Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta Mario Benedetti. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta Mario Benedetti. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

20210517

Hernán Naval, referente de tanto, de tant@s. Suso López

 

Hernán Naval, referente de tanto, de tant@s.

    Hai toda unha xeración de ribadenses nados entre finais dos 70 e comezos dos 80 que nos criamos orfos e orfas de referentes do ámbito público e de carácter local que complementasen o noso proceso de desenvolvemento persoal máis aló do entorno familiar. Atrévome a dicir, incluso, que Ribadeo é, cando menos no remate do século XX e comezos do XXI, unha vila onde sempre escasearon os espellos do eido social ou político capaces de marcar o devir dun grupo amplo de mozas e mozos. Coma moito atopabamos na escola ou no instituto unha figura-guía que nos acompañaba no complexo e sempre arriscado tránsito da infancia á adolescencia e desta atè a idade adulta. Permítame, quen le, que aproveite estas liñas para agradecer, por tanto, a Mercedes de Esteiro, a Amparito, Encarnita Machado, Carlos Cid, Flor Núñez, Dolores ou Manolo (profe de Lingua e Literatura Castelà) que dende os primeiros anos da primaria e atè o bacharelato foron piares que axudaron a dar forma a quen hoxe escribe no persoal mais tamén no político se é que, como nos ensina a cotío o feminismo, hai diferenza entre un e outro espazo.

    É neste contexto onde a figura de Hernán Naval Parapar (Viveiro, 1962 – Ribadeo, 17 de maio de 2001) cobra plenitude pois foi quen de erixirse en mestre e referente persoal (o que ben sendo amigo), musical e político dunha ampla e diversa xeración de mozas e mozos (e outros que xa non o eran tanto) de Ribadeo e da contorna. Poucas batutas marcaron un compás vital tan determinante coma o que Hernán foi quen de marcar, nos pouco máis de dez anos que desenvoleu a súa actividade en Ribadeo, dende os atrís da Banda Municipal de Ribadeo (BMR) que reviviu, á fronte da Escola de Música que pariu e consolidou ou dende os foros e espazos diversos (tamén as páxinas deste diario-[El Progreso, onde foi iniciamente publicado este artigo]) dende os que predicou, no sentido laico do vocablo, sobre cultura, lingua e país, as máis das veces, contra vento do nordés e mareas vivas.

    Militante da “música entendida coma un ben social”, como o definiu o xornalista Félix Soria, Hernán anticipábase ao que a pedagoga Ester Bonal sinala como obxetivo central da educación a través das artes: “reconstruír unha cidadanía capaz de traballar na deconstrucción de moitas das estructuras que contribúen á miseria deste mundo global, ao tempo que coida e fai medrar as súas grandezas”. Un repaso a esa década ampla na que Hernán estivo á fronte da Escola Municipal de Música e máis da Banda en Ribadeo evidencian o seu carácter de persoa avanzada ao seu tempo tanto no fondo (a ousadía, daquela, de impulsar unha banda de música de marcado carácter contemporáneo ou a posta en marcha dunha centro educativo musical pioneiro no país son exemplos) coma na forma (os programas de man dos concertos da Banda constitúen unha lección de historia, cultura musical ou coñecemento da realidade social do país de primeiro nivel).

    No mencer do dia das Letras Galegas de 2001, ao saber do seu pasamento, un sentimento de tristura e orfandade asolou a toda esa familia extensa que Hernán foi acubillando ao seu carón. “Resulta difícil enfiar unhas verbas neste día amargo, pór-lle palabras á tristura de todos cando un non é quen de atopá-las para se confortar a si mesmo”, expresaba Eduardo Gutiérrez (Lalo), exalcalde de Ribadeo e amigo de Hernán, poñendo palabras ao que tantas e tantos sentiamos.

    Vinte anos despois do seu pasamento, e coa dor da ausencia que non marcha, dá gusto ver como a Banda segue actuando ou como a Escola bate récords de matrícula ano tras ano exercendo un papel de institución educativa clave na vila. A este seu legado cómpre engadir o sentimento de orgullo, atrévome a dicir que unánime, de todas e todos cantos estivemos nalgún momento baixo a batuta de Hernán. Orgullo de ter formado parte da Banda ou da Escola, de ter coñecido a Hernán pero, por riba de todo, de aprender e medrar canda el. E aí, nesa lembranza aparece sempre o seu admirado Mario Benedetti quen, despedíndose do poeta salvadoreño Roque Dalton, escribiu: "Ahora recorro tramo a tramo nuestros muchos acuerdos y también nuestros pocos desacuerdos y siento que nos quedan diálogos inconclusos, recíprocas preguntas nunca dichas, malentendidos y bienentendidos que no podremos barajar de nuevo. Pero todo vuelve a adquirir su sentido si recuerdo tus ojos de muchacho que eran casi un abrazo, casi un dogma”.

Suso López Fernández foi membro da Banda e alumno da Escola entre 1993 e 2009

 

Ligazóns ó listado de entradas sobre Hernán (ata o momento):  

Hernán Naval, escritos e prensa VII

Hernán Naval, escritos e prensa VI  

Hernán Naval, escritos e prensa V  

Hernán Naval, escritos e prensa IV  

Hernán Naval, escritos e prensa III  

Hernán Naval, escritos e prensa II  

Hernán Naval, escritos e prensa I

Breve guía de referencia cronolóxica nos anos ribadenses

 

20200408

A economía mundial ao servizo da dignidade. Pablo Mosquera

    Na medida que somos máis fortes ante a infección, reparamos nas súas consecuencias. Na medida que as cifras de enfermos e mortos se aplaquen, descubriremos as feridas da pandemia sobre o sistema no que vivíamos ledos e combativos.
    Non podo por menos que recitar aquel poema de Mario Benedetti que popularizou Serrat. "El sur también existe". Pois agora somos o sur. E miramos ao norte, ca súa opulencia e lles imploramos axudas. Estamos a descubrir as consecuencias da globalización e da maldita deslocalización. Si, esa fórmula economicista que trasladou a produción para aqueles lugares onde a man de obra é barata, amestrada, sen dereitos. Estamos descubrindo as miserias do capitalismo no que fomos felices consumidores confundindo o necesario co superfluo ao servizo da publicidade ou da presunción na mal chamada sociedade con desenvolvemento tecnolóxico -nenos famentos coincidindo na mesma xeración con nenos con smartphone- ou regos para campos de golf mentres outros seres humanos en África fan quilómetros para saciar a súa sede.
    Esa Europa do euro que nola venderon como forte, solidaria, competitiva con outras economías, onde iamos ser cidadáns de plenos dereitos, pero descubrimos que os europeos do sur, se queremos axudas para mitigar a pobreza que nos ameaza, deberemos aceptar as condicións leoninas para acceder ás súas axudas de usura, e así ser os seus escravos. E como aperitivo aí están eses fondos europeos de recuperación que nos negan. Berramos, pedindo acceso a liquidez, como enerxía vital para as empresas, esquecendo normas e tratados que se quedaron inservibles, pois aos Estados confinados pola pandemia, arróxanos a endebedarse como única solución de supervivencia. Pero si queremos sigan vivos os pequenos emprendedores e traballadores, necesitamos ingresos solidarios para que a pandemia non nos transforme nunha legión de parias famentos e desesperados e ser pasto de ideoloxías totalitarias.
    Buscando puiden atopar o pensamento público dun home de Estado. J. Borrell desde o seu exilio avísanos. África será o novo foco para a segunda oleada. "Haberá que buscar respostas coordinadas a escala global". Para sacar a Europa da crise económica, que poñerá en perigo a propia supervivencia do proxecto común, fai falta un plan de débeda mancomunada, xa que moitos países non poden endebedarse máis. "Fan falta fórmulas e mecanismos financeiros máis solidarios e unitarios porque as circunstancias requíreno". Fai falta actuar desde os Estados para que non haxa unha destrución do aparello produtivo.
    Pero hai moitas dificultades. A primeira, a talla dos dirixentes. A segunda, as tácticas para facerse co poder geopolítico. A terceira, o desprezo ao pobo, ao que tratan como mero asento contable. A cuarta, a alienación para as novas xeracións. A quinta, o control férreo sometendo ás liberdades. Pero, a resposta a tanta inxerencia... Só nos falta gritar como en tempos do "nefasto Fernando VII", ¡vivan as cadeas!

20051230

Unha primicia en visual



Para rematar o día, unha primicia. As fotos do trozo de cantil caído esta mañá, camiño do faro. Non puiden cargalas antes, que tomadas xa están desta mañá.
--
E, como sempre que poda, ata que remate o material que teño preparado, un artigo sobre Hernán. Por certo, que moitas veces poño 'Hernán Naval' de xeito complementario: é polo tema de posición nos buscadores.
Data: 28/5/89 Fonte: La Comarca del Eo
Título: ACADEMIA DE MÚSICA-BANDA DE MÚSICA NOTA INFORMATIVA
Autor: A COMISIÓN XESTORA
Descrición: nota informativa sobre a posta en marcha do futuro proxecto de banda
Comentarios: participando na xestora o mesmo posteador.
ACADEMIA DE MÚSICA-BANDA DE MÚSICA

NOTA INFORMATIVA


A situación actual das xestións que ven levando a Comisión Xestora resúmese nos puntos seguintes:

  1. Contratación do director-profesor: despois de entrar en contacto con distintos profesionais mantiveronse varias entrevistas con D. Hernán Naval Parapar e finalmente o pasado día 19 de maio chegouse a un acordo co profesor Naval para que se faga cárrego da dirección da Academia e Banda de Música de Ribadeo.

O profesor Naval ten 26 anos, é natural e veciño de Viveiro e o seu vitae como músico profesional exponse a continuación:

Anexo
HERNAN NAVAL (Currículum vitae)

Estudios oficiales realizados:
5º de Solfexo polo Conservatorio Profisional de Música de A Coruña.
5º de Trompeta polo Conservatorio Superior de Música de Madrid.
5º de Piano polo Real Conservatorio Superior de Música de Madrid.
3º de Harmonía polo Conservatorio de Madrid
2º de Historia da Música polo polo Conservatorio de Madrid.
2º de Estética Musical polo Conservatorio de A Coruña
2º de Conxunto Coral polo Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela.
Curso de Historia do Arte e da Cultura no Conservatorio de Santiago.
Curso de Acústica Musical no Conservatorio de Santiago.
Curso de Repentización, Transposición e Acompañamento no Conservatorio de Santiago
Diplomado en Trompeta e máis en Piano polo Conservatorio de Santiago.
(Todo este expedente académico pode ser avaliado pola correspondente certificación oficial, mesmo incluindo calificacións.)
Traxectoria profisional:
Trompetista e percusionista da Banda Municipal de Música de Viveiro, na que chegou a desempeñar funcións de sub-director. Durante algún tempo formou parte da Xunta Directiva desta agrupación. A pertencia desde os 9 anos á Banda de Viveiro serviulle para hoxe coñecer a técnica e manexo de todos os instrumentos empregados nas bandas populares.
Director da Coral Polifónica do CIT (Centro de Iniciativas Turísticas) de San Cibrán (Cervo)
Director da Escolanía do Coléxio público de EXB do Vicedo, en formación.
Profesor do Conservatorio de Música de Viveiro.
Autor dunha série de obras polifónicas para Coro mixto, das que ten estreado as cancións “Abrelle a porta o día” (sobre un poema de Dario Xoán Cabana) e “Sirena” con letra de Mario Benedetti.
En breve sairá do prelo un poemário do escritor Miguel Sande (en Ed. Galaxia) que inclúe un “lieder” composto por Hernán Naval sobre o poema final do libro.
Ten traballado como arranxista para orquestras de música lixeira
Ten publicados artigos sobre Música e Cultura en diferentes publicacións galegas.

  1. Legalización da asociación: O pasado día 4 de maio remitiuse ao Goberno Civil o proxecto de estatutos coas modificacións indicadas pola autoridade gubernativa ao texto presentado anteriormente. Estamos pendentes de recibir a aprobación definitiva restando despois a inscripción da sociedade no rexistro da Consellaría de Cultura.

  1. Iniciación de actividades: As clases e actividades iniciaranse despois das festas patronais, coincidindo co comenzo do próximo curso escolar. Crearanse varios grupos de estudo e ensaio según os niveis e coñecimentos musicais dos educandos.

Coa finalidade de programar horarios e organizar grupos compre que os socios se poñan en contacto con calqueira dos membros da Comisión Xestora e faciliten datos de afiliación, teléfono e coñecimentos musicais. As clases serán tres días por semana en horarios de tarde (entre as seis e as nove da noite aproximadamente).

Recórdase que poden apuntarse todalas persoas que o desexen, de calquer edade, sexo e coñecimentos musicais tanto os que non saben nada como os que saben solfeo ou dominan un instrumento. Somente se esixe darse de alta como socio.

  1. Próximamente a Comisión Xestora convocará unha Xuntanza de socios onde se dará conta pormenorizada de tódalas xestións realizadas e faráse unha presentación pública de D. Hernán Naval.

  1. Finalmente queremos invitar a todos aqueles que esteñan de acordo cos fins da sociedade para que se den de alta como socios, dado que sin caer en excesivo optimismo parece que estan conseguíndose os obxectivos propostos.

A Comisión Xestora
Ribadeo, 20 de Maio de 1989

20210825

Médico veterano ante pandemia de manual. Pablo Mosquera

   Nota: coido que tería que discutir con Pablo abondas das afirmacións que fai no texto. É normal que haxa discrepancias e non especifico a miña opinión antes dos textos. Mais esta vez, son numerosas e quería deixar constancia delas, por máis que o artigo difira de como foi entregado só polo seu versionado ó galego. Por certo, poderá compararse coa versión castelá ó ser publicado en Galicia Dixital.

Médico veterano ante pandemia de manual. Pablo Mosquera

Cando era estudante de medicina na Facultade da Complutense madrileña, o profesor Piédrola ensinounos como se comportan as pandemias e como son as cadeas epidemiolóxicas de todas as enfermidades infecto contaxiosas. Máis tarde, como profesor Asociado por oposición, de Saúde Pública, na Universidade Pública Vasca, fun eu quen ensinaba ao alumnado o que antecede. Durante máis de corenta anos tiven ocasión de enfrontarme con esas enfermidades infecciosas, e como a ciencia médica íaas dominando, ata o punto de lograr a declaración de enfermidade erradicada nalgún caso. Por iso, neste 2021 atópome ante dúas circunstancias que me sorprenderon: unha pandemia por un virus. Un estraño manexo do manual para romper a cadea epidemiológica tal como me ensinaron e ensinei.

Sábese quen é o axente causal. Como se transmite. Quen son suxeitos sans susceptibles. O curso da infección e as súas complicaciones clínicas. Como se diagnostica. A relación entre espazo, densidade de poboación, medio aéreo onde se comparte. Vacinación. Mutacións do virus. Pero tamén hai algunhas incógnitas por publicitar: tempo de incubación segundo a cepa mutante; tempo de duración dos anticorpos producidos polas vacinas; posibilidade de estar vacinado e seguir sendo vehículo de transmisión do virus; complicacións da infección.

E o máis impactante como enfermidade social. Sostenibilidade do espazo económico-laboral coas medidas de illamento para enfermos, infectados e susceptibles de infección. Engado, que por razóns que se escapan á comprensión científica, as medidas que se tomaron: cando, como, onde, e baixo o auspicio de que realidade xurídica, estiveron pragadas de vaivéns, incertezas e graves erros. Unha vez máis. A política invadiu o espazo da ciencia. Os mandarines estorbaron aos expertos. A política non foi a arte de gobernar que significa identificar demandas e atopar para aplicar solucións. O baixo nivel dos dirixentes cobrouse vítimas.

Tarde se quixo atender a chamada da OMS. Había que celebrar determinadas efemérides aínda que iso supuxese o desprezo á declaración de pandemia. O 8-M de marzo 2020, pasará á historia de España como unha data nefasta. Pero non menos que aquelas imaxes televisadas. Os sanitarios aplaudidos pero sen os equipos de protección individual fronte á enfermidade, o que ocasionou inxentes vítimas profesionais. As residencias de anciáns mostrando a súa cara máis cruel e miserable: auténticos almacéns de xente usada, que serven para aliviar conciencias familiares e establecer un gran negocio a costa da senectude dependente. A aparente autoridade dunhas comparecencias uniformadas que daban dicterios para un estado de excepción sen atreverse a tal xestión parlamentaria. Un Parlamento Nacional disposto a usar mortos e "feridos" como arma arreboladiza para lapidar ao Goberno, cando o preciso era un gran acordo de Estado.

Declarouse que todo cidadán "pillado" fóra da orde establecida, fóra acusado formalmente pola autoridade uniformada de resistencia e desacato á autoridade, case como en estado de sitio. Menos mal que o poder xudicial non fora subsumido polo sanchismo e garantiu a lei, os seus límites e en consecuencia os dereitos da cidadanía fronte á tempestade de movementos que a partitocracia atrevidamente ignorante e prepotente usou para facer que facían, cando non tiñan nin pajolera idea do que estaba sucedendo e de como aqueles recortes en sanidade-atención socio sanitaria eran un buraco polo que caían seres humanos cara á enfermidade e a morte.

Pasaron os meses, as estacións do ano, as festas de gardar sen festa. As vítimas da pandemia podemos situalas en tres cohortes poblacionais. Mortos e feridos graves que fixeron plétora nos centros de asistencia sanitaria. Pequenos emprendedores e traballadores que pasaron de vivir toureando uns ingresos a caer no pozo da pobreza. Xentes das máis diversas profesións, actividades, puntos do mapa, que sentiron a angustia -medo ao descoñecido- ao ver o desconcerto que só era realmente dramático cando os informativos daban o "parte de guerra contra o virus". Así estabamos cando apareceu a vacina. Entramos nunha nova fase pandémica. A industria farmacéutica ou o que sexa, emprendeu unha regata de traineras para ser os ganadores da bandeira. O primeiro que lograse colocar a vacuna no mercado tiña asegurado o maior dos negocios. Non importaban os pasos obrigados polos científicos a fin de garantir o produto. Non importaba que a poboación potencialmente receptora quedase eficazmente protexida co menor custo de efectos secundarios posibles. Non importaba que ao ser pandemia, as doses debían ser dispoñibles e sostenibles para todo o orbe, non só para os países do norte -Mario Benedetti-, Só importaba facer diñeiro coa angustia e desesperación da poboación susceptible de caer infectada. E entramos nunha nova dimensión. A denominada loxística da vacinación, por idades e con vacinas das que se comezaron a publicitar efectos secundarios moi graves, que nunca saberemos si os fixo pública a batalla entre industrias do produto ou foron realidade consecuencia do pouco rigor utilizado para a saída ao espazo sanitario dun produto feito apresuradamente a costa de eliminar fases previstas como necesarias para garantir a seguridade.

Tamén o Goberno decidiu que se equivocara. Máis ben que se estaba expoñendo demasiado. E así, da noite para a mañá sinalaron ás Comunidades Autónomas como axentes suficientes e máximos responsables das medidas para enfrontar a enfermidade. Mentres o sanchismo apuntábase os éxitos e beneficiábase do cambio naqueles temibles "homes de negro" que impoñían obxectivos económicos, fiscais e controis para a débeda. ¡Albricias!. Termináronse os controis do gasto. Xa non era cuestión de orzamentos. Liberdade para usar os fondos económicos sen mirar como impactaban no endebedamiento -¡manda narices, por encima do 120% do PIB!- Deixar a España na ruína só será un problema para os españois e para os próximos gobernos que deban enfrontar o caos económico -a única fórmula está en ser capaces de atopar a pedra que converta o granito en ouro-.

Cinco ondadas por mutacións do axente causal. Pero a propaganda oficial parece que o ten previsto para evitar o pánico. Facer do verán un canto á liberdade perdida. Volver ao negocio do lecer vacacional. Sinalar aos mozos e a súa inmadurez como causantes da quinta ondada. Seguir vacinando e presumindo de tal. Restar dramatismo ás horripilantes cifras de mortos diarios. Evitar que os científicos publiquen traballos socio sanitarios sobre a pandemia. Dar exemplo de "dominio" da situación, e xa que logo, ata o Goberno co seu Presidente á cabeza, están de vacacións. Usar a traxedia de Afganistán como cortina de fume fronte á pandemia. Presumir do cambio que han ter as cifras en macroeconomía grazas ao veraneo. Non pensar no outono..

20051218

2ª entrada de hoxe: a biografía de Hernán (Hernán Fernando Naval Parapar)

- Realizada por Fernando Rodríguez e Antonio Gregorio. Imaxe dun cartel realizado por Chenchu (aínda non lle dixen nada... agora paso a eso)

Biografía de Hernán Fernando Naval Parapar

Naceu en Viveiro e foi feliz en Ribadeo. Ese podería ser un resume minimalista da súa vida. Pero non podemos cinguirnos a un breve comentario que ademáis carecería da amplitude abonda para ter unha base mínima de obxectividade. O que se presenta a continuación é prácticamente unha fusión de partes textos anteriores referidos á súa biografía, que esperamos ter feito coa visión suficiente para que sexa a base de lectura e comprensión da súa obra e a súa persoa.


---


Hernán Naval Parapar nace en Viveiro (Lugo) o cinco de agosto de 1962. É profesor titulado de trompeta e solfexo nos conservatorios de Lugo, A Coruña, Santiago e Madrid. A súa actividade profesional desenvolveuse no campo da música: foi profesor do conservatorio da súa vila natal ata 1991, fundou e dirixiu a coral Polifónica de San Cibrao entre 1987 e 1989, período no que estreou varias obras corais. Desde 1992 dirixiu a Banda de Ribadeo (logo Municipal e logo aínda Sinfónica, quedando co título de Banda Sinfónica Municipal de Ribadeo), municipio no que residiu no último decenio da súa vida. Con ella, dirixiu concertos didácticos e tocou en lugares como Madrid, Barcelona ou Lisboa.


Tras comezar a traballar na Academia de Música Carlos A. Fernández-Cid, que abriu as portas da súa man ó ser contratado por Amadores da Música, foi tamén promotor da Escola Municipal de Ribadeo, a que dirixiu desde a súa fundación en 1993. Co apoio e patrocinio do Excmo Concello, a Escola Municipal de Música de Ribadeo foi o primeiro centro das súas características fundado en Galicia (ano 1993), centro que no momento do seu pasamento contaba con 230 alumnos. Foi Vicepresidente da Asociación Galega de Escolas Municipais de Música (AGEMM) ata o seu pasamento, así como director da Big-band desta asociación, coa que participou no VI Festival de Música dos Xoves Europeos que se celebrou en Trondheim (Noruega) do 31 de maio ó 4 de xuño do ano 2000 (organizado pola EMU-European Musicschools Union). Foi tamén promotor da Banda da Federación Galega e segundo director da mesma, dirixindo a Agrupación xunto co seu director titular Marcel van Bree, o día da súa estrea no Auditorio de Galicia, e cun arranxo feito por el mesmo do Segundo Movemento da Sinfonía nº 2 “Nas montañas de Galicia” de Andrés Gaos.


No campo da música, son tamén da súa autoría son dalgunhas obras corais e instrumentais estreadas (Lonxe do mar, Mar por médio, Portbou-Saraxevo,...), das cales dúas (Portbou-Saraxevo e Lonxe do Mar) foron gravadas pola BSMR baixo a súa dirección. Conserva ademais varias obras sen estrear.


Fóra do campo da música, foi presidente da asociación cultural “Sementeira” de Viveiro entre 1985 e 1992. Durante o cargo a asociación publicou “Abril no Pastor Díaz”, un caderno con poemas inéditos de varios escritores galegos (Pilar Pallarés, Manuel María, Novoneyra...), que Hernán Naval prologou e editou. Nesta época promoveu diversas campañas, como a de salvamento do „Pastor Díaz“. Durante este período foi tamén vicepresidente da Federación Galega de Asociacións Culturais. Posteriormente, foi directivo en Ribadeo da A.C. Francisco Lanza.


Hernán Naval ten contribuido, como relator, conferenciante e articulista, á divulgación dun novo discurso sobre o papel socio-cultural das Bandas amaters e á formación da xuventude, organizando en Ribadeo, en 1994, un importante Congreso de Bandas de Música Populares de Galicia e participando en diversos foros.


As súas afeccións literarias datan da súa mocidade. Ten publicados uns dous centenares de artigos en diversos medios: El Progreso, La Voz de Galicia, A Nosa Terra, Alborada (revista do Centro galego de Barcelona), Doce Notas (revista de ensino musical de ámbito nacional)...Os seus escritos pertencen a campos tan diferentes como a política, a música, a crítica cultural ou mesmo a crítica de televisión. Tamén escribiu diversos relatorios para congresos de educación musical, algúns deles pendentes de publicación. Proxectaba reunir nun libro os artigos “menos circunstanciais” que escribiu sobre música.


A súa única publicación literaria é a obra teatral Comunicando (Traxicomedia con parabellum. Nun acto), que acadou un accésit no concurso de teatro breve do colectivo Buril de Burela (1989); a obra publicouse no número oitenta e tres dos „Cadernos da Escola Dramática Galega“. Manuel F. Vieites, en La nueva dramaturgia gallega, recoñece que “insinúa interesantes perspectivas”. Outras obras do autor, inéditas, son Final coherente (accésit no mesmo concurso de teatro breve en 1988) e o conxunto Díptico en modo menor, composto polas obras Bolero e Con morbo.


Ten escritos dous relatos breves inéditos e uns vintecinco poemas, que lle gustaría ter completado cunha dúcia máis e logo publicado, posto que afirmou estar moi satisfeito con algúns deles.


En política, dende os seus tempos de estudiante foi militante nacionalista e actividata. Foi candidato ó Senado nas eleccións xerais do ano 2000 polo BNG.


Morre dun ataque ó corazón na noite do 16 ó 17 de maio de 2001.


Pequeno (e sabemos que incompleto) curriculum vitae:

5º de Solfexo polo Conservatorio Profisional de Música de A Coruña.

5º de Trompeta polo Conservatorio Superior de Música de Madrid.

5º de Piano polo Real Conservatorio Superior de Música de Madrid.

3º de Harmonía polo Conservatorio de Madrid

2º de Historia da Música polo polo Conservatorio de Madrid.

2º de Estética Musical polo Conservatorio de A Coruña

2º de Conxunto Coral polo Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela.

Curso de Historia do Arte e da Cultura no Conservatorio de Santiago.

Curso de Acústica Musical no Conservatorio de Santiago.

Curso de Repentización, Transposición e Acompañamento no Conservatorio de Santiago

Diplomado en Trompeta e máis en Piano polo Conservatorio de Santiago.

(Todo este expedente académico pode ser avaliado pola correspondente certificación oficial, mesmo incluindo calificacións.)


Traxectoria profisional:

Trompetista e percusionista da Banda Municipal de Música de Viveiro, na que chegou a desempeñar funcións de sub-director. Durante algún tempo formou parte da Xunta Directiva desta agrupación. A pertencia desde os 9 anos á Banda de Viveiro serviulle para hoxe coñecer a técnica e manexo de todos os instrumentos empregados nas bandas populares.

Director da Coral Polifónica do CIT (Centro de Iniciativas Turísticas) de San Cibrán (Cervo)

Director da Escolanía do Coléxio público de EXB do Vicedo, en formación.

Profesor do Conservatorio de Música de Viveiro.

Autor dunha série de obras polifónicas para Coro mixto, das que ten estreado as cancións “Abrelle a porta o día” (sobre un poema de Dario Xoán Cabana) e “Sirena” con letra de Mario Benedetti.

En breve sairá do prelo un poemário do escritor Miguel Sande (en Ed. Galaxia) que inclúe un “lieder” composto por Hernán Naval sobre o poema final do libro.

Ten traballado como arranxista para orquestras de música lixeira

Ten publicados artigos sobre Música e Cultura en diferentes publicacións galegas.

.....


Bibliografía usada:

AUTORES RIBADENSES EN LINGUA GALEGA. Cadernos de investigación do IES Dionisio Gamallo Fierros Nº 3, 2001. nota: A redacción final deste traballo realizouse no verán do 2000; non figuran, lóxicamente, datos posteriores

O SON DO POBO Nº 14 ABRIL-XUÑO 2001

LA COMARCA DEL EO, 28 de Maio do 1989 – Nota informativa sobre o inicio dunha academia privada co obxecto de formar unha Banda de música en Ribadeo firmada por A Comisión Xestora do que logo sería Amadores da Música.


Píldoras:

...“jóvenes alumnos puedan comprender la estructura de una obra... para lo cual recibirán explicaciones de Hernán Naval, director de la formación musical quien también ha diseñado el guión de la actuación...El concierto con fines pedagógicos...se les entregará a los asistentes una guía didáctica ilustrada y un formulario...“

(LA VOZ DE GALICIA 21 de maio do 1993 Naval dirige hoy a la banda de música ribadense en un concierto didáctico)

....“Ó redor do seu traballo consegueu artellar o rexurdimento da banda de música que sacou da nada ata convertela nunha potente formación con máis de oitenta músicos e que pasou a ser banda sinfónica. Baixo a súa batuta, a banda ribadense marcou fitos importantes coma a publicación dun compacto no ano 97 e tiña case ultimada a grabación do material para dous discos máis. Ademáis, fixo un gran traballo na escola de música, atraendo a centos de rapaces.

(O PROGRESO 18 de maio do 2001- “finou dun infarto o profesor hernán naval, director da banda municipal de ribadeo)


....“Hernán Naval presidió la agrupación cultural Sementeira desde 1984 al 92.Durante este período desarrolló una intensísima labor cultural: mantuvo un programa radiofónico y diseño la campaña: Salvemos o teatro “Pastor Díaz” en el año 88, entrevistándose entonces en dos ocasiones con el conselleiro de Cultura en esa época Alfredo Conde....

...El músico viveriense también organizó el primer Encontro de asociacións culturais da Mariña que se celebró en el 89 en la ciudad del Landro, fue vicepresidente de la Federación de Asociacións Culturais Galegas y colaboró en la prensa comarcal. Con sus artículos de opinión apoyó muchas iniciativas culturales en A Mariña. Hernán Naval participó como profesor en la puesta en marcha del conservatorio de música de Viveiro y fue un miembro destacado de la banda municipal....

EL PROGRESO 27/5/2001 “sementeira homenajeará en viveiro a hernán naval, que fue su presidente nueve años”.


....“Adiantándose aos tempos puso en marcha unha escola pioneira en Galiza, unha Banda Sinfónica Municipal que marcaría un fito no mundo das bandas populares; espertou en todos nós, e especialmente na nosa mocidade, unhas inquedanzas musicais, e culturais en xeral, que encherían de ilusión, sentido e vigor a actividade cultural de Ribadeo, de toda a Mariña e máis alá da nosa comarca....

extracto do texto da carta que se apresentou ó concello para que a escola se convertese en „escola hernán naval“ 2002

-- Atención: No blog hai máis material sobre Hernán. Por exemplo, aquí (non é o único sitio, nin moito menos) --

20201208

A nosa paisaxe Navideña. Pablo Mosquera

 A nosa paisaxe Navideña

    Dicía Ramón Canosa, como o noso litoral desde A Estaca a Morás constitúe unha paisaxe brava sen esas blandenguerías do Mediterráneo, con furias abismales e roucos queixumes polos destrozos que sobre as rochas graníticas producen as ondas. Estámolo vendo desde que comezou decembro -Augas Santas- Ese Tempo de Advento que prepara para o Nadal. Será diferente, polas restriccións sociais que impón a pandemia, pero as poboacións -parroquias- seguirán pendentes das mareas co seu ruído ás veces ampliado polos ventos. Unha fermosa furia da natureza que invita a refuxiarse xa sexa en cantinas ou na propia casa que cambiou o lume das cociñas por cómodos sofás cara ao televisor de gran pantalla, capaz de facernos viaxar por eses mundos afastados ao mesmo tempo que mergulla ás familias en silencios de charlas e preguizas para a lectura dun bo libro.

    A situación, estraña e cruel, tapou os centenarios a Don Benito Pérez Galdós, Mario Puzo, Miguel Delibes ou Benedetti, quen nunha fermosa estrofa avisábanos: "No cabe duda. Esta es mi casa / aquí sucedo, aquí me engaño inmensamente / Esta es mi casa detenida en el tiempo". Tamén a Isaac Díaz Pardo.

    Son devoto de Cunqueiro. Fabulador. Mistura entre os mitos e a historia. E que de estar entre nós seguiría máis interesado nos seus artigos "El envés", pola outra actualidade, distraéndonos dese parte diario- con cifras de guerra- que ocupa o tempo nos medios de comunicación. Ensinábanos a ver o que non nos ensinan. Trasladábanos a un mundo máxico e genuinamente galego. Desde aquelas parrafadas que escoitou á beira dunha lareira ata as que compartiu en tabernas como a de "Póngalas" entre cuncas de viño do país. Seguro que perseguindo a sombra de Merlín por terras de Miranda.

    Permítome retroceder ata o outono de 1887. Apróbase e publicita o Plan Xeral para o Alumeado Marítimo. Comeza recoñecendo o escaso e imperfecto servizo dos faros, a diferenza de como estaban situados e funcionando en "todos os países cultos", e iso nunha España marítima de primeira orde. O descoido de tales sinais propicia unha grave inseguridade para a navegación. A piques de concluír 2020, tales faros están superados por outros artiluxios. Pero seguen sendo Catedrais da Mar e forman parte do alumeado Navideño dos nosos pobos costeros, moito máis fermoso que esas árbores importadas desde o norte de Europa e que xunto con personaxes que viaxan en trineos impuxéronse ao vello e fogareño Portal de Belén. Ata tal punto que algunha cidade galega compite con Nova York en tamaño e intensidade lumínica.

    O Nadal é punto de encontro. Tamén esperanza para lograr saúde e algunhas demandas. Así en 1979 aprobouse a construción do Porto de "Aluminio Español S.A" na ensenada de San Cibrao. Ou en 1986, cando a ilusión estaba depositada no funcionamento do novo Hospital da Costa, sito na parroquia de Santa María de Burela do Concello de Cervo. Pero tamén na inauguración da Casa do Mar en San Cibrao.

    Esta vez as peticións e atencións céntranse na chegada das vacinas contra o COVID-19; e mentres, nesa palabra tan nosa de "sentidiño" para evitar que as festas traian unha borrasca invernal que obrigue a fondear as nosas vidas e rematar afundindo a economía social.