20220518

SOBRE A UBICACIÓN DO NOVO CENTRO DE SAUDE DE RIBADEO (IV). Evaristo Lombardero

SOBRE A UBICACIÓN DO NOVO CENTRO DE SAUDE DE RIBADEO (IV)

  

        Como xa hai varias semanas que non escribimos sobre este asunto temos que lembrar dous puntos:  

-    1º Se as crónicas non menten, o Concello de Ribadeo e mais a Xunta de Galicia están de acordo en construír un novo centro de saúde en Ribadeo nuns terreos situados enfronte da Estación de Servizo, ou sexa a un quilómetro do centro casco urbano.  

-    2º Ate o día de hoxe non se coñece ningún documento ou proxecto oficial sobre o devandito centro de saúde.  Se existe non se deu a coñecer aos veciños e veciñas nin hai ningunha notificación oficial de que se poda consultar en algunha administración pública.  

        Queremos tratar hoxe un aspecto decisivo da política local que veñen consensuando dende hai moitos anos o PP, o PSOE e o BNG. Refírome á política urbanística e as xestións para a redacción do Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado definitivamente o 25 de Setembro de 2014 polo Pleno Municipal e publicado no DOG o 1 de Decembro do mesmo ano.  

        Mais alá de algunas regueifas e diferencias puntuais os tres grupos municipais estiveron de acordo no seguinte:

1º Permitir que a maioría das rúas de nova creación seguisen o trazado dos antigos camiños e polo tanto a estrutura derivada da propiedade das fincas que se converterían en solares.  

2º Eludir absolutamente a  edificación aberta, con zonas verdes e bulevares para facilitar o máximo aproveitamento especulativo do solo.  

3º Autorizar alturas mastodónticas absolutamente non apropiadas para o uso, a convivencia e a seguridade dos seres humanos.  

4º Evitar a creación de un solo de reserva para equipamentos comunitarios como é o caso do novo centro de saúde.  

5º Aprobar tres convenios urbanísticos no 2012 (con algúns reparos do PSOE) posteriormente incorporados ao PXOM con mínimas contraprestacións para o concello.  

6º e principal: Reducir ao mínimo legal as posibilidades de participación da veciñanza, evitando charlas, debates, vídeos, exposicións ou outras formas de información para facilitar a toma de conciencia social e colectiva que puidese reducir a especulación.  

        Como consecuencia destas políticas agora resulta que hai que levar un servizo público de primeira necesidade, como é un Centro de Saúde de Atención Primaria, a un quilómetro do centro do casco urbano habendo como hai grandes espazos sen edificar no medio e medio da vila que obviamente se reservan para construír macroedificios.  

        Este é o problema e os dirixentes do PP e o BNG están de acordo, mentres os do PSOE aínda non abriron a boca.  

        Pero a cousa non remata aquí. Calquera dos espazos que hai no centro do casco urbano, que poderían servir para construír un centro de saúde podería recalificarse cos correspondentes trámites administrativos se houbese unha decisión política de facelo, e se non se fai non é por ningún impedimento legal, senón porque os señores e señoras concelleiros que poden facelo prefiren mirar para outro lado e facer como que non se enteran.  

        Non me vou estender en outras consideracións porque a cousa é tan evidente que non require mais tempo. É o que hai.  

Evaristo Lombardero Rico, 18/5/2022 
 
--
SOBRE A UBICACIÓN DO NOVO CENTRO DE SAUDE DE RIBADEO: I, II, III, IV, V.

Ningún comentario: