20210110

Discurso de reis 2021 en Ribadeo

Os discursos de reis son pezas literarias e sociais de primeiro orde. Pode que a súa edición nun libro quedara moi repetitiva, mais coido que sería convinte para trazar unha historia de Ribadeo. Aquí queda o deste ano, e abaixo, un pequeno vídeo da cola para ver ós reis:

   "Moi boas noites, benqueridos amigos e amigas, nenas nenos, maiores e pequenos: Non sen dificultades chegamos a esta fermosa vila de Ribadeo.

    Estamos a vivir uns momentos moi difíciles en todo o mundo e sentimos moitísimo non poder facer este ano unha cabalgata multitudinaria polas rúas da vila, como desexabamos nós e vós. Pero sabemos que entenderedes as razón.

    Non vos preocupedes, como sentimos que estamos nos vosos corazóns, como vemos coa nosa mirada máxica as vosas cheas de luz e ilusión e como adiviñamos que nos vosos peitos aniñan os mellores sentimentos, aquí estamos un ano máis con todos vosoutros, aínda que sexa deste xeito tan singular. Tamén nosoutros sentimos por todos vós un enorme cariño, e agradecémosvos que sexades tan comprensivos. Grazas por escoitar as nosas palabras, emocionadas por tantas atencións.

    Este é un ano moi especial no que tivestes que aprender a comportarvos dunha maneira distinta, a andar con máscaras, a relacionarvos pouco e con coidado coas amigas e amigos, a estar moito tempo, encerrados nas casas... por todo iso, e porque sabemos que fostes bos, seremos xenerosos, todo o xenerosos que permiten estas circunstancias, pero seguro que chega de sobra para que sexades felices. Así que estade tranquilos, o día de Reis, cando espertedes, os nosos agasallos estarán nas vosas casas. Xogade con eles, compartídeos coa vosa familia, e, con prudencia, tamén cos amigos, se é posible.

    Porque hoxe, pese a todo, benqueridos nenos e nenas, é o voso día, a vosa festa; nesta noite e mañá todo ten que ser alegría e xogo, entusiasmo e felicidade. Vós sodes o mellor exemplo de que entre todos sairemos adiante. Nas vosas man está o futuro.

    Obedecede aos vosos pais, sede cariñosos con eles e máis coas avoas e avós e co resto da familia. Necesitan máis que nunca da vosa presencia, dos vosos aloumiños. Eles dedican as súas vidas a vosoutros, agradecédellelo. Ben sabedes que a maior felicidade é facer felices aos demais.

    Tamén queremos mandarvos unha mensaxe a vós, nais e pais. O primeiro de todo que xoguedes cos vosos fillos e fillas, que lles deades protección e cariño. As vosas criaturas son, xunto coas persoas maiores, as máis vulnerables da sociedade e necesitan de vós máis que nunca. Por iso, pedímosvos que teñades moito coidado nas vosas relacións. Sede prudentes nos vosos comportamentos. Non vos expoñades inxustificadamente. Cumpride as normas aconselladas polas autoridades e expertos sanitarios, non fagades inútil todo o labor e sacrificio de tantas persoas que estiveron e están a traballar arreo pola saúde e benestar dos demais, persoas a quen nunca compensaremos dabondo pola súa entrega e a quen mandamos desde aquí o noso máis agarimoso agradecemento, Dade exemplos aos vosos fillos e fillas de moderación nos vosos comportamentos, e solidariedade, empatía e compromiso cos máis débiles e necesitados.

    Finalmente, queremos mandar tamén unha mensaxe á clase política: practicade a convivencia serena fronte á crispación. Aparcade diferencias, vellos rancores e remade todos na mesma dirección Loitade xuntos para que esta pandemia fomente un maior acercamento emocional entre os seres humanos. Procurade non radicalizar aínda máis o nivel de malestar e inquedanzas en que vivimos, porque o efecto na sociedade podería ser moi daniño e pernicioso.

    E agora, queridos amiguiños e amiguiñas, ceade axiña, deitádevos en paz na cama, cerrade con forza os ollos, durmide placidamente toda a noite, que mañá, ben cediño, teredes os nosos xoguetes nas vosas casas.

    Convidámosvos a todas e todos a traballar, como a ta agora, para que Ribadeo sexa cada día un lugar máis agradable e acolledor.

    Cun poema -dedicado ás parroquias e escrito por Baltasar e Gaspar para distraer a longa viaxe desde Oriente-, acabamos o noso discurso.

Seguindo a ruta que marcan

as estreliñas do ceo

deixaremos agasallos

nas casas de Ribadeo.

Silenciosos e nocturnos

cando remate o serán

visitaremos as casas

de todo Vilaselán.

Seguiremos o camiño,

viaxando leira por leira,

ata chegar ás casiñas

da parroquia de Piñeira.

Cargados van os cabalos

de xoguetes máis de mil

para repartir arreo

por todo Vilaframil.

Logo iremos silandeiros,

o noso deber cumprindo,

moi pegados á ribeira

ata as vivendas de Rinlo.

Guiados por vagalumes

que brillan como as estrelas,

continuaremos camiño

á parroquia de Covelas.

Antes que se faga día

un nobre pulo nos move:

visitar unha por unha

todas as casas de Ove.

Mentres a noite pechada

o seu negro manto estende,

chegaremos a Santalla,

Santalla de Vilaousende.

Pero non vos preocupedes,

non nos esquecemos dela,

deixaremos agasallos

na parroquia de Couxela.

De aquí marcharemos ledos,

a tarefa case feita,

para deixar os presentas

nas terras de Cedofeita

E a esperanza que hoxe brilla

coma se fora un diamante

ha levarnos finalmente

polas casiñas de Arante.

Moitos bicos para todos

e para todas tamén.

Haxa paz, felicidade

neste ano que vén.

Aos maiores, aos pequenos,

aos bebés, nenas e nenos,

a nacionais e estranxeiros,

ribadenses, forasteiros,

desexamos o mellor

os Reis Magos de Oriente

Gaspar, Baltasar, Melchor."


 

Ningún comentario: