20230505

Sobre a porta da illa Pancha

    Coido que tras ter publicado onte mesmo sobre a illa Pancha o escrito de Covadonga Suárez 'Por nuestro faro e os espontáneos', para alguén puido significar unha pequena sorpresa atoparse hoxe nun xornal a noticia titulada "La «guerra» por la puerta de la isla del faro hotel de Ribadeo va más allá de los juzgados", co subtítulo "Tras desmontarla y guardarla el alcalde de Ribadeo para garantizar el libre acceso al islote, la Autoridad Portuaria Ferrol-San Cibrao ya ha contratado otra y su montaje, en el plazo de un mes, por 13 000 euros". Pouco despois, aparecía unha nota de prensa do concello que transcribo, tentando seguir a historia da illa Pancha en todas as súas facetas:


BARCIA RECLAMA DE NOVO O ARRANXO DO VIEIRO DE ACCESO

Porta da Illa Pancha

05/05/2023


 

O alcalde, Fernando Suárez, advirte que desde o Concello non se darán permisos que non cumpran coas leis e que limiten os accesos públicos a espazos públicos. Deste xeito se referiu ás intencións da Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao de repoñer a porta de acceso á Illa Pancha.

O rexedor declarou: "ese presidente da Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao, nomeado a dedo pola Xunta de Galicia, mandará nos terreos da Illa Pancha, pero o alcalde, nomeado democraticamente polos veciños e polas veciñas de Ribadeo, manda na totalidade do concello. E como mandamos, temos a obriga e a responsabilidade de cumprir e facer cumprir as leis".

Suárez Barcia dixo: "eu desde logo, atendendo sempre ao asesoramento xurídico, sei cales son as leis, polo que no meu día a día tento ser moi pulcro no cumprimento delas a través das nosas resolucións e neste caso, aínda por riba, cando están avaladas por numerosos pronunciamentos xudiciais de varios Tribunais".

O alcalde subliñou: "así que, polo tanto, un aviso: en Ribadeo non sei vai facer nada que non conte cos permisos, licencias e autorizacións pertinentes. E desde o Concello, ningún permiso se dará que non cumpra coas leis e que limite accesos públicos a espazos públicos".

Fernando Suárez volveu reclamar o arranxo do acceso á Illa Pancha, competencia da Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao: "entrementres, por favor, que esa xentiña da Autoridade Portuaria se poñan a tapar as fochancas do vieiro de acceso á illa, que é da súa responsabilidade, e está que dá noxo".

    ... continuará.

Ningún comentario: