20220217

DIA DOS HUMEDAIS EN RIBADEO. Evaristo Lombardero Rico

DIA DOS HUMEDAIS EN RIBADEO

    O pasado día 2 de febrero celebrouse a 52 edición do día Mundíal dos Humedais, que a nivel local repetiu a liturxia tradicional ca consabida observación de aves. Un lixeiro contraste con edicións anteriores marcouno o mínimo protagonismo das autoridades municipais, que nesta ocasión prescindiron de pousar con tan fotoxénico recurso. Polo demais os discursos festivos deron a consabida imaxe parcial, chamemoslle edénica ou preciosista da Ría de Ribadeo que non existe mais que nos relatorios académicos ou nos anaqueles das bibliotecas, pero non garda a mínima relación ca realidade. Como en anos anteriores, so se asiste á contemplación pasiva das aves pero non existen verquidos, nin recheos, nin proxectos de mais recheos, nin cambios nas correntes, nin na sedimentación, nin nos fondos dos tesóns e das canles, nin houbo obras nin pontes nin portos, nin ferragachos, nin centos de esperpénticos vehículos, nin autovías, nin ampliacións ilegais sen Estudos de Impacto, nin outras ampliacións que incumpliron flagrantemente o Estudo de Impacto, nin están prácticamente extinguida ducias de especies animais etc. etc. Pero non hai que preocuparse porque a ría está protexida polo Convenio Ramsar, a Rede Natura 2000, a Reserva da Biosfera, etc. etc. Como ten declarado repetidamente o Sr. Alcalde Ribadeo, por poñer un exemplo, no caso dos apartamentos e cafetería da Illa Pancha solicitáronse todos os informes sectoriais preceptivos e todos foron favorabeis, aínda que despois saíra o Defensor del Pueblo en plan incordiante para documentar a ilegalidade do proxecto, da súa tramitación e do incumprimento de normativa vixente na Rede Natura 2000. En fin, a lei existe pero non se cumpre e a ría está protexida, pero só no papel.

    Cecais vaia a pena lembrar que a visión fotoxénica da Ría de Ribadeo ten un precedente políticamente significativo no libro editado no 2009 conxuntamente polos concellos de Castropol e Ribadeo co título “A RIA DE RIBADEO. Natureza entre dúas augas” en versión galega e “LA RIA DEL EO. Naturaleza entre dos aguas” en versión castelá. Este libriño, editado con todo luxo en papel couché ten máis de 260 páxinas e 400 fotografías da mellor calidade, pero a lectura do seu texto dá unha versión de “copia e pega” tomada de outros tempos que garda moi escasa relación ca realidade actual e a do ano da sua edición, como dixemos o 2009. O libriño en cuestión non menciona ou só fai algunha alusión de pasada aos enormes cambios na sedimentación, cas modificacións de canles, perdas de calado e crecemento dos tesón; na bioloxía, ca práctica desaparición de diferentes variedades de peixes, moluscos, crustáceos ou algas ou a aparición de especies alóctonas colonizadoras, todas elas precedidas por obras e actividades humanas que tampouco se expoñen no documento. Convén suliñar que o libro en cuestión iba destindo aos colexios e no caso concreto de Ribadeo foi entregado polo Sr. Alcalde o día 19 de maio de 2009 aos directores dos mesmos nas escaleiras do concello, foto incluída.

    Asi pois debemos denunciar, máis unha vez, que con estes agasallos do día dos humedias, no caso concreto de Ribadeo, estase engañando aos escolantes, estáselles dando una versión deformada e manipulada da realidade actual da ría, estase agochando todo o proceso de deterioro e degradación e o seu verdadeiro estado actual e a omisión sistemática das normas de protección e concretamente da redacción dun Plan de Protección que xa esixía hai máis de 30 anos a lei 4/89 de Conservacion dos Espazos Naturais e da Fauna e Flora Silvestre. En fin, remataremos suliñando que todo esto non sucede por casualidade. Os intereses económicos, personais e políticos de particulares prevalecen sobre o interese xeral de conservación da natureza e dos recursos que poderían beneficiar a centos ou miles de persoas e determindas festas e celebracións cumpren a función social de embelecer a realidade para que todo siga igual.

Evaristo Lombardero Rico

Ningún comentario: