Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta orzamento. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta orzamento. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

20071115

Pleno ó 13 (...e fin)

    O punto terceiro foi o da aprobación do orzamento xeral do concello... para este ano. É dicir, algo que tivera que estar feito a finais do ano pasado (e que xa se avanzou que tampouco estará listo o do próximo a finais deste, polo demais comprensible dada a data de aprobación do actual). Foi tildado en todo momento de presuposto-liquidación por ser xa unha aprobación a auga pasada, algo que pouco máis cabería dicir que tiña que ser aprobado por xa estar gastado. 

    Alí ían incluídos pagos de todo tipo, como o pago á SGAE pro actuacións diversas dende hai anos, e que representou varios millóns das antigas pesetas (quen queira información sobre o tema ten numerosos artigos en internet contra este pago que de feito representa un imposto inxusto, sobre o que non é a primeira vez que falo no blog). 

    Ben, este orzamento incluía o financiamento de varias administracións por actividade de todo tipo. Vaia por diante que foi aprobado con abstención da oposición, o que agradeceu o alcalde e máis ou menos xa estaba anunciado. Pero eso non quitou para que, tratándose de moitos cartos, non dera lugar a razonamentos e discusións diversas. Así, UPRi tildouno de irreal, inflado, sen redución de obrigas previas, con xeración de débeda, con incremento do atraso nos pagos, etc, incluíndo que vaian 475000€ a 'gastos diversos' e críticas curiosas como que o orzamento estea en castelán ou que coa cantidade de gasto de cultura teñamos as peores festas da rotonda. 

    A intervención do PSOE destacou que se absterían pola corresponsabilidade de gasto ata as eleccións nun orzamento que con 8600000€ é o máis alto da historia (habería que lembrar que os presupostos tenden a subir ano tras ano, pois a inflación tamén sube, pero resulta que en xeral van tamén por arriba da inflación), un orzamento tardío que representa un incremento do 8%. 

    O PP tildouno directamente de mal presuposto, contra o que votarían noutras circunstancias (que non aclararon pero suponse que se refería a que é 'só unha liquidación'). Lembrou ó goberno que non procuraron acordo para levalo adiante, pero que ían 'obrar con responsabilidade'. Compararon co orzamento do 2002 en diversos puntos, como o aumento de gastos correntes e persoal (entre ambos, 69% fronte ó 63% no 2002) e a diminución de inversións (paso do 25% ó 20%), así como resaltaron os 47000€ en gratificacións ou os 65000 en comunicacións, cadruplicando neste apartado ó 2002. Asemade, deron nota de que os ingresos estaban inchados, incluíndo un aumento de 12 veces nas multas de tráfico ou de 6 nas multas urbanísticas. 

    Naturalmente, houbo defensa, pero coido que máis por quedar ben que por necesidade. Un par de puntos dános que os móbiles dos concelleiros rebaixaron a súa factura, pero as comunicacións aumentaron polo ADSL das parroquias e cousas por estilo, e que o aumento do orzamento responde a partidas afeitas de anos anteriores, que andan por 500000€. 

    Todo isto, como é natural, con tintes políticos e de culpabilidades atribuídas a uns ou a outros. Pero nada máis. 

--

O pleno foi tratado en Ribadeando en varias entradas consecutivas:

Pleno ó 13 (primeira parte) 

Pleno ó 13 (segunda parte)

Pleno ó 13 (III)

Pleno ó 13 (IV)

Pleno ó 13 (V)

Pleno ó 13 (... e fin)

 

20190122

Tes tempo hoxe ás oito e media? Queres saber en que invirte o concello os teus cartos?

Hoxe hai pleno, ás 20:30. Podes ir e tentar enterarte. Algunhas pinceladas previas, a nota de prensa e a convocatoria de pleno:
* A nota de prensa do concello, liberada onte (na web do concello):
INCLÚE UNHA PARTIDA PARA O CÉSPEDE DO ESTADIO PEPE BARRERA

Orzamento para 2019

21/01/2019
O orzamento do Concello de Ribadeo para 2019 ascende a máis de 9.200.000 euros. O edil de Economía e Facenda, Vicente Castro, subliña que se consolida o investimento e que se incrementa o gasto social. O presuposto someterase a debate e aprobación no pleno ordinario que terá lugar mañá, 22 de xaneiro, ás 20:30 horas.
Castro explicou que "o orzamento de 2019 ascende a 9.205.958 euros, uns 270.000 euros menos que o ano anterior. O presuposto municipal de Ribadeo consolídase xa por enriba dos 9 millóns de euros permanentemente. Inclúe arredor de 1.150.000 euros para investimentos, a maioría con cargo a fondos propios do Concello, e van repartidos máis ou menos a un 50 por cento entre a vila e o rural, preferentemente en rúas periféricas de Ribadeo, onde había moito pendente por facer, e en asfaltados no rural con aglomerado asfáltico. É unha liña iniciada xa hai uns anos e que agora se consolida cunha dotación importante de fondos".
Para o concelleiro de Economía e Facenda "hai que ter en conta que a isto váiselle engadir o Plan Único da Deputación Provincial, de colaboración cos Concellos, que ascenderá a uns 300.000 euros, polo que en total serán 1.500.000 euros de investimento anual para Ribadeo, que son cifras importantes e que permiten poder facerlle fronte ás infraestruturas primordiais".
Castro sinalou que "dentro deste capítulo de investimentos vai contemplada unha partida para a drenaxe e reposición do céspede do campo de fútbol Pepe Barrera, con ese convenio que propuxemos á Deputación e á Xunta, a tres partes, para financialo. O proxecto está practicamente listo para presentar e en canto teñamos o orzamento dirixirémonos de novo ás distintas administracións para poder acometer este investimento neste verán que vén".
O edil ribadense engadiu que "en liñas xerais no orzamento sube o gasto social en dous apartados primordiais, que son a atención a dependentes e a achega por parte do Concello á Deputación para a xestión da residencia de maiores. Son as partidas que maior subida teñen no orzamento e o resto de gastos e partidas xerais e proxectos mantéñense. En resumen no orzamento deste ano consolídase o investimento e aumenta o gasto social".
* Decreto de convocatoria de pleno ordinario (isto, no 'portal de transparencia'):
 Ah! Como ás veces parece un xeroglífico, o dos cartos para este ano é o punto número 4.

20141106

Sobre as contas do concello de Ribadeo (ou non)

Coido que se todos contribuímos ás contas do concello, deberan estar dispostas para a nosa análise. A cousa é que se están dando pasos nese sentido. Hai xa algún tempo un amigo me comentou desta web, http://www.rendiciondecuentas.es/gl/index.html , que fai un paso adiante para que podamos dispoñer desas contas para botar unha ollada. Case diría que para írmonos afacendo a participar. Ben, aí aparece Ribadeo cunha variable censal que pasa dos 10 000 habitantes no 2011 e 2012 e baixa bruscamente deles no 2013 (en concreto, 10 023, 10 061 e 9 994 empadroados respectivamente), e coas contas rendidas deses tres exercicios, con esta información referida ó exercicio pasado:
Orzamento, Liquidación do Orzamento e tramitación da Conta Xeral
Data aprobación definitiva do Orzamento 29/01/2013 Data aprobación da liquidación do Orzamento 17/03/2014
Data de formación da Conta Xeral 07/07/2014 Data de Informe da Comisión Especial de Contas 15/07/2014
Data de inicio da exposición pública 23/07/2014 Data de presentación da Conta Xeral ao Pleno 25/08/2014
Data de aprobación da Conta Xeral 25/09/2014 Data de envío da Conta Xeral 03/10/2014

Iso serve para animarse a máis. E así podemos mergullarnos e ver que o importe pendente de cobro polo concello a 31 de decembro era de
1 453 388,87 €, fronte a un cobrado de 7 571 072,79 €; é dicir, cousa dun 16% do orzamento total. Algo así como que 'non só debe o concello, senón que tamén lle deben ó concello'.
Tamén podemos ollar outras curiosidades, como que non houbo incrementos netos de patrimonio (tampouco o ano anterior) ou que os gastos financieiros medraron (a lembrar as convulsións dos intereses o pasado 2013), quedando en 142 435,04 € no 2013 por 101 369,24 € no 2012. Ou lembrar as disucsións sobre o resultado do balance, co epígrafe 'resultado orzamentario' que aparece na web, que resulta ser 689 408,86 € para o exercicio, e unha volta 'axustado' coas desviacións, 874 245,71 €.
Ou, e xa non poñerei máis despois, a comparación entre acreedores a longo prazo e a curto prazo entre finais de 2013 e de 2012, respectivamente:
C. Acredores a Longo Prazo     2 377 273,65 €           2 032 066,65 €
D. Acredores a Curto Prazo      1 874 493,82 €           2 564 613,02€
(e, destas,
1. Débedas con Entidades de crédito -14 781,80 €       682 605,29€)
En fin, o certo é que quería destripala máis (algo que nos plenos sobre orzamento bótase en falta ó tempo que se comprende pola cantidade de datos e conceptos que abrangue) pero coido que ó tempo ía liala, polo que así se queda.
Pero na web ligada hai moitas máis cousas interesantes,, de Ribadeo, e fóra de Ribadeo... Naturalmente, que ninguén vaia procurar pagos concretos para ver, por exemplo, canto constou o mantemento dos camións do concello ou do ascensor.

20160401

Un novo pleno baleiro (de xente, non de contido)

Como manda a costume e o impón o xeito de facer as cousas, o martes houbo un pleno no que asistiron de público catro persoas, periodistas incluídos. Non debía de ser moi importante, pois total, só se trataban cousas de pouca monta como o orzamento municipal.
Por partes. O documento que apareceu na web do concello dando difusión á convocatoria do pleno de martes 29 de marzo de 2016 teno tempo de colgado na rede en 'Lun 28 Mar 2016 21:01:21 CEST'. Tendo en conta que o se comezo eran as 20:30 do día seguinte, menos de 24 horas de antelación 'con nouturnidade'. De calquera xeito, aínda que non se chegue ó recomendable, representa unha mellora sobre o xeito de facer as cousas tan só un ano atrás, onde dita difusión non existía máis aló dun papel perdido no taboeiro do concello.
Por certo, como pequeno comentario: hai xusto un ano outro pleno modificaba outra vez a ordenanza municipal da praza de abastos. E hai ano e medio, outra vez. A pobre debe estar xa mareada.
A convocatoria estaba incluída nunha nova de difusión do concello:
"

Novas

Foto Concello
A SESIÓN DARÁ COMEZO ÁS 20:30 HORAS

Pleno ordinario

28/03/2016
No pleno ordinario que se celebrará mañá, martes, no Concello ribadense someterase a aprobación o presuposto municipal para 2016 que ascende a 9 447 000 euros, o que supón un incremento do 4% con respecto ao do ano pasado. Nos orzamentos destínanse a investimentos reais 1 767 000 euros, segundo explicou esta mañá o alcalde, Fernando Suárez.
O rexedor sinalou que á sesión de mañá "van varios asuntos de interese municipal e dos mais transcendentes pode ser o presuposto municipal para este 2016, que ascende a 9 447 000 euros. Sofre un incremento do 4% con respecto ao do ano pasado e no que hai que destacar que en materia de ingresos de impostos directos e indirectos seguen sen experimentar subidas mais aló do que ten que ver co IBI, mais aló da regularización que levou a cabo o Ministerio de Facenda, a través da Dirección Xeral do Catastro, derivadas de unidades que non foran declaradas anteriormente polos seus propietarios. E hai outro incremento, que é o do imposto da plusvalía, non porque subiramos os ratios nin as taxas nin as porcentaxes, senón motivado por un maior movemento que se está a experimentar nos últimos tempos nas compra vendas de bens inmobles aquí en Ribadeo".
Suárez Barcia indicou que "no que ten que ver co gasto e coas transferencias correntes incrementan un 7,85% para transferencias a distintas áreas como pode ser educación, servizos sociais, medio rural, cultura, deportes, turismo, etc… e no que ten que ver cos investimentos reais ascenden a 1 767 000 euros. Mantemos o nivel de investimentos do ano 2015 e destacan para este ano as partidas para a anualidade da residencia e para as obras de reparación de rúas da Área de Rehabilitación Integral de Ribadeo, e tamén doutras actuacións importantes en obras e asfaltado en rúas e camiños, en mobiliario urbano, en instalacións deportivas, etc".
O alcalde subliñou que "tamén neste ano contemplamos, e esperemos que sexa de inicio nada mais, a posible concertación dunha operación de crédito bancaria para facer fronte, si é preciso, para financiar a construción da residencia, desa parte non comprometida inicialmente polo Concello, si comprometida por algunha outra administración como a Xunta, que a día de hoxe nin está nin se lle espera, si o compromiso da Deputación Provincial de Lugo, pero en tanto non teña aprobados os seus orzamentos obríganos ao Concello de Ribadeo a concertar esta operación de préstamo que inicialmente establecementos en 550 000 euros. Si efectivamente a achega da Deputación despois chega esta operación cancelaríase e quedaría amortizada, pero en todo caso é boa cousa prevela porque queremos que a residencia se acabe con toda normalidade". E engadiu: "e relacionado con isto último destacar que se reducen os xuros da débeda bancaria que había no pasado, porque hai anos que non se pide préstamo algún e reduciuse o 64% por vencemento de préstamos, é dicir remataron a súa vida aínda que foran solicitados hai anos. Durante estes últimos anos estivemos pagando e reducíronse moitísimo e iso nos da capacidade de certo endebedamento, que tentaremos que sexa o mínimo posible, por suposto".
Na sesión ordinaria de mañá, 29 de marzo, ás 20:30 horas tamén se someterá a aprobación a modificación puntual de varias ordenanzas: "propoñemos as modificacións puntuais de varias das ordenanzas que temos. No que ten que ver coa nosa compañeira Luz, que é a concelleira encargada da escola de música, prevé a modificación da ordenanza deste centro para incorporar varias posibilidades formativas, como poden ser os obradoiros de instrumentos para alumnado de 6 a 7 anos ou mesmo, en vista da demanda que está a ter como complemento da música tradicional, tamén se quere propoñer a creación da materia de percusión tradicional, así como a ampliación de catro a cinco cursos académicos das materias de danza moderna e de ballet clásico; por outra banda, a concelleira de Sustentabilidade Ambiental, Paz Ermida, propón a modificación da ordenanza vixente de medio ambiente, que data do ano 2006, para a creación dun espazo exclusivo para o esparexemento, para o lecer e para o baño de cans, que ao mesmo tempo teremos que sinalizar axeitadamente".
Suárez Barcia dixo que "na actualidade hai un grande número de persoas no concello que teñen un can como animal de compañía e sabemos que teñen restrinxido o seu acceso a moitas zonas, como espazos públicos, e entón desde o Concello somos sensibles a unha demanda crecente e estivemos nestes últimos tempos a traballar na habilitación dun espazo que fora utilizable para estes potenciais usuarios e ao mesmo tempo que garanta o cumprimento das condicións hixiénico sanitarias para a poboación de Ribadeo. E o espazo que eliximos como área exclusiva de esparexemento e lecer para os cans atópase situado debaixo da Ponte dos Santos practicamente, indo para o Cargadeiro nunha baixada cerca da primeira pilastra da ponte, que é un lugar moi pouco concorrido e por esas condicións parécenos axeitado como un primeiro espazo público para que os donos de cans poidan estar con eles alí con total normalidade e ao mesmo tempo que non molesten noutros espazos, singularmente noutras praias. Tivemos varias posibilidades e inicialmente decantámonos por esa, sen prexuízo de que no futuro se poidan estender a outros emprazamentos".
Ademais "hai outra ordenanza na que a nosa compañeira Ana Martínez, a concelleira da praza de abastos, do mercado e de Desenvolvemento Local, pretende facer pequenas modificacións: é na da praza de abastos e dos mercados en xeral, dado que ultimamente hai novas tipoloxías, modificacións de mercados e de postos, polo que hai unha suma de pequenas cousas que debemos ir facendo para adaptarnos aos tempos e que os mercados e a praza de abastos de Ribadeo estean cunhas ordenanzas modernas, dinámicas e flexibles", seguiu a explicar o alcalde ribadense.
E finalmente "como outro punto neste pleno prevense unhas modificacións da Relación de Postos de Traballo (RPT), que son uns cambios moi pequenos, moi concretos, moi puntuais derivados basicamente do que ten que ver co posto de traballo do xefe da Policía Local, en cumprimento dunha sentenza que indica o deber de subsanación das deficiencias no tocante ao seu complemento específico; por outra banda, a consignación económica do posto de Tesourería, dado que foi incluído polo Ministerio de Facenda hai moi poucos meses no concurso estatal reservado a funcionarios de habilitación estatal precisamente e como ata agora sempre estivo vacante debémolo consignar por este requirimento legal. E ao mesmo tempo tamén queremos facer unha pequena reordenación das funcións do posto de ordenanza municipal e a adaptación a outra praza similar, neste caso diminuíndo as retribucións do posto en cuestión", concluíu o alcalde.
"
Como se ve, a nova remata cunha longa cita do alcalde.
Despois do pleno, outra nova cun título que expresa ás claras os puntos importantes do pleno, e como non, remata con outra cita do alcalde (despois de ser outras citas o groso do texto, como no caso anterior). Por certo, aparecen aclaracións: o alcalde asegura que os partidos recibiron hai 11 días a documentación do orzamento, e iso porque no pleno queixáronse de non ter tempo a leela, e por iso as abstencións que houbo:
"

Novas



RIBADEO CONTARÁ CUN LUGAR DE BAÑO PARA OS CANS

Orzamento para 2016

30/03/2016
No pleno celebrado onte no Concello foi aprobado o orzamento municipal para 2016 que ascende a 9,5 millóns de euros. O alcalde, Fernando Suárez, asegurou que os partidos da oposición recibiron hai 11 días a documentación correspondente e cualificou de rechamante a súa actitude. O rexedor considera que si tiveron problemas coa recepción por correo electrónico da información puideron dirixirse ao Concello e consultar en formato papel dita documentación.
Suárez Barcia dixo que "foi un importante pleno este ordinario que celebramos onte á noite, no que se abordaron unha serie de puntos importantes para Ribadeo. Eu penso que todos son importantes, pero hai un que destaca, que é o orzamento do Concello de Ribadeo, que neste ano ascende a practicamente 9 millóns e medio de euros, o cal supón un aumento dun 4,03 por cento. Cóbrense investimentos importantes que nos afectan a todos, tanto á xente que vive nas parroquias como á que reside na vila. Hai que ter en conta que cubrimos practicamente 1 800 000 euros de investimentos reais, que son financiados con recursos propios do Concello e con outros procedentes doutras administracións. Son para poder manter e repoñer nas distintas áreas do concello con obras de asfaltados en rúas e camiños, en mobiliario urbano, instalacións deportivas, etcétera, aparte de todo o investimento que queremos seguir mantendo en servizos sociais, en cultura, en deportes, en igualdade, etcétera".
Sobre a actitude mantida polos partidos da oposición na sesión plenaria dixo "debo destacar que é un pouco sintomático que estes puntos outros anos sempre daban lugar a debates, pois é lóxico que a oposición a veces queira expoñer os seus argumentos e contrastalos, o cal nos parece moi ben, pero este ano é un pouco rechamante que a maioría da oposición dixo que non recibira ben o correo electrónico con esa información e que polo tanto non o podía debater. Eu quero dicir que toda a documentación que se manda a través dos procedementos electrónicos chegou 11 días antes da celebración do pleno e se houbo algunha incidencia tiveron tempo para vir comunicarllo ao funcionario responsable dos envíos; e en todo caso, máis aló dos envíos a través dos correos electrónicos, sempre obra na Secretaría do Concello unha copia en papel e todos os expedientes, como todas as Corporacións e todos os gobernos anteriores foron facendo ao longo da historia, xa que antes non se mandaban as convocatorias nin a documentación por correo electrónico. Agora, por unha deferencia, faise, pero desde logo se alguén non as recibe pode comunicalo porque se mandan con moita antelación. Varios grupos da oposición abstivéronse, non quixeron votar a favor deste orzamento, pero non por discrepar con el nas cifras ou polas liñas de traballo, senón porque dixeron que non recibiran o correo electrónico 11 días antes".
O alcalde indicou que "este presuposto acaba de nacer, pero afortunadamente hai unha parte que tíñamos comprometida a través dun préstamo bancario, que en función destas noticias positivas para a provincia, e tamén para Ribadeo, de que a Deputación Provincial no día de onte aprobou o seu orzamento anual, entendemos que o compromiso que o goberno provincial do PSOE e do BNG con Ribadeo para asumir aquela parte que case toda a Corporación, non toda lamentablemente, lle pedíramos porque se a Xunta non facía fronte ás súas responsabilidades e aos seus compromisos de financiar aquela parte de 500 000 euros para rematar a residencia de maiores si o faría a Deputación. Como finalmente no día de onte o organismo provincial aprobou o seu orzamento, confiamos e entendemos que nos próximos días se fará un convenio para garantir economicamente ese compromiso político con Ribadeo. E así o Concello de Ribadeo non terá que acudir a un préstamo externo para poder sufragar esa cifra".
Fernando Suárez manifestou que "hai que ter en conta que nestes últimos anos, e así se reflexa no orzamento deste 2016, os xuros da débeda con entidades financeiras reducíronse un 64 por cento; por unha banda polo vencemento dos préstamos, dado que hai anos que non se piden, e por outra banda pola tendencia á baixa nos tipos de xuro para as operacións que están aínda en vigor de anos atrás. Pero con todo, con esta boa noticia da Deputación o nivel de endebedamento crediticio non sufrirá aumentos, senón todo o contrario".
O rexedor dixo que "na orde do día foron aprobados de xeito unánime ou case unánimes, tanto a modificación da ordenanza municipal medioambiental na que contemplamos un espazo para esparexemento e baño para os cans. Empezaremos cunha zona moi pequeniña situada debaixo da Ponte dos Santos. Se iso funciona ben igual poderíamos crear outras zonas, pero de momento empezamos por aquí. Tamén foi para adiante a modificación da ordenanza reguladora da praza de abastos, mercadiños e venda ambulante e por unha ampla maioría se aprobou a modificación da ordenanza da escola de música para prever algunha nova incorporación de servizos, aumentar algún curso no que ten que ver con baile moderno e ballet, percusión tradicional e algúns outros cursos e obradoiros demandados pola cidadanía. Non hai que esquecer que esta Escola de Música de Ribadeo da servizo a más de 300 alumnos e é un orgullo para Ribadeo e para Galicia contar con ela".
Suárez Barcia engadiu que "dentro do apartado de rogos e preguntas que fai a oposición moitos deles con total fundamentación como poñer algúns espellos que faltan, amañar algúns camiños que non están ben dos que tomamos boa nota sobre todo nun acceso a Ribadeo que depende do Ministerio de Fomento, na rotonda da Opel, que se fixo hai uns meses un corte e que a reposición non está correcta, e desde logo xa dimos conta ao Ministerio de Fomento desta incidencia". E tamén se referiu "a estas incidencias que se dan no polígono industrial de Ribadeo a conta dos fallos de telefonía de Movistar, no que lles comentamos aos corporativos que hai moi pouquiños días por parte desta operadora se nos  asegurou o compromiso de resolver dunha vez por todas esta incidencia e que os máximos responsables a nivel galego ían vir aquí a dar a cara diante de todos os usuarios e empresarios do polígono industrial de Ribadeo".
"
Polo que me contaron (non asistín), debeu de ser un pleno realmente curioso [non sei como non vai máis xente para observar as curiosidades] que mesmo tivo un receso que foi ofrecido para que o membro dun partido clarificara as ideas en relación a unha proposta do propio partido, chamando a quen correspondera. Os orzamentos non tiveron discusión, cousa inédita aínda tendo maiorías absolutas o equipo de goberno, e que é reseñada na glosa do alcalde.
E, despois das verbas do alcalde... nada máis que dicir.

20090715

Orzamento habemus!


Antes de pasar ó orzamento: aló polas oito e media óese no pleno un golpe nunha fiestra. Todo transcorre con normalidade, pero, dalía a aun par de minutos, entra no salón de plenos un rapaz coñecido en Ribadeo, atravesa o salón, diríxese ante a mirada de todos a un balcón que estaba aberto (o sinalado pola cruz na toma do sixpac), colle o balón e volta saír. É entón cando todo o mundo comprende (mesmo quen non se decatara do ruído anterior) e o pleno continúa.

Chegouse ó pleno do luns sen ter asegurada a aprobación. Gastos presupostados: 8 690 000€; Ingresos 9 300 000€: un orzamento con superávit apra reducir a débeda. De cánto estamos a falar? Polos números que alí se manexaron, duns 5 000 000€
[Contas sobre a débeda: a un 3% anual, xuro abondo pequeno, son 150 000€/ano de xuro, aparte amortizacións, claro. Ou sexa, 25 000 000 das antigas pesetas. Ou 15€/ano por habitante de Ribadeo, 2 500 pts...]
Falouse do custe da homenaxe a calvo Sotelo, algo que polo momento non sabía, e mentras que no orzamento van 97 100€, o lider da oposición (PP) falou de 107 000€. Aí estaría incluído todo, mesmo o libro, pero non se especificou canto tiña que poñer ó final o concello.
O debate, con varias roldas de preguntas e respostas, non foi sinxelo, pero tampouco complicado. Esplícome: os grupos expuxeron na primeria rolda as súas argumentacións, e logo foi a cousa repetida. por parte do goberno, houbo contestación, e logo, máis que repetición, case súplica de aprobación. Déuse o caso, pouco antes do final do punto, dunha intentona do alcalde para que os grupos declararan o seu voto sen facer a votación, algo que non foi adiante...
Por que foron as discusións? Hai moitas variantes no seu inicio. Saíron temas como que o PP queixábase de que aínda que o BNG aceptara introducir a maioría das súas propostas (5 de 6), a que quedaba era importante, o PSOE coido que tivo un representante que dixo algo así como que o aceptado das súas propostas foi algo así como o chocolate do loro, UPRi queixouse de que a eles non lles aceptaran propostas mentras que ós demáis lles aceptaran case todo, ... A discusión principal, pola importancia dos votos do PP e sere reclamdo por este partido, foi a subvención de accesos ás vivendas no rural, estimado nun paquete de 33 000€ que ó final quedou sen ir adiante, aínda con series de razoamentos por parte do portavoz do PP, Andina, no que se lle recoñeceu unhas táboas no parqué que non teñen os outros membros do pleno; táboas que non fixeron descompoñer ó alcalde pero si vérselle angustiado, dando a razón a todos en parte, pero non dando o brazo a torcer na súa ampla resposta.
Angustia? Por que? Polo que parece, se non se aprobaban os orzamentos, non se podía dispor de cartos para acompañar diversos gastos financiados de xeito maioritariamente (ou alomenos, importante) externamente. É dicir, estabanse a xogar máis euros dos nove millóns do orzamento... Algo que pesou moito sobre todos os grupos, e que coido que foi o motivo de que PSOE e PP se abstiveran, ante a perspectiva de que se lle achacaran as culpas desa perda (alque que foi polo demáis traído e levado moitas veces no pleno, uns botando a culpa e outros quitándoa de cima e inclupando ós primeiros). En fin, as negociacións hai que contemplalas como cesión entre partes, como alí se dixo, aínda que parece que por ista o ganador nas conversas foi o equipo de goberno (representando a Ribadeo...)
Non se falou do custe que vai supor o dinamizar este verán a casa da Ría, pero si da instalación de paneis solares na piscina, ou da distribución de subvencións ós centros educativos ribadenses. Falouse de se o plan E suplía ou complementaba a inversión orzamentaria. Tamén, de se o orzamento actual (e o anterior) implicaba unha diminución ou un aumento de débeda (duro debate con UPRi, no que interviu a Interventora e non quedou en bo lugar a Interventora anterior a pesares da suavidade de trato ds aúa colega, e da que o menos que se dixo foi algo así como que eran datos parciais o informe que dera a UPRi). O imputar unha entrada por multas urbanísticas o ano pasado de 1 000 000€, cobrándose só na realidade o 8,5% (pero queda aí, non podéndose voltar a imputar isa cantidade iste ano... e se se chegan a cobrar por via xudicial ou non, a conta xa está feita). Aparece unha burocracia de datas de presentación e discusión sobre se iso significa que as cousas estánse a facer mellor ou peor (en 2007 os orzamentos presentáronse en novembro, en 2008 en agosto a finais e en 2008 en xullo), gastos de aquí e da aló, diminucións pírricas e sen sentido ou ben estudadas, ... a eficiencia no gasto? Diso non houbo debate. O Ribadeo que queremos (algo que leva coleando xa uns cantos anos e non se decide polo que parece) tamén brilou pola súa indefinición.
Saíu a relocer tamén os 17 000€ para equilibrar soldos municipais (citándose o desequilibrio de soldos do convenio anterior e a 'igualación por arriba' que supuña para os empregados municipais ista cantidade) e o catálogo de postos de traballo, encargado co beneplácito sindical pero sen aplicar por disconformidade dos sindicatos co resultado.
Todos os grupos tentaron de aproveitar en diversas versións un comentario dun deles no que se acusaba ó goberno municipal de 'non buscar ingresos noutras administracións'...
O pleno foi transcorrendo sen avanzar en posturas sobre algo que xa discutiran os grupos municipais varias veces. Por un comentario que me fixeron, poderíase dicir que as posturas de cada grupo si estaban decididas con anterioridade ó pleno, pero mantiveron en vilo ó alcalde ata o último momento, no que visiblemente respirou, a parte de dar as grazas polo que significa a aprobación dos orzamentos, mesmo sendo sacados adiante con catro votos (vamos, que a oposición sempre pode dicir 'nos non votamos iso'...)
O apartado final, de rogos e preguntas, non podo referilo por non ter estado nin pedir referencias...

20231130

Pleno en Ribadeo o 4 de decembro: orzamentos

    Onte vin o que deixo aquí: a convocatoria do próximo pleno do concello de Ribadeo. Engadín a nota de prensa correspondente e deixo unha conta sinxela: o orzamento previsto implica un gasto total polo concello de 1230 €/persoa ó longo de 2024.

Orzamento Ribadeo 2024

Ribadeo contará en 2024 cun orzamento de 12,3 millóns de euros, dos que 3,5 millóns van destinados a benestar social

29/11/2023

Dani Vega destacou que son os presupostos máis sociais e máis altos da historia do Concello.

Ribadeo contará cun orzamento de 12,3 millóns de euros en 2024. O alcalde, Dani Vega, subliñou que é o máis alto da historia do Concello ribadense e que son tamén os presupostos máis sociais.

O rexedor declarou: “Ribadeo presenta as súas contas. Ribadeo contará un orzamento de 12,3 millóns de euros para o ano 2024. Poucos Concellos teñen os orzamentos aprobados, Ribadeo farao en tempo e forma e tamén hai que destacar que somos un goberno que so levamos cinco meses e xa acreditamos unha xestión e tamén rigorosidade nos presupostos”.

Vega explicou que “a inversión increméntase e chega a 1,7 millóns de euros, que son 600 000 euros máis que en 2023. Tamén traballamos durante estes meses para mellorar as condicións de todos os traballadores e así o negociamos con todos os sindicatos. A todos lles quero dar as grazas polo traballo e pola dedicación e nosoutros cumprimos en so cinco meses con vellas demandas ás que non se daba resposta. Vai haber dous técnicos administrativos máis da administración xeral, tamén un chófer para a desbrozadora e os socorristas, técnicos en emerxencias sanitarias e técnicos de limpeza de praias van traballar tres meses. Esta era unha vella reivindicación, coa que este goberno cumpriu e deu unha resposta”.

O alcalde dixo que “tamén queremos un Ribadeo máis social. Nas subvencións nominativas pasamos de 11 000 euros a preto de 15 000 euros para os colectivos que están a traballar coas persoas. Incorporamos á Cruz Vermella, que nestas subvencións nominativas non estaba”.

Daniel Vega subliñou que “para a licitación do SAF imos aprobar unha cantidade de 1,6 millóns de euros. Para o hospital asilo, onde estamos a realizar a reforma integral, tamén van 1,6 millóns de euros. E imos xa comprar os terreos para o centro de saúde, iso é un compromiso absoluto e total, por un valor de 250 000 euros. No centro de día neste momento estamos a investir 20 000 euros e imos incrementar esa cantidade ata 50 000 euros máis no 2024. Nas actividades de Preto de Ti, que se están a realizar por todas as parroquias a Xunta de Galicia investirá 40 000 euros e nós achegaremos 10.000 euros. E á residencia de maiores destinamos 20 000 euros. Son 3,5 millóns de euros os que van destinados a benestar social no 2024. É a partida máis grande destinada a este fin da historia de Ribadeo”.

O rexedor manifestou que “queremos un Ribadeo mais rural e por iso aprobamos o Plan Único dotado con 356 000 euros e tamén contaremos cun novo plan de infraestruturas, en colaboración coa Xunta, que estará dotado con 350.000 euros mais o plan do Agader con 95 000 euros. E para a mellora das contornas significativas das parroquias van 120 000 euros. Tamén queremos un Ribadeo mais sostible. Ao parque de San Francisco destinamos 200 000 euros e para o parque de Indianos 50 000 euros. E no plan de recollida de lixo imos investir 600 000 euros. Ese Ribadeo máis sostible tamén vai ser un Ribadeo máis limpo e máis verde. E imos mellorar o edificio do Viejo Pancho no que investiremos 50 000 euros e nas instalacións da Policía Local máis de 60 000 euros”.

Vega destacou que “son uns orzamentos moi importantes para Ribadeo os de 2024. Son 12,3 millóns de euros, os máis altos da historia de Ribadeo. Acredítase unha xestión e unha colaboración coas distintas administracións. Hai que destacar a da Xunta de Galicia e a da Deputación, esperemos que invistan mais durante este ano, e tamén se acredita que somos rigorosos e estritos nas contas, onde aprobaremos en tempo e forma estes orzamentos, que son froito do traballo conxunto entre os técnicos e o equipo de goberno municipal”.

20161215

Martes 20, pleno: 870 €/ribadense

Por fin. Un pleno avisado con cinco días de antelación. Coido que é o máis importante dun pleno que é de por si importante, pois del van depender o orzamento, e polo tanto, o gasto, do próximo ano. Porque permitirá a quen queira asistir, se non participar, ao menos chegar ó primeiro nivel desa participación, o recibir un primeiro verniz de información directa sobre esa importante cuestión económica do concello.
Así que, estás avisada: o concello gastará 870 € por (e suponse, para) ti.

Como teño comentado outras veces, coa nota de prensa márcase unha dirección para mirar a noticia, que neste caso tamén inclúe o pór ó alcalde como referencia da mesma, a partir do título. despois, fai referencia relativamente extensa á residencia de maiores no que sería impulso antefinal dun equipamento que é necesario sacar adiante, despois dun longo recorrido que merece un estudo histórico que coido pode condensar a historia de Ribadeo destes últimos mandatos.
Tamén se extende no pulso orzamentario co estado, desta volta a conta do ibi, o imposto de bens inmobles, que manterá en cuantía, a pesar do mecanismo estatal destinado a subilo. E, como en todas as confrontacións, previndo que haberá que loitar por cartos compensatorios de non aproveitar a opirtunidade de suba do ibi, tenta poñer a cataplasma antes da ferida efectiva, polo menos a nivel propaganda.
O resume: un gasto duns 870 € por cada un dos aproximadamente 10 000 ribadenses.
Velaeiquí a nota de prensa do concello:
O IBI NON SE INCREMENTARÁ, SEGUNDO O REXEDOR
Orzamento para 2017
14/12/2016
O equipo de goberno someterá a aprobación en pleno extraordinario o vindeiro martes, 20 de decembro, o proxecto de orzamento municipal para 2017, segundo deu a coñecer esta mañá o alcalde, Fernando Suárez. O presuposto, que ascenderá a 8 772 000 euros, pasará mañá polas comisións informativas correspondentes. Segundo subliña o rexedor increméntase a partida destinada a gasto social e tamén os investimentos a realizar en rúas e camiños rurais.
Suárez Barcia dixo que "este ano queremos tamén aprobar agora o orzamento municipal para 2017. Querémolo facer en tempo e forma, precisamente no 2016, porque este presuposto para o ano que ven queremos que empece a dar os seus froitos desde principios de 2017".
O alcalde ribadense sinalou que "hai inversións municipais que necesitan que os orzamentos estean aprobados de xeito definitivo, como pode ser a licitación do mobiliario da residencia de maiores de Ribadeo, a demolición das antigas vivendas de profesores alí ao pé da residencia, tal e como quedamos. Todas estas actuacións, aínda que teñen unha parte de financiamento externo, neste caso da Deputación, si que hai unha parte de financiamento municipal que require dos orzamentos aprobados".
O rexedor explicou que "sacamos este proxecto de orzamentos que continúa coa senda destes últimos anos. Aínda que en cifras é algo inferior ao último, o orzamento total ascende a 8 772 000 euros, algo menos que o de 2016, porque debemos ter en conta que o ano pasado había unhas partidas moi importantes para a construción da residencia de maiores, e que agora para o seu equipamento non son tan notables".
Fernando Suárez seguiu a relatar que "sacada a inversión da residencia prodúcese dentro destas cifras un aumento de investimentos se o consideramos en relación a exercicios anteriores, sobre todo en rúas e en camiños rurais. En rúas, en urbanización e pavimentación, e en camiños rurais, en asfaltados, soben aproximadamente un 40% con respecto ao ano anterior estas partidas. E dentro do gasto corrente hai tamén un incremento do gasto social, sobre todo no que ten que ver coa atención aos servizos de axuda no fogar tanto na súa modalidade de prestación básica como na de dependencia. Ao mesmo tempo están contemplados a cobertura de todos os servizos".
Para o alcalde "este é un presuposto realista e contido. Moitas veces nas partidas de ingresos non somos demasiado optimistas porque nunca se sabe cómo vai acabar o ano. Queremos ser prudentes á hora de confeccionar os orzamentos e que logo ao longo de ano dea cabida para toda a inversión que temos previsto para levar adiante".
Imposto de bens inmobles
Nas comisións informativas que se celebrarán mañá, previas ao pleno extraordinario do vindeiro martes, "outro dos puntos que trataremos é levar adiante aquilo que ten que ver co IBI, co que ten que ver co imposto de bens inmobles, co que ten que ver coa contribución urbana, que é a máis importante. Se ben víamos nos medios de comunicación que hai uns días o goberno do Estado di que hai unha serie de concellos, entre os que está Ribadeo, que teñen unha ponencia de valores moi antiga, como é a deste concello que é de finais dos anos 80, e que nestes concellos lles aplicaría unha suba do valor catastral do 8%, nosoutros como xa dixemos que non queremos subir o IBI… para o ano 2017 imos levar unha baixa no tipo que se vai aplicar a ese valor catastral, da mesma equivalencia, é dicir do 8%".
Suárez Barcia subliñou que "deste xeito se neste ano 2016 estaba no 0,73, agora aplicando a baixada equivalente baixará o 0,67, polo tanto na multiplicación das dúas variables o resultado será que para o ano 2017 non vai haber o incremento do 8% que pretendía o goberno do Estado. Sabemos que isto ao ingresar menos tamén reduce as posibilidades de inversión, pero cremos que non é o momento adecuado para subir o IBI, e preferimos axustar doutra maneira outros servizos e inversións. Pero nos orzamentos municipais para o ano 2017 confiamos en levar adiante unha boa parte de actuacións e de inversións, sen prexuízo de que outras administracións como a Xunta de Galicia, á que ultimamente non se lle ve moito por aquí desgraciadamente, poida botarnos unha mao coas súas inversións tan necesarias e demandadas como a residencia, os saneamentos, abastecementos de auga, pavimentación de rúas, o remozado do xulgado de paz, etc… Pero o camiño é longo e seguramente poidamos ter momentos de encontro, sen dúbida".

20171201

Pleno. A versión do concello

Despois de 'un pleno pode ser divertido', sigo co tempa do pleno de novembro, mais esta volta presentando a visión do concello, a nota de prensa que se pode ver na web do concello. E poño de xeito independente a nota para contrastar cos outros comentarios que poda facer, tanto en 'un pleno pode ser divertido' como en futuras entradas.
"

TAMÉN SE RECLAMARÁ A FOMENTO O ARRANXO DA N-642

 Residencia para maiores
30/11/2017
No pleno celebrado onte no Concello de Ribadeo aprobouse o orzamento municipal de 2018 que ascende a preto de nove millóns e medio de euros. O alcalde, Fernando Suárez, móstrase moi orgulloso de ter xa o presuposto listo e cualifícao de equilibrado. As contas inclúen obras importantes como as que se acometerán na avenida Ría de Ribadeo e na rúa San Roque. Ademais por unanimidade aprobouse a creación dunha comisión que determine o modelo de xestión da nova residencia de maiores de Ribadeo.
O rexedor ribadense manifestou esta mañá que "foi importante e interesante o pleno ordinario que celebramos onte con moitísimos puntos da orde do día aprobados por unanimidade, e con asuntos moi importantes para o futuro máis inmediato de Ribadeo. Eu penso que o máis importante dunha Corporación é o orzamento municipal que neste ano temos o orgullo de poder dicir que aprobamos o orzamento do 2018 neste ano 2017, e que vai entrar en vigor seguramente a finais deste ano. É algo que a lei establece que sexa así, pero que a maioría de Concellos non o fan, e nosoutros en Ribadeo estamos moi orgullosos de facelo así".
Fernando Suárez dixo que "presentamos un orzamento entendemos que equilibrado nos ingresos, no senso de presupostar ingresos cos principios de prudencia sen botar as campás ao vo. Ao mesmo tempo co orgullo de poder dicir que non subimos os impostos nin as taxas coa excepción do IPC aplicado á piscina municipal, segundo ven no contrato de concesión, pero polo resto non subimos ningún tributo nin ningunha taxa municipal".
O alcalde declarou que "no apartado de gastos está o incremento na dotación para a prestación do servizo de axuda no fogar un ano máis, e tamén dunha serie de obras de infraestruturas importantes tanto para a vila como para as parroquias. Queremos seguir avanzando no saneamento municipal, no amaño de camiños e de pistas municipais, e tamén no ámbito da vila queremos dar conta desta gran obra que pretendemos levar adiante a principios do ano 2018, como é a mellora e a humanización da avenida da Ría de Ribadeo. Este acceso principal leva moitos anos configurado para turismos e vehículos, pero non como un lugar para que as persoas poidan camiñar con seguridade. Queremos humanizalo e queremos dar seguridade a que calquera persoa da vila que queira ir andando ata estes lugares de centros comerciais e de diferentes tendas e servizos que hai ao longo e ancho desta avenida poida facelo con seguridade". E seguiu a relatar:"tamén queremos aproveitar o inicio de ano para facer unha actuación moi importante na rúa San Roque. Hai moitísimos anos que non se lle toca e ten graves problemas de inundacións, desprendemento de plaquetas, etc… Queremos facer unha rúa axeitada ao que é, unha das rúas máis bonitas de Ribadeo e de Galicia, e queremos actuar para que haxa a posteriori movemento económico, poidan abrir máis tendas, máis negocios, máis bares, terrazas, etc… Queremos aprobar canto antes o orzamento municipal para poder actuar en todas estas necesidades que ten Ribadeo e a súa xente".
Fernando Suárez comentou: "tamén é de destacar a baixada dos xuros da débeda coas entidades financeiras polo tanto cada vez pagamos menos de xuro, e iso determina que poidamos ter máis diñeiro para efectuar inversións".
O rexedor salientou que "outro dos puntos importantes que se aprobou por unanimidade no pleno de onte, foi o relativo á creación dunha comisión especial para o estudo e o informe da forma de xestión da residencia para maiores de Ribadeo. Seguemos dando pasos na liña que todos, ou case todos, nos conxuramos hai varios anos para que Ribadeo tivera unha residencia. Agora rematadas as obras, o continente, estando a piques de ter resolto o contido, é dicir o equipamento, é o momento de dar este novo paso creando unha comisión que por lei ten que estar creada, para determinar dentro das fórmulas posibles, dentro da legalidade vixente actual, qué é o que pode facer o Concello para xestionar esta residencia. Mirar pola xestión directa ou indirecta, cales son os pros e os contras, e esta comisión xunto cos técnicos municipais e coa auditoría que se está realizando nestes días, teremos que determinar cal é o procedemento para trasladarllo á Xunta para que nos dea autorización de funcionamento. A Xunta, máis aló de se deu ou non deu diñeiro, que ata o de agora falta o primeiro céntimo que dera para a residencia de Ribadeo, si que é obrigado que nos dea luz verde. Igual que nola deu no seu momento para iniciar a construción aínda que non puxera un peso, tamén agora terá que darnos luz verde para a xestión, e por iso é necesario a creación desta comisión".
Estrada N-642
Sobre outros asuntos debatidos no pleno de onte Suárez Barcia explicou que "tamén por unanimidade o Concello acordou dirixirse ao Ministerio de Fomento para que dunha vez por todas amañe, dunha maneira digna e eficaz, o treito da N-642 entre Ribadeo e Porto. Está moi deteriorado, é moi perigoso, sobre todo para motociclistas e para ciclistas porque non hai arcén, está cheo de grixo, téñense producido ultimamente accidentes, e o día menos pensado vai pasar algo grave. Pedímoslle ao Ministerio de Fomento que dunha vez por todas nos trate a este treito de Ribadeo da N-642 como a estivo tratando de Porto cara a Lugo, a Meira e A Pontenova, que está en aglomerado, e en perfecto estado de revista, non así este treito en Ribadeo. Ao mesmo tempo dimos conta do que lle estamos pedindo á Deputación para este 2018, son peticións de arranxos en diversos viarios provinciais neste termo municipal. Os viarios da Deputación están nunha situación moi deteriorada desde hai moito tempo, especialmente aqueles das parroquias do interior, necesitan con urxencia unha actuación, que confiemos que se dea neste 2018. Así llo pedimos sinceramente, así lle describimos cales eran as necesidades e confiemos que en breve poidamos ter noticias positivas ao respecto".
O alcalde comentou que "tamén houbo unha serie de mocións, catro concretamente do grupo municipal do PSOE sobre a situación de Feve, sobre o medio rural galego, sobre o 25 de novembro e sobre a vaga de incendios que asolou Galicia que foron votadas polo noso grupo favorablemente. Ao mesmo tempo houbo unha moción do noso grupo municipal do BNG sobre o 25 de novembro, sobre a violencia de xénero e o maior esforzo que debe facer a Xunta de Galicia e o goberno estatal. Houbo algúns rogos e preguntas, algúns máis acertados e outros menos. Intentamos cumprir todos aqueles rogos que son posibles, e en canto ás preguntas intentamos responder todas na súa totalidade sen esperar ao seguinte pleno". 
"

20211220

Orzamento 2022: furgando na memoria

    No pasado pleno, o xoves 16, coido que o último deste 2021, aprobouse o orzamento do concello e Ribadeo para 2022. É de congratularse o ter un orzamento xa antes de que comece o ano, como debe ser pero como tantas veces non é.

     A raíz do que nos chega, diríase que son uns orzamentos de perfil baixo, sen grandes alegrías, pero que tentan facer a súa función. Segundo o goberno municipal, a característica sería non a pretensión de ser novidosos, senón so manter inversión sen incremento de taxas e impostos. Dá a impresión de que non pretenden agochar nada, só destacar o que consideran conveniente. Pola outra banda, segundo o PP, que votou en contra, adoecen de faltas varias en inversión e mantemento, en particular en relación a proxectos apadriñados polo seu grupo. De ambos campos podemos ter noticias frescas a partir das súas notas de prensa aparecidas xa nos medios. Do outro grupo presente no pleno, o socialista, polo momento non vin novas relacionadas.

    Para ir máis aló das posturas partidarias e recabar información, necesítase ir algo máis aló. Quen informa ó pobo? Digo, porque coido que a información que se dá dende o goberno ou dende a oposición é insuficiente para formarse unha idea clara da realidade e un criterio propio. E un pobo desinformado é un pobo cego, pobo que se pretenderá que non sexa tal (cego, non pobo) cando interese e despois de fomentar a cegueira ó non potenciar a transparencia e a participación. Poñamos que se quere coñecer un pouco máis dos orzamentos. Para desentrañar o seu interior, se nos conformamos con anos atrás, na web https://presupuestos.gobierto.es/ (dun grupo nado para impulsar a gobernanza aberta, Gobierto) podemos atopar un resume que ven abondo a conto, de máis doado manexo que a páxina oficial de seguimento dos orzamentos dependente do goberno. Se pretendemos mirar os orzamentos recén votados (é dicir, xa aprobados, non antes da súa votación), ou as contas aprobadas de anos anteriores haberá que pasar pedir o acceso ó documento e velo de xeito supervisado no propio concello. Pero iso podería cambiar, hai os medios técnicos para facelo, non si? De feito, na web de Gobierto hai unha páxina para pedirlle ó concello correspondente máis información e transparencia, https://presupuestos.gobierto.es/users/new?place_id=27051

    Se nos quedamos coa información da web de presupostos de gobierto, e lle engadimos algún dato máis recompilado ó longo do tempo, sen tanto detalle poderemos obter algunha cousa interesante e curiosa. Aí van unhas poucas.

    O gasto por habitante en 2021 presupostado nos orzamentos de Ribadeo foi un 16 % superior á media provincial, e aínda máis por riba da media galega. En troques, quedou un 10 % por baixo da media estatal. Situación diferente de 2020, pois cun orzamento 8 % inferior, Ribadeo estaba na media galega e ben por baixo da media provincial, e por suposto, estatal. A dicir que nesta variable, o gasto por habitante, só estivo na media estatal no 2015, e só un pouco por baixo no 2016, en toda a serie presentada na web do goberno, entre 2010 e 2021.

    No apartado de ingresos, no 2020 o que máis descendeu foron as taxas pola prestación de servizos ou as de uso privativo do dominio público local (a lembrar a situación covid), e do que máis medrou, os traspasos do estado e da comunidade autónoma (a lembrar a mesma situación).

    No 2021 a débeda está previsto que absorba o 0,95 % do orzamento.

    E revisando entradas Ribadeando, podemos ver que o orzamento para 2021 anunciábase co título 'O capítulo para inversións supera o millón e medio de euros', apuntando tamén a que non se subían impostos. Iso, cun orzamento só 23000 € menos que o rematado de aprobar, e, ó que se se lle axusta a inflación, queda cunha cantidade superior ó aprobado este ano. Como a inflación anual dun ano que aínda non rematou non pode darse, podemos contentarnos coa relación de orzamentos anteriores, con e sen inflación, dende 2005. Aquí quedan as gráficas:



As dúas notas de prensa do concello estes días sobre os orzamentos (a notar que non apareceu na sede electrónica a convocatoria do pleno, facendo a primeira das notas de anuncio dous días antes. Asemade, adáptanse os números ó formato da convención que rixe en España):

Foto Pablo

A SESIÓN DARÁ COMEZO ÁS 20:00 HORAS

Orzamentos 2022

14/12/2021

Os orzamentos para 2022 do Concello de Ribadeo rozarán os 10 millóns de euros, sen que se incrementen os impostos e as taxas de competencia municipal. O equipo de goberno levaraos ao vindeiro pleno extraordinario, que foi convocado para este xoves, 16 de decembro. As contas nacen cunha previsión inicial de inversión de máis de 1 200 000 euros, segundo deu a coñecer nesta xornada o concelleiro de Economía, Pablo Vizoso.

O edil ribadense contou que "onte celebrouse unha comisión informativa cos representantes de tódolos grupos municipais, aos que informamos de que pretendemos levar ao próximo pleno, o do xoves desta semana, os orzamentos para o exercicio 2022 para a súa aprobación. Son uns orzamentos que ascenden a 9 872 370 euros, é dicir que rozan xa os 10 millóns de euros e sen que se incrementen os impostos e as taxas que son competencia do Concello".

Pablo Vizoso dixo que "estes orzamentos caracterízanse por manter o nivel elevado de actuacións e servizos en diferentes áreas que ven realizando xa habitualmente o Concello de Ribadeo, recóllese tamén o incremento salarial do 2 por cento establecido polo Estado para o persoal público. Increméntase o capítulo de servizos e de financiamento de actividades nas áreas sociais, culturais ou deportivas para dar resposta á previsión de maior actividade trala agardada volta á normalidade. Mantéñense as axudas para o tecido asociativo, coma nos exercicios anteriores, destinadas a asociacións deportivas, culturais, asistenciais,…".

O concelleiro de Economía subliñou que "os orzamentos nacen cunha previsión inicial de inversión de máis de 1 200 000 euros, financiado na gran maioría con fondos propios municipais e noutra parte pola Deputación de Lugo. Consígnanse partidas para actuacións moi importantes para Ribadeo como as dos barrios da Faxarda, A Pega ou Río Amalló, a rúa Rodríguez Murias en Rinlo ou diversas inversións tamén noutras rúas. Contémplanse recursos para a adquisición de terreos para o plan de camiños de titularidade municipal, saneamentos, reposición de tramos da rede de abastecemento de auga, melloras e reparación en instalacións deportivas e en locais sociais de diferentes parroquias, na praza de abastos e para melloras de eficiencia enerxética en alumeados públicos ou tamén o espazo polivalente para actividades formativas e de emprendemento.  A estas inversións hai que sumar as que recentemente foron ou están a piques de licitarse e que serán executadas ou iniciadas nos primeiros meses do 2022; refírome á senda ciclable dende a área dos Bloques ata as inmediacións da Illa Pancha ou o espazo multideporte de Pintor Fierros. Esta aposta polo investimento promovida dende o Concello de Ribadeo é unha boa proba do proceso de reactivación económica en diferentes áreas á que poderán optar as empresas interesadas. No ámbito social mantéñense os fondos para familias con necesidades, para atender o servizo de axuda no fogar e a axuda específica para a xestión do Hospital Asilo, entre moitas outras". 

Vizoso Galdo engadiu: “e conséguese financiar todas estas partidas, actividades e servizos  mantendo a débeda do Concello nun niveis r"almente baixos, reflexo dunha xestión eficiente e de equilibrio orzamentario. Soamente como dato: as estimacións que manexamos son que ao remate do exercicio actual a débeda do Concello se sitúe en torno ao 12 por cento, unha porcentaxe ou unha ratio que nada ten que ver coa débeda que se viña arrastrando noutras etapas. Por suposto todas estas partidas veranse incrementadas ao longo do vindeiro exercicio coas achegas do plan único provincial da Deputación de Lugo e coas que poidan prever tanto a Xunta como o Goberno do Estado, cando sexan firmes e confirmadas, asinando os convenios ou acordos que procedan co Concello de Ribadeo".

Foto Concello Ribadeo

CON INVERSIÓNS CERTAS, PRECISAS E COMPROMETIDAS

Aprobados os orzamentos para 2022

17/12/2021

No pleno extraordinario celebrado onte no Concello de Ribadeo foron aprobados os orzamentos de 2022 que ascenden a case 10 millóns de euros. O concelleiro de Economía, Pablo Vizoso, subliñou que contemplan un elevado nivel de actividades e inversións sen subir impostos nin taxas e sen incrementar a débeda.

O edil ribadense dixo que "na tarde de onte celebrouse o pleno extraordinario no Concello de Ribadeo no que se aprobaron os orzamentos para o vindeiro ano 2022. Trátase duns orzamentos que ascenden a case 10 000 000 de euros para manter e mellorar o elevado nivel de actividades e de inversións no noso concello: dende reposición de rúas e camiños, saneamentos, investimentos en instalacións deportivas e en locais sociais, melloras enerxéticas, adquisición de terreos, apoio a asociacións de carácter cultural, deportivo ou asistencial, medidas e actividades de apoio ao comercio local e actuacións de protección social, que benefician a todo o pobo de Ribadeo. Tamén inclúen, por suposto, a subida salarial do persoal público e unha aposta moi forte pola inversión, xa que tendo en conta  o proxectado para o ano 2022 para obras ou equipamentos e máis o que se está licitando nestas semanas para iniciar a súa execución dende primeiros do vindeiro ano, como é a senda ciclable ou as pistas multideporte, suman xa máis de 2 000 000 de euros nesta partida". 

Pablo Vizoso sinalou que "outra característica dos orzamentos é que se consegue chegar a estas magnitudes sen subir os impostos nin as taxas e sen incrementar o nivel de débeda do Concello, que nada ten que ver coa existente hai algúns anos e que condicionaban o seu día a día".

O concelleiro de Economía contou que "por parte da oposición, concretamente o voceiro do PP, cualificou estes orzamentos de continuistas; e teño que dicirlle que é certo que o son, porque con moito orgullo continuamos incrementando a inversión, as actividades e continuamos apoiando ao tecido asociativo e comercial e atendendo e preocupándonos do ámbito social e asistencial. Do mesmo xeito foi necesario lembrarlle que, sobre a inversión no hospital asilo, o Concello mantén reservados exclusivamente para este fin os fondos da herdanza do doutor Moreda así como outros posibles recursos para atender esta importante reforma e adaptación do edificio e que é precisamente nos orzamentos da Xunta onde non figura nin un só euro para esta actuación a pesares de que se trata dunha competencia exclusivamente autonómica".

Vizoso Galdo engadiu que "de forma semellante, sobre o anuncio dun centro de saúde para Ribadeo respondémoslle que os orzamentos recollen necesaria e obrigatoriamente inversións certas, precisas e comprometidas e non simplemente ideas. E que xa hai máis dun mes que lle trasladamos á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia a disposición plena do Concello de Ribadeo para traballar conxuntamente neste obxectivo e que seguimos á espera da súa reposta para poder analizar e determinar a mellor maneira de aportar os recursos do Concello aínda que, por desgraza, outra vez máis onde non se ven fondos consignados é nos orzamentos da Xunta, que precisamente é a que ten a obriga da prestación sanitaria. Mentres tanto, en representación do pobo de Ribadeo, esiximos que se dote ao actual centro de saúde dos profesionais sanitarios e dos medios técnicos que todas e todos nos merecemos e aos que temos dereito".

20161222

Xa temos orzamento

Como era sabido, o orzamento Ribadeo 2017 pasou. Votou a favor o equipo de goberno, abstivéronse PSOE e Cidadáns e votou en contra o PP. Chegados aquí, é para pregutnarse que tería que pasar para que tivera cambiado algún voto. Algo do que non se fala na nota de prensa que presentou a alcaldía, tamén como era de esperar, despois de presentar o pleno nunha e complementalo con outra.
A repetición de argumentos parece deixar claro que a cidadanía ten que saberse a lección de como son as cousas. Coincidume onte de falar de pasada en varios lugares e con varias persoas diferentes sobre a previsión dunhas futuras eleccións en Ribadeo. E non houbo fisuras: todo o mundo de acordo en que o actual alcalde ganaría aínda que se presentara polo Partido Animalista. Con independencia de signos políticos ou de xuízo positivo ou negativo sobre a súa labor. E a nota da alcaldía, por moito que se esteña de acordo co tratamento do IBI feito, coa petición do médico ou coa liña xeral dos presupostos apuntada, vai no mesmo sentido: afianzar un apoio. Facendo unha comparanza co ensino, sería usar o método no que principal considérase memorizar o tema, en troques de comprender e aplicar o aprendido para favorecer un medrar harmónico e completo. En ámbolosdous casos o resultado pode ser bo, pero aplicando criterios de bondade diferentes.
Imaxe capturada da entrada Ribadeo na Galipedia. Escudo e foto, respectivamente lic. CC 4.0 de Heralder e lic. CC 3.0 de HombreDHojalata.

A nota de prensa:
Novas
O ALCALDE AGARDA QUE A XUNTA COLABORE CON RIBADEO
Aprobado o orzamento de 2017
21/12/2016
No pleno extraordinario celebrado onte a Corporación Municipal aprobou non subir o imposto do IBI o vindeiro ano ademais dos orzamentos municipais para o 2017. O Concello solicitaralle á Consellería de Sanidade que se cubra de maneira estable a praza de médico de familia na quenda de tarde no Centro de Saúde de Ribadeo.
O alcalde, Fernando Suárez, declarou que "neste pleno extraordinario tratáronse varios temas, singularmente dous especialmente importantes. Un era o relativo á modificación da ordenanza que regula o imposto de bens e inmobles, o IBI, debido a que diante da elevación do 8% no valor catastral que vai aplicar o Catastro para o 2017, o goberno municipal non ten esa potestade, pero si ten a potestade para modificar o tipo, e tal e como dixemos queremos que non suba a contribución para o ano que ven".
O rexedor explicou que "de aí que a mesma suba que se produce nos valores catastrais, producimos unha proposta de rebaixa que foi a que se aprobou por unanimidade do 0´73 ao 0´67, é dicir para que a multiplicación dos dous valores dea como consecuencia que non se produce incremento tributario para o ano 2017. Hai que ter en conta que os valores catastrais do Concello de Ribadeo son especialmente baixos. Se temos en conta que Ribadeo é o segundo concello da provincia de Lugo, despois da capital, en valores de mercado, pero dado que ten unha ponencia moi vella do ano 1987, é o cuarto pola cola en valores catastrais de toda a provincia de Lugo".
Fernando Suárez comentou que "quizais non sexa malo que haxa unha valorización do que ten que ver co valor catastral, pero en definitiva o tipo queremos rebaixalo para que o produto, para que a multiplicación do mesmo, sexa a que veu sendo para este ano. Para que non haxa subida e no recibo a xente non note diferenzas para o ano que ven".
O alcalde de Ribadeo salientou que "outro dos puntos que consideramos moi importante é a aprobación en tempo e forma do orzamento municipal do ano 2017, aprobándoo outra vez máis antes de que empece o ano. Eu creo que poucos concellos a día de hoxe poden dicir isto, pero nosoutros queremos aprobalo porque hai que publicalo durante uns días e queremos que entre en vigor o máis axiña posible, xa a principios do 2017, porque del dependen varias inversións importantes como a dotación de mobiliario para a residencia e unha serie de obras de infraestruturas".
Suárez Barcia asegurou que "hai que ter en conta que aínda que o orzamento é un pouco máis baixo que o do ano anterior, si que nos apartados tanto de gasto social como de infraestruturas aumentan aproximadamente un 40%. Fomos moi prudentes no apartado das previsións de ingresos para ser consecuentes cos gastos. De nada serve pronosticar que imos ingresar moito se despois iso non se dá acabamos tendo falta de liquidez, e iso non queremos que pase. Fomos moi prudentes na previsión de ingresos, se esas cifras se superan por enriba mellor porque contribuiremos a ter máis liquidez e poderemos facer máis cousas".
O rexedor engadiu que "tamén é moi importante que a débeda e o que supón, a carga de préstamos, cada vez é menor. Os xuros de débeda para este ano reducíronse un 14%, e aínda hai dous días que amortizamos de maneira anticipada un préstamo que tíñamos cun banco de 300.000 euros. Hai moitas cousas que seguir facendo e mellorar, pero seguimos indo neste sendeiro de tranquilidade, facendo cousas, botando de menos achegas de administracións importantes como a Xunta de Galicia, oxalá para o 2017 se lles vexa o revés das maos por algún lado, e agradecendo e valorando as achegas que fai a Deputación de Lugo, confiemos que siga sendo así tamén no ano 2017. Este presuposto foi aprobado pola maioría que ten o goberno municipal coa abstención doutros grupos e co voto en contra do Partido Popular".
Fernando Suárez relatou que "outro dos puntos importantes foi unha proposta que, a verdade pensamos que ía ser por unanimidade, pero lamentablemente non foi así, aló cada quen coa súa responsabilidade e coa súa xustificación. Fixemos esta proposta para pedirlle á Consellería de Sanidade a inmediata contratación, de xeito estable, dunha persoa que desempeñe as funcións de médico de familia na quenda de tarde no Centro de Saúde de Ribadeo".
O rexedor lembrou que "esta proposta tamén hai uns días foi pedida pola voceira municipal socialista e que contou co noso apoio absoluto. Todos os que votamos a favor, o Bloque, o PSOE e Ciudadanos, e o voto en contra lamentable do Partido Popular, para que se deixe de marear o peixe e convoquen dunha vez por todas unha praza que xa existe, non se trata de que a cree senón que a cubran dunha maneira estable, e non con contratos diarios ou con contratos de luns a venres, que logo ningún médico quere vir. Moitos porque acabaron tendo que marchar para buscar unha vida mellor fora e outros porque de nada serve contratalos por días porque ao final acaban tendo unha volatilidade moi grande".
Fernando Suárez insistiu en que "cubran esa praza dunha maneira estable para que alguén poida vir aquí, poida alugar un piso aquí ou poida vivir dunha maneira permanente aquí, xa verán como non teñen ningún problema. Isto foi o que aprobamos e esperemos que nos fagan caso".

20161027

As contas de Ribadeo

Onte houbo pleno en Ribadeo. Non puiden asistir, mais é deses que si ten difusión abonda. Estaba avisado na web con máis de 24 h de antelación, se ben non tivo anexada a convocatoria cun único punto na orde do día, e a bo seguro hoxe aparecerá a nota de desenvolvemento do pleno, que anexarei a outra entrada.
O pleno está relacionado co mantido o 26 de maio, con convocatoria recollida en 'Difundindo o goberno de Ribadeo', e como di a nota do concello, é consecuencia dun "exceso de gasto" o ano pasado. Exceso de gasto que non significa exceso de débeda, senón saírse de porcentaxes de axuste sobre anos anteriores. Relacionado pois coas medidas de axuste esixidas pola troika para o conxunto do estado e coa variación ad hoc da constitución sen votación do pobo e pola vía rápida hai uns anos. Nese sentido, neste caso, e sen entrar en detalles, coido que o exceso de gasto non significa máis que o saltarse a normativa imposta para a austeridade nun lugar onde ademais as contas van cadrando.
A nota de prensa da convocatoria dicía:
"
O PLAN TERÁ UNHA VIXENCIA DE DOUS ANOS

Mañá, pleno extraordinario

25/10/2016
Mañá, mércores, haberá pleno extraordinario no Concello para aprobar un plan económico financeiro derivado da liquidación do orzamento xeral de 2015. O Concello deberá adoptar medidas para non exceder a regra de gasto estipulada por lei. Ao alcalde, Fernando Suárez, parécelle unha medida inxusta, xa que o Concello dispón dun superávit de 1 300 000 euros e algunha partida podería destinarse á mellora de determinados servizos públicos ou a investimentos en obras.
O rexedor contou que "neste pleno extraordinario previsto para mañá, mércores, soamente hai un único punto que é a aprobación do plan económico financeiro derivado da liquidación do orzamento xeral de 2015. É unha cuestión que soa moi rimbombante e realmente non é nada doutro mundo e é máis é bastante inxusto para o Concello de Ribadeo".
Suárez Barcia explicou que "da liquidación do orzamento do ano pasado incumprimos unha cuestión que está na lei desde hai tres anos, incumprimos a regra de gasto no que recolle esta lei orgánica de estabilidade orzamentaria, dado que do 2014 ao 2015 non debíamos superar o 1,3% de gasto con relación ao ano anterior e finalmente fixémolo no 2% máis ou menos. Tivemos uns 172 000 euros máis de gasto que o que debíamos e hai que ter en conta que é sobre un orzamento liquidado de máis de 9 millóns de euros". O alcalde subliñou: "pero quero dicir que non o fixemos porque nos volvéramos tolos, senón porque usamos o remanente de tesourería, usamos parte do fondo do superávit que ten o Concello desde hai uns anos. E incorporamos crédito derivado dunha herdanza dunha señora que morreu e quixo deixar unha parte da súa herdanza ao Concello para que executáramos obras no hospital asilo como así fixemos, e polo tanto este diñeiro, aproximadamente 90 000 euros, non se puido deducir da regra de gasto ao non vir dunha administración pública, senón dunha persoa física privada".
Fernando Suárez engadiu que "tamén usamos unha parte deste fondo de superávit para pagar aos provedores que presentaron as súas facturas fora do prazo establecido para iso, é dicir do exercicio 2014 presentáronas no ano 2015, non foi culpa do Concello senón deles por presentalas tarde. Neste caso tivemos que recoñecer extraxudicialmente uns 80 000 euros e da suma disto saen os 172 000 euros. Polo tanto debemos aprobar un plan económico financeiro, que ten unha vixencia de dous anos,  que recolla medidas para volver estar nos límites de gastos que permite o Ministerio. Como a situación económica do Concello é positiva, é dicir o remanente de Tesourería é de máis de 1 300 000 euros, o resultado orzamentario é positivo de todos estes últimos anos, a capacidade de financiamento témola máis que de sobra, etc, e a única medida que se estima que procede adoptar é a de declarar a non dispoñibilidade de crédito, é dicir que non imos gastar 280 000 euros, o que por outra parte é lóxico xa que este crédito que prevíamos para concluír as obras da residencia logo afortunadamente veu de man deste novo convenio coa Deputación Provincial de Lugo, porque coa a Xunta de Galicia aínda estamos esperando ao día do xuízo final".
O alcalde rematou a súa explicación sinalando que "en definitiva esta é unha circunstancia puntual e concreta que non é estrutural, e que ademais é inxusta porque estas normativas que lles esixen aos Concellos non gastar de máis por unha banda parecen lóxicas, pero tal como están reguladas non deben impedir que cando hai unha xestión positiva, cando hai remanentes positivos, cando os resultados orzamentarios son positivos, usemos recursos para facer inversións ou para mellorar os servizos públicos. É unha maneira tamén de maniatar aos Concellos que queren ser un pouco rebeldes e que dentro da lei e con sentidiño queremos facer cousas, parece que lles molesta que queiramos facer cousas".
"

20231228

4 de decembro de 2023, pleno. Acta e algún comentario

4 de decembro de 2023, pleno. Acta e algún comentario

    Hai un par de días foi publicada a acta do pasado pleno do concello de Ribadeo de 4 de decembro. Deixo a ligazón e algún comentario.

    ACTA DO PLENO 2023-0017 [ACTA PLENO. ORDINARIO 4 DECEMBRO 2023]

     Comeza o tema cunha curiosidade: nunha das actas a aprobar constaba Fernando Suárez Barcia como alcalde, o que foi posto sobre a mesa polo actual alcalde, Daniel Vega Pérez. Naturalmente, foi feita a 'corección' como aparece nesta acta.

    Dous puntos máis adiante aparece outra corrección, pola que se lle devolven taxas mal cobradas, 403,20 €, a Mario Penelo Riva, quen debeu decatarse e pedir a súa devolución.

    Agora resulta que os concellos teñen que ter un 'plan estratéxico de subvencións', que foi aprobado. Aí detállanse os importes do conxunto das subvencións no 2024-2026 en extraescolares (9000 ou 9800 €, segundo o ano), festexos (40500 o próximo ano, máis 4500 en premios) ou en cultura (2000 €/ano para premios, máis para actividades), por exemplo.

    O punto sexto recolle unha nova adicación exclusiva, a de Montse Seijo, concelleira de RRHH, seguridade e atención cidadá, que pasa de ter adicación parcial a completa, e asignación de 1500 €/mes brutos a 2368,65 €/mes. Pouco trae a acta da deliberación que houbo, según a mesma acta.

    Despois de aprobar a variación da RPT (Relación de Postos de Traballo) do concello, pasouse á aprobación do orzamento, que a oposición di que non tivo tempo de mirar. O orzamento, en resume, é este:


[Por se alguén o quere en modo texto, reprodúzoo ó final dese xeito]

    O orzamento foi aprobado, sinalando a oposicion divrsas disconformidades.

    As preguntas finais, que soen ser máis do día a día, foron sobre o alumenado do Nadal, subministro, montaxe e funcionamento, sobre o prezo de subvención das actividades do Nadal, sobre a rehabilitación do Xulgado de Paz, o mantemento dos campos de fútbol, o uso inadecuado do parque móbil de concello, as actividades privadas lucrativas en locais do concello, o cobro por ver Matria e o uso desexable da lingau galega nos orzamentos. Sinala a acta algunha breve resposta, non a todas as preguntas.

    Duración do pleno: entre 20:30 e 23:15.

-- Orzamento:

GASTOS
Cap. Descripción Recursos
A.- OPERACIONES CORRIENTES
1 GASTOS DE PERSONAL 4.845.925,22
2 GASTOS CORRIENTES EN BIENES Y SERVICIOS 4.811.635,53
3 GASTOS FINANCIEROS 82.789,60
4 TRANSFERENCIAS CORRIENTES 371.089,28
5 FONDO DE CONTINGENCIA Y OTROS IMPREVISTOS 318.731,49
Total operaciones Corrientes 10.430.171,12
B.- OPERACIONES DE CAPITAL
6 INVERSIONES REALES 1.720.232,40
7 TRANSFERENCIAS DE CAPITAL 5.500,00
8 ACTIVOS FINANCIEROS 27.045,54
9 PASIVOS FINANCIEROS 160.612,12
Total operaciones de Capital 1.913.390,06
Total Presupuesto 12.343.561,18

INGRESOS
Artículo Descripción Por artículos
IMPUESTOS DIRECTOS 0,00
11 IMPUESTOS SOBRE EL CAPITAL 2.641.000,00
13
IMPUESTO SOBRE LAS ACTIVIDADES
ECONOMICAS 193.000,00
TOTAL CAPITULO 1 2.834.000,00
IMPUESTOS INDIRECTOS 0,00
29 OTROS IMPUESTOS INDIRECTOS 740.000,00

TOTAL CAPITULO 2 740.000,00
TASAS, PRECIOS PUBLICOS Y OTROS
INGRESOS 0,00
30
TASAS POR PRESTACION DE SERVICIOS
PUBLICOS BASICO 1.959.000,00
32
TASAS POR REALIZACION DE ACTIV.DE
COMPETENCIA LOC 157.000,00
33
TASAS POR UTILIZ. PRIV. O EL
APROVECHAM DOM.PUBLI 409.000,00
34 PRECIOS PUBLICOS 293.500,00
39 OTROS INGRESOS 87.274,06
TOTAL CAPITULO 3 2.905.774,06
TRANSFERENCIA CORRIENTES 0,00
42 DE LA ADMINISTRACION DEL ESTADO 2.513.335,05
45 DE COMUNIDADES AUTONOMAS 1.140.257,51
46 DE ENTIDADES LOCALES 50.000,00
TOTAL CAPITULO 4 3.703.592,56
INGRESOS PATRIMONIALES 0,00
55
PRODUCTOS DE
CONCESIONES,APROVECHAMIENTOS
ESPECIA 512.809,02
TOTAL CAPITULO 5 512.809,02
ENAJENACION DE INVERSIONES REALES 0,00
60 DE TERRENOS 85.000,00
TOTAL CAPITULO 6 85.000,00
TRANSFERENCIAS DE CAPITAL 0,00
75 DE COMUNIDADES AUTONOMAS 904.340,00
76 DE ENTIDADES LOCALES 331.000,00
TOTAL CAPITULO 7 1.235.340,00
ACTIVOS FINANCIEROS 0,00
83
REINTEGROS PRESTAMOS DE FUERA DEL
SECTOR PUBLICO 27.045,54
TOTAL CAPITULO 8 27.045,54
PASIVOS FINANCIEROS 0,00
91 PRESTAMOS RECIBIDOS EN EUROS 300.000,00
TOTAL CAPITULO 9 300.000,00

TOTAL PRESUPUESTO 12.343.561,18]

20210128

Do pleno do día 26 de xaneiro

   Do pleno do martes día 26 de xaneiro, xa teño comentado algunha cousa. Por unha beira, o monto do orzamento de 2021, e por outra o comentario sobre a nota de prensa da convocatoria do pleno. Sen a convocatoria e sen acta, deixo unha nova nota de prensa do concello, que trata do pleno sen que te enteres moito de que é así polos titulares e comezo. De novo, insisto, non é acta, senón nota de prensa, con todas as diferencias que leva consigo. O que si fixen esta vez foi variar a puntuación numérica para adaptala ás normas de uso legal en España.

   Como apunte posterior, engado a nota de prensa do PP.


A INVESTIMENTOS DESTÍNASE 1 500 000 DE EUROS

Axuda para o asilo

27/01/2021

Aprobado no Concello de Ribadeo o orzamento municipal para 2021 que se aproxima aos 10 millóns de euros. O presuposto increméntase nun 8,25% con respecto ao do pasado ano e inclúe, por primeira vez, unha axuda directa de 25 000 euros destinada ao Hospital Asilo para seguir mellorando o servizo integral dese centro. O alcalde ribadense, Fernando Suárez, subliña que se trata dun orzamento serio e solvente e agarda que dea a mellor resposta posible aos retos marcados para este ano.

O rexedor explicou que "neste pleno do día de onte, aprobamos os orzamentos para este ano 2021, que chegan case aos 10 millóns de euros e que soben un 8,25% con respecto ao ano anterior, sen que se vexan incrementados os impostos e as taxas que son de competencia municipal. Como xa dixemos nos días anteriores prevemos manter o nivel elevado de actuacións e servizos nas diferentes áreas nas que vimos traballando. Tamén se eximen as taxas pola ocupación de terrazas, como unha medida de apoio á hostalería, e mantemos as axudas para o tecido asociativo, tanto comercial como educativo, deportivo ou social. Consignamos, por primeira vez, unha partida de 25 000 euros de axuda directa ao Hospital Asilo, máis aló dos servizos e subministros dos que o Concello xa se viña facendo cargo ao longo da historia. Todo isto facémolo con ánimo de seguir mellorando o servizo integral nesa residencia tan importante para Ribadeo e que, xunto coa nova, dan un servizo indispensable a moitas persoas". 

Suárez Barcia indicou que "incrementamos tamén notablemente o capítulo de inversión, que supera o millón e medio de euros, e que é financiado na gran maioría ben con fondos propios ou ben con fondos da Deputación de Lugo. Aquí desde logo, outro ano máis, botamos moito de menos os fondos da Xunta, e como isto é precisamente un presuposto confiemos que ao longo do ano se lle vaia vendo o envés das maos da Xunta. En todo caso, recollemos partidas para actuacións que consideramos moi importantes como é este vieiro paralelo á estación de Feve, diversas actuacións en espazos públicos e en rúas, tamén un plan de camiños de titularidade municipal nas diferentes parroquias, así como reposición de tramos da rede de abasto de auga, instalacións deportivas e sociais nas parroquias, mellora en eficiencia enerxética de alumeados e mellora na praza de abastos. Todo este forte incremento de inversións tamén se enmarca no proceso de reactivación económica que toca diferentes áreas". 

O alcalde dixo: "en canto ás críticas que recibimos, especialmente do PP, que se os presupostos son tan malos non sei porqué non votaron en contra, lles explicamos os datos, por voz do meu compañeiro o concelleiro de Economía e Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, que durante o ano 2020 o Concello viu incrementados os custos en medidas de prevención contra o covid en máis de 200 000 euros para atender a limpezas, a desinfeccións e outras accións semellantes, nun contexto ademais de redución de ingresos que cuantificamos en máis de 300 000 euros, dos que a Xunta gobernada polo PP, e recibindo fondos estatais e fondos europeos, tan só aportou ao Concello a pírrica cantidade de 9500 euros. Iso esqueceuse de dicilo o concelleiro Vega como tamén esqueceu as importantísimas achegas que o Concello fai ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF), cando é unha competencia autonómica e que no SAF básico, o de primeira atención, ademais de custealo nós e máis a Deputación, resulta que en numerosas ocasións tamén nos temos que acabar ocupando da atención ás persoas que requirirían o SAF da dependencia, que é autonómico, pero que como non os dan valorado, logo de meses e meses de espera pola falta de acción da Xunta, tense que acabar ocupando o Concello de Ribadeo, como outros Concellos".

Suárez Barcia engadiu que "no contexto social e económico no que vivimos, e dentro do ámbito das nosas competencias, tentamos facer un presuposto serio e solvente, coa intención de que dea a mellor resposta posible aos retos que temos por diante neste ano. E se logo outras administracións tan linguateiras pero logo tan parcas economicamente, como a Xunta, van aportando algo máis do escasamente previsto benvido será desde logo". 

-- Nota de prensa do PP:

ORZAMENTOS MUNICIPAIS 2021

❌ Os orzamentos municipais de Ribadeo para o ano 2021 aprobados polo goberno local do BNG non están pensados para combater a crise derivada da covid-19. Non teñen en conta a realidade actual: non pensan nas familias máis vulnerables nin recollen partida orzamentaria concreta para a reactivación económica de Ribadeo.

👉🏼 Tamén puxemos de manifesto no pleno deste martes que estes orzamentos son malos para Ribadeo. E sinalamos que dos 9,8 millóns de euros de orzamento municipal destinaranse 1,5 a inversión; pero que destes o Concello aporta única e exclusivamente 60.000 euros porque o resto son achegas doutras administracións.

👉🏼 O goberno local elevará a débeda do Concello no 2022 a 1,6 millóns de euros porque, despois de pedir un crédito de 550.000 euros o ano pasado e deixar sen investir 335.000 euros, volve pedir un novo crédito de 610.000 euros que tampouco aclara onde o vai investir.

👉🏼 Dende o Grupo Municipal Popular defendemos que nestes momentos de gran crise, os orzamentos deberían ser consensuados cos distintos grupos da Corporación municipal e co tecido económico do municipio e, polo tanto, lamentamos que non fora así. Con todo, comprometémonos a seguir traballando por Ribadeo e os ribadenses.

Outros asuntos do pleno 👇🏼

🔹 Tamén preguntamos ao goberno local polo número de xuízos perdidos e o diñeiro que nos costarán a tódolos ribadenses.

🔹 Elena Sierra preguntou polo horario e a periodicidade dos traballos de limpeza e desinfección dos parques, rúas e puntos concorridos, pero como resposta só recibiu divagacións e continuamos sen saber se existe unha planificación para estes traballos.

🔹 Elisa Rodríguez interesouse por coñecer cal é a empresa que xestiona actualmente a residencia de maiores de Ribadeo.

🔹 En relación á ordenanza reguladora das axudas para a conciliación da vida laboral e familiar en Ribadeo, Begoña Sanjurjo Santar lembrou que presentamos dúas veces alegacións para mellorar a súa redacción para beneficiar a tódolas familias que precisen empregar as ludotecas ou os programas de calquera dos centros educativos do municipio.

🔹 Tamén apoiamos a solicitude dunha axuda ao IDAE para a renovación das instalacións de iluminación, pero lembramos ao alcalde que as deficiencias no alumeado público da vila e das parroquias deben ser subsanadas con subvención ou sen ela.

🔹 O Grupo Municipal Popular apoiou tamén un proxecto de mellora medioambiental para a costa do noso concello.