20220208

Das Tanxugueiras a Alcoa, pasando por Galicia

Imaxe da NASA: zona do globo oposta a norteamérica.

Das Tanxugueiras a Alcoa, pasando por Galicia

    Gústame a música. Non vin as actuacións do festival de Benidorm en directo. Sí estiven ó tanto -máis ou menos– da polémica posterior. E si, estou posicionado. Pero coido que o ‘posicionamento particular de cada quen’ está moi atrás das circunstancias, e non só pola necesidade de participación conxunta.

    Lembrará o lector unha referencia ó imperio español no sentido de que ‘esteamos preparados para que a próxima vez que o Sol pase por riba das nosas testas, poidamos aproveitalo’? Eu lembro o sentido, pero non as verbas concretas, o que me impide atopar a cita exacta, por quen e cando foi feita. Ben, a idea da frase é que as sociedades e as súas manifestacións organizativas, como poden ser os estados, rematan tendo oportunidades sucesivas de éxito. Oportunidades que, estando preparados –poñendo traballo previo, procurando coñecemento, información, disciplina...- poden aproveitar para obter un bo rendemento. No caso do imperio, pois a nivel imperial, claro!

    Volvendo ás Tanxugueiras, parece que o tiñan ‘todo’ da súa parte, que estaban preparadas. Mais a cousa non resultou. Por? Non sei se de xeito inocente ou consciente, foron meterse na boca do lobo, alimentar entidades con ánimo de lucro que se lucraron con elas de paso que as aproveitaban doutros xeitos. Por exemplo, propaganda. Porque anda que non deu lugar a propaganda (para as Tanxugueiras, pero tamén para as contrincantes) que sacaran case vinte veces máis votos do público que a ganadora, mentres o xurado as deixaba nun recuncho. Do desenvolvemento da polémica, os chamamentos á calma, etc, esqueceríame: é algo así como as árbores que non deixan ver o bosque de Tagore. É o sistema o que levou á polémica, ó pago por voto ou á elección de Chanel. E non, para iso non estaban preparadas nin elas, nin os votantes, polo que agora queda o recurso ó pataleo contra unhas normas postas por entidades que non son controladas publicamente (non, tampouco o ‘chiringuito’ RTVE). Non digo que coa protesta posterior non se resolva nada, aínda que o dubido. Nin que sexa doado facer o control do sistema, pero onde non hai control, hai... descontrol. Descontrol dende o punto de vista de quen non exerce control, claro. Se hai alguén que controla, pon as normas, por moi arbitrarias ou pouco democráticas que sexan, e fai que se cumpran. Para ese alguén, hai control. Está claro?

    E Alcoa, que ten que ver con isto? Alcoa é o último nome de referencia da fábrica de Alúmina-Aluminio de S. Cibrao, na Mariña. O último nome, que corresponde a unha empresa multinacional privada con sede na outra beira do Atlántico. É dicir, algo sobre o que non temos control. E iso, despois de nacer pública, que debera ser equivalente a ‘de todos’ e polo tanto, ‘controlada por todos’. Repito, debera. O caso é que a traxectoria pasou dun relativo ‘control’ a través das institucións públicas que deben ser a cabeza e as mans da xente, a un total descontrol no que queda o pataleo, a ‘loita’, dende a situación da balsa de lodos e o seu futuro ó apagado das cubas e o futuro dos postos de traballo. Aquí tamén, a ‘votación popular’ tomou partido, pero o ‘gran xurado’ tomou a decisión. Non, non o mercado ou o prezo subvencionado da electricidade –aínda que todo conta-, que escusas é doado poñelas, mesmo aproveitando situacións conxunturais, para centrar o debate onde interesa a quen pon as normas, remachar cravos ou esquecer os intereses de todos. Non fai falta nin que sexan cribles, senón só que se estea en situación de poder poñelas. No medio, moitos anos de bonanza que puideron aproveitarse para facer que agora foran algo máis ca unha simple lembranza. Moitos anos nos que se puido diversificar, crear industria de desenvolvemento de produto, procurar solucións ás debilidades percibidas, ou lembrar tamén que, a máis de Alcoa, outros sectores estaban en peor situación e tamén había que apoialos, desenvolvelos...

    No medio do título, aínda que pareza desprazada, Galicia. A situación de Galicia ten abondos máis exemplos equiparables ós dous citados. E, co conxunto deles, problemas derivados ou relacionados: na rede de comunicacións ou no despoboamento rural ou na emigración da xente nova ou na perda de identidade e de lingua, ou noutros máis. Por certo, un inciso: parece que a identidade e a lingua non pintarían nada no medio do resto do discurso económico ou social, pero si contan. E moito. Non só por ser a lingua un activo intanxible, senón porque para poder prepararse ou facer cousas hai que ser alguén, e ata o de agora, a lingua é parte fundamental da nosa identidade, esa que constrúe o noso ‘alguén’. Volvamos ó tema. Unha imaxe: mentres poñamos apósitos en troques de curar a enfermidade e levar unha vida saudable para prever futuras recaídas, pouco máis poderemos facer que laiarnos e como moito, confiar en solucións caídas do ceo, a modo de agasallo. Confiar nos demais? Si. Chuparse o dedo, non.

    Mentres, seguiremos a ocuparnos do que pasa en Madrid, ou Barcelona, ou Benidorm. Do que pasa en Washington xa se ocupan en Madrid ou Bruxelas.

Ningún comentario: