20210123

Progresión do coronavirus en Ribadeo (IV)

   Os datos varían, fanse vellos antes de ser publicados, porque corresponden a casos observados días atrás... Hai que ver a tendencia a longo prazo, e non sirven moito as predicións estatísticas individuais  para un concello coas normas cambiantes, precisamente ditadas para tentar cambiar a forma das gráficas e con elo, as espectativas vitais. A liña de axuste é máis unha constatación que unha proxección. Unha constatación que se vai voltando máis complicada de representar só porque hai máis datos acumulados no tempo.

   Fala o alcalde na última nota emitida con data de antonte (outra cousa é cando se colgou na web) "Estamos observando xa que logo, un descenso de casos neste gromo no Hospital Asilo ao tempo que un incremento paseniño e continuado dos contaxios no conxunto do Concello". Pois depende. Nos últimos días, si, e non tan paseniño. Pero en total, no concello, os 29 casos da primeira semana non foron superados aínda despois. Claro que incluían á xente do Hospital Asilo.

   Deixo a nota da alcaldía a continuación, e as entradas anteriores desta serie 'progresión do coronavirus en Ribadeo':

Foto Hospital Asilo

RIBADEO ACUMULA 24 CASOS NOS ÚLTIMOS 14 DÍAS

Contaxios por covid19

22/01/2021

Seguen a baixar os casos positivos por covid19 no Hospital Asilo de Ribadeo. O último cribado realizado hai dous días arroxa a cifra de 6 persoas contaxiadas, segundo ven de informar o alcalde, Fernando Suárez.

O rexedor dixo que "seguindo a estela das últimas notas de prensa emitidas, debemos falar dunha situación agridoce na situación do Hospital Asilo, aínda que a medida que o tempo vai pasando o número de casos, no seu conxunto, seguen a baixar". 

Suárez Barcia confirmou que "actualmente xa non quedan usuarios desprazados ao Cegadi (Centro Galego de Desenvolvemento Integral) pois as 2 persoas que quedaban alí, das 19 que chegou a haber, xa retornaron a Ribadeo".

O alcalde comentou esta tarde que "os responsables sanitarios do Hospital da Costa indícannos que o cribado feito hai dous días deu como resultado que os casos activos entre usuarios e persoal do Centro ascenden a 6 persoas. Tamén nos din que actualmente hai 2 persoas que permanecen no Hospital da Costa por mor do covid19. Polo tanto, no momento de facer esta nota de prensa temos un total de 8 persoas positivas en coronavirus. Sendo esta unha cifra importante, o certo é que xa queda moi lonxe das 26 que chegou a haber no momento de maior incidencia deste gromo".

Fernando Suárez contou que "con todo e iso, debemos indicar que hai dous días faleceu una persoa que aínda non dera negativo nas probas de inmunidade ao coronavirus. Tiña 92 anos de idade e presentaba patoloxías previas".

O rexedor insistiu en que "se segue valorando unha vez mais como moi positiva a actuación coordinada na aplicación dos Protocolos e Planes de Continxencia por parte da  dirección do centro e do seu persoal, así como a actitude dos residentes á hora de enfocar esta crise sanitaria.  E como sempre indicamos, manteremos informada á cidadanía sexa cal sexa a situación á que nos teñamos que enfrontar, coa confianza de que ter pasado xa polo pico de madurez deste gromo que se iniciou hai cinco semanas. Seguirémolo a facer a medida que vaiamos obtendo información, ben por nós mesmos ou ben proporcionada polas autoridades sanitarias autonómicas en canto nola vaian facilitando, sempre co mellor ánimo informativo que evite rumoroloxías ou situacións de confusión".

Sobre a situación global que se vive en Ribadeo o alcalde sinalou que "segundo os datos que vén de publicar a Consellaría de Sanidade no día de hoxe, Ribadeo aparece con 24 casos nos últimos 14 días. Estamos observando xa que logo, un descenso de casos neste gromo no Hospital Asilo ao tempo que un incremento paseniño e continuado dos contaxios no conxunto do Concello, polo que queremos insistir novamente na obrigada concienciación nas actuacións individuais e colectivas, como persoas e como sociedade, para cumprir a diario as recomendacións e as obrigas que as autoridades sanitarias nos indican. De todos nós dependerá que a cifra siga a subir nas vindeiras horas".


Ningún comentario: