20230523

Que é a seguridade?

Que é a seguridade?

    Hai aínda poucos días unha xuntanza a nivel local con representación de políticos e funcionarios locais e forzas de seguridade estatais, certificou unha vez máis algo que máis ou menos subscribo, igual que moita outra xente: Ribadeo é un lugar seguro. Unha poboación relativamente pequena, con actividade abonda e sen grandes sobresaltos de seguridade.

    Como contraste á noticia oficial que daba fe da xuntanza, fin de semana antes de eleccións, hoxe mesmo puiden ver nos xornais varios casos relacionados coa 'falta de seguridade', a máis doutro observable en plena rúa céntrica.

    Esta noite pasada, de domingo a luns, a rotura dun vidro da porta principal dun coñecido e céntrico establecemento de hostalería foi o paso previo para entrar a saco e largarse co botín. Pasando por alí xa preto de media mañá, seguía o vidro roto e un veciño lembroume que este mesmo mes xa sufrira outro roubo. En ningún dos dous casos sei nin en canto se valorou o botín, nin en que consistiu nin en canto se valorarou o esnaquizado. Pero, evidentemente, haber, houbo perdas.

    Xunto co anterior, observable por calquera transeúnte, hoxe no xornal podía lerse que a noite anterior, de sábado a domingo de madrugada, outro establecemento de hostalería foi atracado, faltando aínda determinar o conxunto de danos sufrido, a máis do roubado. Asemade, a mesma noite, un ferido (varios dentes saltados, labio partido) nunha rúa diante dun local nocturno na que tamén varios coches resultaron afectados, acumulábase ó altercado que a madrugada do día 6, no mesmo lugar, deu como resultas o arrancamento dun labio por unha trabada dun dos contrincantes a outro. En ambos casos, con tumulto arredor. 

    Chegados aquí, despois de xuntar os feitos anteriores, cabe preguntarse se sigo subscribindo o dito, que estou de acordo coa seguridade no noso pobo. Máis aínda, cando as novas aclaran que no caso dos altercados, os avisos viñeron dos veciños, fartos do ruído e inconveniientes que sofren, e sei de que vai o tema despois de sufrir durante anos a movida na zona, ou por outra banda, teren entrado a roubar hai tempo no noso fogar.

    Hai unha pequena confusión entre dous significados diferentes de seguridade. Un, en trmos de probabilidade, viría dado en matemáticas por p = 1, total probabilidade. Ó outro, no sentido se 'sentirse a salvo', non podemos nunca asignarlle p = 1; nese sentido, ninguén estamos nunca totalmente a salvo. Somos mortais e morremos, e sempre pode ocorrer un suceso que dea remate á nosa vida. O de perder os bens, tamén, pero queda, coido, nun segundo plano fronte ó anterior.

    Ribadeo, e Galicia, son lugares máis ou menos seguros, sempre tendo en conta esa 'seguridade relativa', en relación a Colombia, Ucraína u Catania, por poñer exemplos relacionados con guerras ou mafia e cunha certa distancia de por medio.

    E poden insistir nas noticias na necesidade de máis seguridade: nunca -suliño, nunca- será abonda para todos, pola imposibilidade dese p =1 do que falaba. Pero sempre, precisamente por esa imposibilidade, se poderá pedir 'máis', maior eficiencia, outros métodos, cambio de prioridades para atender as necesidades de máis seguridade, o cumprimento da normativa existente... e aí comezan a distinguirse as preferencias, convicións, intereses, de cada quen. Por exemplo, é frecuente pedir máis policía pola inseguridade. Mais os lugares con máis policía non teñen por que ser -de feito, non soen ser- os máis seguros, ó detraer recursos doutros factores, como a educación, a planificación das zonas habitadas do territorio ou a igualdade de oportunidades, que os estudos amosan que teñen máis importancia na conflitividade e na inseguridade.

    E, fronte a unhas eleccións, por aí si que podería tomarse en conta nas intencións das futuras actuacións, dos programas, sexa a nivel local, autonómico ou estatal.

Ningún comentario: