20150111
Galicia: operación acordeón e síndrome de Estocolmo
Comezo pola conclusión e paso ós datos. Dun só feito, pois podería procurarse outros moitos coa mesma ou semellante conclusión. 2014, ano sen eleccións: a Xunta eleva un 34% o canon de SoGaMA. 2015, coas municipais e as estatais á vista: a Xunta rebaixa un 10% o canon de SoGaMA.
Variou obxectivamente o entorno, as condicións para a rebaixa? Non aparentemente. Se confiamos nas perspectivas oficiais, máis ben cabería esperar un pouco máis á recuperación para poder subilo de novo, en troques de baixalo. Estamos ante un máis dos moitos casos nos que a manobra ten só como finalidade a continuidade no poder dun grupo, non o exercicio do poder en beneficio de todos. Poder que, estamos en tempo de ter que lembralo, é de todos.
Unha auténtica operación acordeón na que primeiro aprétase e logo afróuxase. O afrouxar síntese un respiro, e hai un certo agradecemento por ese respiro: iso é máis ou menos o que representa o síndrome de Estocolmo. Claro que dito síndrome aplícase ós reféns secuestrados. Pero, que máis da, se estamos na realidade secuestrados nun sistema do que non temos o control.
Iso si, SoGaMA é moi caritativa e ecolóxica: con coge3 realizará unha campaña de limpeza de costas... o que aparece na súa web. O dos prezos, non: diso encárgase a Xunta.
Algún dato máis sobre o tema? Oficialmente, a posibilidade de baixar o prezo débese a dous factores: unha xestión eficiente en SoGaMA e unha xestión eficiente dos tratos Xunta-Ministerio. Vamos, que antes non eran eficientes e Madrid os tiña maltratados, e iso cambiou, e por iso impuxeron unha subida.
No 2014 SoGaMA 'perdeu' un 85% menos do previsto, pero non desquita a suba, senón que rebaixa agora o custe para os concellos. Por certo, se segue a perder e están apoiando dende a Xunta, por que rebaixan as cotas? Como diría alguén, 'misterios do universo' (que pagamos entre todos e votamos entre todos)
20070409
Resaca da fin de semana
As dúas fotos de hoxe están sacadas do mesmo lugar e de xeito sucesivo con pouca diferencia de tempo. Só é unha mostra do bonito que pode ser un sitio e como se pode estragar. Neste caso, as fotos, só amosan un efecto de tipo visual, de lixo, un dos múltiples posibles despois dunha troula incontrolada.
O do lixo lémbrame un xa vello artigo sobre Sogama (12/6/1996) que reproduzo a continuación unha vez corrixidas unha serie de faltas.
==
¿Que vas facer con este papel?
Imaxino que pasarás un rato leéndoo e logo o destinarás ó lixo, onde o máis probable e que quede por moito tempo. As cousas son así, e o xornal é efímero. Se pensamos na cantidade de lixo que producimos e a comparamos, por exemplo, co noso propio peso, veremos que producimos e que levamos producido en xeral moito máis desperdicio que o que somos na actualidade. Compréndese facil o problema das lixos: Non hai sitio para tanto.
A realidade pode verse nembargantes como moito máis complexa. Noutros tempos non se producían lixos en grandes cantidades. Hoxe estamos nunha época na que a producción de bens materiais creceu moito, pero tamén, ano a a no, a cantidade de lixo. Aínda é grande a porcentaxe de personas que lembra, por exemplo, o comprar o azucre a granel. O prestixio do envase, e a posibilidade dunha ganancia maior fixeron que eso xa non se vexa. Por suposto, houbo outras causas como os alegatos á hixiene/sanidade, pero creo que non había moita mortandade por inxerir azucre en mal estado. Así as cousas, ¿cántos anos fai que non ves ofrecido azucre dese xeito?.
Por unha banda, fóronse impoñendo os envases, ate chegar ás veces a situacións esperpénticas, como a do perfume nun frasco pequeno, metido nunha bolsa de deseño, envasado nunha caixa, envolta en papel de regalo, metida nunha bolsa para transportalo. Pola outra, o afastamento dun modo de vida achegado á natureza fai que cada vez poidamos aproveitar menos cousas. É dicir, aumentamos o problema e diminuímos a posibilidade de solución. Con elo xorde unha dificultade engadida cara á procura de solucións: o aproveitamento dos nosos propios residuos cada vez se vai máis da nosa esfera personal para pasar a ser de solución comunitaria e allea (ler "societaria" ou, tamén, "empresarial"). E iste comentario é a nivel privado, familiar, sen metérmonos no mundo da empresa, onde se consideran outros aspectos en diferente grao, como a primacía do compoñente económico.
Nestas estamos, tentando de solucionar o problema con regulacións diversas que normalmente non son moi ben acatadas, ou son "ponteadas" de diversos xeitos polas empresas. No caso dos particulares altérnanse momentos de acatamento pleno con outros de auto-disculpa plena. Aplicando o principio de "a grandes problemas, grandes remedios", téntanse buscar solucións globais, como no caso de Galicia. Chócame, dende o meu punto de vista de inexperto en lixos e/ou merda que se procure unha solución na que a base é incinerar para producir enerxía, e ademais dun xeito centralizado, a través dunha empresa participada por unha eléctrica.
¿Por que? Queimar destrúe recursos que costou aproveitar, centralizar implica transportar e algo patrocinado (=> subvencionado) por unha institución pública váise a destinar para ... ¿solucionar un problema?
Pode que sexa algo lonxe da realidade pensar nesas obxeccións, ou noutras como a contaminación na mesma Cerceda (por certo, ¿cándo parará de "chover das Pontes" esa auga que deixa queimadas as plantas?). Eu mesmo penso que hai que deixar como boa a solución que os técnicos den por mellor. Pero hai veces que non me fío moito do resultado, como cando hai mistura de política e economía. Ollo. Non estou a dicir que cheire mal esa unión, pero as cousas, claras, e, polo momento, eu non as vexo así. Ademais, cando o problema é complexo, como no tema do lixo, técnicamente pode haber ideas contrapostas nas que prime unha ou outra característica do proxecto, estando unhas e outras ben fundamentadas pero suplindo subxectivamente lagoas no coñecemento profundo, científico do tema. Evidentemente, isto embrolla máis as cousas e afástaas da comprensión/decisión popular. Así, a xente non contamos con máis apoios nos que fundar a nosa decisión de rexeitar ou apoiar o proxecto que os que dan os sentimentos ou, en todo caso de xeito posterior, o olfato, dando lugar a demagoxias de todo tipo, a máis do debate serio e consciente.
Mentras, ¿hai unha campaña seria para reducir o problema, para reducir a cantidade de lixo?. Non a vexo. Eso me fai dudar aínda un pouquiño máis da liña que se pretende seguir para procurar unha solución.
20080429
Para coñecer Ribadeo: se non te entenden, confúndeos
Así, seguindo coa memoria, iniciada coas 'Primeiras páxinas do PXOM', podemos continuar por exemplo na páxina 40, onde se recoñece que habería que estudar un reforzo do sistema de captacion de auga, por ser abondo pero non dar lugar a extras ou gardado de auga para avarías. É dicir, hai xa unhas cantas xestións municipais que levan descuidado o mantemento e ampliacón de servizos, e non só de luz.
Chama a atención que na mesma páxina 40 o saneamento non contemple a traída Rinlo-Ribadeo, xa realizada e xa reclamada polo concello para que quede como é debido, despois de repisar nalgunhas zonas.
Unha ollada ás páxinas 40 e 41 é ilustrativa pola necesidade expresa de determinación da capacidade de subministros ... antes de facer o estudo de medre poboacional.
Como outra curiosidade, a p.42 atribúe a SOGAMA a ubicación en Barreiros, sé da planta de transferencia
Tres páxinas máis adiante resulta dificultoso entender as zonas axardinadas. Resulta, por exemplo, que hai unha na r/Rosalía de Castro, de 359m2 (08-DE-AJ4). Estívena procurando nos planos sen éxito, a non ser a que está prevista para o futuro como unha beira dunha rotonda ó final do primeiro bloque de casas de pescadores. Pero conta como existente (así se titula a táboa: 'inventario de espacios libres existentes')
Na 47 fáise un pouco de equilibrio a conta dos espazos libres: di que a parroquia que máis espazos libres ten é a de Ribadeo, pero en m2, con moito é a de Vilaselán, debido ó parque do cargadorio, que se estipula como auténtico pulmón de Ribadeo. Vése na 48 continuado, onde se ve a descompensación de espazos libres interparroquias, ademáis de que (p.47): "A nivel municipal no se superan los estándares establecidos por ley, por ello habrá que reservar suelo para espacios libres y zonas verdes." (se ben o núcleo urbano, xunto con Vilaselán e Ove - Cargadoiro e Sta. Cruz respectivamente - está equilibrado)
Nas 50 e ss vese que os equipamentos das parroquias son en parte considerable, eclesiais-privados, quedando os públicos reducidos a pistas polideportivas e construccións de albergaría (antigas escolas).
Outra curiosidade aparece na p.53: "Nueva Piscina Municipal (Ribadeo, c/ Alfredo Deaño)" aparece a máis de "Piscina Municipal (Ribadeo, c/ Pintor Fierros)". Algo que se manifesta tamén noutras páxinas, como na 58 ou na 63.
Tamén na p.54 aparece "Local social (Ribadeo, c/ Leopoldo Calvo Sotelo)" de 425m2 e titularidade pública. E a AVV O Tesón sen sé... Pode referirse ó Cine-Teatro?
Na p.56 resume o desequilibrio nos equipamentos. Non embargantes, vexo que só no caso de Santalla de Vilaosende non chega á porcentaxe de 5%, norma sobre a superficie construíble.
Asinalar dúas páxinas máis adiante: "a) EQUIPAMIENTO EDUCATIVO.
Comprende todos los centros existentes en el municipio vinculados con actividades formativas o de enseñanza.
Tres cuartas partes de las parroquias disponen de escuelas. Además existen en el núcleo urbano de RIBADEO, dos Institutos de enseñanza secundaria, dos Colegios, una Guardería y una Escuela de Idiomas." Tres cuartas partes das parroquias teñen escolas! Non hai unha soa que esteña actuando como tal, se descontamos a Pedro Murias e as do casco urbano (p.61). Dous IES. Dende o verán do 2006 son 3... claro que próximamente, nun par de anos, voltarán a ser 2, segundo novas deste mesmo abril. Non aparece a escola de música.
Na p.58 da máis de 5000m2 de superficie de equipamento sociosanitario en Ribadeo. Inclúe, claro, "Hospital de San Sebastián (Ribadeo, c/ Clemente Martínez Pasarón)". E aínda así, non me saen as contas, repaso, e na p.62 atopo que máis do 50% da superficie corresponde a "Residencia para Mayores “Mirador del Eo” (O Outeiro)", co que xa cadran, se incluímos ademáis o local da "Cruz Roxa do Eo" como tal equipamento sociosanitario.
Dicía o da ilustración que representa a memoria ó principio por cousas como a das p.67 e ss, onde da a lista de equipamento relixioso. Así, no casco urbano de Ribadeo:
I.P. de San Francisco (Ribadeo, c/Rinconada de San Francisco)
Monasterio de Santa Clara (Ribadeo, c/ Clemente Martínez Pasarón)
Capilla de San Miguel (Ribadeo, c/ Estrada do Faro)
Capilla de la Virgen del Camino (Ribadeo, c/ Virxen do Camiño)
Capilla de San Roque (Ribadeo, c/ San Roque nº10)
Capilla de la 3ª Orden de San Francisco (Ribadeo, c/ José A. Primo de Rivera)
Capilla de la Atalaya o de la Santísima Trinidad (Ribadeo, c/ Atalaya)
Capilla de San Francisco (Ribadeo, c/ Obispo Veres)
Capilla de San Lázaro (Ribadeo, c/ San Lázaro)
Claro que a ilustración hai que revisala, pois resulta curioso o nome da rúa da Orden Terceira e que non inclúan algunha capela privada-privada (as capelas aparecen como privadas pola súa titularidade eclesial, aínda que eu cría que algunha era de titularidade municipal) que existe, a parte de que a Capilla de la Virgen del Camino esteña na c/Virxen do Camiño.
A próxima sección que aparece na memoria é a de poboación e actividades económicas.
20161110
'Pleno, antonte'
e, claro, tamén saíron as novas correspondentes nos medios. Por certo, que a orientación da nota de prensa variou algo en relación ó 'aviso' de pleno: No medio, os dous medios con edición comarcal trataban o tema do botellón (os dous ó tempo, si) e había que ir coa maioría. Polo demais, coido que a nova é que non hai nova: o resultado do pleno de onte estaba descontado antes de celebrarse, e non só pola maioría absoluta do BNG, como pode verse polo título da nota de prensa: 'aprobados por consenso'. O resalte dun só tema na nota de prensa ven explicado nela: alén Ribadeo, unha morte. Cabería dicir, non se entra no que representa o botellón, senón en evitar responsabilidades. e si, tratáronse máis cousas, mais iso, que non era dos puntos de convocatoria,-parece ser- iso é o empregado como resume do pleno. Pois iso.
Por certo, na nota de prensa corrixo unha cousa: a separación de decimais, neste país (considérese España ou Galicia), visualízase cunha coma.
"
Botellón
09/11/2016Suárez Barcia relatou que "aprobamos tamén esas modificacións para o IBI, bonificacións para familias numerosas e para aquelas persoas que teñan propiedades no ámbito rural que estean vinculadas á explotación agrícola gandeira, coa excepción da vivenda habitual. Tamén modificamos a ordenanza de artesanía para adaptar o mercado de rúa ás necesidades dos seus vendedores".
O alcalde dixo: "pero tamén nos plenos ordinarios existe o capítulo de rogos e preguntas, onde se establece un debate de suxestións ou preguntas ao goberno municipal por parte de todos os grupos da Corporación, e aínda que hai algúns que son máis interesantes que outros… non considero interesante pedir que para o seguinte pleno se poña a calefacción un pouco antes ou tampouco considero digno de mención que se volve o exército a Ribadeo non se lle cobre, pois se volve o exército ou quen queira se lle cobrará polos gastos que ocasionen e non hai máis que falar nese aspecto".
Fernando Suárez indicou que "houbo outra serie de debates agradables sobre situacións que todos compartimos en maior ou menor medida, a veces penso que a oposición normalmente ten que facer o seu traballo, pero o goberno debe tamén enfocar e contrastar a realidade tal e como é. Estoume referindo ao asunto do botellón, que está de actualidade nestes tempos, non soamente en Ribadeo senón a nivel galego e de todo o estado sobre todo porque unha rapaciña, desgraciadamente, faleceu hai poucos días por mor dunha inxesta indebida de alcol. Con todo este debate de fondo trasladei o que falo habitualmente coa Policía Local no ámbito das nosas competencias, nosoutros non temos as competencias nin da Policía Autonómica nin da Garda Civil, nós temos as competencias na Policía Local e transmíteme que ela está tamén preocupada e que intenta nos botellóns desde hai anos identificar a algún responsable deses grupos que se poidan ir establecendo por aí para pedirlles, non soamente que non consuman alcohol os menores de idade, senón para que deixen todo recollido e non ocasionen desperfectos. Á vista está que algúns fan caso e outros non. Tamén é certo que coa lei de seguridade cidadá vixente a unha persoa porque sexa menor de idade non se lle pode denunciar porque estea nun corro con outros rapaces ou rapazas se non está bebendo, e a Policía non ten o don de estar escondida en cada esquina detrás dun grupo de nenos ou de rapaces".
O alcalde ribadense manifestou que "aínda que a Policía ten que facer o seu traballo e se desde logo colle a algún menor de idade nun espazo público bebendo, que saiba ese menor de idade que vai ser denunciado, non diante dos pais, senón diante da autoridade competente, a Subdelegación do Goberno, a Fiscalía ou a quen proceda. Pero máis aló disto que pode soar un pouco forte, tamén onte falamos entre todos e compartimos entre todos con independencia dos diferentes grupos que somos, que estas tarefas tamén corresponden moito á sociedade, especialmente ás familias, é dicir, se hai un neno ou unha nena menor de idade a unha hora intempestiva pola rúa tampouco vai ser culpa da Policía Local, será culpa dos seus pais por mantelo a esa hora nese lugar. Trátase dunha cuestión integral de todos, da escola, da educación, das familias, da Policía Local na parte que lle toque e eu o que quero expresar á cidadanía é que na Corporación estamos de acordo en que é nun tema que nos preocupa, que temos no ámbito das nosas competencias facer todo o que estea na nosa man e estámolo facendo e redobrarémolo en todo o que faga falta, pero tampouco podemos tapar cun dedo a lúa".
O rexedor contou que "no pleno de onte púxenlles un exemplo, hai poucas semanas a Policía Local denunciou a uns rapaces por estar mexando nunha parede do Concello. Esa denuncia tramitouse á Subdelegación do Goberno e devolveuna entendendo que iso non cabe na lexislación porque non é un deslucimento continuado, é dicir se houbera unha pintada ou unha rotura dunha papeleira podería ser, pero como unha mexada non é un deslucimento continuado pois non ten potestade sancionadora segundo a lei actual. Moitas veces tamén se resta de competencias ou de facultades aos axentes que inicialmente denuncian, pero algunhas delas non poden ir para adiante. Polo tanto é unha situación moi complicada en espazos abertos, se fora nun local pechado a lexislación é moito máis restritiva para o dono dese establecemento, pero en ámbitos abertos se non se colle a alguén in fraganti bebendo pois dificilmente se lle pode facer nada".
Fernando Suárez apelou "ao sistema educativo e aos pais e ás nais de maneira moi importante, sobre todo pensando nos menores de idade".
20060127
Rosalía aílasoR
'Adiós, ríos/
adiós, fontes /
adiós, regatos pequenos/
adiós, vista dos meus ollos/
non sei cándo nos veremos'...
Rosalía poñía as verbas en boca de alguén que emigraba e daba un derradeiro adéus, pois non sabía se ía voltar. Os versos viñéronme á cabeza cun titular: 'Los promotores mariñanos opinan que la masificación no es posible' (a negriña é miña). E é o caso de que podemos aplicar as verbas de Rosalía á inversa, a unha terra que se vai alonxando de nós do mesmo xeito que o emigrante se alonxaba da súa terra. E non vai a cousa só polo urbanismo asoballador:
'Sogama cambiará de modelo para reducir al mínimo la incineración' ... Abaixo poño un artigo meu publicado vai un decenio en relación co tema. Pero de seguro que non cambiaron polo que eu escribira e fora publicado o 12/6/96.
Hoxe son novas as menores reservas de petróleo Repsol, que fixeron caer fortemente a súa cotización en bolsa ó anunciarse que estiveran sobrevaloradas. Para min a cousa está non en Repsol, senón en que é unha demostración máis de que estamos a esgotar os nosos recursos naturais, e, outra vez, vemos só economía monetaria.
E segue a ser nova a encíclica papal. Estáme entrando o remusguillo de leela; se chega o caso, xa darei conta do tema.
Remato con dúas citas, ambas tomadas dun artigo de Ramón Chao e aplicables á polítca mundia (como el o fixo), á política local (como sería desexable) e tamén a nivel de pensamento particular:
- Ninguén é abondo poderoso como para ser sempre o máis poderoso (Tucídides. Aplíquese a Bush ou a calquera alcalde, entre outras posibilidades)
- O problema da proliferación é que se se fixo unha excepción unha vez, non hai razón para que os demáis non faigan o mesmo (Principe Faisal. Aplíquese a que deixen por exemplo, ter a bomba atómica a Israel e outros queran tela, ou a que permitan abrir un establecemento nun lugar prohibido, ou construír nun lugar indebido, ...)
--
¿Que vas facer con este papel?
¿Que vas facer con este papel?
Imaxino que pasarás un rato leéndoo e logo o destinarás á basura, onde o máis probable e que quede por moito tempo. As cousas son así, e o periódico é efímero. Se pensamos na cantidade de basura que producimos e a comparamos, por exemplo, co noso propio peso, veremos que producimos e que levamos producido en xeral moita máis basura que o que somos na actualidade. Compréndese facil o problema das basuras: Non hai sitio para elas.
A realidade pode verse nembargantes como moito máis complexa. Noutros tempos non se producían basuras en grandes cantidades. Hoxe estamos nunha época na que a producción de bens materiais se acrecentou moito, pero tamén, ano a a no, a cantidade de basura. Aínda é grande a porcentaxe de personas que lembra, por exemplo, o comprar o azucre a granel. O prestixio do envase, e a posibilidade dunha ganancia maior fixeron que eso xa non se vexa. Por suposto, houbo outras causas como os alegatos á hixiene/sanidade, pero creo que non había moita mortandade por inxerir azucre en mal estado. Así as cousas, ¿cántos anos fai que non ves ofrecido azucre dese xeito?.
Por unha banda, fóronse impoñendo os envases, ate chegar ás veces a situacións esperpénticas, como a do perfume nun frasco pequeno, metido nunha bolsa de diseño, envasado nunha caixa, envolta en papel de regalo, metida nunha bolsa para transportalo. Pola outra, o afastamento dun modo de vida achegado á natureza fai que cada vez podamos aproveitar menos cousas. É dicir, aumentamos o problema e diminuímos a posibilidade de solución. Con elo xurde unha dificultade engadida cara á búsqueda de solucións: o aproveitamento dos nosos propios residuos cada vez se vai máis da nosa esfera personal para pasar a ser de solución comunitaria e allea (léase "societaria" ou, tamén, "empresarial").E iste comentario é a nivel privado, familiar, sen metérmonos no mundo da empresa, onde se consideran outros aspectos en diferente grao, como a primacía do compoñente económico.
Nestas estamos, tratando de solucionar o problema con regulacións diversas que normalmente non son mui ben acatadas, ou son "puenteadas" de diversos xeitos polas empresas. No caso dos particulares altérnanse momentos de acatamento pleno con outros de auto-disculpa plena. Aplicando o principio de "a grandes problemas, grandes remedios", trátanse de buscar solucións globais, como no caso de Galicia. Chócame, dende o meu punto de vista de inexperto en basuras e/ou merda que se busque unha solución na que a base é incinerar para producir enerxía, e ademais dun xeito centralizado, a través dunha empresa participada por unha eléctrica.
¿Por que? Queimar destrúe recursos que costou aproveitar, centralizar implica transportar e algo patrocinado (=> subvencionado) por unha institución pública váise a destinar para ... ¿solucionar un problema?
Pode que sexa algo lonxe da realidade pensar nesas obxeccións, ou noutras como a contaminación na mesma Cerceda (por certo, ¿cándo parará de "chover das Pontes" esa auga que deixa queimadas as plantas?). Eu mesmo penso que hai que deixar como boa a solución que os técnicos den por mellor. Pero hai veces que non me fío moito do resultado, como cando hai mezcla de política e economía. Ollo. Non estou a dicir que cheire mal esa unión, pero as cousas, claras, e, polo momento, eu non as vexo así. Ademais, cando o problema é complexo, como no tema das basuras, técnicamente pode haber ideas contrapostas nas que prime unha ou outra característica do proxecto, estando unhas e outras ben fundamentadas pero suplindo xubxectivamente lagoas no coñecemento profundo, científico do tema. Evidentemente, isto embrolla máis as cousas e as afasta da comprensión/decisión popular. Así, a xente non contamos con máis apoios nos que fundar a nosa decisión de rexetar ou apoiar o proxecto que os que dan os sentimentos ou, en todo caso de xeito posterior, o olfato, dando lugar a demagoxias de todo tipo, a máis do debate serio e consciente.
Mentras, ¿hai unha campaña seria para reducir o problema, para reducir a cantidade de basura?. Non a vexo. Eso me fai dudar aínda un pouquiño máis da liña que se pretende seguir para buscar unha solución.
20231205
Dúas visións do pleno do luns en Ribadeo
Dúas visións do pleno do luns en Ribadeo
Luns houbo un pleno no concello de Ribadeo, do que xa puxen a orde do día. Non asistín, polo que teño que falar por terceiros. Polo momento, polos comunicados da alcaldía e do principal partido da oposición, mais algún comentario solto. Quizáis, como única matizción pola miña parte, á nova do concello onde se di que van mellorar os orzamentos entre todos. Entendo que están aprobados e que que entón non caben melloras a non ser que se lles poñan parches...
Polo demais, os estilos de ambos son abondo diferentes como quen vexa máis abaixo poderá comprobar. Unha nota máis: como ven sendo habitual, corrixo a puntuación dos números que aparecen para adaptala á normativa actual. Cousa de deformación profesional miña.
Deixo primeiro o comunicado do concello, anotando que na sección de 'novas' da web municipal xa teñen imaxes dunha calidade abondo superior á que viñan colgando (que non eran as que se enviaban ós medios, de máis peso dixital). Máis abaixo, a nota de prensa do BNG:
-- Nota de prensa do Concello:
Ribadeo é un dos primeiros Concellos en aprobar os orzamentos para 2024. Ascende a 12,3 millóns de euros
05/12/2023
Dani Vega subliña que son os máis altos da historia ribadense.
Ribadeo é un dos primeiros Concellos en aprobar os orzamentos para 2024. Son 12,3 millóns de euros, “o que os converte nos máis altos da historia ribadense”, destacou o alcalde, Dani Vega.
O rexedor explicou que “son uns orzamentos que se incrementan significativamente en dúas partidas: benestar social e inversión. A benestar social destinamos 3,5 millóns de euros, dos que 1,6 millóns de euros van para o servizo de axuda no fogar; outra partida de 1,6 millóns de euros destínase á reforma integral do hospital asilo; 250 000 euros para a compra dos terreos do novo centro de saúde; nas actividades Preto de Ti, que realizamos nas parroquias e na vila, o Concello con fondos propios investirá 10 000 euros e con fondos da Xunta de Galicia 40 000 euros; na residencia de maiores investiremos 20 000 euros e tamén incrementamos as axudas a todas as entidades asociativas no conxunto do benestar social pasando de 11 000 a máis de 15 000 euros. Non so incrementamos as axudas senón que incorporamos á Cruz Vermella, xa que non contaba con colaboración económica por parte do Concello e no 2024 si que a vai ter”.
No apartado de inversións Daniel Vega indicou que “si no 2023 investíamos 1,1 millóns de euros neste orzamento investiremos 1,7 millóns de euros. Hai un incremento nesta partida de 600 000 euros. Si queremos que melloren as infraestruturas necesitamos orzamento: Plan Único da Deputación, á que lle agradezo a súa colaboración, 356 000 euros; novo plan de infraestruturas que nos financia a Xunta de Galicia outros 350 000 euros; aos que ai que sumarlle 95 000 euros do Agader (tamén da Xunta); á mellora das contornas significativas de moitas parroquias destinamos 120 000 euros”.
O alcalde aposta por un Ribadeo máis sostible e máis verde: “e imos mellorar dous puntos moi importantes como son o Parque de San Francisco no que investiremos 200 000 euros e tamén no Parque de Indianos ao que destinamos 50.000 euros, porque precisa dunha mellora integral. En edificios significativos, como pode ser a Casa do Viejo Pancho, son 50 000 euros os que vai investir a Xunta e na nova xefatura da Policía Local. Non podemos permitir que estea nunhas instalacións que mais ben parecen doutro século. Precisa dun novo espazo, que vai ser a antiga Casa de Teléfonos e imos investir máis de 60 000 euros coa colaboración da Xunta”.
Para Daniel Vega “hai un traballo moi importante. En tan so cinco meses Ribadeo é un dos primeiros Concellos en aprobar os orzamentos. Creo que é algo a destacar e que lles quero agradecer a todos os técnicos municipais a súa colaboración e o seu traballo. E tamén a todo o goberno, a tod@s @s concelleir@s que están traballando todos os días. Tamén lle agradezo a colaboración tanto ao PSOE como ao BNG. Votaran o que votaran creo que imos traballar todos e colaborar todos e mellorar estes orzamentos”.
O rexedor agarda que “a colaboración dos grupos da oposición sexa total e absoluta. Nos contamos con eles, escoitamos as súas propostas e seguimos contando coa colaboración de todas as institucións: a Deputación de Lugo, o Goberno do Estado e a Xunta de Galicia. Entre todos aprobamos os maiores orzamentos da historia de Ribadeo, pensando única e exclusivamente en Ribadeo”.
-- Comunicado do BNG:
O BNG DE RIBADEO DENUNCIA A ACTITUDE CÍNICA, DEMAGÓXICA E ESCURANTISTA DE DANIEL VEGA NO PLENO DOS ORZAMENTOS DO ANO 2024.
No pleno deste luns 4 de decembro, o alcalde de Ribadeo adoptou unha actitude cínica, demagóxica e escurantista ocultando información e xogando coas palabras e coas quendas de intervención. Como podemos entender, senón, que no debate co concelleiro responsábel da área de Facenda, Vicente Castro, o alcalde se negara a responder á pregunta acerca de convenios que se puideran ter asinado con outras administracións, e despois, en rogos e preguntas, dixese que si coa boca pequena? Por que non aclara o alcalde de Ribadeo que convenios hai asinados, se é iso verdade, e con que administración? Como podemos cualificar a actitude dunha alcaldía que un día sobe documentación cunhas cifras e, ao día seguinte corrixe dita información sen avisar á oposición? Non contento con tanto despropósito, despois, no debate, acusa ao noso compañeiro, ben coñecedor da facenda local, de non ter estudado a fondo a información. Máis cinismo é imposíbel!
Pero o grupo municipal do BNG estudou ben a fondo as contas. E comprobou que son uns orzamentos faltos de rigor e esaxeradamente inflados ao servizo da vaidade desenfreada de Daniel Vega. Son uns orzamentos que inclúen inversións subvencionadas por convenios dos que se negou a falar durante o transcurso do pleno. Inclúen tamén previsións de ingresos irrealizábeis no exercicio 2024. Así, por exemplo, hai previsións de ingresos polo imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO), ou polo canon da concesión administrativa da auga, que non se van poder concretar no ano 2024. E iso, porque toda a tramitación que está aínda pendente de realizar (estudos previos, licitación, etc.) lévannos mesmo a finais do ano 2025. O alcalde quere gastar xa o diñeiro do ano 2025 e aínda non rematou o 2023. Imos apañados!
Tamén temos detectado, en base ás previsións feitas nestes orzamentos, que o lixo vai acabar subindo case un 40 %. Si: aqueles que nunca subirían os impostos. Iso mesmo dicía Rajoy antes de gañar as eleccións en 2011. E despois fixo o que fixo. Bo alumno o noso alcalde. Pero non estivo moi fresco ao intentar refutar a crítica do BNG pola suba do lixo pois, primeiro achacou tal suba á incorporación do contedor marrón (para materia orgánica), e que iso xa vén do anterior goberno do BNG, que comezou o proceso. Pero máis tarde destacou que se debía dito incremento á suba do canon de SOGAMA. Pouco rigor nos orzamentos e pouco rigor nas intervencións.
Temos visto así mesmo erros graves de tramitación con partidas erróneas que non se corresponden con inversións reais; mesmo temos detectado algún apartado en branco, como o do Fondo de Compensación. Que pouca elegancia! Corrixiron ese dato, así o recoñeceron no pleno, pero non tiveron a decencia de comunicalo á oposición. Sería para despois poder reprocharnos que non coñeciamos ben os orzamentos? Nós si que os miramos. A concelleira delegada de Facenda, mirar miraríaos, pero tan só lle dedicou ao tema dous minutos no pleno cando os presentou.
En canto aos gastos de persoal, non son recollidos con fidelidade nestes orzamentos: así, aparecen partidas que non se axustan ao anexo ademais doutras que están duplicadas. Mesmo no resumo de gastos por capítulos non se recollen os importes reais de gastos de persoal, que en realidade van ascender a 5 064 656,71€.
Polo que se refire a gastos sociais hai unha clara redución de partidas. Así, en subministración para alimentos redúcese drasticamente a partida e no CIM (Centro de Información á Muller) diminúe até un 50%. O programa de actividades de animación social e a partida de mocidade para actividades de verán e nadal tamén sofren importantes recortes. Iso si: os gastos protocolarios e de publicade mantéñense (que conste que, visto o visto, lograr que se manteñan até pode chegar a ser unha virtude ante a desgraza de tanto dispendio!).
En fin: trátase duns orzamentos carentes de rigor, inflados artificialmente de cara á galería e pensados para gastar sen control nin medida. O goberno municipal do PP ten nestes momentos a maioría e procedeu á súa aprobación. Pero, xa o iremos vendo ao longo do ano 2024, estes desaxustes han traer consecuencias para a estabilidade financeira do Concello, a casa común de todos e todas as ribadenses. Por iso o grupo municipal do BNG de Ribadeo votou en contra. Non gustou nada ao alcalde de Ribadeo a nosa coherencia: na fase de rogos e preguntas volveu a proferir insinuacións faltas de toda consistencia e que raian na calumnia. Cando o señor Daniel Vega se emprega tan a fondo é porque non lle queda nada serio e rigoroso que dicir e acode ao insulto e á infamia.

