20180307
O día sete, antes do oito
Quizais a forma de convocatoria da folga feminista que máis se está a estender por estes lares é a que deixo na imaxe, que tomo da convocatoria do CIM ribadense:
E mañá será o día. Sobre a participación dos homes, xa teño falado. E, coido, este ano tamén se falará despois do 8M, a diferencia de anos anteriores nos que pasaba desapercibido. Por certo que á vista da evolución das protestas de xubilados, e agoda da folga feminista, máis algunhas protestas máis localizadas que se están a dar por diversos motivos, este ano, 2018, pode ser un ano memorable de repunte da loita cidadá...
20070724
Unha lista de actividades culturais en Ribadeo (obtidas do boletín de cultura)
--citas culturais en ribadeo até final de mes
teatro en familia
caramuxo teatro
Juan Rodríguez escribe e dirixe Teatre Varietés. Unha comedia con tres actores e preto de 15 personaxes, os bonecos autómatas, hipnose, monicreques de cachiporra, Monkina a gorila bailarina, teatro clásico…
Martes 24 ás 20.30 no parque San Francisco
exposicións
*
Na OMIC , até o día 31 de xullo, temos a oportunidade de gozar dos debuxos e gravados da artista de Barreiros , alumna de Suso Peña, Lucía Vila.
*
Na rúa Rodríguez Murias, exposición fotográfica Olladas de Muller, desde o 27 de xullo até o 5 de agosto
*
Durante todo o verán a Casa das Letras, no seu último andar, amosa Os traxes do rei, a parte máis rechamante do legado que a Casa de Alba conserva da historia de Ribadeo.
concerto do día da patria
banda municipal de música de ribadeo
Mércores 25 ás 21.00 horas na praza da Música.
xornadas mar por medio
Parador de Turismo de Ribadeo, 26 e 27 de xullo
A Consellaría de Cultura organiza , coa colaboración do Concello de Ribadeo, as XV Xornadas MAR POR MEDIO.
A partir da edición de 2006 preténdese converter esta cita do verán no referente para o debate sobre a promoción internacional da nosa cultura. Como xa vos adiantamos en anteriores comunicacións, tedes toda a información en http://culturaedeporte.xunta.es.
Logo das conferencias podedes unirvos ás seguintes actividades :
Xoves 26
20.00 horas: Nunha das escoliñas do Círculo Habanero da Devesa,proxectarase o documental “Os últimos gaiteiros da Habana”, da realizadora cubana Natasha Vázquez.
21.30 horas. Auditorio Hernán Naval CAMERALIA EN GALIZA
BABEL ENSEMBLE:
J. DOVE Figures in the Garden
W.A.MOZART Serenata nº 11 en Mi Bemol Mayor K375
Venres 27
18.00 horas Percorrido guiado pola arquitectura indiana en Ribadeo, a cargo do arquitecto Ernesto Cruzado (desde a Casa do Óptico)
20.30 horas. Na rúa Rodríguez Murias. Presentación do proxecto Olladas de Muller. Veremos o resultado do curso de fotografía que mulleres de Ribadeo fixeron …de mulleres de Ribadeo.
Está organizado polo CIM.
21.30 horas Auditorio Hernán Naval CAMERALIA EN GALIZA
TRÍO VIAÑO:
DUVERNOY Trío en Do Maior
REINECKE Trio en Sib op. 274
GUSTAV JENNER Trío en Mib Mayor
festival de bandas
Sábado 28 ás 20.30 na praza da Música
jazz en cabanela
Un lugar marabilloso para recibir a música de PABLO SEOANE TRÍO (ver dossier). Agardámosvos o domingo 29 ás 21.30 horas.
xornadas de historia local
casa do mar, 30 e 31 de xullo
21.00 horas
A A.C. Francisco Lanza organiza un ano máis estas xornadas co seguinte programa de conferencias:
Cincuenta anos do condado de Ribadeo . Félix Soria
Ribadeo: Evolución histórica, urbanismo e arquitectura. Ernesto Cruzado
20090512
Actividade


Remata de chegarme o boletín de cultura de Ribadeo. Trae moitas actividades, a razón de só dúas iñas por actividade, por iso, en troques de reseñar algunha actividade solta, meto todo, incluído o folleto e unha fotografía que ven adxunta, sen título, de David Rivas Pena. 2 notas: a distinguir ben entre os concertos das letras galegas e o 'doc. adxunto' que se cita sobre a Idade Media non aparece (este ciclo xa foi avisado no blog aquí)
Irmans Suarez Picallo. A exposicion que divulga a figura dos dous galeguistas na OMIC de Ribadeo ate o dia 20.
Concerto das Letras Galegas. Escola Municipal de Musica e Danza de Ribadeo.13 de maio. 20.30 horas. Auditorio Hernan Naval.
Teatro de publico intantil para os centros de ensino :Tristan cara de can a cargo da compañía
O Elefante Elegante. 14 de maio . 11.30 horas. Auditorio Hernan Naval
Presentase anaomai , un novo proxecto cultural aberto a creadores e publico, con sede no pazo de San Isidro (Mondoñedo),.
15, 16 e 17 de maio con fotografia, accions de rua, musica electronica….Toda a informacion no cartel que xuntamos.
Ciclo Mais preto de ti : na igrexa da Devesa, actuacion do coro do Sagrado Corazon. Venres 15, 20.00 horas . Colabora a asoc. de veciños e veciñas da Devesa.
II Xornada formativa: abordaxe integral da violencia de xenero desde o ambito local. 15 e 16 de maio. IES Gamallo Fierros. Organiza o CIM.
3ª xornada do ciclo Historia de Galiza da asociacion Mariñapatrimonio. Conferencia de Anselmo Lopez Carreira sobre a Idade Media e visita ao Museo de Arte Sacra e a fortaleza de Tovar . (Ver doc. adxunto)
Concerto das Letras Galega.Banda Municipal de Ribadeo. 16 de maio . 20.30 horas. No auditorio.
PAN E LETRAS 09. O domingo 17 de maio canda a compra de pezas de pan, libros, xornais, revistas…repartirase unha tarxeta deseñada polo artista Mauro Leivas arredor da figura homenaxeada este ano co gallo do Dia das Letras Galegas, Ramon Piñeiro.
20051005
Minitesón
Coido que a algúns gustaríalles que o tesón, os tesóns da ría, foran do tamaño do que se ve na foto, o tesón de Mirasol a piques de desaparecer pola suba da marea.O caso é que os temas se me van acumulando sen tempo para poñer moito novo, e é que en Ribadeo prodúcense realmente moitos temas para tratar, saian ou non nos periódicos, pois son moitos os que non ven a luz pública ben por ocultación, ben por seren difíciles de tratar, ben por... aquí deixo un esbozo dun artigo que teño entre mans e que non fago máis que comezar:
"Passa contigo, tío?
Unha expresión de típico colegueo pode ser interpretada de diferentes xeitos. Por exemplo, un interese verdadeiro no que está a facer o 'tío'. Tamén, pode interpretarse como unha petición de aclaracións sobre algo que non se ve claro, ou que se interpreta polo demandante como inoportuno ou contrario. Pode ser tamén un saúdo. De calquera xeito, non está ben visto usar esa expresión segundo en que ambientes. Por exemplo, ó sr. Alcalde de Ribadeo. Ou, no seu defecto, á estatua do Marqués que está dando un xesto ben do estilo da frase que da título ó artigo.
Nembargantes, gustaríame poder interpelar nos tres sentidos antes citados ó sr. Alcalde (xa que o Marqués non creo que respondera). Gustaríame facelo nos tres sentidos ó tempo para que non se me interprete mal: saudalo, preguntarlle que se está a cocer no Concello e tamén para clarificar algunha cousa. A modificación que pronto sufrirá o parque, o estudo do propio concello sobre a conveniencia ou non da planta de acuicultura de Rinlo, o por que non se decide a tratar o PXOM dende unha perspectiva poñendo as liñas xerais do Ribadeo que se quere antes de comezar a planificar sen xeito, ..."
En fin, o tesón seguirá a crecer aínda que non saiban xa para onde quitar a area, nun traballar por traballar que parece que só beneficia a quen leve a correspondente ganancia ou comisión por facer os traballos (a lembrar que o alcalde/o concello recibe unha porcentaxe por obra...)
---
Do blog anterior:
"1. Dende o pasado día 4 de xuño ata o próximo día 15, na oficina de Turismo de Ribadeo está exposta a mostra 'A ciencia ten nome de muller'. A exposición está adicada ás mulleres científicas ó longo da historia. Consta de unha introdución ó tema, un listado de biografías tratadas, as propias biografías agrupadas en diferentes apartados e dentro de cada un ordenadas por datas, e un apartado de conclusións en relación coa ciencia e as mulleres. A Exposición ten sido exposta con anterioridade en Ribeira, Narón, Ferrol e Noia, e está previsto que continúe o seu periplo no outono en A Coruña e outros lugares. A mostra, realizada no IES Porta da Auga a raíz dun proxecto Comenius 1, está organizada polo colectivo de mulleres 8 de marzo e o CIM de Ribadeo. A entrada é gratuíta. 2. O sábado 11 de xuño, ás 12 horas no Salón de Plenos do Concello de Ribadeo terá lugar a presentación do libro 'Ribadeando. 2004. Ribadeo de 1X a 31-D' de Antonio Gregorio Montes, quen será acompañado na presentación de Amadeo Arango e José Mª Rodríguez. O libro é unha crónica de Ribadeo ó longo do 2004 narrada dende o punto de vista do autor. Invítase á asistencia ó acto."
... ata mañá.
Thursday, June 9, 2005 02:49 p.m
20231205
Dúas visións do pleno do luns en Ribadeo
Dúas visións do pleno do luns en Ribadeo
Luns houbo un pleno no concello de Ribadeo, do que xa puxen a orde do día. Non asistín, polo que teño que falar por terceiros. Polo momento, polos comunicados da alcaldía e do principal partido da oposición, mais algún comentario solto. Quizáis, como única matizción pola miña parte, á nova do concello onde se di que van mellorar os orzamentos entre todos. Entendo que están aprobados e que que entón non caben melloras a non ser que se lles poñan parches...
Polo demais, os estilos de ambos son abondo diferentes como quen vexa máis abaixo poderá comprobar. Unha nota máis: como ven sendo habitual, corrixo a puntuación dos números que aparecen para adaptala á normativa actual. Cousa de deformación profesional miña.
Deixo primeiro o comunicado do concello, anotando que na sección de 'novas' da web municipal xa teñen imaxes dunha calidade abondo superior á que viñan colgando (que non eran as que se enviaban ós medios, de máis peso dixital). Máis abaixo, a nota de prensa do BNG:
-- Nota de prensa do Concello:
Ribadeo é un dos primeiros Concellos en aprobar os orzamentos para 2024. Ascende a 12,3 millóns de euros
05/12/2023
Dani Vega subliña que son os máis altos da historia ribadense.
Ribadeo é un dos primeiros Concellos en aprobar os orzamentos para 2024. Son 12,3 millóns de euros, “o que os converte nos máis altos da historia ribadense”, destacou o alcalde, Dani Vega.
O rexedor explicou que “son uns orzamentos que se incrementan significativamente en dúas partidas: benestar social e inversión. A benestar social destinamos 3,5 millóns de euros, dos que 1,6 millóns de euros van para o servizo de axuda no fogar; outra partida de 1,6 millóns de euros destínase á reforma integral do hospital asilo; 250 000 euros para a compra dos terreos do novo centro de saúde; nas actividades Preto de Ti, que realizamos nas parroquias e na vila, o Concello con fondos propios investirá 10 000 euros e con fondos da Xunta de Galicia 40 000 euros; na residencia de maiores investiremos 20 000 euros e tamén incrementamos as axudas a todas as entidades asociativas no conxunto do benestar social pasando de 11 000 a máis de 15 000 euros. Non so incrementamos as axudas senón que incorporamos á Cruz Vermella, xa que non contaba con colaboración económica por parte do Concello e no 2024 si que a vai ter”.
No apartado de inversións Daniel Vega indicou que “si no 2023 investíamos 1,1 millóns de euros neste orzamento investiremos 1,7 millóns de euros. Hai un incremento nesta partida de 600 000 euros. Si queremos que melloren as infraestruturas necesitamos orzamento: Plan Único da Deputación, á que lle agradezo a súa colaboración, 356 000 euros; novo plan de infraestruturas que nos financia a Xunta de Galicia outros 350 000 euros; aos que ai que sumarlle 95 000 euros do Agader (tamén da Xunta); á mellora das contornas significativas de moitas parroquias destinamos 120 000 euros”.
O alcalde aposta por un Ribadeo máis sostible e máis verde: “e imos mellorar dous puntos moi importantes como son o Parque de San Francisco no que investiremos 200 000 euros e tamén no Parque de Indianos ao que destinamos 50.000 euros, porque precisa dunha mellora integral. En edificios significativos, como pode ser a Casa do Viejo Pancho, son 50 000 euros os que vai investir a Xunta e na nova xefatura da Policía Local. Non podemos permitir que estea nunhas instalacións que mais ben parecen doutro século. Precisa dun novo espazo, que vai ser a antiga Casa de Teléfonos e imos investir máis de 60 000 euros coa colaboración da Xunta”.
Para Daniel Vega “hai un traballo moi importante. En tan so cinco meses Ribadeo é un dos primeiros Concellos en aprobar os orzamentos. Creo que é algo a destacar e que lles quero agradecer a todos os técnicos municipais a súa colaboración e o seu traballo. E tamén a todo o goberno, a tod@s @s concelleir@s que están traballando todos os días. Tamén lle agradezo a colaboración tanto ao PSOE como ao BNG. Votaran o que votaran creo que imos traballar todos e colaborar todos e mellorar estes orzamentos”.
O rexedor agarda que “a colaboración dos grupos da oposición sexa total e absoluta. Nos contamos con eles, escoitamos as súas propostas e seguimos contando coa colaboración de todas as institucións: a Deputación de Lugo, o Goberno do Estado e a Xunta de Galicia. Entre todos aprobamos os maiores orzamentos da historia de Ribadeo, pensando única e exclusivamente en Ribadeo”.
-- Comunicado do BNG:
O BNG DE RIBADEO DENUNCIA A ACTITUDE CÍNICA, DEMAGÓXICA E ESCURANTISTA DE DANIEL VEGA NO PLENO DOS ORZAMENTOS DO ANO 2024.
No pleno deste luns 4 de decembro, o alcalde de Ribadeo adoptou unha actitude cínica, demagóxica e escurantista ocultando información e xogando coas palabras e coas quendas de intervención. Como podemos entender, senón, que no debate co concelleiro responsábel da área de Facenda, Vicente Castro, o alcalde se negara a responder á pregunta acerca de convenios que se puideran ter asinado con outras administracións, e despois, en rogos e preguntas, dixese que si coa boca pequena? Por que non aclara o alcalde de Ribadeo que convenios hai asinados, se é iso verdade, e con que administración? Como podemos cualificar a actitude dunha alcaldía que un día sobe documentación cunhas cifras e, ao día seguinte corrixe dita información sen avisar á oposición? Non contento con tanto despropósito, despois, no debate, acusa ao noso compañeiro, ben coñecedor da facenda local, de non ter estudado a fondo a información. Máis cinismo é imposíbel!
Pero o grupo municipal do BNG estudou ben a fondo as contas. E comprobou que son uns orzamentos faltos de rigor e esaxeradamente inflados ao servizo da vaidade desenfreada de Daniel Vega. Son uns orzamentos que inclúen inversións subvencionadas por convenios dos que se negou a falar durante o transcurso do pleno. Inclúen tamén previsións de ingresos irrealizábeis no exercicio 2024. Así, por exemplo, hai previsións de ingresos polo imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO), ou polo canon da concesión administrativa da auga, que non se van poder concretar no ano 2024. E iso, porque toda a tramitación que está aínda pendente de realizar (estudos previos, licitación, etc.) lévannos mesmo a finais do ano 2025. O alcalde quere gastar xa o diñeiro do ano 2025 e aínda non rematou o 2023. Imos apañados!
Tamén temos detectado, en base ás previsións feitas nestes orzamentos, que o lixo vai acabar subindo case un 40 %. Si: aqueles que nunca subirían os impostos. Iso mesmo dicía Rajoy antes de gañar as eleccións en 2011. E despois fixo o que fixo. Bo alumno o noso alcalde. Pero non estivo moi fresco ao intentar refutar a crítica do BNG pola suba do lixo pois, primeiro achacou tal suba á incorporación do contedor marrón (para materia orgánica), e que iso xa vén do anterior goberno do BNG, que comezou o proceso. Pero máis tarde destacou que se debía dito incremento á suba do canon de SOGAMA. Pouco rigor nos orzamentos e pouco rigor nas intervencións.
Temos visto así mesmo erros graves de tramitación con partidas erróneas que non se corresponden con inversións reais; mesmo temos detectado algún apartado en branco, como o do Fondo de Compensación. Que pouca elegancia! Corrixiron ese dato, así o recoñeceron no pleno, pero non tiveron a decencia de comunicalo á oposición. Sería para despois poder reprocharnos que non coñeciamos ben os orzamentos? Nós si que os miramos. A concelleira delegada de Facenda, mirar miraríaos, pero tan só lle dedicou ao tema dous minutos no pleno cando os presentou.
En canto aos gastos de persoal, non son recollidos con fidelidade nestes orzamentos: así, aparecen partidas que non se axustan ao anexo ademais doutras que están duplicadas. Mesmo no resumo de gastos por capítulos non se recollen os importes reais de gastos de persoal, que en realidade van ascender a 5 064 656,71€.
Polo que se refire a gastos sociais hai unha clara redución de partidas. Así, en subministración para alimentos redúcese drasticamente a partida e no CIM (Centro de Información á Muller) diminúe até un 50%. O programa de actividades de animación social e a partida de mocidade para actividades de verán e nadal tamén sofren importantes recortes. Iso si: os gastos protocolarios e de publicade mantéñense (que conste que, visto o visto, lograr que se manteñan até pode chegar a ser unha virtude ante a desgraza de tanto dispendio!).
En fin: trátase duns orzamentos carentes de rigor, inflados artificialmente de cara á galería e pensados para gastar sen control nin medida. O goberno municipal do PP ten nestes momentos a maioría e procedeu á súa aprobación. Pero, xa o iremos vendo ao longo do ano 2024, estes desaxustes han traer consecuencias para a estabilidade financeira do Concello, a casa común de todos e todas as ribadenses. Por iso o grupo municipal do BNG de Ribadeo votou en contra. Non gustou nada ao alcalde de Ribadeo a nosa coherencia: na fase de rogos e preguntas volveu a proferir insinuacións faltas de toda consistencia e que raian na calumnia. Cando o señor Daniel Vega se emprega tan a fondo é porque non lle queda nada serio e rigoroso que dicir e acode ao insulto e á infamia.


