20220418

Que se fale, aínda que sexa mal

Que se fale, aínda que sexa mal

    A propaganda é así. A mera presenza dun obxecto, a visibilización dun servizo, xa é un anuncio, e como tal, pode rendibilizarse.

    Alédome pola sentencia de xa hai un mes, na que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia reitera que a illa Pancha debe permanecer aberta ó público. Non en vano o grupo Por Nuestro Faro, do que formo parte, levamos defendendo iso mesmo máis dun mandato local, e ben antes de que entrara a formar parte da axenda do concello. E alédame, aínda que o resultado sexa ambivalente co sistema actual, que obvia a supremacía do poder privado sobre o comunitario, e mesmo sobre o que se chama 'público', e cunha sentencia que só o limita nunha parcela do conglomerado de vulneracións arredor da illa Pancha.

    Unha nota: si, a illa Pancha estaba -e está- cerrada ó paso, a non ser que sexa hora de consumo na cafetería (a tempada que abre) ou vaias hospedarte ós apartamentos. Neste último caso, como di a propagandado establecemento, terás unha illa para ti. En caso de que non sexas ese 'ti', quedarás a velas vir e ir. Para enterarse, chegaba con ir por alí se non se fia da propaganda dos apartamentos. Ou ver fotos en internet, coa cancela cerrada, ou coa nota que transcribo: 

/Pero como tenéis tanta cara GETAS que os adueñais de todo

Poner lo que querais, pero dejar el paso abierto. Todos queremos disfrutar de las vistas

Solo nos quereis para pagar impuestos y que tragemos con todo/


    Seguimos.

    Hai propaganda, e nas novas, a actuación seguida no tempo de Por Nuestro Faro, que levou avantaxe á tímida acción institucional, desaparece. Desaparece guiada polas liñas dunha nota de prensa do concello de difusión controlada para impactar: a noticia prodúcese o 22 de marzo, data da sentencia, mentres a difusión atrásase ata o 13 de abril, xusto no comezo da campaña de Semana Santa. Desaparece nunha nota na que se ignora o feito de que o concello sumouse a posteriori e cunha defensa da illa cualificable de parcial; non só por ser defensa de parte, senón por consideración de só parte das circunstancias. Sentencia por certo que só vén corroborar outra anterior.

    Propaganda é dar a nova ós pés da Semana Santa, pero tamén noutros aspectos. Dicir que a porta ten que estar aberta xusto cando abriu a cafetería para a tempada... que é? E propaganda é dar difusión a algo que, un mes despois, segue sen acatarse (e sen facer que se acate).

    Cando escribo isto é Domingo de Pascua, remate da Semana Santa, polo tanto xa con baixo impacto propagandístico. Mañá estará aberto o paso en horario no que a cafetería está cerrada? Estará suspendida a licenza por desacato?

    Mentres, seguirá a haber ocultación de información sobre feitos na illa. Pode funcionar unha foxa séptica nun establecemento hostaleiro así? Verque ó mar? A seguridade dos visitantes, quen a garante, despois de estar contempladas por contrato medidas que non se advirten? Un novo camiño na illa non atenta contra o ser zona de conservación protexida? Por que, se a concesión é dunha parte moi limitada da illa, se anuncia unha illa enteira só para os hóspedes (e é en realidade así, dada a exclusión do resto da xente) como se estivera arrendada toda a illa? Que pasou coa unlla de gato arrancada e literalmente tirada nun montón na baixada á ponte? Por que non se deu difusión en Ribadeo á convocatoria para a concesión? Que informe positivo fixo o concello previo á ratificación ministerial para a posibiidade dun establecemento hostaleiro na illa? Por que non se prestou oídos nin ós informes do Defensor del Pueblo, nin á fiscalía?

    A anterior é só unha mostra de preguntas sen responder...


Ningún comentario: