20220402

Eoalimenta!

    Esta semana pasou medio inadvertida unha xuntanza que pode ter un impacto forte no futuro da zona. Os partícipes de Eo Alimenta  reuníronse en Ribadeo o pasado día 30, e, a pesar da nota de difusión do concello, coido que a información quedou coxa. Por iso recollo, a máis da nota do concello que deixo a continuación, un tríptico e fago diversas ligazóns dende o texto da nota a outras web ou a outras entradas de Ribadeando para completar a visión.

Foto Eo Alimenta

INICIATIVA PIONEIRA A NIVEL ESTATAL

Eo Alimenta

31/03/2022

O proxecto Eo Alimenta avanza cara un modelo de produción, distribución e consumo capaz de alimentar á súa poboación. Onte, mércores, tivo lugar unha xuntanza no salón de plenos do Concello de Ribadeo

O proxecto Eo Alimenta celebrou onte en Ribadeo un momento importante coa presentación do borrador da estratexia alimentaria diante dos socios do proxecto: concellos do territorio, USC, GDR Terras de Miranda, CEDER Oscos-Eo, Fundación Edes e Sindicato Labrego Galego.

Este mércores, día 30 de marzo, ás 17.00 horas, no Salón de Plenos do Concello de Ribadeo, tivo lugar a reunión do Comité de Seguemento do proxecto Eo Alimenta, un proxecto participativo financiado pola Fundación Carasso, no que traballan dende hai dez meses e de forma colectiva diversos axentes vinculados ao sector da alimentación (administración, persoas consumidoras, organizacións agrarias, proxectos de produción agroecolóxica, universidades, grupos de desenvolvemento rural, etc.).

O obxectivo deste proxecto é elaborar unha estratexia alimentaria para o territorio do río Eo que aborde o reto de conseguir autoabastecer de alimentos a todo o territorio a partir dos produtos ofrecidos polo propio territorio e a través de diferentes medidas que redunden no fortalecemento e a articulación da produción agroecolóxica a pequena escala, no impulso do consumo de proximidade, no apoio ao comercio local ou no compromiso por parte das administración públicas de levar a cabo procesos de compra pública responsable.

En dita reunión, onde foron presentadas as 11 medidas e 33 accións que conforman o borrador da Estratexia Alimentaria Participativa da biorexión do río Eo, participaron representantes dos concellos de Ribadeo, Barreiros, San Tirso de Abres, A Veiga, A Pontenova,representantes da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial de Lugo, representantes da asociación Inter Eo e representantes do resto de socios do proxecto: Sindicato Labrego Galego, Fundación EDES, Universidade de Santiago de Compostela, do GDR Terras de Miranda e do CEDER Oscos-Eo.

Tras a boa acollida de dito documento na reunión de onte, os socios do proxecto farán as súas últimas aportacións ao documento, para posteriormente levala aos plenos municipais dos nove concellos participantes -cinco da parte asturiana e catro da parte galega- no proxecto. A partir de aí, comezará o traballo de implementar as medidas contempladas na mesma, que contan cun horizonte temporal de aquí a 2026.

Eo Alimenta representa un proxecto pioneiro a nivel estatal, por ser o único das súas características que reúne a traballar a persoas axentes de dúas comunidades autónomas e comeza a súa fase de implementación nun contexto, atravesado polas crises de subministro e abastecemento xeradas pola invasión de Ucraína, a suba dos prezos dos combustibles os paros do leite, que poñen de manifesto a necesidades de avanzar cara modelos de produción, distribución e consumo de proximidade que poidan resistir as embestidas da economía globalizada.

 



 

 

Ningún comentario: