20210127

Si, si, houbo un novo pleno en Ribadeo

   Síntoo. Vexo -hoxe- que debeu haber un pleno -onte-. A nota de prensa leva data de onte, e segundo datos extraíbles da web, a subida da información non se produciu ata pasadas as dúas e cinco da tarde de onte. Claro que, en tempos de Covid sen cobertura telemática, haberá que esperar á acta para ter algo claro, a máis da visión persoal que poda dar algunha persoa do pleno, pois nin a convocatoria está na sede electrónica do concello. Acta que pode ser rápida en ser cargada ou non: se se vai na páxina do concello ó apartado actas, a última sección que aparece é de 2019, con notables ausencias anteriores. Hai que mergullarse na sede electrónica do concello para ir sacando unha a unha as que alí constan. A última, abondo rápida na súa carga, é de data 29 de decembro, correspondendo ó pleno de 24 de novembro, 35 días antes. O que me da a idea de facer unha entrada ligando todas as actas dispoñibles en internet hoxe por hoxe para simplificar abondo a procura de quen esté interesado... Ata o de agora, o que levo feito é só aplicar a etiqueta 'plenos' a aquelas entradas relacioandas con eles, 133 nestes momentos, sen máis.

   Mentres, e a falta dun decreto público de convocatoria ou do resultado do pleno, deixo o máis aproximado, a nota de prensa a pao seco, sen comentar -xa digo, a falta de coñecer o desenvolvemento...-

A SESIÓN, QUE SERÁ TELEMÁTICA, COMEZA ÁS 20:00 HORAS

Pleno hoxe

 http://ribadeo.gal/imxd/noticias/imx/1611666355100420_Foto_Concello_3_-_copia.jpg

26/01/2021

No pleno ordinario que se celebrará esta tarde no Concello de Ribadeo analizarase a proposta para solicitar o proxecto Life Global, a emprender na costa das parroquias de A Devesa, Rinlo e Vilaframil. Trátase da adquisición de 27 parcelas, que ocupan unha superficie de 14 hectáreas, para restaurar os hábitats costeiros de flora autóctona. E tamén se analizará a solicitude de axudas ao IDAE para realizar melloras no alumeado público. O investimento total ascendería a 2 millóns de euros e a axuda demandada será do 80%.

O rexedor contou que "un dos temas que vai ao pleno hoxe é a proposta de solicitar un novo proxecto europeo, coñecido como Life Global, que segue a estela do proxecto Life Fluvial, que aínda está vixente e co que fomos expropiando nestes últimos tempos terreos na marxe galega da ría de Ribadeo para poñer a disposición de Conservación da Natureza para facer actuacións medioambientais. De aí que estivéramos substituíndo eucaliptos por frondosas desde As Aceas ata practicamente o inicio da traza do tren mineiro de Ribadeo a Vilaoudriz".

Fernando Suárez explicou que "agora neste outro Life que queremos solicitar trátase de pedir financiamento para adquirir unha serie de parcelas que lindan co mar nas parroquias de A Devesa (singularmente no entorno das Catedrais), Rinlo e Vilaframil. En definitiva propoñeríamos a compra de 27 parcelas, que ocupan unhas 14 hectáreas no seu conxunto, para lograr a restauración dos hábitats costeiros de flora autóctona. Este ambicioso proxecto tamén se levaría a cabo en coordinación con outras comunidades, como Asturias, Castela, Euskadi ou Navarra, a través do IBADER, que é o Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural da Universidade de Santiago de Compostela".

O alcalde sinalou que "outro punto que plantexamos no pleno é a posibilidade de solicitar ao IDAE, que é o Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía que depende do Ministerio para a Transición Ecolóxica, unha axuda económica de fondos europeos para accións de renovación de todas as instalacións de iluminación pública no concello, actuación cifrada cun orzamento duns 2 millóns de euros, dos que solicitaríamos o 80 por cento, que son 1.600.000 euros de axuda de fondos europeos. E con toda a humildade plantexamos esta acción que nos parece moi interesante e é o momento de que o pleno se pronuncie para ver se somos beneficiarios nun futuro máis ou menos inmediato".

Ningún comentario: