20190419

Semana Santa?

A Semana Santa é un patrimonio relixioso. Si? Coido que era. O nome, o empaque de actuación, segue séndoo, pero hoxe por hoxe, quen se atreve a afirmar que a superficie -ou o fondo- das actuacións que teñen lugar por toda España esta semana son de tipo relixioso? Só as persoas que confundan (pódese cambiar a palabra se alguén se sinte ofendido por 'asimile' ou outras semellantes) relixión con actuación.
A molestia dos pasos á beira das terrazas é só medio tolerada pola xente que as ocupa como o motivo que desaloxa o tempo para poder estar nelas. Os chiringuitos nas rúas fan menos contraste que as procesións, toléranse moito mellor, a non ser que as procesións sexan desas que 'hai que ver e fotografar' como actuación e arte... e en Ribadeo non hai moito diso.
Nestas datas sinaladas, os gobernantes xa non van baixo palio, senón a deixarse ver nun espazo público que fai máis visible a súa cara, e iso xa sabemos que é fundamental na suma de votos: unha cara coñecida e recoñecida como tal. Que lles pode quitar votos por significar unha relación igrexa-estado (ou administración)? Na mercadotecnia electoral xa saben que o peso dun valor e o outro non é o mesmo, e compensa.
Mentres, os pícaros teñen festa para eles no parque, que para iso están de visita (ben, si, tamén poden sumarse os do pobo, claro!) e xa se poden ir habituando ó sistema festeiro da Semana Santa, entre 70 e 95 dB ó recorrer o parque o mércores, cheo de cativos concentrados xogando monitoreados baixo a música 'ambiental'. Por certo, intensidade sonora equivalente á dunha moto ou un coche acelerando polo outro carril da estrada... cos nenos sorprendentemente pouco alborotadores.
O gráfico de son ó recorrer o parque, achegándose ós 100 dB nalgún punto.
Vixiantes do tempo, as procesións necesitan de bó tempo, que se chove, 'os santos' móllanse, e a xente, tamén, e iso estropea a actuación. Claro que, se non estaban previstas polas previsións meteorolóxicas que se fan públicas, en certa medida pode ser benerficioso para o consumo, que a xente ten que meterse nalgures.
E cando remate? A valoración será se houbo moitas prazas hostaleiras cheas, se se vendeu moito... na Semana Santa, que hai que poñer con maiúsculas, porque ten nome propio. Por certo, este ano, coa previsión de cheo, é de prever que a valoración será positiva.

Ningún comentario: