20220503

Voz e voto


Voz e voto

    Na procura do significado da palabra latina vox atópome voz, pero tamén voto. Cádrame. En tempos, unha palabra dada era máis firme que algúns dos escritos de agora, moitas veces considerados como papel mollado. Polo tanto, a voz dada tería un carácter inequívoco de voto, de preferencia ante unha opción que sería certificada pola mera expresión dada, pola palabra.

    Hoxe por hoxe, parece que para ter voz -xa digo, algo que vai antes do voto, como expresión e certificación del- hai que apuntarse a determinadas políticas e/ou formacións políticas. Entón, podes ter difusión mediática, aireada pola prensa ou polos contrincantes, que te dan cancha e propaganda, mesmo sobreactuando. Unha postura que me resulta inconcebible non tanto por ridícula como por incoherente e prexuízo.

    Téñense dado -estanse a dar- moitos casos do que digo no parágrafo anterior, pero sempre chama máis a atención o que toca máis preto, e este artigo ten a súa orixe precisamente nun deses casos próximos. Cando hai uns días a prensa deu saída a unha nota do concello de Ribadeo reafirmando a súa actividade en prol da igualdade, o que se veu non foi a propia actividade do concello en materia de igualdade e o seu rendemento, (actividade que non estimo errada e da que en xeral é pronto para estimar a súa efectividade), senón a causa que deu orixe á nota do concello: segundo parece, as críticas vertidas dende un partido de extrema dereita. E digo segundo parece, porque alguén houbo mergullarse no torrente das redes sociais para chegar a unha nota dese partido, a nivel provincial, da que en Ribadeo nada ou pouco se sabía e na que Ribadeo aparece nada máis que como unha cita entre outras, sen argumentación particular algunha.

    Pero si, o caso é que agora ese partido de extrema dereita xa ten presenza nas novas do concello. Que polo momento os votos que tivera caiban con folganza nunha carteira non impide que o papel adicado neste caso xa non caiba. Algo ben diferente do que ocorre con outros feitos con movemento orixinado no propio termo municipal. Por poñer algúns exemplos, a baixada á praia do cargadoiro, a de orixe natural máis próxima á vila, leva un ano impracticable, foi un feito notificado polos veciños urxindo a súa reparación e enfróntase á campaña de verán sen amaño e sen novas explicativas ou xustificativas do concello. O acceso á illa Pancha, que entre outras reclamacións presentadas ten recibido dúas sentenzas xudiciais, segue restrinxido sen actuación do concello máis aló de dicir que a sentenza é positiva, non dando importancia a que o concello foi levado a xuízo (e non ó revés) e que hai un movemento veciñal ben anterior ó que ben pouco caso se lle fixo. Ou a nova residencia de maiores, levantada a partir da insistencia dos veciños, fonte de múltiples notas de prensa no seu momento e agora relegada á falta de información e seguimento social, a pesar da importancia de ambas para o desenvolvemento a longo prazo dun servizo deste tipo.

    A voz vai antes que o voto. Para emitir o voto, fai falta voz; en caso contrario, non se ten confianza de que valla para algo. De aí a que a participación se encauce cara a extremismos antidemocráticos vai un paso.

Ningún comentario: