20230521

Unha viaxe en tren

Unha viaxe en tren

    18:19, saída de Foz. En realidade, saída da estación de Foz, situada a 1,5 km ou 2 da casa do concello (segundo elixas máis ou menos seguridade peonil), a unha certa distancia do lugar máis preto onde esperar tomando un café. A hedra que cubre parte da estación vese compensada cunha impecable plataforma con bancos e marquesiña para esperar sentado. Non hai posibilidade de confusión: á esquecida estación súmaselle que a vía xusto por diante dela vese totalmente oxidada (a máis de cortada, como se pode apreciar na foto), o que non pasa coa que vai por diante do lugar preparado.

    Despois de estar un mes sen servizo (por obras na estrada á entrada de Burela, substituído o tren por un bus que non paraba onde as estacións, entre outras diferencias), e só na espera naquel lugar, ó observar un pequeno retardo despois de ter tido algunha sorpresa con FEVE, pregúntome se tería pasado algo na liña que non soubera. Chamo ó número que vexo indicado e comunícanme que non pasa nada máis que que o tren leva 12 minutos de retardo no seu camiño. Ben, se só son 12 minutos... E si, moi aproximadamente, 12 minutos foi a tardanza total dende a hora no listado de pasos.

    Un convoi de dous vagóns automotores con perfil moderno achegouse. Entro a nivel da plataforma a un interior cunha ocupación dun terzo ou un cuarto de lugares, mais abigarrada, onde se misturan xente cualificalbe como locales, como eu mesmo, outra xente de viaxe, turistas, estranxeiros afincados... xente que, ata chegar a Ribadeo, inrementarase con algunha diferenza máis.

     Xa en marcha, ó pouco abandoo a lectura. A paisaxe cautívame unha vez máis. As casas de Mourente ou sobre a ría de Foz, a placidez dunha tarde límpida na que se goza dunha boa temperatura e sen o forte vento de días atrás, o decorrer dos campos, camiños, veredas, montes, árbores e o mar ó fondo co ceo lixeiramente variante súmase ó avance en relativamente rápido pero calmo traqueteo. E así, a observación de beleza pasa a sentemento de sosego, inundando os tranquilos vagóns cun sentir prácido.

    O interior, agradable, invita a descansar e contemplar.

     A paisaxe vai deixándose sentir máis que pasando, os lugares habitados, con fogares aquí e aló transmiten unha calma habitada, máis vital, mentres as zonas sen poboación acollen a visita dos ollos de xeito completamente diferente.

    Gústame o tren. Pode que porque me gusta a terra que atravesa, esta terra nosa. Esta rasa cantábrica que festonea entre o mar e as montañas da Mariña que desemboca en Asturias, a Galicia máis próxima que teño.

    Chegamos a Ribadeo. Alédame que a estación, aínda que teña pasado por mellores tempos, non admita comparación co abondono que sufre a de Foz. Un remate adecuado a unha viaxe sentida.


Ningún comentario: