento dunha sentenza que indica o deber de subsanación das deficiencias no tocante ao seu complemento específico; por outra banda, a consignación económica do posto de Tesourería, dado que foi incluído polo Ministerio de Facenda hai moi poucos meses no concurso estatal reservado a funcionarios de habilitación estatal precisamente e como ata agora sempre estivo vacante debémolo consignar por este requirimento legal. E ao mesmo tempo tamén queremos facer unha pequena reordenación das funcións do posto de ordenanza municipal e a adaptación a outra praza similar, neste caso diminuíndo as retribucións do posto en cuestión", concluíu o alcalde.
"
Como se ve, a nova remata cunha longa cita do alcalde.
Despois do pleno, outra nova cun título que expresa ás claras os puntos importantes do pleno, e como non, remata con outra cita do alcalde (despois de ser outras citas o groso do texto, como no caso anterior). Por certo, aparecen aclaracións: o alcalde asegura que os partidos recibiron hai 11 días a documentación do orzamento, e iso porque no pleno queixáronse de non ter tempo a leela, e por iso as abstencións que houbo:
"

Novas



RIBADEO CONTARÁ CUN LUGAR DE BAÑO PARA OS CANS

Orzamento para 2016

30/03/2016
No pleno celebrado onte no Concello foi aprobado o orzamento municipal para 2016 que ascende a 9,5 millóns de euros. O alcalde, Fernando Suárez, asegurou que os partidos da oposición recibiron hai 11 días a documentación correspondente e cualificou de rechamante a súa actitude. O rexedor considera que si tiveron problemas coa recepción por correo electrónico da información puideron dirixirse ao Concello e consultar en formato papel dita documentación.
Suárez Barcia dixo que "foi un importante pleno este ordinario que celebramos onte á noite, no que se abordaron unha serie de puntos importantes para Ribadeo. Eu penso que todos son importantes, pero hai un que destaca, que é o orzamento do Concello de Ribadeo, que neste ano ascende a practicamente 9 millóns e medio de euros, o cal supón un aumento dun 4,03 por cento. Cóbrense investimentos importantes que nos afectan a todos, tanto á xente que vive nas parroquias como á que reside na vila. Hai que ter en conta que cubrimos practicamente 1 800 000 euros de investimentos reais, que son financiados con recursos propios do Concello e con outros procedentes doutras administracións. Son para poder manter e repoñer nas distintas áreas do concello con obras de asfaltados en rúas e camiños, en mobiliario urbano, instalacións deportivas, etcétera, aparte de todo o investimento que queremos seguir mantendo en servizos sociais, en cultura, en deportes, en igualdade, etcétera".
Sobre a actitude mantida polos partidos da oposición na sesión plenaria dixo "debo destacar que é un pouco sintomático que estes puntos outros anos sempre daban lugar a debates, pois é lóxico que a oposición a veces queira expoñer os seus argumentos e contrastalos, o cal nos parece moi ben, pero este ano é un pouco rechamante que a maioría da oposición dixo que non recibira ben o correo electrónico con esa información e que polo tanto non o podía debater. Eu quero dicir que toda a documentación que se manda a través dos procedementos electrónicos chegou 11 días antes da celebración do pleno e se houbo algunha incidencia tiveron tempo para vir comunicarllo ao funcionario responsable dos envíos; e en todo caso, máis aló dos envíos a través dos correos electrónicos, sempre obra na Secretaría do Concello unha copia en papel e todos os expedientes, como todas as Corporacións e todos os gobernos anteriores foron facendo ao longo da historia, xa que antes non se mandaban as convocatorias nin a documentación por correo electrónico. Agora, por unha deferencia, faise, pero desde logo se alguén non as recibe pode comunicalo porque se mandan con moita antelación. Varios grupos da oposición abstivéronse, non quixeron votar a favor deste orzamento, pero non por discrepar con el nas cifras ou polas liñas de traballo, senón porque dixeron que non recibiran o correo electrónico 11 días antes".
O alcalde indicou que "este presuposto acaba de nacer, pero afortunadamente hai unha parte que tíñamos comprometida a través dun préstamo bancario, que en función destas noticias positivas para a provincia, e tamén para Ribadeo, de que a Deputación Provincial no día de onte aprobou o seu orzamento anual, entendemos que o compromiso que o goberno provincial do PSOE e do BNG con Ribadeo para asumir aquela parte que case toda a Corporación, non toda lamentablemente, lle pedíramos porque se a Xunta non facía fronte ás súas responsabilidades e aos seus compromisos de financiar aquela parte de 500 000 euros para rematar a residencia de maiores si o faría a Deputación. Como finalmente no día de onte o organismo provincial aprobou o seu orzamento, confiamos e entendemos que nos próximos días se fará un convenio para garantir economicamente ese compromiso político con Ribadeo. E así o Concello de Ribadeo non terá que acudir a un préstamo externo para poder sufragar esa cifra".
Fernando Suárez manifestou que "hai que ter en conta que nestes últimos anos, e así se reflexa no orzamento deste 2016, os xuros da débeda con entidades financeiras reducíronse un 64 por cento; por unha banda polo vencemento dos préstamos, dado que hai anos que non se piden, e por outra banda pola tendencia á baixa nos tipos de xuro para as operacións que están aínda en vigor de anos atrás. Pero con todo, con esta boa noticia da Deputación o nivel de endebedamento crediticio non sufrirá aumentos, senón todo o contrario".
O rexedor dixo que "na orde do día foron aprobados de xeito unánime ou case unánimes, tanto a modificación da ordenanza municipal medioambiental na que contemplamos un espazo para esparexemento e baño para os cans. Empezaremos cunha zona moi pequeniña situada debaixo da Ponte dos Santos. Se iso funciona ben igual poderíamos crear outras zonas, pero de momento empezamos por aquí. Tamén foi para adiante a modificación da ordenanza reguladora da praza de abastos, mercadiños e venda ambulante e por unha ampla maioría se aprobou a modificación da ordenanza da escola de música para prever algunha nova incorporación de servizos, aumentar algún curso no que ten que ver con baile moderno e ballet, percusión tradicional e algúns outros cursos e obradoiros demandados pola cidadanía. Non hai que esquecer que esta Escola de Música de Ribadeo da servizo a más de 300 alumnos e é un orgullo para Ribadeo e para Galicia contar con ela".
Suárez Barcia engadiu que "dentro do apartado de rogos e preguntas que fai a oposición moitos deles con total fundamentación como poñer algúns espellos que faltan, amañar algúns camiños que non están ben dos que tomamos boa nota sobre todo nun acceso a Ribadeo que depende do Ministerio de Fomento, na rotonda da Opel, que se fixo hai uns meses un corte e que a reposición non está correcta, e desde logo xa dimos conta ao Ministerio de Fomento desta incidencia". E tamén se referiu "a estas incidencias que se dan no polígono industrial de Ribadeo a conta dos fallos de telefonía de Movistar, no que lles comentamos aos corporativos que hai moi pouquiños días por parte desta operadora se nos  asegurou o compromiso de resolver dunha vez por todas esta incidencia e que os máximos responsables a nivel galego ían vir aquí a dar a cara diante de todos os usuarios e empresarios do polígono industrial de Ribadeo".
"
Polo que me contaron (non asistín), debeu de ser un pleno realmente curioso [non sei como non vai máis xente para observar as curiosidades] que mesmo tivo un receso que foi ofrecido para que o membro dun partido clarificara as ideas en relación a unha proposta do propio partido, chamando a quen correspondera. Os orzamentos non tiveron discusión, cousa inédita aínda tendo maiorías absolutas o equipo de goberno, e que é reseñada na glosa do alcalde.
E, despois das verbas do alcalde... nada máis que dicir.

20160728

'Festivos locais en 2017'... e máis

Curiosidades de Ribadeo. Nun pleno fálase do regulamento de participación cidadá e a nota de prensa do concello sobre o mesmo titúlase 'Festivos locais en 2017'.
Claro que a nota de aviso do pleno á cidadanía titulábase 'Hoxe, pleno ordinario':
"
A PARTIR DAS 20:30 HORAS
Hoxe, pleno ordinario
26/07/2016 
Esta tarde haberá pleno ordinario no Concello de Ribadeo. Na orde do día figuran asuntos como o expediente para a fixación de dous días festivos locais para 2017 e o expediente de renuncia ao cargo de concelleiro de Roberto Ramos Piñeiro do PSdeG-PSOE.
Tamén se debatirán dúas mocións presentadas polo PSOE relativa ao regulamento de participación veciñal e sobre o plan de reordenación de tráfico."
Por se non fora abondo ilustrativo, aparece a convocatoria, un documento que foi cargado en "Mar 26 Xul 2016 19:21:13 CEST"; é dicir, unha hora antes de comezo do pleno:
Unha hora para avisar ós veciños de que vai haber un pleno, despois de ter trasladado os plenos dun día fixo da semana a días aleatorios.
En canto ós temas, Cousas como a variación das bases de execución do orzamento para este ano quedan escamoteadas no título.
Non parece que con estes antecedentes, fora moita xente nin na corporación sexan moi proclives a un regulamento de participación cidadá decente.
A estas alturas, o máis parecido que podo ter a unha asistencia ó pleno é a nota de prensa da alcaldía (a de título 'Festivos locais en 2017'), esta si emitida con abonda celeridade e profusión de datos e explicacións favorables ás posturas mantidas pola alcaldía:
"HABERÁ UNHA PARTE DOS ORZAMENTOS QUE SERÁN PARTICIPATIVOS
 Festivos locais en 2017
 27/07/2016 
O vindeiro ano serán festivos locais os días 16 de agosto e 8 de setembro. Así se acordou no pleno ordinario celebrado onte no Concello, no que tamén se aprobou por unanimidade que Ribadeo se integre na asociación Terras de Miranda. A renuncia do concelleiro socialista Roberto Ramos ou os prazos de pago aos provedores foron outros dos asuntos abordados nesa sesión plenaria, segundo informou hoxe o alcalde, Fernando Suárez Barcia. 
 O alcalde manifestou que "no tocante ao cumprimento dos prazos de pago aos provedores segundo as leis actuais, situámonos moi por dentro dos límites máximos, estamos aproximadamente en quince días de período medio de pago desde que se aproban as facturas. Polo tanto estamos nesa boa liña que levamos xa moito tempo e contamos seguir así no futuro". 
 Fernando Suárez contou que ademais "o pleno do Concello fixou por unanimidade que os dous festivos locais para o ano 2017 sexan o 8 de setembro, o día da patroa, e o 16 de agosto, día de San Roque. Son habitualmente os dous días que establecemos como festivos locais, que temos capacidade desde o Concello para decidir cales van ser". 
 O rexedor ribadense relatou que "houbo tamén unanimemente unha modificación das bases do presuposto municipal en vigor do 2016, para prever unha pequena axuda para a celebración do campionato galego de traíñas que quere ter en Ribadeo a base da final. Contamos que se xunte moita xente de todo o país, vai haber unha proba na ría de Ribadeo e desde o Concello queríamos tamén promover este tipo de deportes, que son tradicionais e que queremos apoialos de maneira importante". 
Suárez Barcia dixo que "tamén neste pleno ordinario deuse conta do escrito de renuncia ao cargo de concelleiro do PSOE de Roberto Ramos Piñeiro, algo que agora xa tramitamos diante da xunta electoral para que se axilicen os trámites para que a nova persoa que o vai substituír tome posesión en canto teñamos a credencial, supoñemos que será no vindeiro pleno". 
 O alcalde seguiu a explicar que "na orde do día que metemos de xeito extraordinario que Ribadeo se poida integrar na asociación Terras de Miranda na que están concellos da Mariña e da Mariña interior. Esta asociación pretende xestionar recursos europeos, fondos públicos da administración pública e privada, na maioría fondos europeos, para diferentes actividades de procedementos produtivos e non produtivos, públicos ou privados. Tamén contou con unanimidade este punto". 
Mocións 
Por outra banda, "no apartado de mocións tratáronse dúas do PSOE, unha delas relativa ao regulamento de participación veciñal que, se ben no espírito estamos absolutamente a favor e na práctica estamos aplicando case a totalidade do que alí se pedía, aínda que polos motivos que lles fomos dando e que contaron tamén coa anuencia de parte da oposición, a día de hoxe non ten sentido esa regulación tan concreta que eles propoñían. Dado que están entrando en vigor a lei 39/2015 e 40/2015 de procedemento administrativo de réxime xurídico das administracións públicas agora en outubro, e que son moito máis ambiciosas que o que o propio PSOE propoñía", indicou Fernando Suárez. 
O rexedor asegurou que "en canto a transparencia, temos un portal onde se colgan todos os acordos, calquera interesado pode acceder a calquera documento que estime conveniente, o dereito de audiencia sempre se deu, é algo legal non é algo que teña que estar en ningunha ordenanza porque xa lle corresponde a calquera cidadán, o dereito de participación, o dereito de petición, calquera persoa que queira reunirse co alcalde o con algún concelleiro do ramo que sexa non ten ningún problema, e desde logo todo o mundo pode participar nos asuntos que lles afecten. Todo o mundo que queira pode facer uso das instalacións municipais para diferentes cuestións que non teñan ánimo lucrativo e sempre que sexan por unha causa pública e motivada, non hai ningún problema. Queremos incluso ir moito máis aló, estamos coa administración electrónica, desenvolvendo máis procedementos para que desde a casa todo o mundo poida pedir o certificado de empadroamento que desexe, pero estamos traballando para que poidan pedir tamén as licencias de obra e que poida haber unha pasarela de pagos electrónica. A finais deste 2016 cando preparemos os presupostos do ano que ven queremos que unha parte deles tamén sexan orzamentos participativos para que a través dunha aplicación todo o mundo poida propoñer a onde prefiren que destinemos parte das inversións para o ano que ven. Polo tanto a moción non prosperou por todo isto que argumento". 
O alcalde ribadense explicou que "no que ten que ver coa outra moción na que propoñían o plan de reordenación do tráfico, é unha moción un tanto ambigua, falaban de poñer semáforos, pero sen indicar onde. En Ribadeo houbo semáforos nos anos sesenta, setenta e oitenta, logo durante moitos anos estiveron apagados e a día de hoxe tal e como foi cambiando o sistema de tráfico de Ribadeo suporían máis atrancos que solucións volver instalar semáforos. No que ten que ver cun plan de tráfico global é difícil elaboralo agora sen que se desenvolva o plan xeral de ordenación municipal, que conta con novas rúas e avenidas pero que están sen construír. Moitos deles están pendentes de iniciativas privadas, de desenvolvemento de polígonos urbanísticos derivados do plan xeral, cando iso sexa así tal vez Ribadeo deberá repensar o sistema de circulación”. E anunciou que “de momento podemos ir facendo pouco a pouco cambios, xa anticipamos que dentro de pouco teremos que facer algún na rúa Alfredo Deaño por mor das obras arredor da residencia que estamos construíndo con beirarrúas máis anchas e que seguramente impedirán o dobre sentido en Alfredo Deaño. Insisto son cuestións pormenorizadas por sectores concretos que temos que ir avanzando tamén co concurso de todos, pero agora non é o momento de facer un plan de tráfico global". 
Excrementos dos cans 
Na sesión plenaria houbo tamén rogos e preguntas: "houbo unha serie de críticas razoadas e razoables sobre as cagadas dos cans, confesando ás veces a nosa imposibilidade dado que o problema non son os cans senón que son os donos dos cans que algúns deles non teñen unha conciencia cívica e ningunha educación e permiten que os cans fagan as súas necesidades na rúa e non se preocupen de recollelas". 
O rexedor ribadense subliñou que "a Policía Local está con iso e eu falei con eles esta mesma mañá para pedirlles que redobren o esforzo, aínda que admito que é complicado que a Policía poida nun momento concreto localizar ao can e ao dono. Tampouco temos unha plantilla de cen policías apostados en cada esquina de cada rúa para ver cando iso se produce". 
E pediulle á veciñanza: "eu o que quero é de boa fe pedirlle sentidiño e responsabilidade aos propietarios dos cans que non teñen a culpa porque non teñen conciencia cívica, aínda que algúns deles ás veces son máis educados que os propios donos, para evitar que se produzan estas circunstancias. Hai avenidas e rúas como Rosalía de Castro, Rafael Fernández Cardoso ou Irmáns Moreno Ulloa que están cheas de cagadas de cans habitualmente. Por moito que a brigada de limpeza pase tampouco non pode estar pasando cada media hora porque iso non pasa en ningún lugar do mundo civilizado"."
Ou sexa, destaca que parte dos orzamentos destinaranse ó que quera a participación cidadá, pero de novo a participación queda fóra. E non o digo tanto pola negativa ó proxecto do PSOE (que, que saiba, non contempla toda a historia anterior de loita por un documento de participación cidadá decente en Ribadeo) como polo aprazamento dun debate sobre o tema coa menor excusa (neste caso, variacións legais xa sucedidas o ano pasado, 'máis ambiciosas que a proposta'). Ou sexa, como a lexislación actual é máis avanzada que a proposta, non se trata a proposta e xa se verá cando se trata o desenvolvemento desa lexislación. E, como di o alcalde que a meirande parte das cousas xa se aplica (coido que falta algo de concreción...), pois, para que máis?
Iso si, os excrementos dos cans lévanse 1/4 do espazo da nota (claro, están sen solucionar por anos e anos).
Coido que se podían comentar abondas cousas máis sobre o pleno a traverso da mesma nota de prensa do concello. Vou contentarme cunha precisión máis. Fala o alcalde de transparencia e presume, para elo, de páxina web: "en canto a transparencia, temos un portal onde se colgan todos os acordos, calquera interesado pode acceder a calquera documento que estime conveniente, o dereito de audiencia sempre se deu, é algo legal non é algo que teña que estar en ningunha ordenanza". Resulta curioso que hoxe, 28 de xullo, non haxa colgado nas actas ningún documento correspondente a este ano. Ou que siga faltando o de xaneiro de 2015. Ou a de novembro. Ou que os documentos, a máis dalgunha normativa municipal, se reduzan a actas de plenos. Por certo, sen índice de ningún tipo! (proba a ler un pleno enteiro...)